Antínoo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Antínoo
0024MAN-Antinous.jpg
Nacemento 27 de novembro de 111
  Bolu
Falecemento outubro de 130 e 30 de outubro de 130
  Río Nilo e Antinoópolis
Causa afogamento
Nacionalidade Roma Antiga
Ocupación político
editar datos en Wikidata ]
Busto de Antínoo da Vila Adriana, en Tívoli. Actualmente no Louvre.

Antínoo ou Antinoo (en grego Aντίνοος, latinizado como Antinous) nado en Bitinio-Claudiópolis, Bitinia o 27 de novembro de entre os anos 110 e 115[1] e finado no río Nilo, xunto a Besa, o 30 de outubro do 130, ou pouco antes, foi un mozo de gran beleza, favorito e amante do emperador romano Hadriano. Trala súa morte foi deificado e rendéuselle culto. Moitos dos retratos que se fixeron del conserváronse ata os nosos días. Desde o Renacemento ata a actualidade, Antínoo foi moi representado na arte, especialmente na escultura, e a súa enigmática figura captou a atención de numerosos artistas.

Vida e lenda[editar | editar a fonte]

Busto de mármore de Hadriano, do século II. Actualmente no Palazzo dei Conservatori.

Aínda que Antínoo é en realidade un personaxe moi pouco coñecido, o seu significado actual non depende tanto dos acontecementos da súa vida como do seu enaltecemento posterior, do que chegaron numerosos testemuños ata os nosos días. Xa na Antigüidade, os poucos datos auténticos acerca da súa vida combináronse con lendas. A fascinación que ata hoxe exerce Antínoo baséase, fundamentalmente, na súa relación co emperador Hadriano e nas numerosas obras de arte que foron creadas na súa memoria. A personalidade que subxace ós escasos datos e ás obras de arte non puido ser reconstruída mediante a investigación histórica.

Sábese con certeza que Antínoo naceu en Bitinio-Claudiópolis, cidade da rexión de Bitinia, no noroeste de Asia Menor, entre os anos 110 e 115.[1] Nunha das súas viaxes (Hadriano é coñecido na historia como "o emperador viaxeiro"), o emperador quedou impresionado polo belo adolescente. Na actualidade non pode precisarse se o primeiro encontro entre os dous produciuse xa durante a primeira estancia de Hadriano en Bitinia, en 121, ou en 123/124.[2] Desde o momento do seu encontro, e até a súa morte, Antínoo acompañou ó emperador en todas as súas viaxes.

Durante toda a súa vida, Hadriano aspirou ó ideal de vida grego. Segundo a visión que do mesmo tiñan os romanos, deste ideal de vida formaba parte a pederastia, na cal o home adoptaba o papel de mentor do neno en todos os aspectos da vida. A tradición cristiá e a interpretación moderna da pederastia redúcena xeralmente ó seu compoñente sexual. Doutra banda, sábese que o emperador estaba descontento do seu matrimonio coa súa esposa Vibia Sabina.[3]

Sobre a natureza precisa das relacións entre Antínoo e Hadriano a información é moi escasa. O poeta Páncrates de Alexandría, contemporáneo de Hadriano, fai referencia a un feito que tivo lugar no deserto de Libia. Segundo este autor, Hadriano deu morte a un león cunha xavelina pouco antes de que atacase a Antínoo. No lugar en que o sangue do león pingou sobre a area, xurdiría a "flor de Antínoo", o antinóeios (flor de loto de cor vermella). É imposible saber se o acontecemento se basea nun feito que tivo lugar realmente ou se se trata simplemente dun engadido posterior para embelecer a vida do personaxe.

Tamén as circunstancias da temperá morte de Antínoo están mesturadas con lendas. Está firmemente establecido que o mozo caeu ó río Nilo o 30 de outubro de 130 ou pouco antes, preto da cidade de Bica, no Exipto medio,[4] e afogouse ante a mirada de Hadriano. Dion Casio e Aurelio Víctor, que escribiron en data moi posterior, explican que as circunstancias da súa morte non estaban claras. Segundo unha das versións recollidas polos historiadores,[5] a morte de Antínoo foi un accidente. Segundo outra versión, Antínoo sacrificouse polo emperador, para asegurarlle, mediante este sacrificio, unha vida longa e afortunada. Antínoo sabería por un astrólogo que o seu suicidio brindaría ó emperador a posibilidade de seguir vivindo despois do prazo que lle fora asignado polos fados.[6] O autor da biografía de Hadriano na Historia Augusta (unha recompilación de biografías de emperadores escrita na Antigüidade Tardía, cuxos datos deben ser utilizados coa maior precaución) insinúa a posibilidade de que Antínoo puidese decidir suicidarse para escapar ás proposicións sexuais de Hadriano.[7] Retrospectivamente, non pode tampouco descartarse a hipótese dunha intriga de palacio. A esposa de Hadriano non debeu quedar demasiado aflixida pola morte do seu competidor.

