Frústula
A frústula é a parede celular dura e porosa das diatomeas (algas unicelulares), que está composta case na súa totalidade por sílice (óxido de silicio hidratado) amorfo procedente do ácido silícico, e está recuberta por unha fina capa de materia orgánica, a cal se denominou nos estudos antigos feitos sobre as diatomeas como pectina (unha fibra que se atopa máis comunmente na parede das plantas).[1][2] En realidade, esta capa orgánica está formada por varios tipos de polisacáridos. Outros compoñentes orgánicos da frústula son os péptidos silafinas (ricos en lisina), poliaminas, e as proteínas frustulina e pleuralinas, que parece que interveñen na construción da frústula. [3]
A estrutura da frústula ou testa está normalmente composta por dúas seccións superpostas coñecidas como valvas. A valva superior denomínase epiteca e é lixeiramente máis grande e solápase coa valva inferior, chamada hipoteca. [1] A unión entre as dúas valvas realízase por bandas de sílice (bandas pleurais) que manteñen as dúas valvas xuntas. O solapamento permite certa marxe de expansión interna adicional e isto é esencial durante o proceso de reprodución. A frústula contén moitos poros e fendas que permiten que as diatomeas accedan ao medio externo en procesos como a eliminación de residuos ou a secreción de mucílago.
Índice |
Taxonomía[editar]
O patrón de cristas, poros, espículas, etc. que presenta a superficie da frústula é importante para establecer a taxonomía dos distintos ordes, familias, xéneros e especies de diatomeas. Segundo a simetría da frústula, as diatomeas divídense en dúas ordes: Centrales e Pennales.
Nas Centrales as valvas teñen unha forma circular ou triangular coas puntas arredondadas e os releves que presentan son radiais ou concéntricos.
Nas Pennales as valvas teñen forma bacilar ou navicular xeralmente. Son valvas bilaterais; o seu centro é unha liña da que parten os releves. Nalgunhas, a frústula presenta unha fisura lonxitudinal chamada rafe, que ten no centro un nódulo central e nos extremos nódulos terminais. [4]
Na división celular[editar]
Cando a célula se divide vexetativamente as valvas da frústula desencáixanse e cada célula filla conserva unha metade da frústula orixinal. Unha das células fillas, a que conserva a epiteca, será do mesmo tamaño ca a célula inicial, e formará a hipoteca que lle falta. A outra célula filla, a que conservou a hipoteca materna, utiliza esta como epiteca, xa que forma unha valva (a súa hipoteca) máis pequena, o que quere dicir que será de menor tamaño ca a célula nai. Isto implica que nas sucesivas xeracións o tamaño medio das células nunha poboación de diatomeas diminúe. Cando despois de varias divisións se chega a un tamaño mínimo, as diatomeas realizan unha reprodución sexual na que recuperan o tamaño inicial.
Formación da frústula[editar]
Cando a diatomea se divide comezan unha serie de procesos para producir a vavlva da frústula que lle falta ás células fillas.[3]
Resumidamente pode explicarse a formación das valvas da frústula da seguinte maneira:
- Os núcleos das dúas células fillas afástanse e colócanse no lado da célula onde se formará a hipoteca.
- Entre o núcleo e a membrana plasmática sitúase o "centro de microtúbulos". A hipoteca formarase sobre el.
- Fórmase unha vesícula especial chamada "vesícula de deposición de sílice" (SDV) entre o centro de microtúbulos e a membrana.
- A SDV alóngase formando un tubo que se estende por todo o lateral da célula.
- Dentro da SDV empeza a formarse a nova valva con material silíceo, proteínas e polisacáridos que son transportados ata alí, seguramente por vesículas procedentes do aparato de Golgi. A sílice polimerízase na SDV. Algúns dos compoñentes orgánicos parece que están implicados na deposición da sílice. Crese que interveñen as silafinas, frustulinas e pleuralinas.
- Cando a valva está xa completa dentro da SDV, é exocitada por fusión da SDV coa membrana plasmática.
- Sepáranse as células e forman as bandas laterais, tamén formadas dentro de SDV de forma análoga á formación da capa superior da valva, como se describiu antes.
Terra de diatomeas[editar]
Cando as diatomeas mariñas morren as frústulas caen ao fondo do mar. Este material acumulado na superficie oceánica, queda enterrado en estratos de sucesivas épocas e forma a diatomita, "terra de diatomeas" ou kieselguhr. Este produto utilízase comercialmente en filtros, recheos minerais, materiais de illamento, recheo da dinamita, soporte poroso para catalizadores, etc. Tamén hai investigacións en curso sobre o posible uso das frústulas en óptica.
Notas[editar]
- ↑ 1,0 1,1 http://www.ucmp.berkeley.edu/chromista/diatoms/diatommm.html
- ↑ Access to articles : Nature Nanotechnology
- ↑ 3,0 3,1 Exploring Bioinorganic Pattern Formation in Diatoms. A Story of Polarized Trafficking - Zurzolo and Bowler 127 (4): 1339 - PLANT PHYSIOLOGY
- ↑ Strasburger. Botánica. Marín. 7ª edición española. Páxinas 608-610. ISBN 84-7102-990-1
Véxase tamén[editar]
Outros artigos[editar]
Ligazóns externas[editar]
- Frustule en Britannica
- frústula de diatomeas en astrographics.com
- Geometry and Pattern en Nature 1: Exploring the shapes of diatom frustules with Johan Gielis' Superformula, de Christina Brodie, UK
- http://www.nature.com/nnano/journal/v2/n6/full/nnano.2007.152.html
- Exploring Bioinorganic Pattern Formation in Diatoms. A Story of Polarized Trafficking en plantphysiol.org