Gabita
| Gabita | ||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | ||||||||||||||
|
||||||||||||||
| Clasificación científica | ||||||||||||||
|
||||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||||
| Haematopus ostralegus | ||||||||||||||
A gabita ou gabita común (Haematopus ostralegus) é unha especie de ave de tamaño medio que habita nas costas europeas e asiáticas.
Índice |
Características [editar]
A gabita é unha ave dun tamaño medio, algo maior cá pomba, de entre 40 e 45 cm de longo nos exemplares adultos. É unha ave das ribeiras, algo baixota, e cunha característica cor branca e negra (branca no peito e no abdome, e negra no lombo e na cabeza. O peteiro é longo e forte, e dunha cor vermella intensa, mentres que as patas, pequenas e delgadas, teñen un vermello próximo ao rosa. Os ollos tamén son dun vermello intenso.
En voo, o interior das ás é branco cos bordos negros, mentres que pola parte superior son negras cunha fita branca en forma de v que se prosegue no rabo, tamén branca e negra.
No inverno desenvolven un pequeno colar branco ao redor do pescozo. Os machos e as femias son idénticos. Os exemplares novos son grises (cando polos) e semellantes aos adultos, pero cun negro máis pardo, cando xa son quen de voar.
Comportamento [editar]
Son aves costeiras, que se poden adentrar algúns quilómetros na terra, especialmente para aniñar. É relativamente social, e pode chegar a formar grupos de ata 30 exemplares cunha grande independencia. Porén, as parellas son estábeis na época de cría e forman equipo á hora de incubar os ovos e alimentar os polos.
Dependendo das zonas poden ser aves migratorias ou sedentarias (boa parte das Illas Británicas, a costa atlántica europea dende a Bretaña ata Dinamarca e parte da costa exea). En Galiza as gabitas só acoden en inverno. Viven ao redor de 36 anos.
Aniña no chan, en terreos descubertos, escavando pequenas cavidades entre os coios, e protexendo os niños con escasas ramiñas. As postas son de 2 a 3 ovos, e tanto o macho como a femia incúbanos durante uns 24-27 días. Aínda que non é frecuente nas aves da ribeira, os polos non se valen en por si, e necesitan ser alimentados polos seus pais durante 43 días, e non conseguen a plena independencia ata 26 semanas despois.
Hábitat [editar]
Viven fundamentalmente nos coiñais e nas praias de rocha, pero tamén en dunas, estuarios e nos campos próximos á costa. Aliméntanse de mexillóns e croques, pero cando se adentran nos campos comen miñocas.