Narciso (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Óleo en lenzo atribuído en 1913 a Caravaggio

Na mitoloxía grega, Narciso (en grego, Νάρκισσος) era un mozo cunha aparencia bela, fermosa e rechamante. Todos os homes e as mulleres quedaban namorados del, pero este rexeitábaos. Entre as mozas feridas polo seu amor estaba a ninfa Eco, quen desgustara a Hera e por iso esta condenouna a repetir as últimas palabras daquilo que se lle dixese. Por tanto, era incapaz de falar a Narciso do seu amor, pero un día, cando el estaba a camiñar polo bosque, ela seguiuno. Cando el preguntou «Hai alguén aquí?», Eco respondeu: «Aquí, aquí». Incapaz de vela oculta entre as árbores, Narciso gritoulle: «Ven!».[1] Despois de responder, Eco saíu de entre as árbores cos brazos abertos. Narciso cruelmente negouse a aceptar o seu amor, polo que Eco, desolada, ocultouse nunha cova e alí consumiuse ata que só quedou a súa voz.

Para castigar a Narciso pola súa fachenda, Némese, deusa da xustiza retributiva, fixo que se namorase da súa propia imaxe reflectida nun estanque. Nunha contemplación absorta, incapaz de separarse da súa imaxe, acabou arroxándose ás augas. No sitio onde o seu corpo caera, creceu unha fermosa flor, que fixo honra ao nome e a memoria de Narciso.

Versión grecolatina[editar | editar a fonte]

Narciso, de Paúl Dubios (1866)

Trátase dunha historia moral na que o orgulloso e insensible Narciso é castigado polos deuses por rexeitar aos seus pretendentes. Crese que é unha historia moralizante dirixida aos adolescentes gregos da época. Até hai pouco a única fonte desta versión era un fragmento da Descrición de Grecia de Pausanias (9.31.7), 150 anos posterior a Ovidio. Unha versión moi similar foi descuberta no chamado Papiro de Oxirrinco no ano 2004, unha versión moi anterior á de Ovidio en polo menos uns cincuenta anos.

Na historia helénica, o mozo Aminias ama a Narciso pero este rexéitao cruelmente. Como unha forma de burlarse de Aminias, Narciso entrégalle unha espada, que Aminias utiliza para suicidarse ante as portas da casa de Narciso, mentres suplica á deusa Némes que Narciso un día coñeza a dor do amor non correspondido. Crese que esta maldición se cumpre cando Narciso namórase da súa propia imaxe reflectida nun estanque e tenta seducir ao fermoso mozo sen decatarse de que se trata del mesmo ata que tenta bicalo. Entristecido de dor, Narciso suicídase coa súa espada, e o seu corpo convértese nunha flor, á cal se chamou Narciso.[2]

Versión romana[editar | editar a fonte]

Eco e Narciso, pintura de John William Waterhouse (1903).

A versión romana é considerada a clásica. Nela, Ovidio conta que a ninfa Eco namórase dun fachendoso mozo chamado Narciso, fillo da ninfa Liríope de Tespias e do deus fluvial Cefiso.

Preocupada polo benestar do seu fillo, Liríope decidiu consultar ao vidente Tiresias sobre o futuro do seu fillo. Tiresias díxolle á ninfa que Narciso viviría até unha idade avanzada mentres nunca se coñecese a si mesmo.

Un día, mentres Narciso estaba a cazar cervos, a ninfa Eco seguiu silandeiramente ao fermoso mozo a través dos bosques, ansiando dirixirse a el pero sendo incapaz de falar primeiro, xa que a deusa Hera maldixéraa a só poder repetir a última palabra do que outros dicían. Cando finalmente Narciso escoita os seus pasos detrás del, pregunta: "Quen está aí?", ao que Eco responde: "aí". E continuaron falando así, pois Eco unicamente podía repetir o último que outros dicían, ata que a ninfa mostrouse e tentou abrazar ao seu amado. Porén, Narciso rexeitouna e díxolle vaidosamente que o deixase en paz, e marchou repudiándoa. Eco quedou desconsolada e pasou o resto da súa vida en soidade, consumíndose polo amor que nunca coñecería, ata que soamente permaneceu a súa voz.

Polo que se refire a Narciso, un día enganado por Némesis, achegouse a un regato. Ao verse reflectido nas augas, a visión da súa vaidade e lozanía atrapouno nun castigo sen fin: por medo a danalo non o tocaba e era incapaz de deixar de miralo. Finalmente, dise que Narciso suicídase ao non poder ter o obxecto do seu desexo. E onde o seu corpo xacía, creceu unha flor que levaría o seu nome: o narciso.

Eco e Narciso, pintura de Placido Costanzi

Nalgunhas versións, sen dúbida influídas pola versión helénica, dise que outra muller que tamén fora rexeitada por Narciso, nun acto de celos ao velo falar con outra muller que parecía próxima a el, rezou á deusa Némese para que o castigase. Noutras versións dise que Narciso é atormentado no Inframundo contemplando un reflexo que non corresponde ao seu amor.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • FILÓSTRATO O VELLO: Cadros ou Imáxenes (Εικόνες); I, 23: Narciso (Νάρκισσος).
    • Tradución ó inglés, na páxina web Theoi; trad. de 1931 de Arthur Fairbanks publicada na Loeb Classical Library.
      • Texto bilingüe grego - francés, na páxina web de Philippe Remacle.
        • Texto grego, na páxina web do Proxecto Perseus (usando o rótulo activo "load", da parte superior dereita, obtense axuda en inglés co vocabulario grego do texto).
        • Texto grego, en Wikisource.
          • Arthur Fairbanks (1864 - 1944): historiador estadounidense de arte que foi director do Museo de Belas Artes de Boston dende 1908 ata 1925.
          • Philippe Remacle (1944 - 2011): helenista e latinista belga de expresión francesa.
  • BULFINCH, Thomas: Bulfinch's Mythology.
    • I: A era da fábula ou Historias de deuses e heroes (The Age of Fable ou Stories of Gods and Heros, 1855).
      • I, 13: Niso e Escila; Eco e Narciso; Clitia; Hero e Leandro (Nisus and Scylla - Echo and Narcissus - Clytie - Hero and Leander): texto, en inglés, na páxina web de Internet Sacred Text Archive.
      • O mesmo texto en Wikisource.