Xogos Píticos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os Xogos Píticos foron un do catro Xogos Panhelénicos cos de Olimpia, os Xogos Nemeos e os Xogos Ístmicos. Foron realizados no santuario de Delfos, e eran consagrados a Apolo; dábase como premio unha coroa de loureiro.

Orixe mítica[editar | editar a fonte]

Apolo matando a Pitón, obra de Cornelis de Vos. Madrid, Museo do Prado.

A competición debe o seu nome ao lugar, que se chamaba Pito, ben polas preguntas (punthanesthai) que lle facían os visitantes do oráculo, ben porque o animal que alí morreu estaba a podrecerse (punthesthai)[1][2].

Como os outros grandes xogos, tamén na súa orixe eran uns xogos fúnebres (agon epitaphios). Hai diferentes tradicións sobre a súa orixe mítica: A máis difundida relata que os implantou o propio Apolo, tras matar a Pitón e colocar os seus ósos nun caldeiro dentro do seu templo[3]. Unha variante desta tradición sinala que Apolo foi enviado por Zeus ao val do Tempe (Tesalia) a purificarse por esta morte e regresou a Delfos para apoderarse do oráculo cunha coroa de loureiro de Tempe e unha rama na súa man dereita. Por iso aos vencedores dos Xogos Píticos premiábanos cunha coroa de loureiro[4]. Pausanias relacionaba o premio do loureiro, en cambio, co relato mítico de Apolo e Dafne.

Unha tradición alternativa dicía que os fundou Diomedes en honra de Apolo e outra versión indica que os xogos se celebraban en honra de Neoptólemo, fillo de Aquiles, que fora asasinado no templo de Apolo Pitio por Orestes[5][6].

Inicios[editar | editar a fonte]

Nos primeiros tempos celebrábanse cada 8 anos. Este ciclo de 2.920 días correspondía exactamente a 99 lúas e representaba un moi longo ano.

Estes primeiros xogos consistían unicamente nun concurso musical, onde cada candidato cantaba un himno en honra de Apolo, acompañándose dunha lira. O primeiro vencedor foi Crisótemis de Creta, fillo de Carmanor. Despois de Crisótemis cítase como vencedor a Filamón e despois a Támiris. Así o comenta Pausanias, que engade que Hesíodo non puido tomar parte na proba porque non se sabía acompañar coa cítara, e que Homero non participaba porque era cego[7].

Os Xogos Píticos tomaron a súa forma definitiva despois da chamada primeira guerra sacra: cara ao -595 os habitantes da veciña Cirra querían controlar o rico santuario de Delfos. Os habitantes de Delfos pediron axuda aos anfictións, un grupo de 12 etnias relacionado inicialmente co culto a Deméter en Tesalia. Cirra foi vencida e os anfictións pasaron a administrar o santuario a partir de -590.

No -586 os anfictións que dirixían o santuario repartiron xunto aos premios para a citarodia, o canto con acompañamento de cítara, premios para a aulodia, canto con acompañamento de óboe (aulos) e para óboe[8]. Nese ano, Sacadas de Argos gañou esta competición co «nomo pítico», canto no cal se escenificaba con sons a loita de Apolo contra Pitón[9].

Comezo oficial[editar | editar a fonte]

Vista do estadio de Delfos utilizado nos Xogos Píticos. Os chanzos da esquerda foron engadidos na época romana.
Os Xogos Píticos incluían carreiras de carros. O Auriga de Delfos representa un dos vencedores desta carreira.

Segundo a Crónica de Paros, en -590 xa tivo lugar un agon gymnikos khrematites, é dicir, unha competición ximnástica con premios de gran valor procedentes de botíns de guerra, pero desde -582 foi un agon stephanites, unha competición cunha coroa de loureiro como único premio para o vencedor[10]. Esta data marca o comezo oficial da era dos Xogos Píticos.

