Castro da Lanzada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°25′46″N 08°52′36″O / 42.42944, -8.87667

Castro da Lanzada
Castro da Lanzada, Noalla, Sanxenxo.jpg
ParroquiaNoalla
ConcelloSanxenxo
ProvinciaPontevedra
Comunidade autónomaGaliza
Id. catálogoGA36051011
Cronoloxía
Datas de ocupaciónséculo VIII a.C. cunha necrópole III - IV d.C.
Períodos de escavación1950, 1970, 1983 e 2010
Extensión estimada0,9 ha.
Véxase tamén
Castros de Galiza

O castro da Lanzada é un poboado castrexo orixinario do século VIII a.C.. Contén unha necrópole que foi utilizada ata os séculos III - IV d.C.

Está situado na parroquia de Noalla (Sanxenxo), e asenta sobre a base dunha punta que se introduce no mar, nas inmediacións dos restos dunha fortaleza medieval, coñecida como a torre da Lanzada. No extremo máis occidental érguese a capela da Nosa Señora da Lanzada.

O castro foi escavado por vez primeira na década de 1950 polo Museo de Pontevedra e da man de Filgueira Valverde, e desde entón foi obxecto de sucesivas escavacións (nos anos 70, por Francisco Fariña Busto, e no ano 1983, por de la Peña Santos) ata a reanudación da súa recuperación no verán de 2010. Nesta última ocasión o director do proxecto foi o arqueólogo da Deputación de Pontevedra Rafael Mª Rodríguez Martínez coa colaboración do Laboratorio de Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Ó estar cuberto de area, menos agresiva cá terra para os restos orgánicos, está ben conservado, o que non impediu a súa destrución parcial para levanta-la ponte que une o promontorio co illote inmediato ou a consecuencia de construcións modernas. A propia capela da Lanzada está levantada sobre restos do castro. En calquera caso, trala última intervención de 2010 só se accedeu ata o nivel correspondente ó século II a.C, estimando que aínda quedan uns 2-3 metros por escavar. Así mesmo, a superficie estudada é só unha pequena parte dos arredor de 9.000 m² que se estiman ocupados.

Datación[editar | editar a fonte]

Os restos máis antigos poden datarse no Bronce final, a partir de fragmentos cerámicos atopados a uns 4 metros de profundidade, nun corte estatigráfico que se realizou nas campañas de 1969-1972, aínda que a extensión explorada foi moi reducida. Estes restos atopáronse no chamado sector exterior (ó leste da estrada), unha zona actualmente ocupada por vivendas construídas recentemente. Este sector exterior presentaba construcións e enterramentos datables ata o século III a.C., e carecía de elementos defensivos (muros ou fortificacións). Neste século, ó parecer a consecuencia dun incendio segundo se observa nos terceiro e cuarto niveis, abandonouse aquel emprazamento para manter habitada a área do promontorio costeiro, entre a estrada e o mar, que constitúe o castro actualmente visible e visitable.

A principal característica deste asentamento radica en que foi un enclave comercial moi activo desde 800 anos antes da nosa era ata o século VI d. C. Mostra deste comercio marítimo é o achado de cerámica eivisenca [1] e mesmo procedente de Exipto, Túnez, Líbano, Palestina ou Turquía. Xurxo Ayán, un dos arqueólogos da propección, calificaba o castro como un Corte Inglés da época, que operou durante uns 1.500 anos, séculos despois da desaparición do Imperio Romano.

Historia e campañas de escavación[editar | editar a fonte]

Imaxe do traballo nas primeiras escavacións, nos anos cincuenta
Reprodución dun dos cranios atopados, pertencente a un home executado e mostrando a ferida de espada que lle causou a morte.

As primeiras referencias documentadas do castro remóntanse ó século XVIII e proceden do Pai Sarmiento quen, en diferentes escritos, como tal na súa Obra de 660 pliegos (1762-1766), fai debuxos da punta da Lanzada e descricións do que viu, nos que anota “Aquí se descubrieron nueve sepulcros[2]. Sarmiento fala tamén dunha ara romana, da capela e mailo que el describiu como un faro romano.

