Nós-Unidade Popular
Nós-Unidade Popular | |
---|---|
Partido político de Galiza | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Carlos Morais |
Mocidades | Briga |
Historia | |
Fundación | 2001 |
Disolución | 2015 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Independentismo galego Esquerda Marxismo Reintegracionismo Feminismo Internacionalismo[1] |
Representación | |
Representación | Non ten representación |
Outros datos | |
Sede | Santiago de Compostela |
Publicación | Voz Própria |
Na rede | |
www.nosgaliza.org | |
NÓS-Unidade Popular foi unha organización política galega, de filiación individual, que admitía a dupla militancia e se posicionaba nos parámetros da esquerda independentista, revolucionaria, antipatriarcal e defensora do galego como lingua nacional de Galiza, defendendo a unidade lingüística galego-portuguesa (reintegracionismo).
Historia
[editar | editar a fonte]Formouse en 2001 pola unión de organizacións independentistas de carácter comarcal, incluíndo militantes da organización comunista Primeira Linha. A súa asemblea fundacional (en 2001, que culminou o chamado Processo Espiral), celebrouse en Santiago de Compostela, capital de Galiza. A segunda (2003) foi na Coruña e a terceira (2005) en Ferrol.
Este partido publica a revista política Voz Própria, de carácter cuadrimestral.
No ano 2004 presentouse ás eleccións ao Parlamento Europeo, e obtivo 1.331 votos en Galiza (0,12%) (2.516 votos en toda España) e nas eleccións autonómicas de 2005 obtivo 1.749 votos (0,12%).
De entre as súas campañas, destacan as que periodicamente reivindican a autodeterminación nacional de Galiza, a integridade territorial do país (incluídas as comarcas limítrofes so administración asturiana e castelá que non inclúe o actual Estatuto de Autonomía), a eliminación da simboloxía franquista e a memoria dos milleiros de vítimas que a ditadura deixou en Galiza, alén das de carácter socio-laboral. A súa filiación participa activamente nos principais movementos sociais galegos (feminista, sindical, cultural etc).
Nas eleccións autonómicas de 2009 presentou unha candidatura encabezada por mulleres en todas as circunscricións[2] e a proposta de que o galego se convertese en única lingua oficial de Galiza.[3] Nelas, conseguiu 1.471 votos (0,09%), perdendo votos ao igual que o conxunto da esquerda nacionalista, conseguindo o PPdeG a maioría absoluta que perdera no 2005. Nas eleccións municipais do 2011 as candidaturas relacionadas con Nós-UP acadaron 1.518 votos[4]. Non se presentou ás eleccións galegas do 2012.
Asembleas Nacionais
[editar | editar a fonte]A chamada Assembleia Nacional Constituinte tivo lugar en Santiago de Compostela os días 2 e 3 de xuño do ano 2001 baixo o nome "Construindo o novo independentismo", e nela recoñeceuse "a enorme experiência acumulada em todos e cada um dos intentos de construir umha alternativa revolucionária para a Galiza" e a necesidade de construír "força social para a libertação nacional", identificando explicitamente o independentismo galego como "um projecto de esquerda". Definiuse a admisión da dobre militancia e o respecto pola pluralidade interna como valor a promover e defender na construción do novo independentismo galego.
A II Assembleia Nacional celebrouse na cidade da Coruña os días 21 e 22 de xuño do 2003 e foi convocada baixo o lema "Um futuro independentista para a Galiza". Nela definiuse con precisión o obxectivo da "libertação nacional e social de género" como identidade de Nós-Unidade Popular, así como os ámbitos concretos nos que alongar a presenza e o traballo da organización, tales como os locais sociais na defensa da cultura e lingua galega, o ámbito feminista, a comunicación social (promoción e lanzamento de medios propios), o traballo sindical e o ambiental.
A III Assembleia Nacional de NÓS-Unidade Popular celebrouse na cidade de Ferrol os días 2 e 3 de xullo do 2005, quedando marcada polo abandono do sector ligado á entidade xuvenil Assembleia da Mocidade Independentista (AMI). Definiuse a oposición ao autonomismo, situando a necesidade de constituír un amplo espazo social autodeterminista para facer fronte ás pretensións oficiais de reformar o Estatuto de Autonomía de Galiza sen incluír ningunha referencia aos dereitos nacionais de Galiza. O posicionamento contrario a Constitución Europea e en defensa dos dereitos lingüísticos completaron os debates.
