Saltar ao contido

Mitoloxía irlandesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A mitoloxía da Irlanda precristiá non sobreviviu completamente á conversión do cristianismo, pero boa parte dela conservouse, recortada nos seus significados relixiosos, na literatura medieval irlandesa, que representa a máis extensa e mellor conservada de tódalas pólas da mitoloxía celta. A mitoloxía irlandesa non pode ser comprendida sen un coñecemento do contexto histórico e cultural da Irlanda antiga. A transición do paganismo ao cristianismo deixou unha fonda pegada nestas historias, adaptadas e reinterpretadas ao longo dos séculos.

Aínda que moitos dos manuscritos non lograron sobrevivir e moitos materiais probablemente nunca chegaron a ser escritos, hai contidos abondos para permitir a identificación de catro ciclos distintos: o Ciclo mitolóxico, o Ciclo do Ulster, o Ciclo feniano e o Ciclo histórico. Tamén hai certo número de textos mitolóxicos que non encaixan en ningún outro ciclo. Asemade, hai un vasto número de contos populares do folclore irlandés conservados que, aínda que non son estritamente mitolóxicos, están protagonizados por personaxes dalgún destes catro ciclos.

Ciclo Mitolóxico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ciclo mitolóxico.

Este é talvez o ciclo máis antigo e está centrado nos deuses e na creación do mundo. Inclúe historias como a do Dagda, un deus supremo con poderes máxicos, e a da súa filla Bríxida, deusa da poesía e da curación. Segundo a opinión de Mackillop (1998), o uso do termo é "un pouco incómodo hoxe".[1]

Ciclo do Ulster

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ciclo do Ulster.

Centrado nas historias de Cú Chulainn, este ciclo presenta unha serie de epopeas e lendas que ocorren principalmente na provincia do Ulster. O Táin Bó Cúailnge é o conto máis famoso deste ciclo, e relata a guerra entre Connacht e o Ulster.[2]

Ciclo Feniano

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ciclo feniano.

Neste ciclo atópanse as aventuras de Fionn mac Cumhaill e os seus guerreiros, os Fianna. Historias como "O salmón do coñecemento" e "A busca de Diarmuid e Gráinne" son partes fundamentais deste ciclo, narrado por Ossian.[3]

Ciclo Histórico

[editar | editar a fonte]

Este ciclo inclúe textos que vinculan a mitoloxía coa historia real ou semi-real de Irlanda, como o Lebor Gabála Érenn (O Libro das Invasións), que narra a chegada dos distintos pobos á illa de Irlanda.

Outros personaxes

[editar | editar a fonte]
Bunworth Banshee.

Ademais dos mencionados, outros personaxes importantes inclúen a Morrígan ou Morrigu, deusa da guerra e da morte, e Lugh, deus do sol e das habilidades, entre outros.

Alén dos ciclos principais, existen numerosos mitos e lendas que, aínda que non forman parte de ningún ciclo específico, son amplamente coñecidos e populares, como as historias de banshees, pookas, leprechauns, fadas e outros seres máxicos.

A mitoloxía irlandesa ten un impacto significativo na cultura moderna, influenciando desde a literatura e o cine até festas como o Día de San Patricio.

Ligazóns entre a mitoloxía irlandesa e galega

[editar | editar a fonte]

Algúns elementos comúns entre as mitoloxías atlánticas, en particular na mitoloxía irlandesa e galega, poden ser indicativos de raíces culturais compartidas ou intercambios históricos, algo que se observa tamén na toponimia.[4] En diversas épocas, houbo un interese mutuo en presentarse como países de modelos socio-culturais análogos, especialmente no rexurdimento celta, o rexurdimento gaélico e o rexurdimento galego.[5]

A page from a 12th century Irish manuscript
Folio 53 do Libro de Leinster, manuscrito medieval fonte primaria da mitoloxía irlandesa e da súa primeira literatura.

