Paul Arnold
Retrato de Paul Arnold en 2020 | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de marzo de 1936 Plauen |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Alemá. |
Educación | Universidade de Jena. Universidade de Leipzig. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e arqueoloxía. |
Lugar de traballo | Dresden |
Ocupación | historiador , arqueólogo , numismático , profesor universitario |
Empregador | Gabinete Numismático de Dresden |
Lingua | Lingua alemá |
Familia | |
Cónxuxe | Gina Ulli Barbara Arnold. |
Premios
|
Hermann Paul Arnold, nado en Plauen, Saxonia, o 2 de marzo de 1936, é un numismático, arqueólogo clásico e historiador da Antigüidade alemán.
Entre 1966 e 2002 foi o director do Gabinete Numismático de Dresden.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Paul Arnold naceu en 1936 na localidade saxoa de Plauen, fillo de Luise Johanna Wiesemann (1908-1977) e do comerciante Kaufmanns Ewald Wilhelm Arnold (1892-1964).[1]
Logo de recibir a educación primaria nunha escola de Leipzig, graduouse en educación secundaria na Thomas-Oberschule da mesma cidade, en 1954. A continuación fixo estudos superiores de Arqueoloxía Clásica e de Historia Antiga na Universidade Friedrich Schiller de Jena (1954-1958), e en 1962 acadou o seu doutoramento na Universidade Karl Marx, de Leipzig, cunha tese titulada Ethnologische Darstellungen auf römischen Reichsmünzen der Kaiserzeit; Motivgeschichte und Kaiserpropaganda ("Representacións etnolóxicas nas moedas imperiais romanas; historia dos motivos e propaganda imperial"), baixo a dirección de Robert Heidenreich.[1][2][3]
Actividade académica e profesional
[editar | editar a fonte]En 1959, Arnold ingresou como asistente de investigación no Gabinete Numismático de Dresden, integrado nas Coleccións Estatais de Arte de Dresden, e en 1965 foi ascendido a asistente principal. Só un ano despois foi nomeado director interino do Gabinete e, finalmente, director titular en 1968, posto que ocupou ininterrompidamente ata a súa xubilación en 2002.[1][2][3]
Entre 1986 e 1990, Paul Arnold presidiu o comité nacional da Alemaña oriental na Federación Internacional da Medalla de Arte (FIDEM). No período 1991-1992 continuou como delegado da FIDEM na República Federal de Alemaña e entre 1992 e 2002 en condición de vicedelegado. Entre 1991 e 1992 foi tamén o delegado do Estado libre de Saxonia na Comisión Numismática dos Estados Alemáns. Así mesmo, presidiu entre 1992 e 2005 a Sociedade Numismática Alemá.[1][2]
Entre outras entidades de carácter asociativo e académico, Arnold foi membro correspondente da Sociedade Numismática Sueca (1986), da Sociedade Numismática Austríaca (1987), e das sociedades numismáticas de Berlín (1990), de Baviera (2003) e de Dresden (2011).[1][2][3]
No ámbito académico, Arnold exerceu en 1991 como profesor visitante de Numismática na Universidade de Viena, onde a partir de 1993 pasou a ocupar unha cátedra. Ese mesmo ano comezou tamén a docencia de Numismática na Universidade Técnica de Dresden. Entre 1993 e 2005 impartiu tamén esta materia na Universidade de Leipzig, a partir de 2002 como profesor honorario.[1][2][3]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1976): Premio de Arte da RDA (de xeito colectivo ao Gabinete).[1][2]
- (1980): Premio da Sociedade de Historia Monetaria Internacional.[4]
- (2011): Eligiuspreis, da Sociedade Numismática Alemá.[5][6]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Paul Arnold estivo casado coa historiadora da arte Gina Ulli Barbara Arnold (1935-2020), quen fora conservadora e directora provisional da Grünes Gewölbe, dentro das Coleccións Estatais de Arte de Dresden. O matrimonio tivo dous fillos.
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis significativos publicados por Paul Arnold ao longo da súa traxectoria:[7][8][9]
- (1967). Medaillenbildnisse der Reformationszeit. Evangelische Verlagsanstalt, Berlín.
- (1970). Großer deutscher Münzkatalog von 1800 bis heute (con H. Küthmann e D. Steinhilber). Ernst Battenberg, Múnic.