Desde entón celebráronse cada 4 anos. Tiñan lugar no mes de bucatio, o segundo do calendario délfico (agosto-setembro), o terceiro ano de cada Olimpíada, posto que estas tamén eran festas «pentéricas», como as Píticas, que se celebraban cada 4 anos. Desde o século -IV no mes de heraios (outubro).}}

A tregua sacra[editar | editar a fonte]

Antes do inicio dos xogos uns heraldos (teoros) percorrían o mundo grego para proclamar a tregua sacra, que permitía que os gregos asistisen aos xogos con total inmunidade, mesmo en tempo de guerra. Existía para iso un período sacro, cuxa duración exacta se descoñece, que preservaba aos teoros e aos participantes de toda acción bélica. Se unha cidade non aceptaba someterse a esta norma quedaba excluída da participación nos Xogos Píticos e se, tras aceptala, violaba a tregua, debía afrontar importantes multas e os seus representantes eran expulsados[11].

Eventos e desenvolvemento dos Xogos[editar | editar a fonte]

Rituais

Os xogos duraban varios días. Os primeiros dedicábanse aos sacrificios, ás procesións dos teoros, sacerdotes e participantes ao altar de Apolo para ofrecerlle unha hecatombe, e a un banquete. Poida que tamén se celebrase unha representación, en forma de drama sacro, da loita de Apolo contra o dragón (o primeiro día, o 6 de bucatio).

Desde un período moi antigo celebrábase a festividade do Estepterio ou Septerión[12]. Nas Cuestións gregas Plutarco relaciona esta festividade cunha representación da loita entre Pitón e Apolo. Apolo, despois de matar o dragón, fuxiría ao val do Tempe para ser purificado ou ben sería Pitón quen, unha vez ferido, fuxiu e Apolo seguiuno, alcanzándolle no momento en que morría e cando o seu fillo, chamado Aix (a cabra), estaba a enterralo[13]. Noutra pasaxe, Plutarco indica que estes ritos eran realizados para aplacar as iras dos démones por esta morte[14].

Claudio Eliano menciona leste mesmo ritual sinalando que se celebraba en conmemoración da purificación de Apolo pola morte de Pitón, polo que un grupo de nobres delfios ían ao val do Tempe cada 8 anos, onde realizaban sacrificios e trenzaban coroas de loureiro e logo regresaban a Delfos por un camiño que se denominaba «ruta pítica» escoltados por habitantes das rexións que atravesaban. Un relato de Heliodoro describe unha procesión, así como sacrificios e un banquete, que eran realizados polos enianes que viñan de Tesalia para honrar a Neoptólemo[15]. Na procesión conducíanse os animais destinados aos sacrificios; ían tamén raparigas tesalias con canastras de flores, froitas, pasteis e perfumes, que ademais danzaban e cantaban; tamén desfilaban efebos dacabalo[16].

Concursos musicais e poéticos

Posteriormente tiñan lugar concursos musicais no teatro: poemas acompañados con cítara (poema cirédico), unha longa peza de frauta que conmemoraba os 5 episodios da loita contra o dragón (nomo pítico), un só de frauta e de cítara, concursos de poesía, representacións tráxicas e espectáculos de danza[17].

Cos anos instauráronse outras competicións musicais: intérpretes de cítara (sen canto), para coros cíclicos (para ditirambos, e o coro formado en círculos), para actores de traxedia e comedia[18].

Nalgunha época celebráronse tamén concursos de pintores[19].

Durante o Imperio romano engadiuse a proba de encomio (poema de encomio) tanto en verso como en prosa, e unha proba de pantomima. Igualmente houbo a competición para trompeteiros e heraldos.

Un destacado citaredo foi Aristónoo que chegou a obter seis vitorias nos Xogos Píticos[20].

Concursos xímnicos

Despois das competicións musicais celebrábanse as competicións deportivas: estadio, carreira longa (dólico, 24 estadios de 178 metros), carreira dobre (diaulo, de dous estadios), pancracio, loita, puxilato, carreira con armas, péntatlon (cada atleta presentábase ás probas de carreira, salto de lonxitude, loita, lanzamento de disco e de xavelina)[21][22][23][24][25][26][27].

Pausanias cita a Ecmeas de Parapotamios como o primeiro vencedor dos primeiros xogos que organizaron os anfictións, na proba do puxilato infantil[28].