Culto relixioso e xuízos sobre Antínoo na Antigüidade[editar | editar a fonte]

Inmediatamente despois da súa morte, posiblemente mesmo desde o mesmo día en que esta tivo lugar, Hadriano, profundamente doído, comezou o enaltecemento do seu mozo compañeiro. No mesmo escenario do infortunado acontecemento, a beiras do Nilo, no Exipto Medio, ordenou levantar, segundo o modelo helenístico, a cidade de Antinoópolis ou Antínoe.[8] A cidade e os seus habitantes recibiron do emperador privilexios e favores moi pouco usuais.[9] Na mesma cidade levantouse tamén, posiblemente, o monumento funerario do favorito imperial.[10] A construción é mencionada nunha inscrición xeroglífica sobre un obelisco hoxe situado en Roma.[11] Probablemente o obelisco estaba orixinalmente situado tamén en Antinoópolis, e simbolizaba o lugar do renacemento do falecido, segundo as crenzas do Antigo Exipto.

Antínoo como Osiris. Achado na Vila Adriana; hoxe no Louvre.
Relevo que mostra a Antínoo como Dioniso, hoxe no Palazzo Massimo alle Terme.

Inmediatamente despois da morte do mozo, comezou a súa adoración como divindade ou, polo menos, como heroe. Os cultos a Antínoo establecéronse sobre todo nas provincias orientais do Imperio Romano, de forte sinal grego (nas provincias occidentais do imperio tamén se podía atopar ese tipo de adoración, pero nunca conseguiu establecerse con tanta forza). Isto debeuse a varias razóns. Xa desde o período helenístico existía a tradición de deificar a algúns homes despois da súa morte. Ademais, varias cidades gregas desexaban afagar con iso ó emperador amigo dos gregos. Antínoo foi asociado ou identificado con deuses como Dionisos. En Exipto, a súa identificación con Osiris tivo un significado especial. Só a morte por afogamento durante a crecida sacra do Nilo xa implicaba para os exipcios a exaltación: tamén o deus Osiris afogouse no Nilo, de acordo coa mitoloxía exipcia,[12] polo cal a consagración do mozo como "Osiris-Antínoo" ou "Osirantínoo" non foi tan sorprendente. Como o gran deus, despois da súa deificación, Antínoo podía recibir pregarias e curar aos enfermos.

En moitas das cidades do Imperio comezou, pouco despois da morte de Antínoo, a construción de templos e a institución de sacerdocios para o seu culto. Na súa honra organizáronse unhas competicións musicais e deportivas, similares aos Xogos Panhelénicos, as Panateneas e os Ptolemaicos, as Antinóeia. Ademais de Antinoópolis e da cidade natal de Antínoo, Bitinio-Claudiópolis,[13] foron centros do culto da nova deidade as cidades de Alexandría, en Exipto, e Mantinea, na rexión grega de Arcadia, así como Lanuvium, no Lacio. Alí celebrábanse cada catro anos os Grandes Xogos de Antínoo. Por todo o Imperio descubríronse inscricións na súa honra, ademais de en Roma, por exemplo en Lanuvium e en Tívoli.[14] En numerosos lugares erixíronse estatuas e acuñáronse moedas coa efixie do defunto. O filósofo Numenio de Apamea escribiu ó emperador unha Consolatio[15] e os poetas Mesomedes,[16] Ateneo[17] e Páncrates compuxeron poemas sobre Antínoo. Ademais hai constancia doutro poema de autor descoñecido.[18] Probablemente o punto máis alto na exaltación do mozo de Bitinia chegou cando se deu o seu nome a unha constelación.