- (1971). Die Entwicklung des antiken und des deutschen Geldwesens : Führer zur ständigen Ausstellung des Dresdner Münzkabinetts (con C. Wohlfahrt). Dresden Staatl. Kunstsammlungen, Dresden.
- (1972). Catalogue of German coins; gold, silver and minor coins since 1800 (con H. Küthmann e D. Steinhilber). Sterling Pub, Nova York. ISBN 9780806960289
- (1978). Führer durch die ständige Ausstellung des Münzkabinetts. Dresden Staat. Kunstsammlungen, Dresden.
- (1978). Sächsisch-thüringische Bergbaupräge. Gewinnung und Verhüttung von Gold, Silber und Kupfer im Spiegel der Münzen und Medaillen (con W. Quellmalz). Deutscher Verlag für Grundstoffindustrie, Leipzig.
- (1991). Münzstättenbesichtigungen der sächsischen Münz- und Hüttenmeister Gustav Julius Buschick und Theodor Choulant (con G. J. Buschick). Museum für Hamburgische Geschichte - Abt. Münzkabinett, Hamburgo.
- (1992). Friedrich Wilhelm Hörnlein. 1873-1945 (con M Fischer e U. Arnold). Münzkabinett der Staatlichen Kunstsammlungen Dresden, Dresden.
- (1997). Die Orden des Königreiches Sachsen (con D. Weber e P. Keil). Graf Klenau Verlag, Offenbach. ISBN 9783936529807
- (2017). Friedrich Wilhelm Hörnlein. Nachtrag zum Werkverzeichnis (con S. Stein, eds.). Numismatischen Verein zu Dresden. ISBN 978-3-00-055953-2
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Arnold, Paul". Universität Leipzig.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Prof. Dr. phil. Paul Hermann Arnold". Professorenkatalog der Universität Leipzig.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 DN (2016).
- ↑ "GIG-Ehrenpreisträger". Ehrenpreis der Gesellschaft für Internationale Geldgeschichte –GIG–.
- ↑ "Eligiuspreis der DNG". Deutsche Numismatische Gesellschaft.
- ↑ "Eligiuspreis 2011". Deutsche Numismatische Gesellschaft.
- ↑ "Arnold, Paul 1936- Arquivado 27 de decembro de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
- ↑ "Arnold, Paul 1936-". WorldCat Identities.
- ↑ "Paul Arnold (*1936). Bibliographie seiner Schriften". www.CoinGallery.de
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Grund, R. (1996). "Paul Arnold zum 60. Geburtstag". En Dresdner Numismatische Hefte. Nº 1. Numismatischer Verein zu Dresden / Münzkabinett Dresden. Páxinas 81 e seguintes.
- Overbeck, B. (2006). "Professor Dr. Paul Arnold zum 70. Geburtstag". En Dresdner Numismatische Hefte. Nº 4. Numismatischer Verein zu Dresden / Münzkabinett Dresden. Páxinas 5 e seguintes.
- Klüßendorf, N. (2006). "Zum 70. Geburtstag von Paul Arnold". En Geldgeschichtliche Nachrichten. Nº227. Gesellschaft für Internationale Geldgeschichte gemeinnützige Forschungsgesellschaft, Frankfurt. Páxina. 79.
- Dräger, U. (2006). "Paul Arnold zum 70. Geburtstag". En Numismatisches Nachrichtenblatt. Nº 3. Deutsche Numismatische Gesellschaft. Páxina 107.
- Habel, W. (2011). "Paul Arnold". En Wer ist Wer? Das deutsche Who's Who 2011-2012. 50. Auflage, Lübeck. Páxina 29.
- DN (2016). "Festschrift 80. Geburtstag Prof. Dr. Paul Arnold". En Dresdner Numismatische. Nº 9. Numismatischer Verein zu Dresden / Münzkabinett Dresden. ISSN 1613-3447.
- Nados en 1936
- Nados en Saxonia
- Numismáticos de Alemaña
- Arqueólogos de Alemaña
- Historiadores de Alemaña
- Historiadores de Historia Antiga
- Galardoados co premio da Sociedade de Historia Monetaria Internacional
- Galardoados co Eligiuspreis
- Membros da Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña
- Alumnos da Universidade de Jena
- Alumnos da Universidade de Leipzig
- Profesores da Universidade Técnica de Dresde
- Profesores da Universidade de Leipzig
- Profesores da Universidade de Viena
- Directores de museos