Stardust

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Stardust / Stardust/NExT
Stardust - Concepcao artistica.jpg
Stardust
Tipo Científico
Organización NASA
Destino actual Fora de servizo en órbita heliocéntrica.[1]
Data de lanzamento 7 de febreiro de 1999, 21:04 GMT[1][2][3][4]
Foguete portador Delta 7426[3][5]
Sitio de lanzamento Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral[3][6]
Obxectivo da misión Recolección de partículas cometarias e interestelares e traelas á Terra.[3][6]
NSSDC ID 1999-003A
Masa 300 kg[3]
Potencia 330 vatios[3]

Stardust, máis tarde rebautizada como Stardust/NExT, foi unha sonda espacial pertencente ao programa Discovery da NASA lanzada o 7 de febreiro de 1999 mediante un foguete Delta 7426 desde o Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral para estudar a composición dos cometas e das partículas de po interestelares.[2][3][5][6]

Características[editar | editar a fonte]

Stardust foi unha misión de clase Discovery co obxectivo principal de sobrevoar o cometa 81P/Wild (tamén coñecido como Wild 2) e recoller partículas da súa coma mediante un panel de aeroxel e devolvelas á Terra para a súa análise. O seu obxectivo secundario era recoller partículas de po interestelar, tamén mediante o panel de aeroxel, para ser analizadas en terra. A sonda tamén fotografiou Wild 2 durante o seu sobrevoo, analizou a súa coma in situ e sobrevoou o asteroide 5535 Annefrank.[3][5][6]

Despois de cumprir os seus obxectivos principais a misión de Stardust extendeuse na misión que se pasou a chamar NExT (New Exploration of Tempel 1), adicada a sobrevoar o cometa Tempel 1 o 14 de febreiro de 2011. Tempel 1 fora previamente o obxectivo da misión Deep Impact, que soltou un impactador que chocou contra a superficie do cometa co fin de observar o seu comportamento e estudar o material volatilizado. Coa misión NExT tívose a oportunidade de revisitar o cometa para estudar os posibles cambios no cráter de impacto que deixou a anterior misión.[3][5][6]

A sonda[editar | editar a fonte]

O corpo principal de Stardust ten forma de caixa de 1,6 x 0,66 x 0,66 m cunha antena de alta ganancia con forma de prato de 0,6 m de diámetro nun dos lados. A masa total da nave, incluídos propelentes e cápsula de retorno de mostras, era de 385 kg. A enerxía eléctrica era proporcionada por dous paneis solares de 4,8 m de longo situados en extremos opostos do corpo principal e que xeneraban entre 170 e 800 W de potencia segundo a distancia ao Sol. Durante o encontro con Wild 2 xeneraban 330 W. A cápsula para as mostras iba acaroada no extremo traseiro de Stardust, tiña forma de cono de 0,8 m de diámetro e 0,5 m de alto e unha masa de 46 kg. O panel de aeroxel para a toma de mostras podíase estender e retraer fora e dentro da cápsula segundo se necesitaran recoller mostras ou non. A parte frontal de Stardust iba protexida por un escudo contra po para os momentos de maior aproximación a Wild 2, contando ademais con sensores para detectar impactos. Dous escudos máis pequenos protexían os paneis solares.[3][5][6]

Como instrumentos levaba unha cámara, un monitor de fluxo de po e un espectrómetro e analizador de partículas. A propulsión corría a cargo dun sistema monopropelente mediante hidracina, con oito propulsores de actitude de 4,4 N de pulo e oito de 0,9 N. O coñecemento da actitude da nave era proporcionada por unha cámara estelar e unha unidade de referencia inercial. As comunicacións tiñan lugar en banda X mediante as antenas de baixa, media e alta ganancia.[3][5][6]

Recolección de mostras[editar | editar a fonte]

Trazos de partículas capturadas no aeroxel de Stardust.

O aeroxel usado para recoller as mostras é un material baseado en sílice de densidade extremadamente baixa (0,02 g/cm3), microporoso e ideal para frear partículas de po impactando a alta velocidade modificando minimamente as súas propiedades físicas e químicas. O aeroxel tiña forma de disco soportado por células de aluminio nunha estrutura que podía saír e entrar da cápsula de retorno. Expoñíase ao espazo para recoller mostras de po e retraíase nos períodos nos que non era necesario. Un dos lados, de 3 cm de grosor, usouse para recoller mostras cometarias, mentres que o oposto, de 1 cm de grosor, usouse para capturar partículas interestelares. Ao final da misión principal o aeroxel foi selado dentro da cápsula de retorno, que foi liberada por Stardust ao seu paso pola Terra e reentrou na atmosfera para posteriormente ser recuperada co axuda dun GPS interno e unha baliza en banda S.[3][5][6]

Perfil da misión[editar | editar a fonte]

Wild 2 fotografiado por Stardust.

Despois de ser lanzada o 7 de febreiro de 1999, a sonda fixo un sobrevoo da Terra o 15 de xaneiro de 2001 a 6008 km de altura para modificar a súa órbita para o encontro con Wild 2. De camiño, o 2 de novembro de 2002, Stardust sobrevoou e fotografiou o asteroide 5535 Annefrank a unha distancia de 3300 km e unha velocidade relativa de 7 km/s. Finalmente a nave sobrevoou Wild 2 o 31 de decembro de 2003 a uns 250 km de distancia do núcleo do cometa e unha velocidade relativa de 6,1 km/s, tomando 72 fotos. Seis horas despois do sobreoo o panel de mostras foi selado dentro da cápsula de retorno. O 15 de xaneiro de 2006 ás 5:57 UTC, xa cerca da Terra de novo, Stardust soltou a cápsula coas mostras, que reentrou na atmosfera catro horas despois. A cápsula aterrou ás 10:10 UTC no deserto de Utah. Foi recuperada e levada aos laboratorios adecuados para recuperar as mostras. Mentres, Stardust modificou lixeramente a súa traxectoria para non impactar coa Terra e foi posta en hibernación á espera dunha posible misión estendida, que foi aprobada máis tarde. A misión NExT implicou sobrevoar o cometa Tempel 1 o 15 de febreiro de 2011 a unha distancia mínima de 181 km e fotografiar o cráter producido pola misión Deep Impact seis anos antes. Despois desta última misión a sonda foi apagada definitivamente o 25 de marzo de 2011.[3][5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "STARDUST" (en inglés). Consultado o 15 de decembro de 2017. 
  2. 2,0 2,1 "Note verbale dated 17 June 1999 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (99-86422(E)). 21 de xullo de 1999: 7. Consultado o 15 de decembro de 2017. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 NASA (21 de marzo de 2017). "Stardust/NExT" (en inglés). Consultado o 15 de decembro de 2017. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Stardust" (en inglés). Consultado o 15 de decembro de 2017. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Stardust (Discovery 4) / NExT" (en inglés). Consultado o 15 de decembro de 2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Mark Wade (2011). "Stardust" (en inglés). Consultado o 15 de decembro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]