Bentos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A cigala (Nephrops norvegicus), un crustáceo marchador típico.

En ecoloxía chámase bentos [1] (do grego βένθος bénthos, "o fondo mariño") á comunidade formada polos organismos que habitan o fondo dos ecosistemas acuáticos.[2]

Adxectivos referidos ao bentos son bentónico (organismos bentónicos) e béntico (usado case exclusivamente no termo zona béntica).

O bentos distínguese do plancto e do necto, formados por organismos que viven en suspensión e se trasladan pasivamente nadan nas aguas, ou que nadan activamente nelas, respectivamente.

Alí onde a luz alcanza o fondo, o que depende da profundidade e da transparencia do medio, a comunidade inclúe produtores primarios fotosintetizadores. No medio afótico (sen luz) dos fondos máis profundos, todos os organismos son consumidores, dependendo por tanto o conxunto dos animais bentónicos dos cadáveres, restos orgánicos e microorganismos que a gravidade arrastra desde niveis máis superficiais.

Un caso especial e notábel é o das biocenoses máis ou menos efémeras que se establecen en puntos das dorsais mediooceánicas, a profundidades abisais, onde se produce vulcanismo hidrotermal, con emisión de auga moi quente e cargada de sales. Nestes ecosistemas a produción primaria corre a cargo de bacterias quimiosintetizadoras, unhas de vida libre e outras simbióticas asociadas con animais.

As comunidades bentónicas máis produtivas e de maior biodiversidade, tamén probabelmente as máis ameazadas, son os arrecifes de coral. A desorganización e empobrecemento das comunidades bentónicas por certas artes de pesca, como as redes de arrastre, están entre os maiores problemas ambientais.

Moitos taxons notábeis están especializados para a súa residencia no bentos. O filo dos equinodermos (estrelas e ourizos de mar), por exemplo, está constituído por innumerábeis formas bentónicas. A orde dos pleuronectiformes (linguados e especies semellantes) é un exemplo de peixes adaptados á vida no bentos. Tamén os polbos ou as xibas entre os cefalópodos, e a clase enteira dos bivalvos, entre outros moluscos. Algúns organismos do bentos desprázanse doadamente, como os crustáceos reptadores, como a nécora ou a cigala; pero moitos outros desprázanse moi pouco, por exemplo, as ameixas ou as anemones de mar e, finalmente, outros son directamente sésiles (fixos), como as ostras, os corais ou as algas coralinas (un grupo de algas vermellas).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. bentos no dicionario da RAG..
  2. Benthos en Census of Antarctic Marine Life. (en inglés) Consultada o 17/01/2013.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bentos

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Organismos mariños
bentos - plancto e necto - neusto e pleusto - sesto