Jean-Paul Divo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJean-Paul Divo
Biografía
Nacemento8 de agosto de 1937.
Morte13 de febreiro de 2014 (76 anos)
Zürich.
Datos persoais
País de nacionalidadeLuxemburgo Luxemburgués.
Actividade
Campo de traballoNumismática.
Familia
CónxuxeDiana Davis.
Françoise Page.
Premios
1997: Premio Otto Paul Wenger.


Jean-Paul Divo, nado na cidade de Luxemburgo o 8 de agosto de 1937 e finado en Zürich o 13 de febreiro de 2014, foi un numismático luxemburgués.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Jean-Paul Divo naceu en Luxemburgo o 8 de agosto de 1937. Desde a súa infancia amosou interese pola aprendizaxe de idiomas e tamén pola xeografía e a historia, sinaladamente polas moedas e as súas implicacións históricas,[1] e consultaba adoito os catálogos de poxas numismáticas de casas como Seaby e Spink, de Londres. Na Asociación Numismática de Luxemburgo tomou contacto con diversos numismáticos destacados, entre eles Raymond Weiler, con quen estableceu unha amizade de por vida.[2][3]

Comerciante numismático[editar | editar a fonte]

Logo do seu servizo militar, solicitou un traballo na distribuidora de moedas Seaby, en Londres, e foi contratado entre 1958 e 1962,[1][2] anos nos que ampliou os seus coñecementos de numismática antiga e medieval, e cultivou novas amizades.[3]

En 1963, Leo Mildenberg, fundador do departamento de numismática do Banco Leu de Zürich, ofreceulle traballo no departamento e Jean-Paul instalouse nesta cidade coa súa familia. Permaneceu no seu posto no Banco Leu ata 1977, e nel chegou a ser vicedirector do departamento de numismática. Nese mesmo ano asumiu a dirección da sucursal da casa de poxas londiniense Spink en Zúrich, e en 1995 incorporouse como socio á compañía Adolph Hess AG, que pasou a denominarse Hess-Divo.[2][3] Finalmente, en 2001 retirouse dos negocios numismáticos.[1][4]

Erudito numismático[editar | editar a fonte]

Paralelamente á súa actividade comercial, durante estes anos Jean-Paul Divo publicou numerosos libros e artigos sobre temas numismáticos,[1][3] entre os que cómpre salientar varios traballos que son referencia sobre a moeda suíza desde o século XVII, escritos xunto co numismático suízo Edwin Tobler.[2][4][5][6]

Logo da súa xubilación en 2001 continuou o seu interese pola numismática con novos estudos e publicacións, así como con outras actividades, algunhas tan destacables como o rexistro da totalidade dos fondos de moedas suízas do Gabinete de Moedas da Biblioteca Nacional de Francia, co apoio do director desta institución, Michel Amandry.[1][4]

No ámbito asociativo e académico, Jean-Paul Divo foi membro fundador da Asociación Suíza de Numismáticos Profesionais e tamén formou parte da Asociación Internacional de Numismáticos Profesionais, que presidiu entre 1997 e 2001.[1][2][7][4] Así mesmo, foi membro doutras entidades, como a Sociedade Francesa de Numismática, a Sociedade Suíza de Numismática ou a Asociación Libre de Numismáticos de Zúrich.[4]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

En 1963 casou en Zürich con Diana Davis, unha muller inglesa que coñecera durante a súa etapa en Londres, coa que tivo dúas fillas e un fillo.[3] En segundas nupcias casou con Françoise Page.[1][4]

Jean-Paul Divo finou en Zürich o 13 de febreiro de 2014.[3]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Jean-Paul Divo publicou numerosos artigos sobre numismática en diversas revistas especializadas do seu tempo. Esta é unha escolma dos seus traballos monográficos máis representativos.[5][9][10][11]

  • (1966). Die Taler der Schweiz. Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
  • (1967). Die Münzen der Schweiz im 19. und 20. Jahrhundert. Helvetische Republik. Kantonale Münzen. Bundesmünzen (con E. Tobler). Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
  • (1969). Modern Greek coins, 1828-1968. Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
  • (1971). Die neueren Münzen der Schweiz und des Fürstentums Liechtenstein 1850-1970. Kricheldorf, Friburgo.
  • (1974). Die Münzen der Schweiz im 18. Jahrhundert (con B. Schneider e E. Tobler). Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
  • (1979). Die deutschen Goldmünzen von 1800-1872 (con H-J. Schramm). Schulten, Frankfurt. ISBN 9783921302224
  • (1985). Schweizer Proben. Eine Zusammenstellung der offiziellen Proben zu den Bundesmünzen seit dem Jahre 1850. Numis Post, Bad Ragaz.
  • (1987). Die Münzen der Schweiz im 17. Jahrhundert (con E. Tobler). Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
  • (1998). Münzkatalog Schweiz 1850-1997. Kursmünzen, Schützentaler, Gedenkprägungen. Numis Post, Bad Ragaz. ISBN 9783952150313
  • (2000). Die Münzen und Medaillen der Fürsten von Liechtenstein. Hess-Divo, Zürich. ISBN 9783905501520

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Amandry, M. (2014) Arquivado 12 de maio de 2022 en Wayback Machine..
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Neumann-Lysloff, L. (2014).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Von Roten, H. (2014). Páxina 58.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Von Roten, H. (2014). Páxina 59.
  5. 5,0 5,1 Zäch, B. (2014). Páxinas 60-62.
  6. Véxase (1967), (1974) e (1987) en "Publicacións".
  7. "Jean-Paul Divo, 1937-2014". En The E-Sylum. Vol. 17. Nº 8. 23 de febreiro de 2014,
  8. "Otto Paul Wenger-Preis". Numis Post (www.numis-online-ch).
  9. "Divo, Jean-Paul 1937-2014 Arquivado 08 de xullo de 2022 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
  10. "Divo, Jean-Paul". WorldCat Identities.
  11. "Jean-Paul Divo (1937-2014). Bibliographie". Coingallery.de

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]