Torre da Lanzada
Torre da Lanzada | |
---|---|
Concello | Sanxenxo |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade autónoma | Galicia |
Coordenadas | 42°25′46″N 8°52′37″O / 42.429554, -8.876999 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | - (románico, século X) |
Estilo actual | (románico, restaurada) |
Estado actual | ruínas consolidadas, visita libre |
Véxase tamén | |
Castelos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Torre da Lanzada, é o resto dunha torre-castelo de orixe medieval construída polos meiriños de Iria Flavia no Salnés para a defensa das terras da arquidiocese de Santiago de Compostela dos ataques normandos na Alta e na Baixa Idade Media.
Situación
[editar | editar a fonte]A torre érguese na marxe sur da praia da Lanzada, na parroquia de Noalla (Sanxenxo), á beira da ermida da Nosa Señora da Lanzada e do castro do mesmo nome.
Historia
[editar | editar a fonte]É o último vestixio dun castelo datado no século X (arredor do ano 960) construído sobre os restos dun antigo faro fenicio ou romano. Foi mandado construír por Sisnando II para defensa de Compostela contra os ataques viquingos e normandos. Servía de avanzada defensiva ao lado doutras fortalezas da mitra compostelá e como primeiro contacto contra posíbeis inimigos, transmitindo sinais de perigo ás outras torres defensivas que marcaban a ría de Arousa, coma as torres de Cambados e as torres de Oeste en Catoira. O sistema defensivo consistía en facer fogueiras na torre que eran vistas dende a Torre de San Sadurniño (Cambados), que alertaban á súa vez á de Catoira, e así até Santiago de Compostela.
No ano 1121, coincidindo co acordo de paz da raíña Dona Urraca co bispo Diego Xelmírez, decídese que ao segundo se lle deberán entregar a primeira das fortalezas do Castelo Honesto e o da Lanzada; pouco tempo despois sofre un ataque de piratas mouros que sucederan aos normandos como ameaza nas costas galegas. O castelo tamén aparece citado en documentos do século XIII.
En 1467 é sitiada polos irmandiños, que a conquistan atacándoa dende o mar. Trala derrota dos principais xefes irmandiños, Afonso de Lanzós e Pedro Osorio, o castelo da Lanzada convértese no último bastión dos sublevados e nas mesmas ruínas da fortaleza destruída por eles mesmos, resistiron até que, esgotadas todas as posibilidades de defensa, foron capturados. Tras estes feitos o castelo ficou abandonado.
Situación actual
[editar | editar a fonte]Do antigo castelo hoxe só quedan a ermida e unha das torres semiderruída. A torre actual é de planta cuadrangular con muros de cachotaría-cantaría de pedra de gra non moi conformada, agás nos encontros dos muros. Hai algúns anos fixéronse obras neste recinto histórico que afectaron gravemente á súa integridade, perdéndose os vestixios que restaban da súa muralla e tapándose cunha nova a antiga ponte de comunicación co castelo que orixinalmente fora levadiza.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Castro da Lanzada.
-
A capela tamén formaba parte do castelo.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Torre da Lanzada |