Ciencias exactas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Baixo a denominación de ciencias exactas inclúense a matemática e todas aquelas ciencias que, malia sosterse na experimentación e observación, se poden sistematizar expresando os seus desenvolvementos con obxectividade e servíndose, ás veces, da linguaxe e o rigor matemático. As ciencias exactas admiten predicións especialmente precisas e métodos rigorosos para comprobar as hipóteses formuladas, ben sexa mediante deducións ou razoamentos irrefutables, ou ben a través de experimentos repetibles nos que as medidas e as predicións sexan cuantificables obxectivamente.

Este termo implica unha dicotomía entre as ciencias exactas e as chamadas ciencias humanas como por exemplo a socioloxía e a economía. Nestoutras ciencias a experimentación e a predición non xogan papeis tan relevantes, e non producen, nin procuran normalmente producir, resultados que sexan calculables dun xeito obxectivo, senón que encerran certo grao de subxectividade.

Outros nomes cun uso parecido ao de ciencias exactas son o de ciencias duras, ciencias puras, ou ciencias fundamentais.

Como exemplos clásicos de ciencias exactas teriamos a matemática, a física, a xeoloxía, a química, e certas ramas da bioloxía. Hoxe en día a denominación destas ciencias co nome de ciencias exactas está en desuso por varios motivos. Por unha banda a presenza de métodos aproximados coma por exemplo os estatísticos ou afirmacións baseadas na probabilidade é frecuente na actualidade en case que tódalas ciencias exactas, así como en numerosas ciencias humanas.

Por outra banda os traballos de modernos historiadores da ciencia coma Thomas Kuhn, ou sociólogos do coñecemento científico coma os relacionados co Programa Forte, acurtan as diferenzas entre ciencias exactas e non exactas ao afirmar que no establecemento da veracidade dunha teoría teñen un influxo especial factores subxectivos coma o contexto social ou intereses persoais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]