Teáxenes recibe a palma de honra, entregada por Cariclea. Óleo sobre lenzo pintado cara a 1626 por Abraham Bloemaert.

A carreira de armas organizouse por vez primeira na 23º Pitiada, na que venceu Timéneto de Fliunte[18]. Un relato novelesco do desenvolvemento dunha carreira de armas nos xogos foi narrado por Heliodoro, no que venceu Teáxenes e recibiu unha palma como premio de mans da súa amada Cariclea[29].

Tamén instituíron o pancracio para mozos[30].

Concursos hípicos

Tras as competicións ximnásticas desenvolvíanse os concursos hípicos: as carreiras de cabalos, de carro con catro cabalos (cuadrigas) e con dous cabalos (bigas)[31].

O primeiro vencedor destas competicións foi Clístenes de Sición[32].

Un relato do desenvolvemento dunha ficticia carreira de carros nestes xogos nárrase na traxedia Electra, de Sófocles, na que Orestes compite contra outro nove carros e morre de maneira accidental, pero tratábase dun engano para facer crer a Clitemnestra que o seu fillo morrera[33].

A famosa estatua do Auriga de Delfos, que formaba parte dun grupo escultórico maior, representa a un gañador da carreira de cuadrigas dos Xogos Píticos. Segundo unha inscrición, foi dedicado por Polizalo, tirano de Gela. Discútese se Polizalo foi o vencedor ou se foi unha dedicatoria en honra do seu irmán Hierón, cuxas vitorias están documentadas a través de poemas de Píndaro[34] e Baquílides.

Na 48º Pitiada engadiuse a carreira de bigas, onde gañou Execéstides de Fócida. Por outra banda, na 53º, incluíuse a carreira de cuadrigas con poldros, onde venceu Orfondas de Tebas[18]. Tamén instituíron a carreira de biga con poldros e a carreira montado dacabalo.

As competicións hípicas dos xogos realizábanse no hipódromo que se achaba nunha chaira que se achaba nas proximidades de Cirra[35].

Outros aspectos dos xogos

Introduciuse unha nova categoría, os «imberbes» (ageneioi), cuxa idade se situaba entre a categoría xuvenil e a adulta.

Rexístranse vitorias de mulleres pero descoñécese se a participación das mulleres nestes xogos tiña carácter habitual ou era esporádica[36].

Á marxe das competicións tiñan lugar outras manifestacións: o famoso actor Sátiro (século -IV) deu unha representación das bacantes de Eurípides. Os actores profesionais, agrupados na Tekhnitai de Dioniso, desempeñaban un papel importante nos agones (agones) musicais.

Do mesmo xeito que en Olimpia, se compilaron unhas listas cos nomes dos pitiónicos (pythionikai), os vencedores dos Xogos Píticos. Cando un terremoto destruíu os arquivos en -373, encargóuselle a Aristóteles refacer as listas. Co seu discípulo Calístenes, acometeu a tarefa e foron honrados nun epígrafe que aínda se conserva[37].

Os vencedores recibían unha coroa de loureiro, a árbore de Apolo, aínda que, segundo un relato de Ovidio nos xogos máis primitivos premiouse aos vencedores con coroas de aciñeira[38]. Os premios asignábaos o consello da anfictionía, que era tamén quen organizaba os xogos. Os epimeletas encargábanse de dirixilos[39].

Liña de saída do estadio usado nos Xogos Píticos.

Todas estas competicións foron unha importante fonte de inspiración da poesía grega, especialmente da época clásica. Os vencedores encargaban as súas odas aos mellores poetas do seu tempo, fundamentalmente a Simónides de Ceos e a Píndaro. Deste último consérvanse 12 odas triunfais (epinicios), fragmentos de peanes dedicados a Apolo e ditirambos de carácter dionisiaco.

Do mesmo xeito que as competicións olímpicas, as píticas serviron de modelo para as chamadas «competicións isopíticas», que se organizaron en diferentes lugares.

Durante os primeiros dous séculos do Imperio romano, os Xogos Píticos estiveron en pleno auxe (Plutarco, entre outros, era epimeleta dos Xogos Píticos)[40]. Despois foi decrecendo a súa importancia até desaparecer no transcurso do século IV.

