Prebe (Terra Media)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Prebe (O Señor dos Aneis)»)
A Pousada Abandonada, a unha xornada de marcha desde Prebe, polo Gran Camiño do Leste.

Prebe (no inglés orixinal, Bree) é unha pequena rexión en Eriador na Terra Media, mundo ficticio pertencente á obra de J. R. R. Tolkien.

Na Terra Media sitúanse a aldea de Prebe e a vila de Alicerce, Portela e Arquete cerca da Fraga de Quete. Alí habitan hobbits e homes e é o único lugar onde se dá tal convivencia. Os homes de Prebe disque descenden dos primeiros homes que viaxaron ao Oeste da Terra Media na Primeira Idade.[1] Canto aos Hobbits, Prebe é a única das primitivas colonias de Hobbits que aínda subsisten en Eriador.[1] Foi recoñecida como unha das terras creadas por Tolkien

Poboacións[editar | editar a fonte]

Aldea de Prebe[editar | editar a fonte]

Cando Rohan expulsou os homes salvaxes de Bruna, unha parte deles fuxiu ao norte, onde se instalaron. Estes foron os antepasados dos habitantes de Prebe. A aldea de Prebe era a máis importante de todas as da zona.

Na aldea de Prebe os hobbits Frodo Bulseiro, Peregrin Tuc, Meriadoc Brandigamo e Samsagaz Gamllí coñeceron o famoso Alancadas n'«O Poni Rampante», a pousada do señor Orxeiro Manteiga. Deberon emprender unha loita contra os Nazgûl para fuxiren de alí.

Mentres que na novela se retrata a Prebe como unha aldea tranquila e apacíbel, chegando incluso Tom Bombadil a chamarlle «encantadora» (o que fai pensar que posibelmente estivo alí), na triloxía de Peter Jackson vémola como un lugar sombrío, escuro e sucio. Na versión animada de Ralph Bakshi dáselle un aspecto moral máis parecido ao da novela.

Alicerce[editar | editar a fonte]

Estaba poboada principalmente por hobbits que vivían da agricultura, incluído o cultivo de herba de pipa. Alicerce estaba situada no lado sueste do outeiro de Momprebe, ao sur de Portela e Arquete. Era a única vila (á parte da propia Prebe) visíbel dende o Gran Camiño do Leste.

Portela[editar | editar a fonte]

Estaba poboada principalmente por homes, máis algúns hobbits, e ambos os colectivos vivían da agricultura. Portela lindaba coa Fraga de Quete e co outeiro de Momprebe, entre as vilas de Arquete e Alicerce.

Arquete[editar | editar a fonte]

Era o máis remoto dos asentamentos das terras de Prebe. Estaba situada entre as árbores da Fraga de Quete, un pouco ao leste de Prebe. Alí vivían uns poucos hobbits, pero os habitantes que predominaban eran os homes.

O Poni Rampante[editar | editar a fonte]

A investigación levada a cabo por unha division da Tolkien Society indica que «The Bell Inn» en Moreton-in-Marsh foi unha fonte de inspiración para «O Poni Rampante».[2]

«O Poni Rampante» era unha pousada de Prebe. Atendía á xente do lugar e acollía moitos viaxantes, xa que unha das principais encrucilladas de Eriador se atopaba xusto fóra da vila: o punto de encontro entre o Gran Camiño do Leste e a Herbeira. A pousada estaba no centro da vila, ao pé do outeiro de Momprebe, onde viraba o Camiño do Leste. N’ O Señor dos Aneis descríbese a pousada desta maneira:

«Para os ollos afeitos, a pousada parecía unha casa agradable mesmo desde fóra. Tiña unha fachada que daba ó Camiño e dúas ás que se estendían para atrás, sobre terreo en parte escavado das encostas máis baixas do Outeiro, de xeito que pola parte de atrás as xanelas do primeiro andar estaban ó nivel do chan. Había un amplo arco que levaba a un patio existente entre as dúas ás; baixo o arco, á esquerda, víase una gran porta cuns poucos chanzos anchos. Da porta, que estaba aberta, abrollaba a luz. Por riba do arco había un farol, e por debaixo del balanceábase un gran letreiro que figuraba un gordo poni branco posto nas patas de atrás. Sobre a porta, pintado con letras brancas, poñía: O PONI RAMPANTE de ORXEIRO MANTEIGA».[T 1]

No seu interior albergaba unha grande sala común, varias saliñas privadas e unha serie de cuartos, incluídos algúns na á norte deseñados expresamente para hobbits, na planta baixa e con xanelas redondas. Tamén se menciona que a pousada incorporaba unha corte para cabalos.

