Dólar de ouro da Exposición de Lewis e Clark

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras moedas dun dólar relacionadas coa expedición de Lewis e Clark, véxase Dólar de prata do bicentenario de Lewis e Clark e Dólar Sacagawea
Dólar de ouro da Exposición de Lewis e Clark [1][2]
A/: Busto de Meriwether Lewiscara á esquerda. Data no exergo.

Lenda LEWIS-CLARK EXPOSITION PORTLAND ORE.

R/: Busto de William Clark cara á esquerda. Valor facial no exergo.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA

O dólar de ouro da Exposición de Lewis e Clark é unha moeda conmemorativa emitida en 1904 e en 1905 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos como parte da participación do Goberno dese país na exposición sobre o centenario da expedición de Lewis e Clark, celebrada en Portland, Oregón en 1905.

Esta moeda, deseñada polo gravador xefe da US Mint, Charles E. Barber, e cuñada na Ceca de Filadelfia, caracterízase pola figura de Meriwether Lewis como motivo central do seu anverso e a de William Clark no seu reverso.

Perseguíase con esta emisión a recadación de fondos para a organización da Exposición de Lewis e Clark en Oregón, mediante a venda das moedas aos coleccionistas e visitantes cunha prima sobre o seu valor facial. Da súa comercialización encargouse o promotor numismático Farran Zerbe, que xa exercera o mesmo labor co dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana en 1903. Ao non poder venderse toda a emisión, máis da metade da súa tiraxe acabou sendo refundida na Casa da Moeda de Filadelfia.

A moeda dun dólar de ouro da Exposición de Lewis e Clark ten a particularidade de ser a única moeda estadounidense que amosa o retrato dunha persoa real tanto no seu anverso como no seu reverso.[3]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Expedición de Lewis e Clark.

A compra da Luisiana en 1803 duplicou a superficie dos Estados Unidos de América. Para coñecer os novos territorios adquiridos, o presidente Thomas Jefferson acadou unha asignación económica do Congreso para levar a cabo unha expedición exploratoria e nomeou o seu secretario privado, Meriwether Lewis, para a encabezar. Lewis, capitán do exército dos Estados Unidos, escolleu para comandar a expedición a William Clark, que fora tenente do exército e era irmán máis novo do heroe da guerra de independencia George Rogers Clark. Lewis e Clark, que xa serviran xuntos anteriormente, recrutaron unha trintena de homes para que os acompañasen e a expedición partiu das proximidades de San Luís o 14 de maio de 1804.[4]

Selo do 150 aniversario da expedición de Lewis e Clark, coa imaxe de ambos os exploradores na compaña de Sacagawea.

Na súa viaxe ao longo do río Missouri, Lewis e Clark coñeceron a Sacagawea, unha muller da tribo Shoshone, irmá dun xefe indio e casada cun trampeiro franco-canadense, que non só serviu como tradutora da expedición, senón que foi fundamental para convencer as tribos hostís de que a expedición de Lewis e Clark non tiña unha finalidade guerreira, o que facilitou a colaboración destes pobos.[5][6]

A exitosa expedición retornou a San Luís en setembro de 1806 e no seu transcurso só morreu un dos seus membros.[5] Ademais do coñecemento dos territorios adquiridos polos Estados Unidos, establecéronse relacións de amizade con algúns dos pobos nativos e fixeron aumentar o interese público polo Oeste, a partir das publicacións nos xornais sobre a expedición.[7]

Como mostra de gratitude polos servizos prestados á nación, o Congreso outorgoulles a Lewis e Clark concesións sobre terras e nomeounos para diversos cargos gobernamentais no Oeste.[8]

Inicio[editar | editar a fonte]

Xa a partir de 1895, diversos persoeiros de Oregón comezaron a propor honrar o centenario da expedición de Lewis e Clark cunha feira ou unha grande exposición, que se debía celebrar en Portland, unha cidade situada dentro da ruta seguida na expedición. En 1900, un comité constituído por empresarios de Portland comezou a planificar o evento e lanzouse unha existosa emisión de accións a finais dese mesmo ano, para conseguir parte dos fondos necesarios. As primeiras construcións da Exposición comezaron en 1903, ao tempo que se iniciaba unha intensa campaña para acadar o apoio federal, que culminou cando o presidente Theodore Roosevelt asinou, o 13 de abril de 1904, unha lei pola que se asignaban 500.000 dólares para a organización da exposición.[9]

Esta lei autorizaba, tamén, a emisión dunha moeda conmemorativa de ouro, cuxo deseño e texto se deixaba á discreción do secretario do Tesouro. O comité organizador era o único autorizado para a adquisición destas moedas, ao seu valor facial, para logo as vender cunha prima e así recadar fondos para a exposición. A cantidade autorizada pola lei fixábase nun máximo de 250.000 exemplares.[10]

