Philip N. Diehl

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPhilip N. Diehl
Biografía
Nacemento11 de xuño de 1951 Editar o valor em Wikidata (72 anos)
Dallas, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstadounidense
EducaciónAustin College.
Universidade de Texas en Austin.
Universidade Stanford.
Actividade
OcupaciónEmpresario e director da US Mint.
Partido políticoPartido Demócrata Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata

Facebook: philip.diehl.54 LinkedIn: philip-n-diehl-96621414 Editar o valor em Wikidata

Philip Noel Diehl, nado en Dallas, Texas, o 11 de xuño de 1951, é un home de negocios e antigo asesor de política monetaria, que ocupou o posto de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos entre os anos 1994 e 2000.

Ao longo da súa carreira foi analista dos mercados de metais preciosos e foi membro dos consellos de administración de diversas empresas e dos consellos de dirección de entidades como o Consello da Industria de Bens Tanxibles, a Coalición por unha Regulación e Fiscalidade Equitativas ou o Comité de Acción Política para o Ouro e a Prata.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Diehl Naceu en Dallas, Texas, o 11 de xuño de 1951,[1] fillo de Wandah Marguerite Findley e de Will A. Diehl, un piloto militar condecorado na segunda guerra mundial.

Logo de cursar o seu ensino secundario na Lubbock High School, en Lubbock, Texas,[2] realizou os seus estudos superiores no Austin College[1] (1969-1973), de Austin, onde participou activamente nas actividades políticas do campus. Posteriormente cursou un mestrado en Administración Pública na Universidade de Texas en Austin (1975-1976) e acadou unha bolsa de posgrao en Ciencias Políticas na Universidade Stanford (1976-1978).[3][4]

Inicio da súa carreira[editar | editar a fonte]

A vinculación de Diehl co Partido Demócrata dos EEUU comezou na súa época de estudante, cando traballou na campaña de reelección do senador Ralph Yarborough. En 1973 colaborou tamén na primeira campaña de Bob Bullock para interventor de contas públicas de Texas. Cando Diehl regresou a Austin logo dos seus estudos en Stanford, traballou para Bullock como analista na Oficina do Interventor de Texas (1981-1985). Máis tarde traballou tamén como axudante doutros cargos públicos e foi director de regulación telefónica na Comisión de Servizos Públicos de Texas (1985-1988),[1] nunha época de importantes cambios na regulación dos servizos públicos de telecomunicacións, caracterizada ademais pola accesibilidade a estes servizos por parte das persoas desfavorecidas economicamente e con problemas de audición.

En 1988, Diehl incorporouse á compañía de Dallas International Telecharge como vicepresidente de asuntos normativos, cargo que exerceu ata 1991.[1]

En xaneiro de 1991, Diehl foi nomeado director lexislativo do senador demócrata por Texas Lloyd Bentsen no Tesouro (1991-1993),[1] e en setembro do ano seguinte o senador ascendeuno a director de persoal da Comisión de Finanzas do Senado.[5] O primeiro día da lexislatura de Bill Clinton como presidente trasladouse ao Departamento do Tesouro para ocupar o posto de xefe de gabinete de Bentsen como novo secretario do Tesouro, e tamén o de xefe de persoal do departamento.[6][7]

Director da US Mint[editar | editar a fonte]

Philip N. Diehl ingresou na US Mint o 13 de agosto de 1993 co cargo de director executivo e en xuño do ano seguinte foi nomeado polo presidente Bill Clinton como novo director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, cargo que exerceu ata o 26 de marzo de 2000.[1][7][8]

Na súa etapa de dirección da ceca pública, Diehl acometeu unha reforma radical da institución. Entre outras cousas, convenceu o Congreso para que eximise a Casa da Moeda de todas as normas de contratación e das asignacións anuais; tamén suprimiu nove dos dez postos de patrocinio político e resolveu antigas deficiencias de xestión financeira da institución.[9][10] Diehl tamén foi quen de convencer o Congreso para que se reformase o programa de emisións conmemorativas da Casa da Moeda e supervisou o lanzamento do sitio de Internet para a comercialización destas moedas, que resultou moi exitoso.[11][12]

