Rodrigo García Vizoso
Vizoso | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Rodrigo García Vizoso | ||
Nacemento | 26 de febreiro de 1909 | ||
Lugar de nacemento | A Coruña | ||
Falecemento | 2 de xuño de 2009 | ||
Lugar de falecemento | A Coruña | ||
Posición | Porteiro | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1928–1934 | Deportivo da Coruña | 60 | (0) |
1934–1935 | Real Madrid | 0 | (0) |
1935–1936 | Granada | 12 | (0) |
Adestrador | |||
1940–1954 | Xuvenil | ||
1955–1956 | Deportivo da Coruña | ||
1962–1963 | Deportivo da Coruña | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Rodrigo García Vizoso, nado na Coruña o 26 de febreiro de 1909 e finado na mesma cidade o 2 de xuño de 2009, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de gardameta.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Nado na coruñesa rúa de Fuente Luisa —agora chamada Agudín Bolivar— en 1909, foi un dos vinte e dous xogadores que estreou a Segunda división española de fútbol defendendo a portería do RC Deportivo da Coruña no ano da súa estrea, 1929, contra o Deportivo Alavés.[1]
Desde aquela teceu unha carreira que o levou ser considerado durante anos o máximo referente do club coruñés. A súa lenda foi cimentada en proezas como a que serviu para que, tres anos despois, o Deportivo, aínda na segunda categoría, eliminara da Copa do Rei ao Real Madrid CF en Chamartín unha tarde na que o conxunto branco tirara 76 veces á porta que gardaba Rodrigo.[1]
En 1934 o propio Real Madrid CF contrataría os servizos de Rodrigo, onde habería pasar a tempada como suplente de Ricardo Zamora. Posteriormente fichou polo Granada CF, cun salario de 500 pesetas ao mes.[1]
A guerra civil española levouno a pasar 34 meses no exército e após a contenda decidiu colgar as luvas para volver á Coruña, onde atopou traballo na Fábrica de Armas. Alí fundou un equipo de fútbol co nome da empresa e que anos máis tarde se deu en chamar Deportivo Xuvenil.[2] Adestrou este equipo durante case 15 anos, logrando o ascenso á Segunda División na tempada 1953/54, momento no que renunciou ao seu posto.[3] Rodrigo foi un dos descubridores do talento de Luis Suárez, veciño como el do barrio de Monte Alto.[1]
Volveu ao Deportivo como adestrador en 1955, establecendo novas marcas históricas, como ser o primeiro técnico deportivista en facer gañar ao seu equipo en Chamartín ou o primeiro tamén en erguer o Trofeo Teresa Herrera.[1] O club herculino recorreu moitas veces aos seus servizos xa que cando un técnico era despedido Rodrigo sempre estaba diposto para o substituír. Así adestrou xuvenís, Fabril e primeiro equipo, e baixo as súas ordes estiveron grandes nomes do fútbol galego e español como Arsenio Iglesias ou Amancio Amaro.[2]
Chegou acadar os cen anos de idade e, como homenaxe polo seu centenario, realizou o saque de honra en Riazor nun dos últimos partidos do Deportivo en competición oficial europea. Falecería poucos meses despois. Como tributo, o Concello da Coruña decidiu mudar o nome do Campo Municipal de Fútbol A Grela II polo de Rodrigo García Vizoso así como colocar un busto coa súa imaxe na Cidade Deportiva Municipal da Torre.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Juan L. Cudeiro. El País (3 de xuño de 2009). "Necrológica: Rodrigo García Vizoso, el último de la primera Liga". Consultado o 31-03-2016.
- ↑ 2,0 2,1 Pepe Guillín. Revista RCD. "RODRIGO GARCÍA VIZOSO, un centenario ex jugador del Deportivo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01-01-2010. Consultado o 31-03-2016.
- ↑ "Rodrigo renuncia a su cargo de entrenador". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 1954. p. 5.