Seres mariños e animais míticos

[editar | editar a fonte]

O concepto de criaturas mitolóxicas acuáticas é común en ambas as culturas: en Irlanda temos o cabalo acuático Capall Uisce, mentres na lenda de Santiago en Galiza o cabalo emerxe do mar cuberto en cunchas.[6]

As sereas en Galiza e as selkies ou merrows en Irlanda son seres mitolóxicos que viven no mar e teñen a capacidade de se transformar. En ambas mitoloxías hai diversas criaturas animais como dragóns (os cu sidhe, péist ou ollphéist son monstros mariños ás veces descritos como dragóns acuáticos, o dragón do Pico Sacro da Raíña Lupa ou a Tarasca, de orixe francesa, son exemplos galegos comúns á mitoloxía europea e mesmo doutros continentes), cobras ou serpentes máxicas, críptidos e diversos monstros mariños.

Outros elementos coincidentes nas mitoloxías irlandesa e galega coas doutras partes do mundo son as pedras de raio.

Tesouros escondidos

[editar | editar a fonte]

A lenda dos mouros galegos que esconden tesouros é similar ás lendas irlandesas sobre potes de ouro ao final do arco da vella, a miúdo gardados por leprechauns. Tamén existen paralelismos entre as figuras dos trasnos e os espíritos da casa.[7]

Espíritos de mulleres e entidades míticas

[editar | editar a fonte]

As banshees irlandesas lembran ás lavandeiras galegas, ambas entidades femininas relacionadas co destino. Ambas as culturas teñen unha variedade de seres míticos como xigantes, ananos e mouras na mitoloxía galega, e Tuatha Dé Danann ou fomorianos na irlandesa.

As mouras galegas e as deusas irlandesas como Morrigan ou Bríxida comparten características de seres femininos poderosos e a miúdo asociados con lugares específicos ou elementos naturais. Na arte, o costume de representar mulleres co sexo desproporcionado tamén é común aos dous países: no ano 2011 atopouse en Coirós, comarca de Betanzos, unha figura do século I que é posibelmente é a figura de Sheela-na-gig máis antiga de Europa.[8][9]

Así mesmo, figuras míticas como o coco de orixe galego-portuguesa identifícase nalgúns contextos co Jack O'Lantern do Samaín. Lobishomes, meigas e bruxas, comparten temáticas de transformación e maldición ou curación en ambas mitoloxías (véxase tamén o druidismo). A lenda de Dullahan, as banshees ou Ankou bretón comparte elementos coa Santa Compaña.[10]

Mitos fundacionais

[editar | editar a fonte]

Tamén ofrecen elementos de conexión a mitoloxía fundacional, como a lenda dos milesianos e Breogán, e os paralelismos coa escocesa (Gatelo, pedra de Scone etc.). Algúns deses mitos foron de ida e volta, desde tempos de Paulo Orosio até a Fuga dos Condes.[11]

Notas

  1. Mackillop 1998, mythological cycle "Somewhat awkward today, the phrase 'Mythological Cycle' was coined to describe those early stories that, in the absence of a Celtic cosmology, deal most with origins and the discernible remnants of pre-Christian religion; its first usage pre-dates the currency of 'Celtic Mythology'"
  2. The Táin : translated from the Irish epic Táin Bó Cualinge. Oxford ; New York : Oxford University Press. 1970. ISBN 978-0-19-280373-3. 
  3. Ó Dónaill, Niall (1977). Foclóir Gaeilge–Béarla, ed. "Fiannaíocht". Consultado o 1 de decembro de 2015. 
  4. "Identidad céltica de Galicia. Toponimia comparada del gaélico-irlandés y el gallego" (PDF). Dublin City University. Consultado o 1 de setembro de 2023. 
  5. "'A figuración galega de Irlanda'". Diario Cultural. 2021-11-08. Consultado o 2023-09-01. 
  6. "Lendas do Camiño de Santiago: O Cabaleiro das Conchas". vivecamino.com. Consultado o 2023-09-02. 
  7. Tebras, David Das (2022-06-24). "Los trasnos, esos traviesos diablillos". Fantasía celta (en castelán). Consultado o 2023-09-02. 
  8. https://www.facebook.com/lavozdegalicia (2011-09-09). "Hallan en Coirós un relieve pagano que podría datar del siglo I". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-07-10. 
  9. Torrado Cespón, Milagros. "Fascinology in the Society and Literature of the British Isles" (PDF). minerva.USC; Universidade de Santiago de Compostela (en inglés). 
  10. "La lúgubre Santa Compaña". historia.nationalgeographic.com.es (en castelán). 2020-10-31. Consultado o 2023-09-01. 
  11. "Thomas White | Real Academia de la Historia". dbe.rah.es. Consultado o 2022-02-18. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Fontes primarias na tradución inglesa

