Friedrich Wielandt
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de setembro de 1906 Heidelberg, Alemaña |
Morte | 18 de marzo de 1996 (89 anos) Grötzingen, Karlsruhe Alemaña |
País de nacionalidade | Alemá. |
Educación | Universidade de Friburgo. Universidade de Múnic. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e historiografía. |
Lugar de traballo | Karlsruhe |
Ocupación | historiador, numismático |
Familia | |
Cónxuxe | Dorothée Arzt (1937) |
Premios | |
- (1977): Premio da GIG. - (1984): Premio Otto Paul Wenger. |
Friedrich Wilhelm Karl Wielandt, nado o 7 de setembro de 1906 en Heidelberg e finado o 18 de marzo de 1996 en Grötzingen, Karlsruhe, foi un numismático e historiador alemán especializado na historia monetaria da Alsacia, a rexión do Rin superior e Suíza.[1]
Entre 1936 e 1971 foi o director do gabinete numismático do Museo Estatal de Baden-Württemberg en Karlsruhe.[1][2][3][4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Friedrich Wielandt cursou o seu ensino secundario no instituto Berthold de Friburgo, en Baden-Württemberg. Posteriormente realizou estudos superiores de historia e de lingua e literatura alemás na Universidade de Friburgo e na Universidade de Múnic, e nesta última acadou o seu doutoramento en 1930 cunha tese sobre o margraviato de Cristovo I de Baden, dirixida por Heinrich Finke.[1][4]
A través de Finke, Wielandt entrou en contacto co xurista Konrad Beyerle, baixo cuxa dirección traballou nunha edición das leis da cidade de Constanza. Simultaneamente, durante as súas investigacións no arquivo desta cidade preparou un traballo en dous volumes sobre o comercio do liño en Constanza. No entanto, logo do falecemento de Beyerle en 1933 e o inicio do nazismo frustraron as súas aspiracións a se converter en arquiveiro da cidade, motivo polo que retomou os seus estudos e acadou a súa habilitación como docente de ensino superior.[4]
Logo traballou durante pouco tempo como voluntario na biblioteca da Universidade de Friburgo, antes de ingresar como axudante de investigación no Gabinete Numismático de Baden, daquela dirixido por Otto Konrad Roller. Logo do falecemento de Roller en 1936 sucedeuno no posto de director e asumiu a integración do Gabinete dentro da estrutura do Museo Estatal de Baden.[3][4]
Durante a segunda guerra mundial foi recrutado polo exército e resultou gravemente ferido a principios de 1942 preto de Demiansk, en Rusia, o que o obrigou a ficar hospitalizado entre 1942 e 1943, ocasión que aproveitou para redactar unha das súas obras principais: Der Breisgauer Pfennig und seinen Münzstätten (1951). Esta situación impediulle aceptar unha oferta como profesor na Universidade de Estrasburgo. Finalizada a guerra Wielandt foi relevado inicialmente da súa vinculación ao gabinete numismático polo goberno militar, ata que en 1948 foi restaurado no seu posto de director, e en 1957 foi nomeado como conservador xefe, ata a súa xubilación en 1971.[3][4]
En 1937 Wielandt fora elixido presidente da Sociedade Numismática de Baden (Badischen Gesellschaft für Münzkunde) e en 1978 presidente honorario. Como presidente desta sociedade, foi tamén membro da Federación de Asociacións Alemás de Numismática (Verbandes der Deutschen Münzvereine). Así mesmo, foi membro da Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña desde que esta se fundou, en 1950, ata a xubilación en 1971. Desde 1942 foi tamén membro da Sociedade Numismática Austríaca.[3][4]
Vida familiar
[editar | editar a fonte]Friedrich Wielandt era fillo de Karl Julius Wielandt (1873-1946), arquitecto oficial de Baden, e de Dorothea Aicham. En 1937 casou con Dorothea Arzt, con quen tivo nove fillos.[1][4]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1956): Membro honorario da Sociedade Suíza de Numismática.[3][4]
- (1977): Premio da Sociedade de Historia Monetaria Internacional (GIG), de Frankfurt.[4][5]
- (1978): Presidente honorario da Sociedade Numismática de Baden.[4]
- (1984): Premio Otto Paul Wenger, da Asociación de Numismáticos Profesionais Suízos.[4][6]
- (1990): Cruz Federal do Mérito de primeira clase.[3]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Ademais dun bo número de artigos publicados en revistas especializadas, Friedrich Wielandt é autor de diversos traballos monográficos, algúns deles considerados aínda hoxe como referencias no seu ámbito. Destacan a súa obra sobre os pfennig de Brisgovia e as súas cecas (1951), o seu libro sobre a historia das moedas de Baden (1955) e unha serie de traballos sobre a historia das moedas de diferentes cantóns suízos, publicados entre 1959 e 1978.[1][3][7][8][9][10]
Monografías
[editar | editar a fonte]- (1950-1953). Das Konstanzer Leinengewerbe (2 volumes). Merk, Constanza.