O culto de Antínoo alcanzou o seu máximo desenvolvemento nos anos transcorridos entre a súa morte (130) e a do seu protector, Hadriano (138). Non chegou até nós cal foi a opinión dos contemporáneos do emperador sobre este culto case obsesivo a un home en realidade insignificante. Con todo, a devoción parece ser en parte auténtica. Na parte oriental do Imperio Antínoo era considerado un heroe a causa da súa presunta morte sacrificial en beneficio do seu amigo e protector. Os primeiros autores cristiáns, con todo, vírono de forma enteiramente distinta. Non fixeron referencia nin á súa suposta morte sacrificial nin ás misteriosas circunstancias da súa morte. Xulgárono, en cambio, de forma moi crítica, non exenta de polémica. Por unha banda viron nel a un infeliz (infelix) deus mítico creado polo home, e por outra, como a un efebo amante do emperador, obxecto das súas prácticas homosexuais. Antínoo, sobre todo para os Doutores da Igrexa do século IV, converteuse nun símbolo da corrupción moral romana e da irracionalidade do seu politeísmo. No entanto, algúns autores cristiáns tardíos valoraron positivamente o seu sacrificio e mesmo o consideraron imaxe da morte redentora de Xesuscristo.[19]

Representacións na arte antiga[editar | editar a fonte]

Antínoo como Aristeo, descuberto no século XVII en Roma, hoxe no Louvre.

Aínda que era bastante infrecuente que persoas que non pertencían á familiaimperial fosen honradas de modo tan particular, existen aínda hoxe moi numerosos retratosde Antínoo. Isto é extraordinario sobre todo porque o seu culto mantívose no seu apoxeo só durante os poucos anos que mediaron entre a súa morte e a de Hadriano (130-138). Non está claro se Antínoo foi retratado durante a súa vida: en calquera caso, o feito é que todos os retratos conservados son posteriores á súa morte. Só no que se refire a esculturas exentas, consérvanse na actualidade uns 100 retratos de Antínoo, aos que hai que engadir unhas 250 representacións en moedas e, ademais, as súas aparicións en obras de arte menores (xoias, camafeos, bronces e similares). Aínda que Antínoo non desempeñaba ningún cargo público e por tanto só podía ser considerado un particular, os seus retratos non teñen as características dos retratos privados. Ademais de polo seu elevado número, as obras son sorprendentes pola súa variedade iconográfica.

Só poden atoparse paralelos nos retratos imperiais romanos. Os diferentes tipos de retrato, tanto na escultura como na numismática, combinan diferentes aspectos da propaganda imperial.

Escultura[editar | editar a fonte]

As imaxes de Antínoo foron modelos a imitar para a retratística de personaxes novos durante o século II. Moitas esculturas realizadas ó longo do devandito século tomaron como referencia os retratos de Antínoo. Esta é unha das razóns polas cales non sempre é posible identificar con seguridade os retratos de Antínoo.

As esculturas caracterízanse polos seus trazos suaves, un tanto redondeados. Os beizos son grosos, pero a boca non é moi grande. O nariz é moi recta, e as cellas curvadas. A mirada é xeralmente algo ausente e, sobre todo, melancólica.

Especialmente rechamantes son os rizos, que caen até a caluga. A primeira vista, parecen caóticos; con todo, se se observan con atención, descóbrese que seguen unha orde rigorosa. Segundo o tratamento que se dea ó cabelo poden distinguirse con facilidade dous estilos diferentes, o denominado "tipo Mondragone", e o "tipo exipcio".

Antínoo como sacerdotedo culto imperial, escultura descuberta en Cirene a mediados do século XIX, hoxe no Louvre.

Aínda que os rostros das estatuas son moi parecidos entre si, en canto ó resto do corpo existiron grandes variacións. Supúxose que o prototipo do que derivan as copias baséase nunha estatua do "estilo severo" da primeira etapa do clasicismo grego. Pode ser que ese prototipo sexa a escultura coñecida como "Apolo do Tíber".[20] Do modelo clásico terían tomado varias estatuas, por exemplo, a posición ergueita, o xiro da cabeza, e as proporcións, sobre todo do torso. Con todo, os retratos conteñen tamén elementos que eran habituais en época de Hadriano. As formas son máis anchas e máis redondeadas, a frontalidade é moi acentuada e o torso está completamente ergueito. En canto ó anterior, os retratos deste tipo concordan coas tendencias máis clasicistas da escultura da época de Hadriano. É evidente nestes retratos a fusión entre elementos do clasicismo e da escultura da época de Hadriano: téntase conxugar o ideal da beleza xuvenil no retrato clasicista condetalles naturalistas. Mentres que os artistas gregos do período clásico non realizaban xeralmente verdadeiros retratos, senón imaxes idealizadas, aquí estas imaxes de beleza ideal asócianse cos verdadeiros trazos do defunto.

