Fragata (buque)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


A fragata é un buque de guerra, concibido para actuar en misións de guerra naval e antisubmarina, aínda que tamén pode dispoñer de sistemas para actuar como buque de apoio noutras misións.

Época da navegación a vela[editar | editar a fonte]

Batalla das Dunas (1639), primeiro momento da historia onde se demostrou a efectividade dun barco lixero, como a fragata holandesa.

O termo fragata é moi anterior á navegación a vapor e ás escuadras de naves blindadas da segunda metade do século XIX, ou das modernas fragatas de finais do século XX e as que na actualidade forman parte de moitas Mariñas de guerra.

Desde o século XVII as fragatas eran buques de tres paus, máis lixeiras que os navíos de liña que formaban o núcleo principal das escuadras de vela. Dispoñían como máximo de dúas cubertas, das que polo xeral estaba artillada só unha, ou ás veces tamén cunha pequena batería na segunda, e cun número total de pezas que raramente excedía de 30, aínda que nalgún caso chegaba a 50.

A súa misión na época da vela era moi parecida á do cruceiro protexido de finais do século XIX e do cruceiro lixeiro de comezos do XX: protexer o tráfico mercante ultramarino, sendo moi importante a súa participación na loita contra corsarios pola súa velocidade; atacar o tráfico do inimigo en caso de guerra e, as unidades máis grandes e mellor preparadas, combater en auxilio dos navíos de liña. Desempeñaba unha importante misión na exploración por diante e polos flancos da armada nunha época na que non existían radares nin radios para saber onde podía estar o perigo.

Séculos XX e XXI[editar | editar a fonte]

Fragata española F-72 Andalucía, da clase Baleares.
Fragata española F-101 Álvaro de Bazán, da clase Álvaro de Bazán.

Desaparecidas no último terzo do século XIX, coa irrupción da navegación con propulsión con motores de vapor, na segunda guerra mundial volve a denominarse desta forma un tipo de nave algo máis pequena que o destrutor, de 1.500-2.000 toneladas.

Mentres o destrutor foi crecendo en tamaño e asumindo cada vez máis funcións, a fragata mantíñase especializada na loita antisubmarina, como os destrutores da primeira guerra mundial.

Tras a guerra pasouse a designar como fragata a calquera buque até o tamaño dun destrutor, aínda que normalmente son algo máis reducidas, e especializado nunha misión, aínda que poida levar sistemas para misións secundarias.

Nas frotas europeas as fragatas popularizáronse durante a guerra fría, participando en tarefas antisubmarinas e antiaéreas para protexer a frota. Incluso os estadounidenses construíron fragatas, por seren máis baratas que os cruceiros e destrutores, e ideais para tarefas de escolta de portaavións, como a famosa clase antisubmarina Oliver Hazard Perry, deseño vendido a varias mariñas do mundo.

No caso español, por exemplo, utilizouse para os seis buques da clase Santa María, con capacidades de defensa antiaérea de curto e medio alcance e empregadas como escolta para o portaavións Príncipe de Asturias.

A fronteira entre fragata e destrutor é bastante borrosa, e moitas das naves que en Europa se denominan fragatas multifunción poderíanse denominar sen esaxeración destrutores, ao igual que algúns buques catalogados como destrutores poderían seren catalogados como fragatas, sendo incluso de menor desprazamento e capacidades que buques con esta catalogación, dependendo por tanto a nomenclatura da que decida adoptar o construtor e a armada propietaria do buque.

Galería[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Henderson, James (2005): Frigates Sloops & Brigs. Londres: Pen & Sword Books. ISBN 1-84415-301-0
  • Parker, Geoffrey (2003): The Military Revolution: Military Innovation and the Rise of the West 1500-1800, 7ª ed. Cambridge (UK): Cambridge University Press. ISBN 0-521-47426-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]