O numismático Farran Zerbe fora un dos promotores desta emisión. Zerbe non só era un coleccionista de moedas, senón que promovía a afección pola numismática polo país a través da súa exposición itinerante Money of the World ("Moedas do Mundo"), e chegou a presidir a American Numismatic Association.[11] As autoridades encargadas da Exposición encargáronlle a Zerbe a comercialización dos dólares de ouro, coñecedores de que xa levara a cabo este labor en diversas ocasións, a partir do medio dólar conmemorativo a Exposición Colombina de 1892.[12][6]

Os detalles da preparación do dólar conmemorativo da exposición de Lewis e Clark perdéronse debido, en parte, a que a Casa da Moeda de Filadelfia destruíu moitos dos seus rexistros na década de 1960.[13] O gravador xefe da Casa da Moeda, Charles E. Barber, foi o responsable do seu deseño.[14]

Deseño[editar | editar a fonte]

Retratos de Meriwether Lewis (esquerda) e de William Clark (dereita), por C. W. Peale.

Os historiadores numismáticos Don Taxay e Q. David Bowers suxiren que é probable que Barber se basease nos retratos de Lewis e de Clark realizados polo pintor estadounidense Charles Willson Peale, que se atopan no Independence Hall de Filadelfia.[8][13]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu traballo dedicado á moeda estadounidense, admitiu que a moitas persoas lles gustaba o dólar de ouro da exposición de Lewis e Clark, por representar figuras históricas salientables no curso da historia estadounidense, en lugar dunha representación personificada da Liberdade, como noutras ocasións. No entanto, Vermeule desaprobou o deseño da moeda, do mesmo xeito que o anterior dólar de ouro conmemorativo emitido pola US Mint, dedicado á Exposición da Compra de Luisiana. En palabras do propio Vermeule: "a falta de chispa destas dúas moedas, do mesmo xeito que noutros deseños de Barber ou do seu gravador axudante Morgan, débese a que as caras, o pelo e os panos son planos, e as letras son pequenas, apiñadas e uniformes". Para el, cando estes dous gravadores colaboraban nun deseño, como foi o caso do dólar de ouro conmemorativo do lugar de nacemento de McKinley en 1916, "os resultados eran case opresivos".[15]

Produción[editar | editar a fonte]

O numismático Farran Zerbe cara a 1908.

En setembro de 1904, a Casa da Moeda de Filadelfia cuñou 25.000 exemplares do dólar de ouro conmemorativo da Exposición de Lewis e Clark, mais outras 28 pezas que estaban destinadas á súa inspección pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, na súa reunión de 1905. Estas moedas levan gravada a data de 1904.[16] En marzo de 1905, Zerbe solicitou a cuñaxe de 10.000 exemplares máis, que deberían amosar a data da súa cuñaxe, é dicir, 1905. En maio e en xuño nese ano, a Ceca de Filadelfia levou a cabo a cuñaxe de 35.000 novas pezas, datadas ese ano, por se Zerbe decidía adquirir máis das solicitadas, adiantándose polo feito de que a ceca pechaba no verán; mais, como esta petición extraordinaria non chegou a producirse, as 25.000 sobrantes acabaron sendo refundidas e convertidas en lingotes na Casa da Moeda.[17][18]

O dólar da Exposición de Lewis e Clark, foi a primeira moeda de ouro conmemorativa estadounidense que se cuñou e se datou en máis dun ano.[16] Cuñouse un total de 60.069 pezas —incluídas as destinadas ao ensaio— nos dous anos de emisión, das que posteriormente se refundiron 40.003.[19]

Para os numismáticos Jim Hunt e Jim Wells, no seu artigo de 2004 sobre esta moeda, "o escaso acollemento que tivo esta moeda no momento da súa emisión na práctica supuxo unha garantía da súa rareza para as xeracións futuras".[20]

Distribución e coleccionismo[editar | editar a fonte]

Pavillón de Farran Zerbe (Money of the World) na Exposición de Lewis e Clark de 1905.[21]

O 1 de xuño de 1905 inaugurouse en Portland a Exposición do Centenario da Expedición de Lewis e Clark, que non acadou a consideración de "exposición universal", o que lle restou publicidade e coñecemento, mesmo dentro dos propios Estados Unidos, aínda que 16 países aceptaron a invitación a participar montando os seus propios pavillóns. Con todo, visitaron a feira arredor de dous millóns e medio de persoas, desde o día da súa inauguración ata a súa clausura o 14 de outubro do mesmo ano.[8] Pódese considerar que a súa celebración supuxo un éxito, xa que foi unha das poucas do seu tipo que xerou beneficios, ademais de contribuír á consolidación dun aumento da poboación e da economía de Portland entre 1905 e 1912.[9]

Os fondos acadados coa venda do dólar de ouro conmemorativo foron destinados á erección dunha estatua na honra de Sacagawea nun parque de Portland.[18]

