Iniciativa Internacionalista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Iniciativa Internacionalista (II)
Coalición electoral de España1
Dirixentes e organización
LíderAlfonso Sastre
Doris Benegas
MocidadesNon ten
Historia
Fundación2009
Posicións políticas
IdeoloxíaInternacionalismo
Comunismo
Independentismo (parte)
Outros datos
SedeNon ten
PublicaciónNon ten
Na rede
www.iniciativainternacionalista.org
1 Integrada por IzCa, FPG, Comuner@s, Cucha Independentista, LI, Corriente Roja e Iniciativa Comunista

Iniciativa Internacionalista - A Solidariedade entre os Pobos, ou simplemente Iniciativa Internacionalista (II) foi unha das candidaturas que se presentaron[1] ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2009 en España. O eixo do seu discurso era a defensa do dereito de autodeterminación e dun modelo económico socialista. A lista estivo encabezada polo dramaturgo Alfonso Sastre, próximo á esquerda abertzale, e outros membros da mesma foron a avogada Doris Benegas (Izquierda Castellana), o escritor e político Xosé Luís Méndez Ferrín (Fronte Popular Galega) e a dirixente de Corriente Roja Ángeles Maestro[1].

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Os eixos básicos do seu programa consisten[2] en:

  1. Xustiza social, avogando por que a crise económica a paguen os banqueiros e millonarios, e defendendo un modelo económico non capitalista.
  2. Defensa dos dereitos humanos e liberdades civís que consideran non respectados en España, e da soberanía nacional dos diferentes pobos do estado.
  3. Loita contra a discriminación de xénero.
  4. Dereito de autodeterminación.
  5. Loita contra a estrutura económica actual da Unión Europea.

Membros e apoios[editar | editar a fonte]

As organizacións que se integran nesta candidatura son: as xa citadas Izquierda Castellana[3], Fronte Popular Galega[4] e Corriente Roja[5]; Cucha Independentista Aragonesa[6], Comuner@s, Lucha Internacionalista[7] e Iniciativa Comunista.

Ademais, na lista están presentes persoas como Josep Garganté Closa, da CGT; Juan Ignacio Orengo, de Comisiones Obreras e Antonio Sardá Artiles, de Confederación Intersindical Canaria, entre outros. Outros que non están na lista pero participan nas roldas de prensa de II-SP son Carlo Fabretti, escritor; Luis Ocampo, de Corriente Roja e Alfonso Araque.

Outras formacións, como Jaleo!!!, Endavant ou Nós-Unidade Popular, tamén apoiaron esta candidatura malia non participaren nela. Ademais, o antigo voceiro de Batasuna, Arnaldo Otegi, pediu publicamente o voto para a lista[8], xa que recollía os criterios da esquerda abertzale de cambio social, autodeterminación e final dialogado da violencia. Porén, precisou que non era a súa lista, senón que tan só estaba de acordo cos principios da mesma.

Presentación da candidatura en Barcelona.

Membros da lista[editar | editar a fonte]

  1. Alfonso Sastre, ex candidato de Herri Batasuna e Acción Nacionalista Vasca
  2. Doris Benegas, de Izquierda Castellana
  3. Josep Garganté Closa, da Confederación General del Trabajo de Cataluña
  4. Zésar Corella, da Cucha Independentista Aragonesa
  5. Ángeles Maestro, de Corriente Roja
  6. Xosé Luís Méndez Ferrín, da Frente Popular Galega
  7. Juan Ignacio Orengo, de Corriente Roja
  8. Antonio Sardá Artiles, da Confederación Intersindical Canaria
  9. Gloria Pérez Berrocal, de CSCA (Comité de Solidaridad con la Causa Árabe
  10. Alicia Pérez Herranz, actriz
  11. Antonio Nicolás Maira Rodríguez, director de Rebelión.org
  12. Jaime Losada Badía, dramaturgo
  13. Concepción Bosch Riera, foi nas listas de Barcelona per l'Autodetarminació (BxA) - Federació d'Independents de Catalunya (FIC) nas municipais de 2007 no concello de Barcelona.
  14. Celia Camps Pérez
  15. David Pérez Ramos
  16. Xan Andrés Carballo Rodríguez, secretario de Acción Sindical da Confederación Intersindical Galega. Foi candidato ao Senado no 2004 e ao Parlamento de Galicia no 2005 pola Frente Popular Galega
  17. Mustafa Bachir Mohamed, vocal de inmigración da Asociación de veciños de Puente de Vallecas (Madrid)
  18. Adrián Ruiz Ibáñez, de Cucha Independentista Aragonesa.
  19. Guillerma Silva Díaz, representante de CCOO no sector da automoción. Membro do comité de empresa de Magneti Marelli Electrónica SL dende 1989. Foi candidata da coalición GPOR-PST (LVS) ao Parlamento Europeo en 1994.
  20. Violeta Benitez Romero, de Corriente Roja
  21. Alfonso Araque Macias
  22. Luis Nicanor Ocampo Pereira, de Izquierda Castellana
  23. Luna María Fajó Castro, membro de Chobenalla cando estaba integrada na Chunta Aragonesista.
  24. María Rocío Mielgo Blanco, de Comuner@s.
  25. José Estrada Cruz, foi candidato de Nosaltres Som-Assemblea d'Unitat Popular (N.SOM-AUP) ao concello de Tarragona no 2007. Foi concelleiro do PSUC no Concello de Tarragona e secretario xeral de CCOO da comarca de Tarragonès. Foi expulsado do sindicato por proporcionar un local para a candidatura Herri Batasuna nas europeas nos noventa. Tras iso, integrouse na CGT.

