Mesozoico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eón Era M. años
Fanerozoico Cenozoico 65,5 ±0,3
Mesozoico 251,0 ±0,4
Paleozoico 542,0 ±1,0
Proterozoico   2.500
Arcaico 3.800
Hadeico c. 4.570

A Era Mesozoica, Mesozoico ou Era Secundaria foi un período da historia da Terra que se iniciou hai 251,0 ± 0,4 millóns de anos e finalizou hai 65,5 ± 0,3 millóns de anos,[1][2] pero só corresponde ao 3,9 % da historia total da Terra. Denomínase Mesozoico porque se encontra entre as outras dúas eras do Eón Fanerozoico, a Era Paleozoica e a Era Cenozoica. O nome procede do grego meso/μεσο que significa "entre" e zoon/ζωον que significa "animal".

Durante estes 160 millóns de anos non se produciron grandes movementos oroxénicos. Os continentes van adquirindo gradualmente a súa configuración actual. O clima foi excepcionalmente cálido durante todo o período, desempeñando un papel importante na evolución e na diversificación de novas especies animais.

Nesta era desapareceron grandes grupos de animais como os trilobites, graptolites e peixes acorazados. Os invertebrados característicos deste período foron os amonites, de caparazón con forma de caracol, e os belemnites, máis pequenos e co caparazón alargado e puntiagudo, entre outros equinodermos, braquiópodos e cefalópodos. Desenvolvéronse amplamente os vertebrados, sobre todo os réptiles, polo que á Era Secundaria se lle chama tamén a Era dos réptiles ou Era dos dinosauros. Nesta era aparecen tamén os mamíferos, as aves, e as anxiospermas ou plantas con flores.

Escena do Xurásico.

Subdivisións[editar | editar a fonte]

O mesozoico divídese en tres períodos: Triásico, Xurásico e Cretácico.

Era Período M. años Eventos principais
Mesozoico Cretáceo 145,5 ±4,0 Os dinosauros comenzan a declinar,
extinción masiva do Cretáceo-Terciario,
primitivos mamíferos placentarios.
Xurásico 199,6 ±0,6 Mamíferos marsupiais,
primeiras aves,
primeiras plantas con flor.
Triásico 251,0 ±0,4 Extinción masiva do Triásico-Xurásico,
primeiros dinosauros,
mamíferos ovíparos.

O límite inferior do Mesozoico vén fixado pola extinción masiva do Pérmico-Triásico, durante a cal aproximadamente do 90% ó 96% das especies mariñas e o 70% dos vertebrados terrestres extinguíronse. Tamén é coñecido pola "Great Dying", xa que é considerada a extinción masiva máis grande da historia.

O límite superior fíxase na extinción masiva do Cretácico-Terciario, que puido haber sido causada polo impacto que creou o Cráter de Chicxulub na Península de Iucatán . Aproximadamente o 50% de todos os xéneros extinguíronse, incluídos todos os dinosauros non avianos, é dicir, todos aqueles que non compartían as características que definen a unha ave.

Tectónica[editar | editar a fonte]

A Terra no Triásico, fai 200 millóns de anos.

En comparación coa vigorosa converxencia de placas formadora de montañas de finais da Era Paleozoica, as deformacións tectónicas do Mesozoico foron relativamente leves. Porén, a era destaca pola dramática fragmentación do supercontinente Panxea. Panxea gradualmente dividiuse nun continente norte, Laurasia e nun continente sur, Gondwana. Isto creou o pasivo marxe continental que caracteriza á maior parte da costa atlántica actual.[3]

A finais da era, os continentes fragmentáranse case na súa forma actual. Laurasia converteuse en América do Norte e Eurasia, mentres que Gondwana dividiuse en América do Sur, África, Australia, Antártida e o subcontinente indio, que colisionará coa placa asiática durante o Cenozoico.

A formación da Cordilleira dos Andes comezou no Xurásico, pero foi durante o Cretácico cando tomou a súa forma actual debido ó movemento de subducción da Placa de Nazca por debaixo da Placa Sudamericana. A finais do Cretácico comezou a Oroxenia Laramide, que continuará durante a primeira metade do Cenozoico e que formou as Montañas Rochosas.

Clima[editar | editar a fonte]

O Triásico foi en xeral seco, unha tendencia que comeza a finais do Carbonífero, e moi estacional, especialmente no interior de Panxea. O baixo nivel do mar tamén se puido acentuar polas temperaturas extremas. Coa súa alta calor específica, a auga actúa como un estabilizador de temperatura e como unha reserva de calor, polo que as terras próximas ás grandes masas de auga, especialmente dos océanos, experimentan unha menor variación de temperatura. Dado que gran parte das terras que constituían Panxea estaban afastados dos océanos, as temperaturas flutuaban moito, e no interior de Panxea probablemente incluía extensas zonas desérticas. As abundantes camas vermellas e evaporitas, tales como sales, apoian estas conclusións.

Cambio climático nos últimos 500 millóns de anos baseadas nas medidas do isótopo 18O. O clima actual (á esquerda) é más frío que durante a maior parte do Mesozoico (no centro).