En 1998, unha iniciativa de servizo á clientela que Diehl puxo en marcha durante catro anos culminou coa obtención por parte da Casa da Moeda da segunda mellor puntuación en satisfacción da clientela no índice da Escola de Negocios da Universidade de Míchigan,[11] só por detrás de Mercedes Benz, e Diehl foi nomeado polo vicepresidente Gore para dirixir unha iniciativa similar a escala gobernamental.[13]

Traballando co representante republicano Michael Castle, Diehl foi quen de superar a oposición do Departamento do Tesouro para crear o programa de moedas dun cuarto de dólar dos 50 estados, e supervisou o seu lanzamento.[7][11] Así mesmo, negociou acordos coas compañías Walmart e General Mills que conduciron ao éxito do lanzamento do dólar Sacagawea,[14] aínda que este acordo se esvaeceu máis tarde.[15]

Outro dos éxitos de Diehl á fronte da Casa da Moeda foi a promoción dunha lei, xunto co representante Castle, que autorizaba a emisión dunha moeda de investimento de platino,[7] coñecida como American Platinum Eagle. Aos seis meses do seu lanzamento, esta moeda alcanzara unha cota do 80 % do mercado mundial de moedas de investimento de platino.[16]

Durante a súa etapa como director, a Casa da Moeda dos Estados Unidos incrementou os seus beneficios desde os 727 millóns de dólares ata os 2.600 millóns.[11]

Anos despois da súa marcha da Casa da Moeda, en xaneiro de 2013, a lei da moeda de platino recibiu unha ampla atención dos medios cando o economista e Premio Nobel Paul Krugman, e o profesor de Dereito Constitucional de Harvard Laurence Tribe apoiaron unha proposta para utilizar esta para a cuñaxe dunha moeda dun billón de dólares (en inglés: trillion-dollar coin) nese metal. A idea propúxose como un xeito de neutralizar as ameazas republicanas de bloquear un aumento do teito de débeda legal, provocando así o impagamento da débeda do país. Diehl foi amplamente citado nos medios de comunicación como experto na cuestión, desacreditando as críticas á proposta e á súa legalidade e constitucionalidade, consonte a Lei da Moeda dos Estados Unidos.[17][18][19] A idea da creación desta moeda foi rexeitada finalmente tanto pola Reserva Federal como polo Tesouro.[16][20]

Carreira posterior[editar | editar a fonte]

Logo de cesar no seu posto na Casa da Moeda, Diehl pasou a dedicarse aos negocios privados. Foi nomeado presidente de Zales.com, unha plataforma en liña de comercio retallista de xoiaría, con base en Dallas, e ao mesmo tempo presidente de Zale Corporation.[1] Logo da crise das empresas en liña, regresou a Washington para se incorporar á compañía internacional de relacións públicas Fleishman-Hillard como presidente do seu departamento de relacións gobernamentais.

Posteriormente, Diehl dedicouse á consultoría de empresas do sector dos metais preciosos e traballou como analista dos mercados do ouro; as súas análises apareceron publicadas en medios como o The Wall Street Journal[21] e o Institutional Investor.[22] En 1994 accedeu á presidencia da compañía U.S. Money Reserve, en Austin, e do Consello da Industria de Bens Tanxibles (ICTA) en 2016,[7] así como ao consello de dirección da Coalición por unha Regulación e Fiscalidade Equitativas CERT), e foi un dos fundadores do Comité de Acción Política para o Ouro e a Prata.[4]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Diehl foi recoñecido polo Advertising Age como un dos 100 mellores empresarios en mercadotecnia.[23] Entre outros galardóns, recibiu tamén o Premio ao Liderado Executivo Gobernamental outorgado pola Sociedade Americana de Administración Pública;[24] o Premio do Día de San Xosé do Instituto de Fe e Política, polo seu liderado baseado en valores; a Medalla do Tesouro ao Servizo Público Destacado, etc. O Austin College outorgoulle en 1997 o seu recoñecemento como "alumno destacado".[25]

