Criptófitas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Criptófitas

Rhodomonas salina
Clasificación científica
Reino: Protista
(sen clasif.) Chromista
Filo: Cryptophyta
Xéneros típicos
  • Clase Cryptophyceae

Orde Cryptomonadales
   Campylomonas
   Chilomonas
   Chroomonas
   Cryptomonas
   Falcomonas
   Geminigera
   Guillardia
   Hemiselmis
   Plagioselmis
   Proteomonas
   Storeatula
   Rhinomonas
   Rhodomonas
   Teleaulax
Orde Goniomonadales
   Goniomonas

   Katablepharis
   Leucocryptos
   Platychilomonas
   Hatena

As criptófitas ou Cryptophyta son un tipo de protistas de tipo algal a maioría dos cales teñen plastos.[1] Tamén se lles chama (segundo as distintas clasificacións e con lixeiras diferenzas na súa definición ou posición taxonómica) criptomónadas (Cryptomonada), criptomonas, Cryptista, Cryptomonadida ou Cryptophyceae. Son comúns nas augas doces, pero tamén aparecen en augas salgadas e salobres. Cada célula ten un tamaño de entre 10 e 50 μm e unha forma aplanada, cunha fenda ou bolsa en posición anterior. Nas beiras desta bolsa hai tipicamente dous flaxelos lixeiramente distintos.

Son fotosintéticas, pero algunhas presentan mixotrofia (combinan as nutricións autótrofa e heterótrofa).[2]

Características[editar | editar a fonte]

As criptófitas distínguense pola presenza duns extrusomas característicos chamados exectosomas, que consisten en dúas estruturas con forma de fita espirais conectadas e mantidas en tensión.[3] Se as células son irritadas por un estrés mecánico, químico ou pola luz, descargan os extrusomas, o que propulsa a célula en zig-zag lonxe da perturbación. Asociados coa súa bolsa presentan grandes exectosomas, visibles con microscopio óptico; outros máis pequenos aparecen debaixo do periplasto que rodea a superficie da célula.[4][5]

As criptófitas teñen un ou dous cloroplastos, excepto en Chilomonas, que ten leucoplastos e Goniomonas (antes chamada Cyathomonas) que carece por completo de plastos. Os cloroplastos conteñen clorofilas a e c, xunto con ficobiliproteínas e outros pigmentos, e varían en cor (castaño, vermello, verde-azulado). Cada cloroplasto está rodeado de catro membranas, e presentan no plasto un pequeno núcleo celular chamado nucleomorfo, situado entre as dúas membranas medias. Isto indica que o plasto deriva dun endosimbionte eucariótico, que, segundo os estudos xenéticos, puido ser unha alga vermella.[6]

Unhas poucas criptófitas ou criptomónadas, como Cryptomonas, poden formar estadios palmeloides, pero escapan rapidamente do mucus que as rodea para formar formas flaxeladas de vida libre de novo. Algunhas especies de Cryptomonas poden tamén orixinar formas inmóbiles con paredes celulares ríxidas (quistes) que lles permiten sobrevivir en condicións desfavorables.

Os flaxelos das criptófitas están inseridos paralelamente un ao outro, son lixeiramente distintos en tamaño, e están cubertos por uns pelos bipartitos ou bárbulas, chamadas mastigonemas, formados no retículo endoplasmático e transportados despois á superficie celular. As bárbulas flaxelares preséntanse en dúas filas no flaxelo máis longo e nunha no máis curto. Poden ter parede celulósica. Tamén pode haber pequenas escamas sobre os flaxelos e o corpo celular.

As mitocondrias teñen cristas aplanadas. A mitose é aberta (desfaise a envoltura nuclear) ; tamén se dan casos de reprodución sexual.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Orixinalmente as criptófitas ou criptomónadas foron consideradas próximas aos dinoflaxelados a causa da súa pigmentación aparentemente similar. Máis tarde os botánicos tratáronas como unha división separada, Cryptophyta, e os zoólogos tratáronas como a orde de flaxelados Cryptomonadida. Hai probas considerables de que os cloroplastos das criptófitas están moi relacionados cos das heterocontas e haptófitas, e estes tres grupos son ás veces clasificados xuntos no grupo Chromista. Porén, aínda que os seus plastos estean relacionados, as probas de que os propios organismos estean relacionados non son tan fortes, xa que puideron ter adquirido os plastos independentemente. Actualmente, discútese se son membros do reino Chromalveolata e forman xunto coas Haptophyta o grupo Hacrobia.

Unha agrupación que foi suxerida é a seguinte: (1) Cryptomonas, (2) Chroomonas/Komma e Hemiselmis, (3) Rhodomonas/Rhinomonas/Storeatula, (4) Guillardia/Hanusia, (5) Geminigera/Plagioselmis/Teleaulax, (6) Proteomonas sulcata, (7) Falcomonas daucoides.[7]

Cavalier-Smith agrúpaas dentro do proposto reino Chromista como Subreino Cryptista e integrado por criptomónadas, goniomónadas e catablefáridas. Porén, varios especialistas suxiren que son necesarios máis estudos filoxenéticos para definir a relación entre Cryptophyta e Chromista/ou Chromalveolata.

Catablefáridos[editar | editar a fonte]

As Katablepharida, descritas desde 1939, son un grupo de flaxelados heterótrofos, que se consideran parte de Cryptophyta. Nalgunhas clasificacións considéranse unha clase.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Khan H, Archibald JM (2008). "Lateral transfer of introns in the cryptophyte plastid genome". Nucleic Acids Res. 36 (9): 3043–53. PMC 2396441. PMID 18397952. doi:10.1093/nar/gkn095. 
  2. "Cryptophyta - the cryptomonads". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2011. Consultado o 2009-06-02. 
  3. Graham LE, Graham JM, Wilcox LW (2009) Algae. 2nd Edition. Benjamin Cummings (Pearson), San Francisco, CA
  4. Morrall S, Greenwood AD (1980) A comparison of the periodic sub-structures of the trichocysts of the Cryptophyceae and Prasinophyceae. BioSystems 12:71–83
  5. Grim JN, Staehelin LA (1984) The ejectisomes of the flagellate Chilomonas paramecium - Visualization by freeze-fracture and isolation techniques. Journal of Protozoology 31: 259-267
  6. Douglas S, Zauner S, Fraunholz M, Beaton M, Penny S, Deng LT, Wu XN, Reith M, Cavalier-Smith T, Maier UG (2002) The highly reduced genome of an enslaved algal nucleus. Nature 410: 1091-1096
  7. "Cryptomonads". Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2011. Consultado o 21 xuño 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]