Saltar ao contido

Militarismo celta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Replica das vestiduras dun guerreiro celta. Mueso Kelten-Keller, Rodheim-Bieber, Alemaña.

A historia da guerra celta esténdese dende a Idade de Ferro ata era romana e refírese ós diferentes estilos de guerra dos pobos celtas insulares e continentais (Galia, Iberia e Galacia).

Mitoloxía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Mitoloxía celta.

Os ciclos heroicos irlandeses foron escritos no período medieval, pero suponse que representan a era pre-cristiá. O Mabinogion galés data máis ou menos da mesma época. O Táin Bó Cúailnge, que trata sobre a historia do heroe do Ulster Cúchulainn, describe combates individuais centrados no uso da lanza (gae) e da xavelina (gá-ín) sen mencionar cascos ou armaduras de metal, o cal concorda coas evidencias arqueolóxicas. Os carros tamén xogaban un papel importante, pero ata o de agora non se atoparon carros como os que tiñan os habitantes da Illa de Gran Bretaña, o que implica que podería ser un elemento engadido con posterioridade por influencia da literatura homérica. De feito, os carros dos irlandeses eran da variedade de catro rodas, máis precisamente descritos como vagóns, e eran usado exclusivamente para o transporte. Non foron descubertos vestixios destes vehículos durante este período.[1]

Militarismo tribal

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Lista de tribos celtas.
Espada celta con vaíña, arredor do -60.

As tribos celtas loitaban entre elas e ás veces aliábanse contra inimigos comúns, coma os romanos, os gregos e outros pobos en contra das tribos celtas. O militarismo tribal semella ter sido unha característica normal nas sociedades celtas. Mentres que a literatura épica retrátao como unha actividade dirixida ó deporte e á caza, no canto da conquista territorial organizada, o rexistro histórico fai supoñer que as tribos empregaban a guerra para exercer control político e perseguir adversarios, para obter vantaxe económica, e nalgúns casos, para conquistar territorio.

A arqueoloxía proporcionou moita información mediante a observación e estudo da cultura material dos celtas, pero o significado deses achados na determinación de como loitaban realmente os celtas é suxeito de moita especulación. Unha das cousas que se deduciron foi que eran cazadores de cabezas, xa que crían que a cabeza era o lugar onde residía a alma das persoas. Os romanos e gregos rexistraron os hábitos dos celtas de chantar as cabezas dos inimigos nos muros e penduralas dos cabalos.[2] A caza de cabezas practicouse durante ben tempo polos gaels, polo que puido tratarse dunha práctica tradicional máis que relixiosa. No Ciclo do Ulster, Cúchulainn decapita ós tres fillos de Nechtan e monta as cabezas no seu carro. A práctica continuou aproximadamente ata a fin da Idade Media en Irlanda e Gran Bretaña.[3] A motivación relixiosa para recoller cabezas perdeuse despois de que os celtas se convertesen ó cristianismo. As cabezas tamén eran recollidas entre as tribos xermánicas e entre os iberos, pero o seu propósito é descoñecido.

Período de Hallstatt: século -XII ata –VI

[editar | editar a fonte]

A Cultura de Hallstatt é a máis antiga que foi identificada como asociada á cultura celta, estendéndose dende o norte dos Alpes occidentais en Francia ata o sur de Britania e na Península Ibérica. As primeiras fases da caída da cultura de Hallstatt producíronse na Idade de Bronce. As espadas semellan ter sido a arma principal durante este período, indicando quizais que os conflitos bélicos tiñan unha escala relativamente pequena, posiblemente entre grupos de guerreiros de elite. Nas derradeiras fases da era de Hallstatt, o ferro comezou a substituír o bronce na fabricación de armas e a clásica "espada longa celta", co seu deseño de folla en punta, fixo a súa aparición. Os enterros de carros tamén son deste período; é posible que tivesen algunha función na guerra desta época, pero os carros eran de catro rodas, máis axeitados para o transporte, non como os claramente bélicos de dous rodas de Gran Bretaña.[4] Ó final da era Hallstatt, a espada longa caeu en desuso, substituída pola curta, empuñando puñais que se atoparon en gran número entre os enxovais de enterramentos de alto status.[5]

Período de La Tène: séculos -VI ata –I

[editar | editar a fonte]

O período de La Tène viu cambios nos patróns da guerra. Ó comezo do período de La Tène a guerra era a pequena escala entre guerreiros de elite empuñando un novo tipo de espada celta. Durante os séculos seguintes o deseño da espada cambiou, volvéndose máis curta, dun só gume e sen punto de pulo, deseñado puramente para facer cortes (a espada de Hallstatt era principalmente unha arma cortante)[6] e produciuse unha gran variación rexional de espadas: en Britania e Irlanda os deseños de espada xa eran máis curtos e delgados que os continentais.[7] É posible que no período de La Tène tardío, unha poboación crecente conducise exércitos grandes e organizados en filas de lanceiros, dando lugar a unha diminución da importancia do campión con espada e polo tanto unha perda da funcionalidade da espada.

A era de La Tène tamén viu o desenvolvemento da armadura en forma de cota de malla, a forma común na que unha peza de roupa está construída con aneis de metal enlazados. O primeiro precursor disto é a chamada cota guarnecida, na que os aneis, en lugar de ser unidos entre si, cósense directamente sobre unha tea. Atopar cotas de malla é raro, o que indica que era un elemento luxoso reservado a guerreiros moi importantes. Unha ampla variedade de cascos con crista tamén pertencen a este período, pero en xeral, o panorama dos exércitos celtas é que gran parte dos combatentes loitasen con armadura lixeira ou sen ningunha protección.

