Grimbold

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Grimbold é un personaxe ficticio que pertence ó legendarium creado polo escritor británico J. R. R. Tolkien e que aparece na novela O Señor dos Aneis. É un rohir do Folde Oeste e Mariscal da Marca, segundo de Erkenbrand. Participou en ambas Batallas dos Vaos do Isen.

Historia[editar | editar a fonte]

Na primeira batalla dos vaos comandou as forzas defensoras da beira occidental. Dende alí viu como Théodred era atacado, e aínda que correu no seu auxilio, o fillo de Théoden morreu nos seus brazos.

Na segunda batalla dirixiu as forzas que defenderon os vaos. Dispuxo tropas no extremo occidental ocupando os fortes que había nos bordos e el permaneceu coa cabalería no lado leste do río Isen. Ante o ataque, defendeu os vaos e dispuxo unha formación de escudo sobre o campamento. Cando viu que o desastre era inminente, realizou unha manobra de distracción que lle permitiu sacar á maioría dos seus rohirrim do vao.

Logo desta batalla, reuniuse con Erkenbrand e Gandalf para atacar as costas do exército que sitiaba o Abismo de Helmo, participando na Batalla do Abismo de Helmo.

Asumiu o liderado da Marca Oeste porque Erkenbrand era moi maior e partiu coas tropas de Théoden a Minas Tirith. Dirixiu o éored que atacou ó exército de Minas Morgul polo lado leste do Rammas Echor, preto do Mindolluin, na Batalla dos Campos de Pelennor. Finalmente morreu nesa batalla.