Na prensa numismática do momento, a moeda dun dólar conmemorativo da Exposición non gozou de moita repercusión. Q. David Bowers suxire que George F. Heath, o editor do xornal The Numismatist, da Asociación Numismática dos Estados Unidos, que se opuña a este tipo de emisións conmemorativas, se negou a publicar calquera comunicado ou artigo de Zerbe relacionado co dólar.[19] Non obstante, no número de agosto de 1905 apareceu un artigo que promocionaba a exposición e tamén a moeda, laudatorio do labor de Zerbe e atribuído a el, malia figurar como anónimo.[22]

Publicidade (enganosa) da compañía D. M. Averill sobre os dólares de Lewis e Clark, na que se aseguraba que estaban "case esgotados".[23]

Zerbe concentrou os seus esforzos nas vendas por xunto a outros comerciantes numismáticos, ademais das que se realizaban na propia Exposición aos visitantes por un prezo de dous dólares. Tamén había algúns bancos e outros negocios que vendían as moedas directamente ao público. Zerbe Contratou o comerciante de Portland D.M. Averill & Company para que se encargase das vendas por correo polo miúdo. Averill publicou anuncios na prensa numismática e, a principios de 1905, subiu os prezos das pezas datadas en 1904, advertindo falsamente que estaban xa case esgotadas. A realidade era ben distinta: os dólares de 1904 vendéranse tan mal que finalmente se devolveron para seren refundidas na Ceca de San Francisco 10.000 pezas non vendidas.[19] Zerbe fixo que Averill vendese a emisión de 1905 a un prezo reducido de 10 dólares o conxunto de seis pezas. Igual que fixo co dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana, Zorbe puxo ao dispor do público as pezas montadas en culleres e en diferentes xoias, para favorecer a súa venda.[19]

Estatua de Sacagawea (1905) no parque Washington, de Protland, financiada coa venda do dólar de ouro da Exposición de Lewis e Clark.

Os dólares de Lewis e Clark non gozaron de popularidade entre os coleccionistas, que estaban a comprobar, ademais, que os conmemorativos da compra de Luisiana estaban a perder valor desde o seu lanzamento.[19] Así e todo, os dólares de Lewis e Clark non chegaron a baixar con respecto ao seu prezo de emisión, senón que tiveron un ascenso progresivo. Malia ser lixeiramente superior a tiraxe rexistrada da cuñaxe de 1905, os seus prezos no mercado numismático comezaron a ser máis elevados que os de 1904 a partir da década de 1960.[24] A edición de 2014 do catálogo de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins (coñecido como o Red Book) achega un prezo para os exemplares de 1904 de entre 900 e 10.000 dólares, en función do seu estado de conservación, e para os de 1905 de entre 1.200 e 15.000 dólares.[14] Un espécime de 1904 cun acabamento perfecto e un estado de conservación inmellorable vendeuse nunha poxa pública en 2006 por 57.500 dólares.[3]

Malia o relativo fracaso da emisión do dólar de ouro da Exposición de Lewis e Clark, a venda das moedas serviu para o financiamento da erección unha estatua de Sacalawea nun parte de Portland.[14] En 2000, Sacagawea uniuse a Lewis e Clark para aparecer unha nova moeda de ouro, de carácter circulante, da serie do dólar Sacagawea, na que ela se representa xunto co seu fillo.[25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "1 Dollar Lewis and Clark". Numista.com
  2. "Lewis and Clark Exposition Gold Dollar". United States Mint.
  3. 3,0 3,1 Flynn, K. (2008). Páxina 208.
  4. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 25-26.
  5. 5,0 5,1 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 26.
  6. 6,0 6,1 Flynn, K. (2008). Páxina 206.
  7. Flynn, K. (2008). Páxina 207.
  8. 8,0 8,1 8,2 Bowers, Q. D. (1992). Páxina 610.
  9. 9,0 9,1 "Records, 1894-1933". Archives West. Orbis Cascade Aliance.
  10. Flynn, K. (2008). Páxina 348.
  11. "ANA Presidents 1891 to the Present". American Numismatic Association.
  12. Hunt, J.; Wells, J. (2004). Páxinas 41-42.
  13. 13,0 13,1 Taxay, D. (1967). Páxina 22.
  14. 14,0 14,1 14,2 Yeoman, R. S. (2013). Páxina 286.
  15. Vermeule, C. (1971). Páxina 105.
  16. 16,0 16,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 78.
  17. Swiatek, A. (2012). Páxina 77.
  18. 18,0 18,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 134.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 Bowers, Q. D. (1992). Páxina 611.
  20. Hunt, J.; Wells, J. (2004). Páxina 42.
  21. The Numismatist. American Numismatic Association. Agosto de 1905. Páxina 239.
  22. Zerbe, F. (1905). Páxinas 239-241.
  23. The Numismatist. American Numismatic Association. Abril de 1905. Páxina 130.
  24. Bowers, Q. D. (1992). Páxinas 612-614.
  25. Yeoman, R. S. (2013). Páxina 234.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]