Os enterros de carros continuaron neste período, o que significa que mantiveron a súa importancia bélica. O carro de La Tène era un vehículo de dúas rodas lixeiro, ó contrario dos pesados carros de outrora. A disposición dos postes dos carros nunha reconstrución dun carro de Wetwang suxire que eran tirados por pequenos ponis,[8] e polo tanto parece improbable que se usasen na carga frontal. Debido a que os enterros de carros nunca foron practicados en Irlanda, a natureza ou a existencia de carros de guerra nese país segue sendo pouco clara.

Continuación en Irlanda

[editar | editar a fonte]

A conquista romana acabou por extinguir ou deturpar a cultura dos pobos celtas agás en Irlanda e o norte de Britania. Despois da era romana, só nas Illas Británicas podería dicirse que había aínda un marcado estilo celta da guerra. Irlanda foi a última rexión en adoptar a cultura de La Tène, e contando cunha poboación menor que a da Illa de Gran Bretaña ou a dos celtas continentais, podería ter conservado durante máis tempo os combates a pequena escala de guerreiros de elite. Os patróns tradicionais de guerra parecen ter continuado ata as invasións viquingas e normandas, levadas a cabo por soldados de a pé, sen armadura metálica, loitando con lanzas e xavelinas, ocasionalmente machadas e no caso dos guerreiros de maior status, espadas, e protexidos por un escudo redondo.[9] As invasións viquingas supuxeron a adopción do arco, pero non de forma estendida.[9] A invasión normanda do século XII e a ineficacia das tácticas tradicionais levou ós irlandeses a adoptar un estilo máis tipicamente medieval, como demostran os soldados de infantaría Gallowglass.

Guerra das Galias

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Guerra das Galias.

A Guerra das Galias foron unha serie de campañas militares levadas a cabo polo procónsul romano Xulio César contra varias tribos galas, que duraron dende o -58 ata o -51. A Guerra das Galias culminou coa decisiva Batalla de Alesia en -52, no que unha vitoria completa dos romanos resultou na expansión da República Romana sobre toda a Galia. Esta guerra motivou que César se convertese no único gobernante da República.

Escultura dun guerreiro celta con armadura e torque, Vacheres, Francia.

A fonte romana máis coñecida que describe a guerra contra os celtas é a obra do propio Xulio César Commentarii de Bello Gallico (traducido ó galego como A guerra da Galia por Alfonso Blanco Quintela), no cal describe os métodos bélicos usados polos galos e os bretóns.

Nas descricións de batallas contra varias tribos galas, en contraste coa imaxe popular do berserker celta, César di que Helvetii loitaban en orde, formando unha falanxe como defensa contra a cabalería e avanzando en formación pechada.[10] Tamén di que os arcos eran usados contra as súas tropas cando cruzaban ríos e contra os sitiadores de Xergovia, capital dos Arverni[11] - un dos poucos enfrontamentos nos que Vercinxetórix derrotou a César. Menciona o uso de xavelinas polos Nervii belgas,[12] pero malia que os escritores romanos referíanse con frecuencia ó uso de espadas polos celtas nunha batalla, César nunca menciona que as tropas galas loiten en masa con espadas.

É probable que as descricións feitas sobre os bretóns foran as que máis influenciaron a imaxe popular dun guerreiro celta. César salienta o aspecto "bárbaro" dos bretóns, describindo como vestían as peles dos animais, tiñan esposas en común, non sementaban cultivos e tinguían a pel de azul. Aínda que nas descricións non se menciona a planta, estudosos posteriores suxeriron que a Isatis tinctoria era a fonte da que obtiña a súa cor azul. A experimentación suxire que esta herba non se adapta moi ben como colorante da pel nin como tinta de tatuaxe,[13] pero esta imaxe sumada ás descrición dos Gaesatae, fixou a imaxe dos antigos bretóns como guerreiros que cargaban espidos e pintados de azul.

Lista de batallas celtas

[editar | editar a fonte]

Esta é unha lista de batallas e conflitos nos que os celtas tiveron un papel principal ou crucial, ás veces coma mercenarios.

  1. E. Estyn Evans, The Personality of Ireland, Cambridge University Press (1973), ISBN 0-521-02014-X
  2. see e.g. Diodoro Sículo, 5.2
  3. Encyclopædia Britannica entrada 1996
  4. British Archaeology 76 "Ridding (sic) Into History"
  5. Barry W. Cunliffe, Iron Age Communities in Britain Ch. 19 Warfare, ISBN 0-415-34779-3,
  6. Cowen, J. D., The Hallstatt Sword of Bronze: on the Continent and in. Britain, in: Proc. Prehist. Soc. 33
  7. Piggott, S. (1950) 'Swords and scabbards of the British Early Iron Age', Proc. Prehist. Soc. 16
  8. Building an Iron Age Chariot, Mike Loades http://www.mikeloades.co.uk/cms/images/British_Chariot.pdf Arquivado 25 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.
  9. 9,0 9,1 The Archaeology of Late Celtic Britain and Ireland c.400-1200AD, Lloyd Laing, 1975
  10. Caesar De Bello Gallica, Book 1, XXIV
  11. Caesar De Bello Gallica, Book 7, XLI
  12. Caesar De Bello Gallica, Book 5, XLIV
  13. http://www.dunsgathan.net/essays/woad.htm