Sedoheptulosa
| Sedoheptulosa | |
|---|---|
Molécula de sedoheptulosa. |
|
| Nome químico | D-Altro-2-heptulosa |
| Abreviatura | |
| Fórmula química | C7H14O7 |
| Masa molecular | 210.182 g mol−1 |
| Punto de fusión | |
| Aparencia | |
| Número CAS | [3019-74-7] |
A sedoheptulosa, tamén chamada D-altro-heptulosa, é un monosacárido de sete átomos de carbono (heptosa) pertencente ao grupo das cetosas, xa que leva un grupo cetona no carbono 2. É unha das poucas heptosas existentes na natureza.
O seu derivado sedoheptulosa-7-fosfato intervén como intermediario na ruta da pentosa fosfato, onde se forma cando a ribosa-5-fosfato recibe un grupo de dous carbonos procedente da xilulosa-5-fosfato. Despois, a sedoheptulosa-7-fosfato reacciona co gliceraldehido-3-fosfato, dando eritrosa-4-fosfato e frutosa-6-fosfato.
Nas plantas a sedoheptulosa-1,7-difosfato e a sedoheptulosa-7-fosfato son azucres necesarios para o ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese[1].
A molécula debe o seu nome a que foi descuberta na planta Sedum spectabile en 1917 por La Forge e Hudson, que lle deron o nome de sedoheptosa. Despois estableceuse o seu carácter de cetona e recibiu o nome de sedoheptulosa. A súa configuración foi establecida estudando os seus alcohois derivados (sedoheptitol)[2].
Na urina dos pacientes de cistinose detéctase unha elevada concentración de sedoheptulosa. Trátase dunha doenza xenética autosómica recesiva que afecta á función dos lisosomas, e que se debe a unha mutación no xene do encima sedoheptuloquinase[3].
Notas [editar]
- ↑ Lehninger A. Principios de Bioquímica (1988). Omega. Páxinas 665-666. ISBN 84-282-0738-0
- ↑ [1] Melville L. Wolfrom. Advances in Carbohydrate Chemistry.
- ↑ [2] Elevated concentrations of sedoheptulose in bloodspots of patients with cystinosis caused by the 57-kb deletion: Implications for diagnostics and neonatal screening (in Molecular Genetics and Metabolism). 2010. Wamelink M M C, Struys E A, Jansen E E W, Blom H J, Vilboux T, Gahl W A, Kömhoff M, Jakobs C, Levtchenko E N. Academic Press.
Véxase tamén [editar]
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||