A IV Assembleia Nacional tivo lugar no Concello de Teo o 1 de decembro do 2007. Nel avaliouse a nova etapa política, marcada pola entrada do PSdeG e o BNG en coalición no poder galego, polo que Nós-Unidade Popular considerou a "necessidade de articular uma oposição nacional e de esquerda".
A V Assembleia Nacional descorreu na cidade de Vigo en decembro do ano 2009, servindo para redefinir os parámetros de actuación no seo do independentismo de esquerda, marcado en Galiza pola fragmentación. Na cidade olívica acordouse tamén relanzar o seu perfil propio como xeito de fortalecer o carácter de clase e feminista da esquerda independentista, e ante a evidencia de que non habería avances significativos na unidade da esquerda independentista nun futuro inmediato[5].
Ata o 2010, Nós-Unidade Popular integrou, xunto con outros sectores da esquerda nacional galega, espazos de articulación autodeterminista. Primeiro foi en torno ás chamadas Bases Democráticas Galegas, e posteriormente á plataforma suprapartidaria Causa Galiza, onde se integraron as Bases Democráticas Galegas e onde participa militancia dalgunhas correntes soberanistas galegas. Non obstante no ano 2011 Nós-Unidade Popular abandonouna formalmente, convocando ese mesmo ano en solitario unha manifestación independentista co gallo do Día da Patria Galega.[6]
O 25 de xuño de 2015, a organización anunciou a súa disolución logo de considerar "esgotado" o seu ciclo político na asemblea nacional extraordinaria do 20 de xuño.[7]
Resultados electorais
[editar | editar a fonte]Eleccións europeas
[editar | editar a fonte]Elección | Votos | Porcentaxe | Eurodeputados |
---|---|---|---|
2004 | 1331 | 0,12% | 0 |
2009[a] | 3460 | 0,31% | 0 |
Eleccións de Galicia
[editar | editar a fonte]Elección | Votos | Porcentaxe | Deputados |
---|---|---|---|
2005 | 1749 | 0,10% | 0 |
2009 | 1510 | 0,09% | 0 |
Eleccións municipais
[editar | editar a fonte]Ano | Votos | Porcentaxe | Concelleiros |
---|---|---|---|
2007[b] | 558 | 0.03% | 0 |
2011[c] | 1184 | 0,08 | 0 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ http://nosgaliza.org/prova2/?p=2155[Ligazón morta]
- ↑ "Nós-UP achega programa e unha candidatura encabezada por catro mulleres". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 07 de marzo de 2016.
- ↑ NOS-UP: O castelán non debera ser lingua oficial en Galiza
- ↑ "5.169 votos para as onze candidaturas independentistas". 22 de maio de 2011. Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2013. Consultado o 25 de xuño de 2018.
- ↑ Dispoñibles os textos da V Assembleia Nacional de NÓS-Unidade Popular
- ↑ "Alberte Moço, portavoz de NÓS-UP: Continuamos a apostar por verdadeiras dinámicas unitarias". diarioliberdade.org. Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2020. Consultado o 2020-04-06.
- ↑ A, D (25 de xuño de 2015). "Nós-UP anuncia a súa disolución". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2015. Consultado o 25 de xuño de 2015.
- ↑ Con Iniciativa Internacionalista.
- ↑ Resultados das listas Ponte Areias de Esquerda en Ponteareas, que obtivo 159 votos (1,25%), Alternativa de Mugardos en Mugardos, que gañou 87 (2,48%) votos e Vigo na Esquerda en Vigo que obtivo 312 (0,21%) votos.
- ↑ Resultados das listas Salvaterra de Esquerda en Salvaterra de Miño que obtivo 98 votos (1,75%), Ponte Areias de Esquerda en Ponteareas que obttivo 158 (1,30%) votos, Porrinho de Esquerdas n'O Porriñoque conseguiu 175 (1,65%) votos, Ames na Esquerda en Ames que gañou 467 (3,54%) votos, Mugardos na Esquerda en Mugardos que obtivo 128 (3,98%) votos e Alternativa de Esquerdas de Minho en Miño que conseguiu 158 (4,62%) votos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nós-Unidade Popular |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Páxina web de Nós-Unidade Popular". Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2009. Consultado o 25 de xuño de 2018.