Fóra de xogo (fútbol)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Árbitro asistente indicando unha posición de fóra de xogo.

O fóra de xogo (ou posición adiantada) é unha norma que se aplica ao fútbol, de carácter estratéxico con intención de ordenar o xogo. Está reflexada no regulamento e só se aplica cando un xogador está en posición de fóra de xogo e está involucrado nunha xogada, ou interfere na mesma.

Aplicación[editar | editar a fonte]

A aplicación da regra de fóra de xogo divídese en tres pasos: posición de fóra de xogo, infracción de fóra de xogo e sanción se o xogador segue a xogada cando soa o pito.

Posición de fóra de xogo[editar | editar a fonte]

O dianteiro vermello á esquerda do diagrama está en posición de fóra de xogo xa que está por diante do último defensor (marcado pola liña de puntos) e do balón.

Un xogador está en posición de fóra de xogo se está "máis preto da liña de meta contraria que o balón e o penúltimo adversario", a menos que se atope dentro do seu propio campo. Un xogador que estea en liña co penúltimo opoñente non se considera fóra de xogo. Hai que darse conta de que os dous opoñentes poden ser o porteiro e outro xogador de campo, ou dous xogadores de campo. Tamén debe remarcarse que a posición de fóra de xogo determínase no momento no que o balón é tocado ou xogado por un compañeiro de equipo. A posición de fóra de xogo dun xogador non se verá alterada polo movemento posterior dos compañeiros de equipo.

Infracción de fóra de xogo[editar | editar a fonte]

Un xogador en posición de fóra de xogo só comete a infracción de fóra de xogo se, "no momento en que alguén do seu equipo toca ou xoga o balón" el está, segundo o árbitro, involucrado na xogada xa sexa interferindo o xogo ou a un contrario, ou tratando de sacar vantaxe desta posición.

Determinar se un xogador está involucrado nunha xogada pode ser complexo. Un xogador non comete unha infracción de fóra de xogo se recibe o balón directamente dun saque de banda, de porta ou de esquina. Tampouco comete infracción de fóra de xogo se o xogador toca e xoga un balón que foi tocado por última vez por un xogador do equipo contrario (se o toque foi intencionado).

A FIFA publicou uns novos consellos para interpretar a regra de fóra de xogo en 2003, e estes incorporáronse á regra o 11 en xullo de 2005. A nova redacción busca definir precisamente os tres casos como segue:

  • Interferir o xogo significa xogar ou tocar o balón pasado ou tocado por un compañeiro de equipo.
  • Interferir a un contrario significa evitar que un contrario toque ou poida xogar un balón cunha clara obstrución da súa liña de visión ou os seus movementos, ou facendo un xesto ou movemento que, segundo o árbitro, chame a atención ou distraia ao contrario.
  • Sacar vantaxe da situación de fóra de xogo significa xogar un balón que rebota na súa dirección desde un poste, ou xogar un balón que rebota na súa dirección desde un contrario, estando en situación de fóra de xogo.

Na práctica, un xogador en posición de fóra de xogo pode ser penalizado antes de xogar ou tocar o balón se, segundo o árbitro, ningún outro compañeiro de equipo que non se atope en fóra de xogo pode xogar o balón.

A interpretación do árbitro destas novas definicións aínda é obxecto de controversia, sobre todo na definición de que movementos pode realizar un xogador en situación de fóra de xogo para que non poida xulgarse que interfere cun contrario.

Sanción[editar | editar a fonte]

A sanción dunha infracción de fóra de xogo é un tiro libre indirecto para o equipo contrario, no punto no que se cometeu a infracción. O fóra de xogo permite que se outorgue lei de vantaxe, sempre que a posesión do balón sexa claramente do defensor.

Arbitraxe[editar | editar a fonte]

Árbitro asistente cobrando posición adiantada nun partido entre o FC Barcelona e o RCD Mallorca.

Para a aplicación desta regra, o árbitro depende en gran medida do seu árbitro asistente, que normalmente se sitúa paralelamente co penúltimo defensor da parte do campo en que se atopa (as técnicas exactas de posicionamento son máis complexas).

A tarefa dos árbitros asistentes respecto de fóras de xogo pode ser difícil, xa que deben estar atentos aos ataques e aos contraataques, considerar que xogadores atópanse en posición de fóra de xogo cada vez que se xogue o balón (a miúdo desde o outro extremo do campo), e determinar se os xogadores situados en fóra de xogo están involucrados na xogada. O risco de erro de arbitraxe crece polo efecto da perspectiva, que se fai presente cando a distancia entre o xogador atacante e o árbitro asistente é significativamente distinto da distancia ao xogador defensor, e o árbitro asistente non está en liña con este último. A dificultade de detectar un fóra de xogo é, a miúdo, infravalorada polos espectadores. Tratar de determinar se un xogador está en liña cun adversario no momento no que se golpea o balón non é fácil: se un atacante e un defensor corren en direccións contrarias, poden afastarse dous metros nunha décima de segundo.

Existe un estudo médico-científico que chega á seguinte conclusión: 'O ollo humano non está capacitado fisiolóxicamente para detectar un fóra de xogo'.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Belda Maruenda, Francisco. An offside position in football cannot be detected in zero milliseconds. Available from Nature Precedings <http://hdl.handle.net/10101/npre.2009.3835.1> (2009). Tambén disponible en español en <http://beldamaruenda.blogspot.com/2006/05/proyecto-fuera-de-juego.html>

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]