En 1949, as obras de ampliación da estrada costeira desde Sanxenxo ó Grove deixaron ó descuberto diversos restos óseos, polo que o Museo de Pontevedra organizou unha campaña de escavacións, dirixida por Filgueira Valverde e na que tamén interviu Sánchez Cantón. Nesta campaña descubriuse unha casa romana, a necrópole e escavouse o estrato medieval. Os restos atopados nesta escavación consérvanse no Museo de Pontevedra.

Existe unha lenda en Noalla segundo a cal, a Santa Compaña saía desde aquí cara as illas Ons, lenda que pode corresponder co coñecemento secular destes enterramentos [3].

Outra lenda local relaciona esta necrópole co próximo lugar de Mourelos, na mesma parroquia de Noalla. Conta a lenda que este lugar estivo habitado polos mouros e que algo lles ocorreu porque houbo un andazo no que morreu un gran número deles e foron soterrados no Campo da Lanzada.

O asentamento quedou abandonado ata que nos anos setenta realizáronse novos traballo de prospección que puxeron de manifesto que o enterramento se estendía pola beira leste da estrada, á que se chamou sector exterior para diferenciala da zona oeste, entre a estrada e o mar, á que chamaron Campo da Lanzada. Volveu escavarse, nunha intervención rápida promovida pola construción dunha urbanización sobre aquela zona exterior, en 1983, esta vez baixo a dirección de Antonio de la Peña Santos. Desde aquela volveu quedar abandonado ata o 2010.

No verán do 2010 reinicouse a escavación, no denominado programa "Pousadas Xardín do Salnés" e grazas ós Fondos FEDER, dentro dun amplo proxecto de creación dunha serie de infraestruturas de turismo accesible. Neste sentido, cómpre salientar que esta última campaña realizouse nunha política de portas abertas que permitiron que veciños e turistas puidesen acceder ó recinto e participar nas visitas guiadas, complementadas por unha longa serie de conferencias (charlas lanzadeiras) impartidas no mesmo lugar durante todo o segundo semestre de 2010.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Como un askós púnico (un tipo de xerra) procedente de Ibiza e datable a finais do século III a.C.
  2. Pode verse un destes debuxos na web do Museo de Pontevedra. Outro debuxo, este co comentario citado, pode verse na web do Proxecto Sarmiento do Consello da Cultura Glega.
  3. É común que nos pobos situados na costa, o alén estea nas illas fronteiras, como tamén está recollido en Bueu, desde onde as ánimas fan a derradeira viaxe a Ons, ou na Escusa, Poio, onde a fan á illa de Tambo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • FARIÑA BUSTO, Francisco: "A Lanzada. Introducción histórica", en El Museo de Pontevedra, 28, 1974.
  • FARIÑA BUSTO, Francisco: "Excavación de A Lanzada (Sangenjo, Pontevedra)", en El Museo de Pontevedra, 29, 1975.
  • FARIÑA BUSTO, Francisco: Gran Enciclopedia Galega, tomo 25, s. v. Lanzada, A, 2003.
  • FILGUEIRA VALVERDE, J. e FARIÑA BUSTO, F.: "Plan nacional de excavaciones 1973. A Lanzada (Sangenjo, Pontevedra)", en El Museo de Pontevedra, 28, 1974.
  • Galicia Hoxe: "O xacemento da Lanzada foi do final da Prehistoria a primeiros da Idade Media un centro de comercio internacional de primeiro nivel", en Galicia Hoxe, 20.08.2010 [1])
  • GONZÁLEZ RUIBAL, Alfredo: “Un askós ibicenco en Galicia: Notas sobre el carácter del comercio púnico en el noroeste ibérico”, en Complutum, 2004, Vol. 15: 33-43 [2]
  • González Veiga, Martina e Ayán Vila, Xurxo: ”Proyecto O Campo de A Lanzada. Memoria, comunicación, divulgación y difusión” [3]
  • RODRÍGUEZ CORRAL, Javier: A Galicia castrexa. Lóstrego, Santiago 2009.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]