Amilopectina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amilopectina
Identificadores
Número CAS 9037-22-3
PubChem 439207
ChemSpider 388347
UNII 4XO4QFV777
Número EC 232-911-6
Propiedades
Fórmula molecular variable
Masa molecular variable
Aspecto po branco

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
Referencias

A amilopectina é un dos polímeros que forman parte do amidón, xunto coa amilosa. É un polisacárido característico das plantas e as algas [1], moi ramificado, composto por moitas unidades de glicosa (de 2.000 a 200.000), e cun peso molecular que pode ser de máis de 100 millóns de daltons. É soluble en auga [2] (aínda que en textos non actualizados se informe do contrario[3]).

As unidades de glicosa que a forman están unidas por enlace O-glicosídico α(1→4) formando unha cadea liñal. A cadea ten ramificacións cada 24-30 unidades de glicosa, e no punto de ramificación o enlace glicosídico é α(1→6). A molécula resultante pode ser rapidamente degradada encimaticamente polos extremos das súas moitas ramificacións. En comparación, o outro compoñente do amidón, a amilosa, ten menos puntos por onde poida comezar o ataque encimático, polo que se hidroliza máis lentamente e ten unha maior densidade e é insoluble.

Os animais teñen un polisacárido similar á amilopectina chamado glicóxeno, coa mesma composición, estrutura ramificada e tipo de enlaces, pero que ten ramificacións máis numerosas (cada 8-12 unidades de glicosa) e cada rama é máis curta.

A función da amilopectina é a reserva enerxética. As plantas almacenan amidón en orgánulos especializados chamados amiloplastos, e, en menor cantidade, nos cloroplastos fotosintéticos. Cando a célula precisa enerxía, a planta hidroliza o amidón, liberando a glicosa, que pode ser oxidada despois na respiración celular. Os seres humanos e outros animais poden dixerir a amilopectina utilizando encimas amilases, que hidrolizan os enlaces α(1→4), e os encimas desramificantes α(1→6)-glicosidases, que hidrolizan os enlaces α(1→6) dos puntos de ramificación.

Un gránulo de amidón está constituído por un 70 % de amilopectina en peso, e o resto é amilosa, pero isto varía dependendo da fonte analizada. Os amidóns que teñen máis amilopectina, preto do 100 %, denomínanse céreos, como os de certos tipos de arroz, millo ou pataca. Noutros tipos de pataca o contido é menor, dun 75%, por exemplo. Hai patacas modificadas xeneticamente para producir só amilopectina, e en 2010 foi aprobada a comercialización en Europa da pataca Amflora [4][5].


Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]