Saltar ao contido

Gríma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Gríma Lingua de Verme é un personaxe ficticio da novela de J. R. R. Tolkien O Señor dos Aneis. Trátase dun home de Rohan, aínda que os seus antergos proviñan dos homes das Terras Brunas.

Gríma foi un home intelixente e astuto pero de aspecto físico enxoito e pálido, cunha ollada sombría e un riso sinistro. Durante a guerra do Anel exercía de conselleiro do rei Théoden e o seu principal cometido era manter as relacións diplomáticas cos pobos veciños.

Durante a guerra do Anel, Gríma mantivo unha relación secreta con Saruman, actuando de espía. Tiña como misión debilitar o seu rei. Foi alcumado Lingua de Verme dado que xa había xente que coñecía as súas verdadeiras intencións.

Cando Lingua de Verme se achegou a Éowyn con intencións deshonestas, o seu irmán, Éomer, ameazouno en Edoras coa espada. Dende entón, Gríma esforzouse en desacreditar a Éomer ante o Rei. Logrou o seu obxectivo e conseguiu que o terceiro mariscal da Marca fose encarcerado por desobedecer a orde de Théoden, suxerida por Gríma, de non enfrontarse cos orcos de Isengarda.

Cando Gandalf o Mago chegou a Meduseld, acompañado de Aragorn, Gimli e Legolas, interveu e curou o rei do feitizo que pesaba sobre el.

Despois de que Gandalf o desenmascarase, Lingua de Verme correu a ver a Saruman para ocultarse en Orthanc. No camiño foi interceptado por Bárbore, quen alertado por Gandalf o esperou preto do lago que os Ents crearan arredor de Orthanc coas augas do río Isen durante a destrución de Isengarda. Gríma intentou convencer o Ent de que viña como mensaxeiro de Théoden. Pero nin Bárbore nin Merri nin Pipin o creron.

Dende o alto de Orthanc lanzou o Palantír, sen saber o valioso que era, coa intención de ferir algún dos presentes da comitiva encabezada polo rei de Rohan e Gandalf.

Cando Bárbore permitiu que Saruman deixase Isengarda, Gríma seguiuno na súa viaxe á Comarca. Por orde de Saruman asasinou o "xefe" Lotho Sacovila-Bulseiro.

Trala liberación da Comarca, Frodo ofrécelle quedar alí e compensar o dano causado, mais Saruman revélalles ós hobbits que foi Gríma quen matou a Lotho. O odio fixo que Gríma matase a Saruman nun movemento que os hobbits non puideron evitar. Logo botou a correr, pero axiña foi alcanzado por varias frechas hobbits.

Adaptacións cinematográfica

[editar | editar a fonte]
Brad Dourif, actor que interpreta a Gríma.

Na triloxía do director Peter Jackson, Gríma é interpretado por Brad Dourif, e o seu papel ten máis importancia que no libro.

Na versión estendida da terceira parte, morre doutra forma. Cando Gandalf rompe a vara a Saruman, Gríma sae a unha fiestra e Théoden volve a perdoarlle a vida ordenándolle que baixe e se reúna con el. Saruman non llo permite e dálle un golpe na cara a Gríma tirándoo contra o chan da cúspide de Orthanc. Saruman dáse a volta e Gríma apuñálao polas costas. O cadáver de Saruman cae de Orthanc e queda empalado nunha máquina esnaquizada. Pero Legolas nun momento de tensión, dispáralle unha frecha no corazón a Gríma e este morre no acto, quedando o seu cadáver en Orthanc.