Aneis de Urano
Os aneis de Urano configuran un sistema de aneis de complexidade media que se pode situar a medio camiño entre sistemas máis extensos –coma os aneis de Saturno– e máis sinxelos –coma os de Xúpiter e os de Neptuno. Os aneis de Urano foron descubertos o 10 de marzo de 1977 por James L. Elliot, Edward W. Dunham e Douglas J. Mink. Hai máis de 200 anos, William Herschel tamén anunciara que vira aneis, pero os astrónomos modernos son escépticos que os puidese ter visto, xa que son moi escuros e tenues. A sonda Voyager 2 descubriu dous aneis máis en 1986, e es descubriron dous aneis exteriores mediante fotografías do Telescopio espacial Hubble entre o 2003 e o 2005.
O sistema de aneis de Urano está formado por 13 aneis diferentes. En orde crecente de distancia respecto do planeta desígnanse 1986U2R/ζ, 6, 5, 4, α, β, η, γ, δ, λ, ε, ν e μ. Os seus raios varían entre 38 000 km (anel 1986U2R/ζ) e 98 000 km (anel μ). Poderían existir bandas tenues de po e arcos incompletos entre os aneis principais. Os aneis son moi escuros -de feito, o albedo de Bond das partículas dos aneis non supera o 2%-. Probablemente están compostos de xeo de auga e algúns compostos orgánicos procesados pola radiación.
A maioría dos aneis de Urano son opacos e de poucos quilómetros de ancho. O sistema de aneis contén, en xeral, pouco po; consiste principalmente de grandes corpos cun diámetro de entre 0,2 e 20 m. Ademais, algúns aneis son ópticamente delgados: os amplos e tenues aneis 1986U2R/ζ, μ e ν están feitos de pequenas partículas de po, mentres que o anel estreito e tenue λ tamén contén corpos meirandes. A relativa falla de po no sistema de aneis é por mor da resistencia aerodinámica da parte externa da exosfera uraniana: a coroa.
Crese que os aneis de Urano son relativamente novos: non teñen máis de 600 millóns de anos. O sistema de aneis de Urano orixinouse probablemente a partir dos anacos resultantes das colisións de antigos satélites que tiña o planeta. Despois de colidir, probablemente os satélites se separaron en diversas partículas, que sobreviviron como aneis estreitos e opticamente densos só en zonas estritamente confinadas de estabilidade máxima.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aneis de Urano |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Aneis de Urano no Solar System Exploration da NASA
- Uranus Rings Fact Sheet
- Hubble Discovers Giant Rings and New Moons Encircling Uranus – Hubble Space Telescope news release (22 de decembro de 2005)