«O Poni Rampante» era frecuentado por homes, hobbits e ananos. De cando en vez chegaba á pousada algún gamoedés da Comarca. Disque a arte de fumar herba de pipa naceu en Prebe, e dende «O Poni Rampante» espallouse entre os pobos da Terra Media. A pousada era soada pola súa excelente cervexa, a cal Gandalf tivo ocasión de catar.[T 2] Tom Bombadil coñecía a pousada, mais probabelmente só polo seu renome, xa que nunca saíu dos seus pequenos dominios.


Orxeiro Manteiga[editar | editar a fonte]

Manteiga era un home gordo e calvo con má memoria. A súa familia rexentaba a pousada «desde tempos inmemoriais».[T 3] Menciónanse dous dos seus empregados: Cachola, un criado hobbit, e Tixola, que traballaba na corte e cuxa raza non se indica.[T 1]

Despois do ataque á pousada perpetrado polos xinetes negros durante a aventura emprendida para a destrución do Anel Único, Manteiga ofreceu aos hobbits (Merri, Pipin, Frodo e Sam), aos cales lles roubaran os ponis durante o asalto, comprarlles novas monturas; estes aceptaron, pero máis tarde resultou que non había ningún poni dispoñíbel na aldea agás un «pobre animal, vello e medio esfameado» que lle compraron a Bill Filgueira por «doce pesos de prata», cantidade que consideraban «polo menos tres veces o valor dun poni naqueles lugares».[T 1]

Ao igual ca outros homes de Prebe, o apelido de Manteiga (Butterbur na súa forma orixinal en inglés) vén dunha planta —a herbácea perenne Petasites hybridus. Tolkien descríbea como «unha planta carnosa cunha flor pesada sobre un talo groso e follas moi grandes». É evidente que elixiu este nome por ser axeitado para un home gordo; suxeriu que os tradutores utilizasen o nome dalgunha planta relacionado coa manteiga de ser posíbel, pero que fose «unha planta gorda e grosa» en calquera caso.[T 4][3]

Historia[editar | editar a fonte]

N’«O Poni Rampante» tiveron lugar dous acontecementos que precederon á Guerra do Anel. O primeiro foi «un encontro casual» de Gandalf e Thorin Escudo de Carballo; este encontro acabou levando á destrución de Smaug e preveu moitas mortes no escenario bélico setentrional.[T 5]

O segundo deuse durante a viaxe de Frodo Bulseiro a Valfendido, cando el e os seus compañeiros se hospedaron unha noite n’«O Poni Rampante». Após cantar «O Home da Lúa deitouse moi tarde», Frodo puxo sen querer o Anel Único e volveuse invisíbel. O vilán secundario Bill Filgueira e un sureño birollo viron como se esvaecera e informaron os Xinetes Negros, que atacaron a pousada. Aragorn salvouno e sacou o grupo da aldea, despois de que Manteiga lles entregase unha carta de Gandalf que esquecera había meses.[T 1][T 6]

Durante a guerra, o negocio d’«O Poni Rampante» resentiuse por mor da chegada de homes hostís procedentes do sur, que aterrorizaron Prebe e a zona rural que a rodeaba. Porén, cando Gandalf parou na pousada cos hobbits de camiño a casa, profetizou que se aveciñaban «días mellores» coa restauración do reino e que n’«O Poni Rampante» se hospedaría «xente fermosa».[T 7]

En adaptacións[editar | editar a fonte]