A miúdo as estatuas posuían os atributos das divindades coas cales Antínoo debía ser identificado ou fusionado. Ademais de Dioniso e Osiris, estes foron, por exemplo, Apolo, Hermes e Vertumno.

Numismática[editar | editar a fonte]

Desde o ano 133/34 acuñáronse en diversas cidades do Oriente grego moedas co retrato de Antínoo. Da parte occidental do Imperio, e mesmo da capital, Roma, non se coñecen moedas nas que apareza o mozo bitinio. As moedas poden datarse de forma relativamente precisa, xa que nas acuñadas en Exipto figura a data local. As últimas acuñacións están documentadas no ano da morte do emperador (138). Pode afirmarse, por tanto, que foron acuñadas moedas coa efixie de Antínoo durante un período máximo de cinco anos. Isto demostra, unha vez máis, o grande que debeu ser a dor de Hadriano, ou a veneración polo mozo no Oriente, xa que en tan curto período acuñáronse 250 moedas diferentes. Xeralmente, os anversos estaban reservados ó emperador, membros da familia imperial ou divindades. Antínoo foi por tanto unha particular excepción, que estaba xustificada, con todo, pola súa apoteose.

As acuñacións de moedas de Antínoo tiveron diversos centros, entre os que destacan a rexión de Arcadia, en Grecia, Bitinia, en Asia Menor, e Alexandría, en Exipto. Ademais, emitíronse moedas de elevada calidade en Esmirna. As moedas acuñáronse exclusivamente en bronce. Poden distinguirse tres tipos diferentes. En primeiro lugar existiron moedas de gran tamaño, con retratos finamente traballados, que teñen case a aparencia de medallas. O segundo tipo corresponde a moedas máis pequenas e ordinarias. No terceiro intégranse moedas de moi pequeno tamaño e de inferior calidade. Xeralmente, as moedas mostran no seu anverso a cabeza ou o busto de Antínoo. Na inscrición este é identificado como heroe ou como deus. As moedas de Alexandría e Tarso omiten esta inscrición, e sinalan a condición divina do defunto mediante unha coroa HemHem ou unha estrela, símbolo da natureza divina do personaxe reproducido.

Tesela de chumbo romana acuñada en Alexandría. Anverso: Antínoo coa coroa HemHem e a lúa crecente. Reverso: Serapis con Kalathos e cetro.

A uniformidade dos anversos contrasta coa maior variedade iconográfica dos reversos. Nas moedas acuñadas en Kyme, en Asia Menor, aparece Atenea Promacos na cara posterior; nas emitidas en Tarso, Dioniso cabalgando sobre unha pantera, unha pantera soa ou o deus río local Cidno. En Nicópolis peséntase unha vista dos edificios e as portas da cidade ou un touro; este animal está tamén presente nas acuñacións de Mitilene.

En Arcadia atópase un touro nos reversos, e en Delfos un trípode. Máis escasas son as referencias directas a Antínoo. Na súa cidade natal vese á beira dun boi á carreira, caracterizado como Antínoo-Hermes; en Tarso aparece como Dioniso-Osiris.

Non en último lugar, estas acuñacións deberon atraer a benevolencia doemperador, asegurándolle a lealdade das cidades. Os fundadores das cidades son a miúdo mencionados nas moedas acuñadas nelas, o que responde probablemente a unha intención propagandística. Ademais das moedas, acuñáronse teselas de chumbo.

Xa na Antigüedad foron moi apreciadas as moedas do primeiro tipo antes citado, semellantes a medallóns. Sábese que foron reutilizadas na Antigüidade como reloxos de sol ou espellos de man. Tamén se empregaron moedas como fichas de xogo, o que se recoñece polos seus reversos fortemente desgastados. Conserváronse tamén impresións das moedas en arxila. Estas aplicacións de terracota foron aproveitadas como táboas votivas ou como ornamentos para sartegos de madeira. Aínda hoxe estas moedas son pezas cobizadas polos coleccionistas. Coñécense tamén falsificacións realizadas no Renacemento, denominadas "paduanas".