Xogos modernos[editar | editar a fonte]

  • Por iniciativa de Ángelos Sikelianós e inspirados nos antigos Xogos Píticos, en 1927 e 1930 celebráronse en Delfos dúas edicións duns modernos festivais que incluían competicións deportivas e culturais[41].
  • Por outra banda, en 1994 fundouse o Consello Délfico Internacional co obxectivo de organizar periodicamente uns xogos tamén inspirados nos antigos Xogos Píticos, coa intención de fomentar un diálogo intercultural entre todas as nacións. A partir de 1997 celebráronse varias edicións destes Xogos Délficos modernos, algunhas especificamente para a mocidade, en diversas cidades do mundo[42].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Plutarco, La E de Delfos 2 (385B)
  2. Himnos Homéricos: III a Apolo 363.
  3. Ovidio, Las metamorfosis I,445; Higino, Fábulas 145.
  4. Claudio Eliano, Historias curiosas III,1.
  5. Pausanias II,32,2.
  6. Heliodoro, Etiópicas II,34,3.
  7. Pausanias X,7,2-3.
  8. Pausanias X,7,4.
  9. Pseudo-Plutarco, Sobre la música 1134-A; Pausanias X,7,4; II,22,8; Pólux IV,84,3-4; Estrabón IX,3,10.
  10. Crónica de Paros A 37-38.
  11. Raúl Buono-Core Varas, La neutralidad y la tregua sagrada en Grecia: ¿actos diplomáticos?, pp.155-158, en revista Limes nº 19 (2007), ISSN 0716- 5919.
  12. Comesaña López, Ana María (2016), Estudio sobre la fiesta y el culto griegos en las Vidas paralelas de Plutarco Arquivado 16 de agosto de 2016 en Wayback Machine., pp.231-232, tesis doctoral, Universidad de Murcia.
  13. Plutarco, Cuestiones griegas 12.
  14. Plutarco, Sobre la desaparición de los oráculos XV.
  15. Heliodoro, Etiópicas II,34,3; II,35,2-3.
  16. Heliodoro III,1,5-III,3,3; III,6,1.
  17. Estrabón IX,3,10.
  18. 18,0 18,1 18,2 Pausanias X,7,7.
  19. Plinio el Viejo XXXV,35.
  20. Plutarco, Vida de Lisandro 18.
  21. Plutarco, Charlas de sobremesa II,4.
  22. Píndaro, Píticas XI.
  23. Pausanias X,7,5.
  24. Pausanias VI,16,4; Píndaro, Píticas X.
  25. Pausanias VI,4,6.
  26. Pausanias VI,15,10; Píndaro, Píticas VIII.
  27. Píndaro, Píticas IX.
  28. Pausanias X,33,8.
  29. Heliodoro, Etiópica IV,1.
  30. Pausanias X,7,8.
  31. Sófocles, Electra 690.
  32. Pausanias X,7,6.
  33. Sófocles, Orestes 690-756.
  34. Carmen Sánchez, Una nueva mirada al arte de la Grecia antigua, p.206, Madrid: Cátedra (2006), ISBN 84-376-2328-6.
  35. Pausanias X,37,4.
  36. Fernando García Romero, El deporte femenino en la Antigua Grecia, pp.15-16.
  37. Jean Bousquet, Delphes et les «Pythioniques» d'Aristote, en Revue des Études Grecques (1984) Vol. 97, nº 462, p.374.
  38. Ovidio, Las metamorfosis I,448.
  39. Plutarco, Charlas de sobremesa II,4; VII,5.
  40. Fernando Marín Valdés, Plutarco y el arte de la Atenas hegemónica, p. 76, nota nº 219, Universidad de Oviedo (2008), ISBN 978-84-8317-659-7.
  41. Alejandro Valverde García, El nacimiento de la tragedia griega en la pantalla: Prometeo encadenado (1927) de Gadsiadis en revista Thamyris, nº 5 (2014), pp. 63-84, ISSN 2254-1799.
  42. "Páxina do Consello Délfico Internacional". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2018. Consultado o 23 de marzo de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]