Netilmicina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Netilmicina.
Nome IUPAC: (2R,3R,4R,5R)-​2-​{[(1S,2S,3R,4S,6R)-​4-​amino-​3-​{[(2S,3R)-​3-​amino-​6-​(aminometil)-​3,4-​dihidro-2H-​piran-​2-​il]oxi}-​6-​(etilamino)-​2-​hidroxiciclohexil]oxi}-​5-​metil-​4-​(metilamino)oxano-​3,5-diol.

A netilmicina é un antibiótico de amplo espectro que pertence á familia dos aminoglicósidos, utilizado xeralmente en forma de sulfato de netilmicina. É un antibiótico semisintético derivado da sisomicina, a cal é producida pola bacteria Micromonospora inyoensis, polo que a netilmicina se pode denominar tamén 1-N-etil-sisomicina [1].

Actúa uníndose á subunidade de 30 S do ribosoma e ao ARNr 16S, o que interfire coa formación do complexo de iniciación co ARNm e impide a síntese correcta das proteínas[2].

Este fármaco non se absorbe polo tracto dixestivo, polo que se administra en forma de infusión ou inxectable.

A netilmicina é activa contra moitos bacilos gramnegativos que son resistentes á xentamicina, aínda que é menos activa contra a Pseudomonas aeruginosa do que a tobramicina.

Indicacións[editar | editar a fonte]

A netilmicina está indicada en casos de infección urinaria ou infección sistémica potencialmente mortal, especialmente as causadas por organismos resistentes á xentamicina, e en pacientes cunha función renal normal. Normalmente indícanse de 4 a 6 mg/kg por día repartidos en tres doses iguais cada 8 horas ou en dúas doses cada 12 horas. En infeccións potencialmente fatais e graves, pode chegarse ata 7,5 mg/kg cada día pero se debe reducir a 6 mg/kg/día tan axiña como estea clinicamente indicado, polo xeral dentro das primeiras 48 horas.

Efectos adversos[editar | editar a fonte]

En doentes con insuficiencia renal, ou deshidratados ou cando se administra en doses superiores ás recomendadas ou por un tempo moi prolongado, poden aparecer, ototoxicidade,[3] nefrotoxicidade ou neurotoxicidade, xeralmente reversibles ao suspender o tratamento. A administración conxunta de furosemida, ácido etacrínico ou o uso previo doutros aminoglicósidos son factores de risco para a ototoxicidade. A dose debe axustarse se o paciente experimenta variacións na súa función renal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Noone P. Sisomicin, netilmicin and dibekacin. A review of their antibacterial activity and therapeutic use. PubMed
  2. Drug Bank Database
  3. "Ototoxicity". The Vestibular Disorders Association (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2012. Consultado o 21 de outubro de 2011. .

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]