No filme The Fellowship of the Ring de Peter Jackson, lonxe de ser un lugar acolledor coma no libro, Prebe presenta constantemente un aspecto desagradábel e ameazador; e, mentres que no libro, o Anel só fai que Frodo desapareza cando o pon n’O Poni Rampante, no filme hai efectos especiais cun forte vento, luz azul e o Ollo de Sauron.[4] Manteiga aparece tanto na adaptación animada de Ralph Bakshi de 1978 d’O Señor dos Aneis como no filme de Peter Jackson, pero en ambas as producións elimináronse a maioría das súas escenas. Alan Tilvern puxo a voz de Manteiga (nos créditos figura como «Pousadeiro») na película de animación,[5] mentres que David Weatherley o interpretou na versión de Jackson.[6] Un personaxe mencionado nos créditos como «Butterbur, Sr» (Manteiga, Sr.) aparece brevemente durante o prólogo do filme The Hobbit: The Desolation of Smaug de Jackson, interpretado por Richard Whiteside.[7] James Grout fixo o papel de Manteiga no serial radiofónico de BBC Radio de 1981 d’O Señor dos Aneis.[8] Na adaptación rusa de baixo orzamento d’A Irmandade do Anel de 1991, titulada Khraniteli, aparece como «Lavr Narkiss», interpretado por Nikolay Burov.[9] Na miniserie televisiva Hobitit de 1993 producida pola canle finesa Yle, o papel de Manteiga («Viljami Voivalvatti» en finés, que significa «Guillerme Manteiga») recaeu en Mikko Kivinen.[10] Prebe e a Terra de Prebe teñen unha forte presenza no xogo de PC The Lord of the Rings Online, que permite ao xogador explorar a vila.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Tolkien 1954a, libro 1, cap. 9 "Baixo o emblema do Poni Rampante"
  2. Tolkien 1954a, libro 2, cap. 2 "O consello de Elrond"
  3. Tolkien 1954a, Prólogo: «Da herba de pipa»
  4. Tolkien, J. R. R. (1975). Lobdell, Jared, ed. Guide to the Names in The Lord of the Rings. A Tolkien Compass (Open Court). p. 162. ISBN 978-0875483030. 
  5. Tolkien 1980, "The Quest of Erebor"
  6. Tolkien 1980, "The Hunt for the Ring"
  7. Tolkien 1955, libro 6, cap. 7 "De camiño á casa"

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 O señor dos aneis I. A irmandade do anel. Traducido por Moisés Barcia Rodríguez (1ª ed.). Vigo: Edicións Xerais. 2001. ISBN 84-8302-683-X – vía Biblioteca da Tradución Galega.  p. 190
  2. ""The Prancing Pony by Barliman Butterbur"" (PDF). ADCBooks. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de abril de 2013. Consultado o 26 September 2014. 
  3. Judd, Walter S.; Judd, Graham A. (2017). Flora of Middle-Earth: Plants of J. R. R. Tolkien's Legendarium. Oxford University Press. pp. 342–344. ISBN 978-0-19-027631-7. 
  4. Croft, Janet Brennan (2005). "Mithril Coats and Tin Ears: 'Anticipation' and 'Flattening' in Peter Jackson's The Lord of the Rings Films". En Croft, Janet Brennan. Tolkien on Film: Essays on Peter Jackson's The Lord of the Rings. Mythopoeic Press. p. 68. ISBN 1-887726-09-8. 
  5. "Innkeeper". Behind the Voice Actors. Consultado o 25 September 2020. 
  6. "David Weatherley". RBA Management. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2022. Consultado o 25 September 2020. 
  7. "Richard Whiteside". NZonScreen. Consultado o 25 September 2020. 
  8. "Inspector Morse actor James Grout dies at 84". BBC News. 5 July 2012. Consultado o 25 September 2020. 
  9. "[Khraniteli] The Fellowship of the Ring (1991-): Full Cast & Crew". IMDb. Consultado o 7 April 2021. 
  10. "Barliman Butterbur". WhatCharacter. Consultado o 25 September 2020. 
  11. Porter, Jason (22 May 2007). "Lord of the Rings Online: Shadows of Angmar". GameChronicles. Consultado o 25 September 2020. 

Fontes[editar | editar a fonte]