Reino de Alba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Pedra do Destino (clach Sgàin) era a pedra cerimonial que empregaban os reis de Alba na súa coroación. En 1296 Duarte I de Inglaterra levouna para Inglaterra e mandou construír un trono no que inseriu a pedra, o Trono do Rei Eduardo no cal foron coroados case todos os reis de Inglaterra e do Reino Unido ata a actualidade.

Coñécese como Reino de Alba ao período do Reino de Escocia comprendido entre a morte de Donald II, ano 900, e a de Alexandre III en 1286 que levou ás Guerras de independencia de Escocia. Alba é o nome en gaélico escocés de Escocia e utilízase precisamente por nesta época ser a elite gaelicofalante e máis tarde normandoescocesa, en contraposición coa época dos Estuardo na que a elite era na súa maior parte anglofalante.

Corte[editar | editar a fonte]

Non se coñece a estrutura da Corte escocesa antes da chegada dos normandos a Escocia. No século XII os principais cargos da Corte eran:

  • Senescal ou dapifer, hereditarios desde o reinado de David I, tiña ao seu coidado á casa do rei.
  • Chanceler, tiña ao seu cargo a capela real que estaba asociada cos copistas reais, responsables de manter a documentación. Era un sacerdote
  • Chamberlain, tiña o control e a responsabilidade das finanzas reais.
  • Condestable, hereditario desde David I, tiña o seu cargo os recursos militares da coroa.
  • Mordomo
  • Mariscal, era o responsable da cabalería real.

No século XIII, todos os oficios agás o de chanceler tenderon a ser hereditarios ao tempo que se crearon outros oficios, o máis importante era o hostarius, ao cargo da garda real.

Orixe[editar | editar a fonte]

Donald II foi o primeiro que recibiu o nome de rei de Alba (rí Alban), concretamente á súa morte no castelo de Dunnottar no ano 900. Os seus predecesores recibían o nome de reis dos pictos ou rei de Fortriu.