Saltar ao contido

Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
 Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña
 Nome orixinal
   Numismatische Kommission der Länder in der Bundesrepublik Deutschland (de)   Editar o valor en Wikidata
Características
 Forma xurídica
Implicados
 Fundador/a
 Membro de
Datas
 Fundación / creación
1950 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Situado en
 Sede
Códigos e identificadores
VIAF125488762 Editar o valor en Wikidata
ISNI0000000122161700 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
Wikidata

A Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña (en alemán: Numismatische Kommission der Länder in der Bundesrepublik Deutschland) é unha organización científica do ámbito da numismática dos estados federais alemáns, dedicada á promoción dos estudos sobre a moeda, a historia monetaria e a medalla.[1]

A Comisión Numismática fundouse en 1950 por iniciativa da Administración cultural de Hamburgo, seguindo o modelo da Conferencia Permanente de Ministros de Cultura dos Estados da República Federal de Alemaña. Outro modelo organizativo foi o das comisións históricas que xurdiron como primeiros órganos de autoxestión científica no século XX. Procurábase, con esta comisión interestatal, a reconstrución das coleccións de moedas e a volta á operatividade das institucións de investigación numismática, que quedaran danadas e inaccesibles despois da segunda guerra mundial. O obxectivo a longo prazo era a coordinación de cuestións tan fundamentais como os rexistros de achados monetarios e o restablecemento das relacións internacionais.[2]

Durante os primeiros anos seguíronse as pautas marcadas polo profesor Walter Hävernick, director do Museo de Historia de Hamburgo e primeiro presidente da Comisión (1950-1974). O seu alumno Gert Hatz foi o continuador do seu labor como presidente da institución (1974-1993), sucedido logo por Bernd Kluge (1993-1999). Ao longo da década de 1990 asumiuse a integración dos novos estados na Comisión, como resultado da reunificación alemá, e esta foi a principal preocupación de Niklot Klüßendorf como vicepresidente. Superada esta etapa, ocuparon a presidencia Reiner Cunz (1999-2011) e finalmente Dietrich Klose, a partir dese último ano.[2]

Desde 1990, a proporción de membros da Comisión que debían ter formación numismática e con dedicación funcional nesa área foi diminuíndo en favor dos representantes vinculados á preservación de monumentos históricos.[2]

Nunha prinmeira etapa, a partir de 1952, a Comisión editou a revista mensual Numismatisches Nachrichtenblatt, que posteriormente pasou a estar editada pola Sociedade Numismática Alemá.[3]

Organización

[editar | editar a fonte]

A Comisión é unha organización de carácter federal e está constituída por representantes de cada un dos Estados, especializados en diferentes áreas da numismática e nomeados polos respectivos ministros de Cultura. O perfil dos expertos varía conforme as posibilidades e as prioridades de cada Estado, e adoitan ser directores de gabinetes numismáticos, expertos vinculados a museos, arqueólogos estatais etc. Ten unha importancia destacada o persoal vinculado aos catro gabinetes numismáticos principais de Alemaña: o Münzkabinett de Berlín, o Münzkabinett de Dresden, o Museo do Diñeiro do Deutsche Bundesbank en Frankfurt e a Colección de Moedas Estatal de Múnic.[4]

As sociedades numismáticas (Sociedade Numismática Alemá e Sociedade de Historia Monetaria Internacional) e a asociacións dos distribuidores de moedas están tamén representadas, do mesmo xeito que outros grupos de interese, con carácter consultivo.[4]

Proxectos estables

[editar | editar a fonte]
  • Achados e historia monetaria. A Comisión comezou xa na década de 1950 a confeccionar o catálogo central de achados de moedas alemás medievais e de época moderna (Münzfundkatalog Mittelalter/Neuzeit), inicialmente con arquivos escritos á máquina sobre papel e máis adiante con medios informáticos, particularmente a partir do ano 2000. A base de datos contén arredor de 200.000 rexistros, desde o ano 750 ata o século XIX.[5]
  • Fluxos de metais e de diñeiro. En conxunto con diversas institucións suecas, como a Universidade de Estocolmo, a Comisión desenvolve un proxecto de investigación comezado xa en 1950 sobre os achados de moedas alemás dos séculos X e XI na rexión do Báltico onde houbo asentamentos viquingos e eslavos, e prevé proxectos similares en países veciños do leste, sinaladamente con Polonia e con Estonia.
  • Medallística. A Comisión patrocina a Fundación de Investigación Gitta Kastner, centrada na nova medalla de arte alemá.[6]

Premio Walter-Hävernick

[editar | editar a fonte]

Un interese clave da Comisión é a promoción do talento xuvenil. Con tal fin, creou un fondo e unha fundación específica dedicados á edición de teses, memorias académicas e proxectos de investigación levados a cabo por novos talentos da numismática, e outorga tamén bolsas de viaxes para acudir ao Congreso Internacional de Numismática que se celebra cada seis anos en diferentes países do mundo.[7]

Nese contexto, a Comisión creou en 2012 o Premio Walter-Hävernick, dotado con 2.000 euros e destinado a científicos menores de 35 anos autores de teses exemplares ou outros traballos monográficos sobre calquera área da numismática, escritos en alemán, en inglés ou en francés. Á parte da dotación económica, os gañadores tamén reciben unha medalla creada en 2015 polo medallista Carsten Theumer.[8]

Estes son os gañadores desde a súa creación:[8][9]

  1. "Startseite". Sitio web da NKLBD.
  2. 1 2 3 Kunz, R. (2000).
  3. "NNB Numismatisches NachrichtenBlatt". Sitio web da DNG.
  4. 1 2 "Landesvertreter und Fachgebietsvertreter". Sitio web da NKLBD.
  5. "Fundmünzen". Sitio web da NKLBD.
  6. "Die Gitta-Kastner-Forschungsstiftung". Sitio web da NKLBD.
  7. "Nachwuchsstiftung". Sitio web da NKLBD.
  8. 1 2 "Walter-Hävernick-Preis". Sitio web da NKLBD.
  9. "Bernhard Weisser: Laudatio für Angela Berthold, Walter-Hävernick-Preis 2012". Sitio web da NKLBD.
  10. "Die Verleihung des Walter-Hävernick-Preises für Numismatik an Angela Berthold". En MünzenWoche. 10 de xaneiro de 2013.
  11. "Wienand, Johannes". En Coins Weekly. 5 de decembro de 2019.
  12. "Verleihung des Walter-Hävernick-Preises 2013". En NNB 9/13. Páxinas 1-2.
  13. "Alexa Küter erhält den Walter-Hävernick-Preises 2014". En MünzenWoche. 31 de xullo de 2014.
  14. "Walter-Hävernick-Preis 2015 an Stefan Roth verliehen". Sitio web da NKLBD.
  15. "Johannes Nollé: Laudatio zum Walter Hävernick-Preis 2016 für Simone Killen". Sitio web da NKLBD.
  16. "Johannes Hartner wird Nachfolger von Michel Alram". En MünzenWoche. 30 de xullo de 2020.
  17. "Steinbach, Sebastian". In Coins Weekly. 2 de novembro de 2016.
  18. "Walter-Hävernick-Preis 2018". Muenzen-online.com
  19. "Ein alter Münz-Schatz in der Michaelskirche: Johannes Peter untersucht Fuldaer Brakteaten". En Fuldaer Zeitung. 26 de xullo de 2020.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kunz, R. (2000). Concordia ditat. 50 Jahre Numismatische Kommission der Länder in der Bundesrepublik Deutschland. Gietl. ISBN 978-3924861377

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]