Wolfgang Heß
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de abril de 1926. Offenbach am Main, Alemaña |
Morte | 3 de xullo de 1999 (73 anos) Alemaña |
País de nacionalidade | Alemán. |
Educación | Universidade de Frankfurt. Univerdidade de Marburgo. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática. |
Lugar de traballo | Múnic Marburgo |
Ocupación | historiador rexional, profesor universitario, numismático |
Empregador | Universidade de Múnic Universidade Philipps de Marburgo |
Influencias | |
Familia | |
Cónxuxe | Johanna Gotthold (1958). |
Premios | |
1990: Premio da GIG. 1991: Medalla Kurt Regling. | |
Wolfgang Heß, nado en Offenbach am Main o 13 de abril de 1926 e finado o 3 de xullo de 1999, foi un historiador e numismático alemán.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Wolfgang Heß, fillo do mestre de educación primaria Adolf Heß, asistiu a partir de 1932 á escola e logo ao instituto Hindenburg, de Offenbach, a súa cidade natal.[1]
Con só 16 anos foi recrutado como axudante a Forza Aérea en 1942, co estoupido da segunda guerra mundial, e durante o conflito estivo destinado en diferentes lugares, como Breslau, Dinamarca e o Sarre, e foi prisioneiro do exército estadounidense.[1]
Coa intención de ser profesor, como o seu pai, a partir de 1948 realizou na Universidade de Frankfurt e na Universidade de Marburgo estudos de Historia da Arte e Historia Medieval e Folclore, así como Estudos Románicos, Alemán Antigo e Prehistoria, e neste período, tomou contacto coa numismática como fonte de coñecemento histórico.[2]
O 27 de xullo de 1955 acadou o seu doutoramento cunha tese, dirixida polo historiador Harald Keller (1903-1989), que levaba por título "Os alicerces da cidade de Hessen dos landgraves de Turinxia no século XII. Unha contribución á arquitectura urbana da Alemaña central do período de Staufen", no que as fontes numismáticas desempeñaron un importante papel. [2]
Traxectoria académica e profesional
[editar | editar a fonte]Etapa como bolseiro
[editar | editar a fonte]Concluída a súa formación, foi voluntario en prácticas no Museo de Historia de Frankfurt no bienio 1955-1956, e na Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña no bienio 1956-1957, que tiña a súa sede no Gabinete Numismático do Museo de Historia de Hamburgo,[3] daquela dirixido por Walter Hävernick. O contacto con Hävernick e coa Escola Numismática de Hamburgo levou a Heß a se introducir na numismática e a publicar os seus primeiros artigos sobre esta disciplina a partir de 1958.[4]
Entre 1957 e 1958 realizou un novo período de prácticas no Museo Estatal de Hessen, en Kassel, que conta cos fondos do gabinete de moedas dos landgraves de Hessen-Kassel e dos electores de Hessen. Heß traballou alí coas emisións de bracteadas, ás que lles dedicou algúns dos seus artigos publicados neses anos.[4]
De 1958 a 1960, Heß foi bolseiro da Fundación Alemá de Investigación na Oficina Estatal de Historia Rexional de Hessen, en Marburgo, e entre 1960 e 1964 ocupou o posto de axudante de investigación nos Institutos Culturais Municipais de Worms, principalmente no arquivo da cidade.[5]
Etapa en Marburgo
[editar | editar a fonte]En 1964 regresou a Marburgo da man do medievalista Walter Schlesinger, que lle ofreceu un posto como investigador numismático na Oficina Estatal de Estudos Históricos Rexionais, que el dirixía. Isto abriu un amplo período de estabilidade profesional para Heß, que se mantivo nesta institución ata 1980. Nesta época, os estudos documentais sobre a xeografía monetaria medieval de Hessen e o desenvolvemento da colección de moedas de Hessen foron temas centrais do seu traballo, o que se viu reflectido nas súas publicacións durante estes anos.[6]
Xa en 1965, pouco despois deste regreso a Marburgo, Wolfgang Heß asumiu tamén unha cátedra de Numismática no Departamento de Ciencias Auxiliares Históricas e Arquivística, na Facultade de Historia da Universidade Philipps, desta cidade, que viña mantendo tradicionalmente unha estreita colaboración coa Oficina Estatal de Estudos Históricos Rexionais.[7]
Durante esta etapa en Marburgo, Heß mantivo tamén contactos estreitos coa sucursal local da Asociación de Historia e Estudos Locais de Hessen.[8]
Etapa en Múnic