Recepción posterior[editar | editar a fonte]

Case en paralelo ó redescubrimento da arte antiga, durante o Renacemento deuse tamén un redescubrimento de Antínoo. Ó comezo a atención estivo centrada só na súa representación na arte, e non na persoa ou a lenda do mozo bitinio. Para este redescubrimento foi decisivo que existisen numerosas obras de arte nos dominios da escultura e a numismática, xustamente os ámbitos en que comezou a investigación da arte antiga. Ademais, pescudouse tamén moi pronto que o tipo de Antínoo representaba unha mostra particularmente clásica da escultura da Antigüidade. Co tempo chegarían mesmo a ser tomadas por retratos de Antínoo algunhas estatuas que en realidade representaban a algunha outra divindade. Dous dos máis importantes retratos de Antínoo, que tiveron unha gran importancia na recepción posterior da súa imaxe, son os coñecidos como Antínoo do Belvedere, dos Museos Vaticanos, e Antínoo Capitolino, no Museo Capitolino de Roma.

O Antínoo do Belvedere e o Antínoo Capitolino[editar | editar a fonte]

Antínoo Capitolino (Sala do Gladiador dos Museos Capitolinos).

O Antínoo do Belvedere é mencionado por primeira vez en 1543, polo que se cre que foi descuberto só pouco tempo antes. Ulisse Aldrovandi escribiu en 1556 que a estatua fora descuberta no Esquilino, nas proximidades da igrexa de San Martino. Michele Mercati, pola contra, anotou na década de 1580 que a escultura fora achada nun xardín próximo a Castel Sant'Angelo. Nicolaus de Palis, en cuxa propiedade fora atopada a estatua, foi o primeiro en mencionar por escrito o achado, e vendeu a escultura ó papa Paulo III por dez mil ducados. A obra, moi apreciada pola súa beleza, foi colocada no Patio do Belvedere do Vaticano, de onde toma o nome polo que é coñecida. Xa en 1545 realizouse o primeiro molde da escultura. A estatua foi pronto identificada como un retrato de Antínoo; outras interpretacións posibles, como a que a facía imaxe do xenio dalgún príncipe, non chegaron a prosperar. Durante os anos seguintes, a estatua foi incorporada ó canon universal da arte antiga. É mencionada en case todas as obras importantes da Idade Moderna. Artistas como Gian Lorenzo Bernini, François Duquesnoy e Nicolas Poussin aprenderon dela as prácticas escultóricas da Antigüidade. As casas reais de Inglaterra, España e Francia ordenaron facer copias en bronce ou en mármore. Johann Joachim Winckelmann apreciou a estatua pola súa beleza, aínda que criticou certas imperfeccións nas pernas e o embigo. Winckelmann interpretouna, de forma errada, como unha representación de Meleagro. Con todo, tamén a súa identificación como Antínoo resultaría ser falsa, aínda que a estatua foi de gran importancia para o estudo dos retratos de Antínoo. Ennio Quirino Visconti interpretouna a comezos do século XIX como unha representación de Mercurio. Esta identificación resultou convincente, e é a predominante até a actualidade. Despois de que se descubrise nunha tumba da illa de Andros unha estatua semellante, este tipo de estatuas é coñecido co nome xenérico de Hermes Andros-Farnesio.

Unha importancia semellante tivo o descubrimento do Antínoo Capitolino,tamén chamado Antínoo Albani. Atopábase, polo menos desde 1733, na colección privada do cardeal Alessandro Albani. Nun catálogo que se conservou dise que a estatua se conta entre as máis destacadas obras de arte da Antigüidade. En 1750 Pierre-Jean Mariette informaba de que a estatua sería esquecida nos trinta anos anteriores se non fose recoñecida como unha imaxe ideal para o estudo das proporcións. O Antínoo do Belvedere e o Capitolino serían a miúdo comparados tanto na súa estética como no seu estilo. As opinións resultado da comparación de ambas as estatuas foron moi diversas. Duquesnoy e Poussin estudaron tamén con detalle esta segunda estatua. Winckelmann opina varias veces e detalladamente nas súas obras acerca das diferentes representacións de Antínoo, pero non, con todo, achega do Antínoo Capitolino. Só nunha carta declara, incidentalmente, que non estimaba a estatua, fóra da cabeza. Do mesmo xeito que o Antínoo de Belvedere, desta estatua fixéronse numerosas copias. Entre outros lugares, unha copia achábase na corte francesa. Por toda Europa circularon, principalmente, reproducións de menor tamaño. Con todo, tamén doAntínoo Capitolino puido Ennio Quirino Visconti probar que non era en absoluto unha representación de Antínoo, senón que se trataba, de novo, dunha imaxe de Hermes.