O nivel do mar comezou a subir durante o Xurásico, o que probablemente foi causado por una expansión do leito mariño. A formación dunha nova cortiza baixo a superficie desprazou as augas oceánicas ata 200 m máis que na actualidade, o que inundou as zonas costeiras. Por outra parte, Panxea comezou a romperse en fragmentos máis pequenos, co que o aumento da superficie en contacto co océano formou o Mar de Tetis. A temperatura continuou aumentando e comezou a estabilizarse. A humidade tamén aumentou coa proximidade do auga e dos desertos e se retiraron.

O clima do Cretácico é menos coñecido e máis amplamente discutido. Créese que os niveis máis elevados de dióxido de carbono na atmosfera causaron un gradiente de temperatura de norte a sur case plano: as temperaturas son máis ou menos as mesmas en todo o planeta. As temperaturas medias son tamén máis elevadas que no día de hoxe por arredor de 10 °C. De feito, a mediados do Cretácico, as augas ecuatoriais do océano (quizais tan cálidas como 20 °C nas profundidades do océano) poden ter sido demasiado altas para a vida mariña, e as zonas terrestres cerca do ecuador puideron ser desertos, a pesar da súa proximidade á auga.

A circulación de osíxeno nas profundidades do océano tamén puido interromperse. Por esta razón, os grandes volumes de materia orgánica acumulada que non podían descompoñerse foron depositados como "lousas". Porén, non todos os datos apoian estas hipóteses. Mesmo co quentamento, as flutuacións de temperatura deberían ter sido suficientes para a formación de casquetes polares e glaciares, pero non hai probas de ningún deles. Os modelos cuantitativos tamén foron incapaces de recrear a planitude do gradiente de temperatura do Cretácico.

Vida[editar | editar a fonte]

A extinción de case todas as especies animais ó final do Pérmico permitiu a radiación de numerosas formas de vida novas. En particular, a extinción dos grandes herbívoros e os carnívoros Dinocephalia deixaron baleiros estes nichos ecolóxicos. Algúns foron ocupados polos cinodontos e dicinodontos sobreviventes, os últimos dos cales posteriormente extinguíronse. Con todo, a fauna do Mesozoico estivo dominada polos grandes arcosaurios que apareceron uns poucos millóns de anos despois da extinción masiva do Pérmico-Triásico: dinosauros, pterosauros e os réptiles acuáticos como ictiosaurios, plesiosauro e mosasauros.

Os cambios climáticos de finais do Xurásico e Cretácico proporcionaron máis condicións favorables para a radiación adaptativa. No Xurásico produciuse a maior diversidade dos arcosaurios, e é cando apareceron os primeiros aves e mamíferos placentarios. As anxiospermas diversificáronse nalgún momento do Cretácico temperán, primeiro nos trópicos, pero o gradiente de temperatura permitíullela propagación cara os polos ó largo del período. Ó final do Cretácico, as anxiospermas dominaron a flora arbórea en moitas zonas, aínda que algunhas probas suxiren que a biomasa seguiu dominada por cicas e fentos ata despois da extinción masiva do Cretácico-Terciario.

Algúns investigadores argumentaron que os insectos diversificáronse coas anxiospermas, porque a súa anatomía, especialmente as partes da boca, parece particularmente ben adaptada ás plantas con flores. Porén, todas as partes principais da boca dos insectos precederon ás anxiospermas e a diversificación de insectos en realidade reduciuse cando estas xurdiron, polo que a súa anatomía orixinal debeu estar adaptada para outros fins.

Cando a temperatura dos mares incrementouse, os animais máis grandes de principios da era mesozoica gradualmente comezaron a desaparecer mentres que os animais más pequenos de tódolos tipos, incluídos os lagartos, serpes e quizais o antecesor dos primates, evolucionaron. A extinción masiva do Cretácico-Terciario acentuou esta tendencia. Os grandes arcosaurios extinguíronse, mentres que as aves e os mamíferos prosperaron, tal como o fan hoxe.

Eventos evolutivos[editar | editar a fonte]

  • Os dinosauros evolucionaron e fixéronse abundantes. Algúns eran herbívoros e outros carnívoros. Os dinosauros eran réptiles, pero existen evidencias de que puideron ter sangue quente.
  • Aves: é moi probable que as aves evolucionaran dun minoritario grupo de pequenos dinosauros carnívoros cara á fin do Mesozoico.
  • Plantas: estaban presentes as espermatofitas, transformándose logo en plantas máis avanzadas e con flores cara á fin do Mesozoico. As árbores coníferas evolucionaron a principios desta época.
  • Os mamíferos evolucionaron durante o Mesozoico e eran una especie relativamente pouco abundante, de tamaño pequeno. Durante o Mesozoico, os mamíferos eran comidos por dinosauros predadores.
  • Cara a finais do Mesozoico, ocorreu a extinción masiva do Cretáceo- Terciario. Este foi o evento de extinción que acabou cos dinosauros (entre outros). Moitos dos animais e plantas que sobreviviron (tales como mamíferos e aves) multiplicáronse despois do Cenozoico. Algunhas das causas dos eventos de extinción inclúen un ou máis impactos de asteroides, vulcanismo extensivo e cambio de clima.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Overview of Global Boundary Stratotype Sections and Points (GSSP's), Status on 2007.
  2. International Stratigraphic Chart, 2008
  3. Stanley, Steven M. Earth System History. New York: W.H. Freeman and Company, 1999. ISBN 0-7167-2882-6

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]