[editar | editar a fonte]
  • Cross, Tom Peete e Clark Harris Slover. Ancient Irish Tales. Barnes and Noble Books, Totowa, Nova Jersey, 1936 reimpreso en 1988. ISBN 1-56619-889-5.
  • Dillon, Myles. The Cycles of the Kings. Oxford University Press, 1946; reimpresión de Four Courts Press: Dublín e Portland, OR, 1994. ISBN 1-85182-178-3.
  • Dillon, Myles. Early Irish Literature. Chicago: University of Chicago Press, 1948; reimpresión : Four Courts Press, Dublín e Portland, OR, 1994. ISBN 0-7858-1676-3.
  • Joseph Dunn: The Ancient Irish Epic Tale Táin Bó Cúailnge (1914)
  • Winifred Faraday: The Cattle-Raid of Cualng. Londres, 1904. Esta é unha tradución parcial do texto no Yellow Book of Lecan, partialmente censurado por Faraday.
  • Gantz, Jeffrey. Early Irish Myths and Sagas. Londres: Penguin Books, 1981. ISBN 0-14-044397-5.
  • Kinsella, Thomas. The Tain. Oxford: Oxford University Press, 1970. ISBN 0-19-281090-1.

Fontes primarias en irlandés medieval

[editar | editar a fonte]
  • Cath Maige Tuired: The Second Battle of Mag Tuired. Elizabeth A. Gray, Ed. Dublín: Irish Texts Society, 1982. Series: Irish Texts Society (Series) ; v. 52. Texto en irlandés, tradución ó inglés e notas filolóxicas.
  • Táin Bo Cuailnge from the Book of Leinster. Cecile O'Rahilly, Ed. Dublin Institute for Advanced Studies, 1984.
  • Táin Bo Cuailnge Recension I. Cecile O'Rahilly, Ed. Dublin Institute for Advanced Studies 1976. Texto en irlandés, tradución ó inglés e notas filolóxicas

Renarración dos mitos en inglés

[editar | editar a fonte]
  • Coghlan, Ronan Pocket Dictionary of Irish Myth and Legend. Belfast: Appletree, 1985.
  • Mallory, J. P. Ed. Aspects of the Tain. Belfast: December Publications, 1992. ISBN 0-9517068-2-9.
  • O'Rahilly, T. F. Early Irish History and Mythology (1946)
  • O hOgain, Daithi "Myth, Legend and Romance: An Encyclopedia of the Irish Folk Tradition" Prentice Hall Press, (1991) : ISBN 0-13-275959-4
  • Rees, Brinley e Alwyn Rees. Celtic Heritage: Ancient Tradition in Ireland and Wales. Nova York: Thames and Hudson, 1961; reimpreso en 1989. ISBN 0-500-27039-2.
  • Sjoestedt, M. L. Gods and Heroes of the Celts. 1949; traducido por Myles Dillon. reimpreso por Berkeley, CA: Turtle Press, 1990. ISBN 1-85182-179-1.
  • Williams, J. F. Caerwyn. Irish Literary History. Traducido por Patrick K. Ford. University of Wales Press, Cardiff, Wales, e Ford e Bailie, Belmont, Massachusetts. Edición galesa de 1958, tradución inglesa de 1992. ISBN 0-926689-03-7.

Obras preservacionistas, historias tradicionais modernas

[editar | editar a fonte]
  • Lenihan, Eddie e Carolyn Eve Green. Meeting the Other Crowd: The Fairy Stories of Hidden Ireland. Nova York. Jeremy P. Tarcher/Penguin. 2004. ISBN 1-58542-307-6