En 1996, a American Numismatic Association concedeulle o seu Premio ao Servizo Gobernamental Destacado.[1][26]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Philip Noel Diehl casou con Jacquita Pearson, con quen tivo dous fillos.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Smith, P. (2012). Páxina 101.
  2. "Lubbock High School: LHS Class of 1969". Secureserver.classquest.com
  3. "Philip Diehl". Facebook.com
  4. 4,0 4,1 "Philip N. Diehl". Likedin.com
  5. Greenhouse, S. (1993). "Resignations at Treasury Raise the Question Is Bentsen Next". En The New York Times. 25 de agosto.
  6. Greenhouse, S. (1993). "The Treasury Department; Bentsen Remembers Way Around the Hill". En The New York Times. 12 de abril.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 "Meet former U.S. Mint director Philip N. Diehl... Arquivado 18 de maio de 2021 en Wayback Machine.". National Coin & Bullion Assoc.
  8. "Former Directors of the United States Mint". United States Mint.
  9. "Implementation of the United States Mint". United States Mint. Decembro de 2000.
  10. "Change Agents: Mint Condition". Fast Company. 30 de novembro de 1999.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Hildebrand, C. (1999). "The New Realm of the Coin". Cio.com.au
  12. Say, P. (2000). "The Best E-Business No One Has Heard Of". En ClockZ.com. 13 de novembro.
  13. Lueck, S. (1999). "Customer Satisfaction: Survey Measures Satisfaction With Federal Services". En The Wall Street Journal. 13 de decembro. Páxina A2.
  14. Sanders, M. (2006). "Modern Dollar Coins". En The Numismatist. Marzo. Páxinas 114-115.
  15. Almer, E. (2000). "Five Questions: for Philip N. Dehl; Putting a Shine on a Dollar That Jingles in Your Pocket". En The New York Times. 30 de xaneiro.
  16. 16,0 16,1 Pillifant, R. (2013). "A trillion-dollar-coin idea takes off, and a former head of the UsS. Mint doesn't see why ir shouldn't". En Capital. 4 de xaneiro.
  17. Hlein, E. (2013). "Former head of U.S. Mint: The platinum coin option would work". En The Washington Post. 8 de xaneiro.
  18. Weisenthal, J. (2013). "The Former US Mint Director Behind The Controversial Law Explains Why A Platinum Coin Could Avoid A Major Crisis". En Insider. 8 de xaneiro.
  19. Blaine, C. (2013). "Could a $1 trillion coin fix the national debt?". MSN Money. 7 de xaneiro.
  20. Morath, E.; Wessel, D. (2013). "Treasury Won't Mint Platinum Coin to Avoid Debt Ceiling". En Wall Street Journal. 12 de xaneiro.
  21. Diehl, P. N. (2013). "China Turns to Gold. Greater risk of instability can only increase the precious metal's luster". En The Wall Street Journal. 13 de agosto.
  22. Diehl. P. N. (2013). "Wall Street Waits on Washington". En Institutional Investor. 3 de outubro.
  23. "The Marketing 100: 50 states Quarters Philip N. Diehl". Adage.com. 26 de xuño de 2000.
  24. "Program Ideas - National Capital Area Chapter (NCAC), Washington, DC". En PAL. The American Society for Public Administration. Abril de 2000
  25. "Alumni & Volunteer Award Recipients". Austin College.
  26. "American Numismatic Association Past Award Recipients". American Numismatic Association.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
David J. Ryder

Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1994-2000
Sucesor:
Jay W. Johnson