Saltar ao contido

Briallos, Portas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Briallos
Peto de ánimas
ConcelloPortas[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°33′07″N 8°38′19″O / 42.55194444, -8.63861111
Poboación422 hab. (2010)
Entidades de poboación16[1]
editar datos en Wikidata ]

San Cristovo de Briallos é unha parroquia que se localiza no concello de Portas. Segundo o INE en 2010 tiña 422 habitantes (227 mulleres e 195 homes), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 473 habitantes.

Ten unha extensión de 3,7 km², o que a converten na parroquia máis pequena de Portas. Até a creación dos concellos coa División territorial de España en 1833, pertenceu á xurisdición de Peñaflor.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

A igrexa parroquial de San Cristovo foi reconstruída en 1727. O 12 de abril do ano 2016 un raio impactou contra a espadana do campanario causando cuantiosos danos na estrutura do mesmo[2]. No interior do templo son interesantes os retablos do século XVIII.

A ermida de San Roque está situada no lugar de Castro. Nela celébranse as festas de San Roque e Nosa Señora de Lourdes.

Nas proximidades da estrada N-550 hai un cruceiro e un peto de ánimas, que ten unha talla e unha inscrición co texto Polas ánimas do purgatorio. Reformado por herdeiros de Manuel Herosa e familia ano de 1.898. Hai outros dous cruceiros en Outeiriño e outro na Bouza de San Blas.

O Camiño portugués, ó saír de Coruto, intérnase na parroquia de Briallos onde o concello posúe un albergue de peregrinos.

A festa de máis sona nesta parroquia é a romaxe de San Brais que se celebra o 3 de febreiro. Celébranse misas durante todo o día nas que os devotos do Santo unxen a gorxa con aceite bendito. Ao finalizar cada acto litúrxico os asistentes mercan os tradicionais fanchucos benditos de San Brais.

O Rosario da Aurora celébrase o último sábado de maio na honra da Virxe Inmaculada. Sae en procesión Nosa Señora pasando polos distintos puntos dunha parte de Briallos, unha procesión longa na que se fan paradas en todos os lugares. A continuación celébrase unha misa cantada.

A festa de San Roque e A Nosa Señora de Lourdes celébrase na capela de San Roque a primeira fin de semana de setembro, o sábado na honra de San Roque e o Domingo na honra da Virxe de Lourdes.

En xullo celébranse as festas patronais na honra da Virxe do Carme, A Nosa Señora do Perpetuo Socorro, San Cristovo (patrón) e o Santísimo Sacramento. No día de San Cristovo as persoas adornan os seus vehículos para saír en procesión detrás do camión que porta a imaxe do Santo, o día seguinte, celébrase o Santísimo, con grandes alfombras florais que ocupan a estrada dende o adro da igrexa ata o cruceiro de pedra que se encontra na bouza de San Brais.

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Briallos

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Briallos no concello de Portas (Pontevedra)

Barosa | Bouza | O Castro | Cima de Vila | A Coita | O Cruceiro | A Igrexa | A Maquieira | Os Margaridos | O Monte | O Outeiriño | Penalta | Piñeiro | O Porto | San Roque | O Souto

Parroquias de Portas

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Portas

Briallos (San Cristovo) | Lantaño (San Pedro) | Portas (Santa María) | Romai (San Xián)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]