Anulación da lista[editar | editar a fonte]

O Tribunal Supremo do Estado Español, a instancias do goberno do PSOE, anulou esta candidatura por 11 votos a favor e 5 en contra, ao consider que, na súa opinión, estaba promovida pola esquerda abertzale (considerada pola xustiza española como "entorno" da organización armada Euskadi Ta Askatasuna)[9]. Na candidatura non había ningún vasco.

As reaccións non se fixeron esperar por parte de II, que presentou unha querela criminal[10] contra os ministros do goberno español Alfredo Pérez Rubalcaba e Francisco Caamaño por difamación, así como tamén tentou contrarrestar a sentenza do Tribunal Supremo recorréndoa perante o Tribunal Constitucional.

Diversas personalidades da cultura galega[11], española e mais o premio Nobel da Paz arxentino Adolfo Pérez Esquivel, fixeron público o seu apoio á candidatura encabezada pos Alfonso Sastre, mediante cartas ou manifestos[12]. Izquierda Anticapitalista[13], Nación Andaluza[14], PCPE[15], PCPG e FPG tamén se solidarizaron coa candidatura e esixiron a revogación do auto do TS.

Finalmente, o Tribunal Constitucional concedeu amparo a Iniciativa Internacionalista, concluíndo que:

[...] a insuficiente entidade probatoria dos indicios manexados polo Tribunal Supremo non pode xustificar o sacrificio dos dereitos fundamentais de participación política en termos de igualdade e de libre defensa e promoción da propia ideoloxía.

A decisión do TC non sentou ben no eido político do nacionalismo español. A voceira do Partido Popular no Congreso dos Deputados, Soraya Sáenz de Santamaría calificouna de "profundo erro" e "paso atrás", e diversos membros do PP manifestaron opinións semellantes[17]. Ramón Jáuregui, número 2 da lista do PSOE nas eleccións europeas, manifestou que respectaba a sentenza, mais considerou que había elementos probatorios da vinculación con Batasuna, e na mesma liña pronunciáronse outros dirixentes do partido[18]. Dende Izquierda Unida, Cayo Lara mostrouse satisfeito, como fixeron tamén PNV, Eusko Alkartasuna, Aralar e ERC. Pola súa parte, Rosa Díez (UPyD), dixo acatar a sentenza, mais cualificouna de "mala nova" e manifestou:

É unha mágoa que non atopasen fundamento xurídico dabondo como para saber que esa é unha candidatura trufada por ETA.

Resultados[editar | editar a fonte]

Finalmente a candidatura obtivo 175.895 votos (1,12 %), con destacados resultados no País Vasco[20]. Foi a sétima candidatura en número de votos, e a primeira das que non obtiveron representación.

En Galiza tamén foi a sétima candidatura en número de votos, con 3.373 (0,31 %)[21].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Candidatura na web do Ministerio do Interior". Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2009. Consultado o 08 de maio de 2009. 
  2. "Manifesto de Iniciativa Internacionalista". Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2009. Consultado o 22 de maio de 2009. 
  3. Doris Benegas, número 2 das listas de Iniciativa Internacionalista, en Kaos en la Red, 3 de maio de 2009
  4. A FPG intégrase en Iniciativa Internacionalista para concorrer ás eleccións europeas, Vieiros, 6 de maio de 2009
  5. Corriente Roja impulsa y participa en Iniciativa Internacionalista Arquivado 11 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., en Corriente Roja, 24 de abril de 2009
  6. Cucha Independentista manifiesta o suyo refirme y partizipación en a coalizión Iniziatiba Internazionalista, en Kaos en la Red, 3 de maio de 2009
  7. Lucha internacionalista participa de una amplia coalición de partidos, en Lucha Internacionalista, visto o 7 de maio de 2009
  8. Arnaldo Otegi ha pedido el voto para Iniciativa Internacionalista, en Kaos en la Red, 23 de maio de 2009
  9. O Supremo anula a lista de Méndez Ferrín Arquivado 19 de maio de 2009 en Wayback Machine., A Nosa Terra.
  10. "Querella criminal contra Rubalcaba e Caamaño". Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2020. Consultado o 16 de maio de 2009. 
  11. Manifesto apoiado por diversas personalidades e colectivos.
  12. A cultura apoia II baseándose na liberdade de expresión.
  13. Ante la ilegalización de II por el Tribunal Supremo Arquivado 21 de maio de 2009 en Wayback Machine., en Izquierda Anticapitalista, 17 de maio de 2009
  14. Nación Andaluza ante el proceso de ilegalización de II, en Kaos en la Red, 19 de maio de 2009
  15. No a la ilegalización de II, en PCPE, 14 de maio de 2009
  16. Auto íntegro do Tribunal Constitucional Arquivado 29 de maio de 2009 en Wayback Machine., PDF, en castelán
  17. El PP sitúa al Constitucional fuera de la realidad, en Público, 23 de maio de 2009
  18. Jáuregui y De Grandes acatan al TC pero reiteran que hay "indicios" contra Iniciativa Internacionalista, en Público, 22 de maio de 2009
  19. Acatamiento general al fallo del Constitucional sobre la candidatura de II, en Público, 22 de maio de 2009
  20. "Iniciativa internacionalista- La solidaridad de los pueblos" (en castelán). 8 de xuño de 2009. Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2009. Consultado o 10 de xullo de 2018. 
  21. "Resultados das eleccións europeas de 2009 en Galiza". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2009. Consultado o 07 de xuño de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]