O Antínoo-Xonás e o relevo de Vila Albani[editar | editar a fonte]

O Antínoo Farnesio, posible inspiración do Antínoo-Xonás (Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles).

Posiblemente, a imaxe máis significativa de Antínoo na escultura posterior sexa o chamado Antínoo-Jonás, da Capela Chigi, deseñada por Rafael a partir de 1513, e emprazada na igrexa romana de Santa María do Popolo. Lorenzo Giovanni dei Ludovico realizou, seguindo un proxecto de Rafael, unha estatua de Antínoo que utiliza os trazos da escultura antiga para representar a un personaxe enteiramente diferente. Rafael non escolleu a ningunha divindade do mundo clásico, senón ó profeta bíblico Xonás, co cal cristianizou a figura de Antínoo. Xonás non é representado aquí como o habitual vello profeta barbado, senón como un home novo, mesmo un tanto feble, que acaba de escapar da morte. Espido, só arroupado por unha túnica, está sentado sobre a balea. A obra está sen dúbida inspirada nas antigas imaxes de Antínoo. Dado que case todas as representacións de Antínoo foron desenterradas en época máis tardía, o máis probable é que tanto Rafael como o executor da escultura, Lorenzo Giovanni dei Ludovico, inspiráronse no Antínoo Farnesio, xa coñecido por entón, que formaba parte nesa época da colección de Agostino Chigi, e que actualmente se atopa no Museo Nacional de Nápoles.

Relevo de Vila Albani, debuxo do século XIX.

En 1734 foi desenterrado nas proximidades da Vila Adriana un relevo coñecido como Relevo de Vila Albani. Desde pouco despois do seu descubrimento, foi considerado nos círculos especializados unha obra de arte de especial importancia.

Cabeza Mondragone de perfil (Museo do Louvre).

Xunto coa Cabeza Mondragone, outro retrato de Antínoo, o relevo foi considerado por Winckelmann como "a gloria e coroa da arte deste e de todos os tempos".[21] O relevo mostra con claridade trazos individuais de Antínoo. Pola contra, a "Cabeza Mondragone" é un exemplo de representación idealizada. A cabeza formaba parte probablemente dunha colosal estatua de Antínoo, destinada ó seu culto. O personaxe é mostrado aquí como Dionisos-Osiris, portando un diadema, pode que un uraeus. A cabeza foi achada en 1720 e exposta nun principio na Vila Mondragone, preto de Frascati, razón pola que é coñecida con este nome. Winckelmann describiuna como "despois da do Apolo do Vaticano e o Laoconte, a máis fermosa que chegou até nós"[22] Winckelmann recoñeceu acertadamente estas dúas obras como de época de Hadriano, e baseadas en modelos gregos clásicos.

Desde a segunda metade do século XVI até finais do XIX difundíronse moito os bustos e figuras de Antínoo, xeralmente en bronce. Moitas destas miniaturas, obras derivadas orientadas a satisfacer o gusto da época, son consideradas charramangueiras desde o punto de vista actual.

Antínoo na literatura e o cinema[editar | editar a fonte]

Con todo, a influencia de Antínoo e da súa relación con Hadriano non se reduce á arte antiga e á súa recreación e nova interpretación. Aínda que o interese espertado polo personaxe no mundo da literatura foi bastante tardío, e só se iniciou nas décadas finais do século XIX, varios autores literarios ocupáronse de Antínoo, entre eles a moi coñecida escritora belga Marguerite Yourcenar, autora da soada novela histórica Memorias de Hadriano (1951), na que, ó final da súa vida, o emperador relata, entre outros moitos recordos, o intenso amor que sentiu por Antínoo e a súa tráxica morte.

