Mariano Abalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMariano Abalo
Biografía
Nacementoabril de 1951 Editar o valor em Wikidata (72/73 anos)
Cangas, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsXabier Abalo Costa Editar o valor em Wikidata

Mariano Abalo Costa, nado en Cangas en abril de 1951, é un político galego. Funcionario do Servizo de Correos, foi concelleiro en Cangas, deputado provincial en Pontevedra e Presidente da Xestora Municipal de Cangas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

UPG e FPG[editar | editar a fonte]

En 1983 foi elixido Secretario Xeral da Unión do Povo Galego[1] até que dimitiu do seu posto cando en 1986 a UPG aceptou a participación do BNG no Parlamento Galego. Xunto con 13 membros do seu Comité Central, liderados por el mesmo e por Xan Carballo, secretario xeral da INTG, deixaron o partido, constituíndo o Colectivo Comunista 22 de marzo, que o 25 de xullo de 1986 se transformou no Partido Comunista de Liberación Nacional. A III Asemblea Nacional do BNG (1987) expulsou o PCLN por pedir o voto para Herri Batasuna nas eleccións europeas dese mesmo ano.

En 1987 o PCLN e Galiza Ceive-OLN xunto con outras organizacións menores de carácter local como os Colectivos Nacionalistas de Trasancos e Vigo, Grupos Independentistas Galegos de Compostela e o colectivo Iskeiro de Ferrol, formaron a Fronte Popular Galega (FPG) que celebrou a súa asemblea constituínte en xuño de 1988. A presentación pública da Fronte prodúcese o 10 de marzo de 1988, da que se converteu no seu Portavoz Nacional dende aquela até hoxe.

Concelleiro en Cangas[editar | editar a fonte]

En 1979 foi elixido concelleiro do BNG en Cangas. En 1983 encabezou a candidatura nacionalista e logrou sela formación máis votada con 6 concelleiros. Porén, non logrou a alcaldía dado que o candidato socialista Lois Pena Viéitez foi elixido novo rexedor co apoio da CIGA e de Alianza Popular. Nese mandato foi elixido deputado provincial. En 1987 encabezou de novo a candidatura do BNG e pasou a tan só 3 concelleiros, obtendo o PSdeG unha ampla maioría absoluta.

Apoiou, xunta os demais grupos da oposición, as revoltas veciñais contra o alcalde que tiveron lugar no concello dende finais de 1988 por mor da subida da contribución urbana. Esta situación foise acrecentando ao longo dos meses, e finalmente culminou coa dimisión de Pena Viéitez en abril de 1990. Desta forma, Cangas pasou a ser rexida ata as municipais de 1991 por unha comisión xestora encabezada polo propio Abalo.

Nos comicios de 1991 logrou 4 concelleiros á fronte da FPG, sendo a terceira forza tralo PPdeG e o PSdeG. Pese a que os grupos de esquerdas tiñan maioría na corporación non chegaron a un acordo, situación derivada das revoltas tidas lugar ata o ano anterior, polo que o PPdeG asumiron a alcaldía con maioría simple. En 1995 encabezou a candidatura Unidade Popular coa cal logrou 2 concelleiros. Nesta ocasión a esquerda si chegou a un acordo, polo que pasou a formar parte do goberno encabezado polo candidato do BNG Euloxio López Gutiérrez. En 1999 e 2003 volveu encabezar a FPG, logrando 1 concelleiro e formando parte da oposición tras lograr o PPdeG a maioría absoluta en ambas convocatorias.

Nas eleccións municipais de 2007 encabezou a candidatura de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), conformada pola FPG, Esquerda Unida e Iniciativa polo Morrazo. Desta forma consigueu 3 concelleiros e pasou a formar parte do goberno local en coalición co BNG e o PSdeG, coa nacionalista Clara Millán como alcaldesa e desempeñando o cargo de Concelleiro de Urbanismo. A súa oposición ao proxecto do porto deportivo de Massó supuxo que ACE abandonase o goberno local e deixase a nacionalistas e socialistas en minoría. En 2011 volveu a encabezar ACE, mantendo os 3 concelleiros e situándose de novo na oposición, tras lograr o PPdeG recuperala alcaldía co apoio dun concelleiro independente.

Nas municipais de 2015 formou parte da lista de ACE, nesta ocasión encabezada por Xosé Manuel Pazos, acadando 4 concelleiros e logrando a alcaldía para o seu compañeiro cun pacto do BNG e de Asamblea pola Unidade. En 2019 ACE revalidou alcaldía con Pazos á fronte, conformando nesta ocasión unha coalición co PSdeG, ocupando de novo responsabilidades de goberno. Ao longo de 2021 ACE comezou a desfacerse trala morte do alcalde e a súa substitución por Victoria Portas, así como a posterior ruptura do pacto cos socialistas e a marcha da edil de Esquerda Unida da coalición.

En 2023 o grupo presentouse por Alternativa dos Veciños, a formación do alcalde de Oleiros Ángel García Seoane, encabezada pola alcaldesa Victoria Portas e con Abalo de número 11. A formación logrou tan só 1 concelleiro, que se ben foi clave para que a esquerda lograra o goberno coa elección da nacionalista Araceli Gestido como nova alcaldesa, se ben AV mantívose na oposición.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]