Agarrados: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Cossue (conversa | contribucións)
Nova páxina: "{{En uso}}miniatura Os '''agarrados''' son bailes efectuados por parellas de bailadores nos que existe contacto físico entre eles. De orixe est..."
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 16 de abril de 2021 ás 10:10

Os agarrados son bailes efectuados por parellas de bailadores nos que existe contacto físico entre eles. De orixe estranxeira, foron asimilados e adaptados ao xeito galego dando lugar a variantes propias.

Orixe

Carme, Carmiña, Carmela

non bailes o agarrado,

que predicou o cura

que era moito pecado.

—Cantiga popular

A finais do século XVIII, a consecuencia das mudanzas sociais propiciadas pola Revolución Francesa, as cortes europeas comezaron a abandonar os ríxidos bailes soltos cortesáns. Apareceron entón bailes de orixe popular e estruturas máis sinxelas, cuxa característica principal era ser realizados por parellas entrelazadas. Malia a inicial oposición da nobreza, a causa da súa humilde orixe, e do clero, que vía neles un relaxamento da moralidade cristiá, estes bailes triunfaron plenamente e foron difundíndose por toda Europa ao longo do século XIX.[1]

Chegada a Galiza

O bailes agarrados foron tamén introducíndose en Galiza no século XIX, ora polos movementos poboacionais (segas en Castela, servizo militar, emigración), ora pola imitación nos estamentos sociais máis elevados das tendencias europeas.[2] Na súa chegada a Galiza, estes bailes foráneos foron adaptados aos nosos usos e costumes, ao tempo que se adaptaban tamén os instrumentos tradicionais. Introducíndose novos instrumentos (saxo, clarinete, acordeón) e novas agrupacións musicais (charangas, bandas de músia) [3].

Estes bailes, que permitían as parellas bailar entrelazadas, atoparon en Galiza a oposición dos defensores da pureza dos bailes galegos tradicionais[4] e da igrexa católica para a quen o agarrado era unha incitación á luxuria. A principios do século XX o clero negábase a confesa-los fregueses que bailaban o valse ou a polca.[5] Esta oposición do clero intensificouse após da guerra civil española, precisamente cando da man da radio intensificábase a chegada de bailes novidosos.[6] Daquela, prohibíronse de facto as festas populares[7], e mesmo o cardeal Pedro Segura y Sáenz chegou ao extremo de excomungar os boleros.[8]

Para evitar as prohibicións creáronse xogos con baile solto que incluían partes de agarrado, de xeito que aos poucos os bailes fóronse adaptando ao xeito do pais dando mesmo variantes mesturadas propiamente galegas. Nos seráns e foliadas tradicionais, cada rolda de bailes encadeados (festa) levaba primeiro dous bailes soltos (muiñeira e xota) e despois varios agarrados.[9]

Tipos

Baile agarrado a comezos do século XX.

Os bailes agarrados chegados a Galiza poden ser clasificados clasificarse en dous grupos segundo a súa orixe[9][10]:

Importados:

  • Polca (tamén chamada Danza): Orixinada en Bohemia, bailase nun compás binario e frecuentemente en formación circular de existiren varias parellas de bailadores.
  • Mazurca (denominada tamén "tres saltos"): Procedente de Mazovia (Polonia), é de compás ternario e bailase con dous pasos de marcha e un salto.
  • Pasodobre: Orixinado nas marchas militares españolas do século XVIII.
  • Rumba: Nada en Cuba, introduciuse na música galega co retorno da emigración á illa a comezos do século XX.

Mesturados cos tradicionais:

  • Charrasquiño: Variante do valse que se acompaña coas pandeiretas. As cantareiras determinan as evolucións dos bailadores.
  • Chiqui-Chiqui: Variante rápida do pasodobre propia das comarcas do sur de Pontevedra.
  • Muiñeira corrida: Baile que mestura o pasodobre, parte principal da melodía ou canto, coa muiñeira, que se toca no retrouso a paso de "galope".
  • Esperabán: semellante á muiñeira corrida, cun desprazamento lateral nas partes de muiñeira.

Notas

  1. Martínez San Martín (1998). pp.128-129
  2. Mártinez San Martín (1998). p.125
  3. Martínez San Martín (1998). p.129
  4. Castro, Xavier (2020-08-02). "Bailar agarradiños ¡e viva o tango!". Diario de Pontevedra. Consultado o 2021-04-16. 
  5. Quintiá, Rafael (2010-07-04). "O baile agarrado". Á Sombra de Bouza Panda. Consultado o 2021-04-16. 
  6. Os Chichisos. Grupo de música tradicional e asociación cultural (2012-08-22). "Foliada do Demo. “Revivindo o espírito das vellas verbenas”". chichisos.wordpress.com/. Consultado o 2021-04-16. 
  7. Calvo Varela, Carlos. "A conspiração dos corpos críticos". Nós Diario. Consultado o 2021-04-16. 
  8. Giráldez, Diego (2013-09-20). "Sobaco patrio". Praza Pública. Consultado o 2021-04-16. 
  9. 9,0 9,1 Portela Gómez-Macías, Ignacio (2018). "A nosa música: achegándonos á tradición". Eduga. Revista galega do ensino (76). 
  10. Martínez San Martin (1998). pp.129-130

Véxase tamén

Bibliografía