[editar | editar a fonte]En 1980 Wolfgang Heß reorientou a súa traxectoria profesional, ao aceptar un posto en Múnic como conservador principal —e posteriormente conservador xefe— do Departamento Medieval e Moderno da Colección Numismática Estatal de Múnic, o maior gabinete numismático de Alemaña naqueles momentos,[8] o que obrigou a involucrarse na perspectiva museística da numismática por riba de investigadora, que o ocupara ata aquel momento. O 1 de maio de 1984, logo da xubilación de Harald Buchenau, Heß pasou a ser o novo director de coleccións nesta institución, que baixo o seu mandato experimentaron unha etapa de florecemento, con importantes adquisicións e exposicións especiais, ás veces de carácter itinerante,[9] en cidades como Múnic, Salzburgo, Deggendorf ou Schongau.[10]
Durante a súa estadía en Múnic, Heß continuou coas súas publicacións, centradas nestes anos na historia monetaria da Idade Media e na Idade Moderna, a numismática bávara e os achados monetarios.[11]
Tamén nesta cidade, Wolfgang Heß continuou a súa actividade docente, como profesor de Numismática na Universidade Ludwig Maximilians, que mantivo ata 1999, cando foi substituído por Hubert Emmerig.[7]
Derradeiros anos
[editar | editar a fonte]Wolfgang Heß xubilouse do seu posto na Colección Numismática Estatal de Múnic en abril de 1991, ao facer os 65 anos. Como despedida, esta institución organizou unha exposición dedicada a unha das adquisicións máis salientables do seu mandato: unha selección de moedas procedentes do chamado "Tesouro de Barbarroxa", soterrado en 1190 na actual Turquía en relación coa Terceira Cruzada.[11]
Ao longo dunha boa parte da súa traxectoria, entre 1973 a 1991, Wolfgang Heß foi membro da Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña, inicialmente como representante do Estado de Hessen, logo como asesor da comisión numismática bávara e, finalmente, como representante do Estado Libre de Baviera e vicepresidente da Comisión.[7]
En 1993 foi profesor invitado no Instituto de Numismática da Universidade de Viena.[7]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]En 1958, Heß casou con Johanna Gotthold, a quen coñecera cando ela era axudante de investigación na Oficina Estatal de Estudos Históricos Rexionais. A parella tivo sete fillos.[5]
Wolfgang Heß pasou a súa xubilación nunha casa ao pé dos Alpes, preto de Múnic, e nela morreu a mañá do 3 de xullo de 1999, logo dunha grave doenza.[12]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1989): Cruz Federal do Mérito, con distintivo.[9]
- (1990): Premio da Sociedade de Historia Monetaria Internacional.[13]
- (1991): Medalla Kurt Regling, dos Museos Estatais de Berlín.[11]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Wolfgang Heß foi un prolífico autor de artigos sobre numismática e historia medieval publicados en diversas revistas especializadas. Esta é unha escolma dos seus traballos monográficos máis salientables da súa traxectoria:[14][15]
- (1966). Hessische Städtegründungen der Landgrafen von Thüringen. Fisher, Marburgo.
- (1972). 2000 [Zweitausend] Jahre Münzen und Geld in Hessen. Trautvetter und Fischer, Marburgo. ISBN 9783878220466
- (1982). Vom Königlichen Cabinet zur Staatssammlung 1807-1982. Staatlichen Münzsammlung München, Múnic. ISBN 9783980074407
- (1986). Vom Taler zum Dollar 1486-1986 (con D. O. A. Klose). München Staatliche Münzsammlung, Múnic. ISBN 9783980074438
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Kunz, R. (2000). Páxina 251.
- ↑ 2,0 2,1 Kunz, R. (2000). Páxina 252.
- ↑ Kunz, R. (2000). Páxina 253.
- ↑ 4,0 4,1 Kunz, R. (2000). Páxina 254.
- ↑ 5,0 5,1 Kunz, R. (2000). Páxina 255.
- ↑ Kunz, R. (2000). Páxina 256.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Kunz, R. (2000). Páxina 261.
- ↑ 8,0 8,1 Kunz, R. (2000). Páxina 257.
- ↑ 9,0 9,1 Kunz, R. (2000). Páxina 258.
- ↑ Kunz, R. (2000). Páxina 259.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Kunz, R. (2000). Páxina 260.
- ↑ Kunz, R. (2000). Páxina 262.
- ↑ "GIG-Ehrenpreisträger". Gesellschaft für Internationale Geldgeschichte -GIG-.
- ↑ "Hess, Wolfgang 1926-1999 Arquivado 14 de xullo de 2022 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
- ↑ "Hess, Wolfgang". WorldCat Identities.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kunz, R. (2000). "In memoriam Wolfgang Heß (1926-1999)". En Zeitschrift des Vereins für hessische Geschichte. Nº 105. Páxinas 251-262