Outras novelas que se ocuparon do personaxe son Antinous. Historischer Roman aus der römischen Kaiserzeit (1880), de George Taylor; Antinous, des Kaisers Liebling. Ein Seelengemälde aus dem Alterthume (1888), de Óscar Linkes; Der Kaiser (1890) do exiptólogo alemán Georg Ebers; Antinous oder die Reise eines Kaisers (1955), de Ernst Sommers; e Antinous, Geliebter!Ein Schicksalsjahr für Kaiser Hadrian, de Ulrich Stöwer (1967). Entre as máis recentes está Memorias de Antínoo (2000), do arxentino Daniel Herrendorf.

A tráxica historia de Antínoo foi tamén fonte de inspiración para numerosos poetas, entre os que destaca sobre todo o portugués Fernando Pessoa.

O seu poema "Antinous", escrito en inglés, publicouse en 1918. Oscar Wilde aludiu tamén a Antínoo nuns versos do seu poema "The Sphinx" ("A esfinxe"):

Sing to me of that odorous green eve when crouching by the marge

You heard from Adrian's gilded barge the laughter of Antinous
And lapped the stream and fed your drouth and watched with hot and hungry stare

The ivory body of that rare young slave with his pomegranate mouth!
Orixinal en inglés
Fálame daquel verde e oloroso atardecer, cando tendida xunto á ribeira

Escoitaches a risa de Antínoo desde a barca dourada de Hadriano
E como lamiches a corrente acougando a túa sede e contemplaches con ardor e avidez

O corpo de marfil daquel mozo e singular escravo coa súa boca como unha granada!
Tradución ó galego

Tamén escribiu un poema sobre Antínoo o arxentino Carlos Cossio.

Unha película baseada na novela Memorias de Hadriano, de Marguerite Yourcenar, ten a súa estrea prevista para 2008. O director da película, que se titulará Memoirs of Hadrian, é John Boorman.[23]

Exposicións[editar | editar a fonte]