- (1951). Der Breisgauer Pfennig und seine Münzstätten Ein Beitrag zur Münz- u. Geldgeschichte d. Alemannenlandes im Mittelalter. G. Braun, Karlsruhe.
- (1951). Münzkunde und Münzkabinette am Oberrhein, aus Anlaß des 30-jährigen Bestehens der Gesellschaft. Karlsruhe.
- (1955). Badische Münz- und Geldgeschichte. G. Braun, Karslsruhe.
- (1959). Schaffhauser Münz- und Geldgeschichte. Kantonalbank, Schaffhausen.
- (1964). Münz- und Geldgeschichte des Standes Schwyz. Kantonalbank, Schwyz.
- (1966). Münz- und Geldgeschichte des Standes Zug. Kantonalbank, Zug.
- (1968). Münze und Geld in Pforzheim. Volksbank, Pforzheim.
- (1969). Medaillen der Renaissance und des Barock. Eine Auswahl aus den beständen des Badischen Landesmuseums (con E. Petrasch). Badisches Landesmuseum, Karlsruhe.
- (1969). Münz- und Geldgeschichte des Standes Luzern. Schweizerischer Bankverein, Lucerna.
- (1971). Die Basler Münzprägung von der Merowingerzeit bis zur Verpfändung der bischöflichen Münze an die Stadt im Jahr 1373. Schweizerische Numismatische Gesellschaft, Berna.
- (1973). Badische Münz- und Geldgeschichte. G. Braun, Karlsruhe. ISBN 9783765090028
- (1978). Die Münzen von Laufenburg und Rheinau. Kricheldorf Verlag, Friburgo.
- (1980). Die Medaillen des Hauses Baden. Denkmünzen zur Geschichte d. zähringen-badischen Fürstenhauses aus d. Zeit von 1499-1871. G. Braun, Karlsruhe. ISBN 9783765090158
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Schärli, B. (2015).
- ↑ "Badisches Landesmuseum Karlsruhe - Münzkabinett". Numismatische Kommission der Länder.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Martin, P. H. (1996).
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 Gilbert, R. (2015). "Friedrich Wilhelm Karl Wielandt". Karlsruhe. Stadtlexikon.
- ↑ "GIG-Ehrenpreisträger". Ehrenpreis der Gesellschaft für Internationale Geldgeschichte .
- ↑ "Otto Paul Wenger-Preis". NumisPost (www.numis-online.ch).
- ↑ "Friedrich Wielandt (1906-1996). Schriftenverzeichnis". Coingallery.de
- ↑ Martin, P. H. (1976) [P. Rettich publicou un suplemento a partir de 1976 en Numismatisches Nachrichtenblatt, 40, 1991. Páxina 300].
- ↑ "Wielandt, Friedrich 1906-1996 - Digital Library Numis". sites.google.com. Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2022. Consultado o 2022-03-09.
- ↑ "Wielandt, Friedrich". WorldCat Identities.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Friedrich Wielandt |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martin, P. H. (1976). Die Schriften von Friedrich Wielandt. Karlsruhe, 1976.
- Vögely, L. (1986). "Prof. Dr. Friedrich Wielandt zum 80. Geburtstag". En Badische Heimat, 66. Páxinas 603–604.
- Martin, P. H. (1996). "Friedrich Wielandt (1906-1996)". En Schweizer Münzblätter. Vol. 46. Nº 182. Páxina 73.
- Schärli, B. (2015). "Friedrich Wielandt". En Dictionnaire Historique e la Suisse (DHS).
- Wielandt, U. (1997). "Reiche Ernte eines Volontärs : Professor Dr. Friedrich Wielandt als Volontär am Konstanzer Stadtarchiv 1930-1932; die Schriften seiner Tätigkeit in und über Konstanz". En Rund um Konstanz ... und dort selbst. Constanza. Páxinas 149-152.
- Nados en 1966
- Finados en 1996
- Nados en Heidelberg
- Numismáticos de Alemaña
- Historiadores de Alemaña
- Galardoados co premio da Sociedade de Historia Monetaria Internacional
- Alumnos da Universidade Albert Ludwig de Friburgo
- Alumnos da Universidade de Múnic
- Directores de museos
- Galardoados co premio Otto Paul Wenger