Nos últimos anos, Antínoo volveu a ser centro de atención do mundo académico grazas a dúas exposicións. Unha delas, titulada Antinoos - Geliebter und Gott ("Antínoo, amado e deus") tivo lugar no Museo de Pérgamo de Berlín, do 3 de decembro de 2004 ó 1 de maio de 2005. O Instituto Henry Moore organizou tamén outra exposición na cidade de Leeds co título de Antinous: the face of the Antique ("Antínoo: o rostro da antigüidade"), entre o 25 de maio e o 26 de agosto de 2007.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Rudolf Hanslik, Der Kleine Pauly, vol. 1, p. 385, indica o ano 110; Annika Backe (ver bibliografía), un período entre 111 e 115; achega o 27 de novembro como día do seu nacemento: Inscriptiones Latinae Selectae 7212.
  2. Véxase Backe, p. 4. Birley (Birley, p. 209) indica que Hadriano puido visitar a cidade de Bitinio-Claudiópolis mesmo antes, en 117, aínda que o considera bastante improbable.
  3. Hermann Bengtson: Römische Geschichte, C.H. Beck, 7ª edición, Múnic, 1995, p. 299.
  4. Backe, p. 4.
  5. Achega das diferentes versións sobre a morte de Antínoo, véxase Birley, pp. 315-318, onde comenta a información que sobre este asunto ofrecen Dion Casio, Aurelio Víctor e a Historia Augusta.
  6. Esta versión dos feitos é a verdadeira segundo o historiador Dion Casio, LXIX, 11; o texto pode verse aquí en tradución ó inglés); o resto das fontes non se pronuncia nun sentido ou noutro.
  7. "Antinoum suum, dum per Nilum navigat, perdidit, quem muliebriter flevit. De quo varia fama est aliis eum devotum prol HHadriano adserentibus, aliis, quod et forma eius ostentat et nimia voluptas Hadriani." (Vita Hadriani, (De Vita Hadriani AeliiSpartiani XIV, 5-6 (texto en latín). Tradución aproximada: "Mentres navegaba polo Nilo perdeu ó seu Antínoo, a quen chorou coma unha muller. Sobre o cal hai varios rumores, afirmando uns que se sacrificou por Hadriano, e outros o que se deduce da súa beleza [de Antínoo] e da inmoderada voluptuosidade de Hadriano" (trad. Wikipedia).
  8. Pausanias, 8,9,7
  9. Michael Zahrnt: Hadrian, en: Manfred Clauss: Die römischen Kaiser. 55historische Portraits von Caesar bis Iustinian, C.H. Beck, Múnic 1997, pp. 133ss.; sobre os privilexios véxase tamén Zahrnt (bibliografía)
  10. Sobre a tumba de Antínoo no Nilo, véxase Hannestad: Über dás Grabmal des Antinoos. Topographische und thematische Studien im Canopus-Gebiet der Villa Adriana, en: Analecta Romana Instituti Danici 11 (1982), pp. 69-108
  11. Achega do obelisco, véxase H. Meyer (1994, ver bibliografía)
  12. Lambert 1984, pp. 144-145.
  13. Pausanias 8,9,7; Supplementum epigraphicum Graecum 31, 1060; Inscriptiones Latinae Selectae 7212
  14. CIL VIN,1851; XIV 3535, e outras.
  15. Suda 3,481,21
  16. Suda 3,367,9
  17. Suda 15,677
  18. PIR (Prosopographia Imperii Romani) A 737; en W.D. Lebek: Ein Hymnus auf Antinoos, en Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik 12 (1973), pp. 101-137
  19. Acerca das referencias cristiás a Antínoo, véxase Backe, p. 6
  20. Backe, p. 13
  21. die Ehre und die Krone der Kunst dieser sowohl als aller Zeiten, citado en Backe, p. 21
  22. nach dem vaticanischen Apollo und dem Laokoon dás Schönste, was uns übrig ist, citado en Backe, p. 22
  23. Ficha do proxecto en IMDb.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Backe, Annika (2005). Antinoos: Geliebter und Gott (en alemán). Berlín: Staatliche Museen zu Berlin, Stiftung Preußischer Kulturbesitz. ISBN 3-88609-495-2. 
  • Birley, Anthony Richard (2005). Adriano: la biografía de un emperador que cambió el curso de la historia. Barcelona: Península. ISBN 84-96333-36-1. 
  • Clairmont, Christoph W. (1966). Die Bildnisse des Antinous. Ein Beitrag zur Portraitplastik unter Kaiser Hadrian (en alemán). Roma: Schweizerisches Institut. OCLC 490117660. 
  • Galli, Marco (2010). "La paideia de Adriano: alcune osservazioni sulla valencia politica del culto eroico". En Marco Rizzi. Hadrian and the Christians (en italiano). Berlín: De Gruyter. ISBN 9783110224719. 
  • Henig, Martin (1985). El arte romano. Una revisión de las artes visuales del mundo romano. Barcelona: Destino. ISBN 84-233-1367-0. 
  • Herrendorf, Daniel. E. (1999). Memorias de Antinoo. Buenos Aires: Random House - Mondadori. 
  • Lambert, Royston (1984). Beloved and God: The Story of Hadrian and Antinous (en inglés). Londres: Weidenfeld & Nicolson. ISBN 9780297780458. 
  • Meyer, Hugo (1991). Antinoos. Die archäologischen Denkmäler unter Einbeziehung des numismatischen und epigraphischen Materials sowie der literarischen Nachrichten. Ein Beitrag zur Kunst- und Kulturgeschichte der hadrianisch-frühantoninischen Zeit (en alemán). Múnic: Fink. ISBN 3-7705-2634-1. 
  • Meyer, Hugo (1994). Der Obelisk des Antinoos. Eine kommentierte Edition (en alemán). Múnic: Fink. ISBN 3-7705-2913-8. 
  • Moormann, Eric M.; Uitterhoeve, Wilfried (1998). De Adriano a Zenobia. Temas de la historia clásica en la literatura, la música, las artes plásticas y el teatro. Madrid: Akal. ISBN 84-460-0876-9. 
  • Vout, Caroline; Curtis, Penelope (2006). Antinous: the face of the Antique (en inglés). Leeds: Henry Moore Institute. ISBN 9781905462025. 
  • Zahrnt, Michael (1988). "Antinoopolis in Ägypten. Die hadrianische Gründung und ihre Privilegien in der neueren Forschung". ANRW (en alemán). II.10.1: 699–706. ISBN 9783110118933. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]