Fuga dos Condes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fuga dos Condes (mapa interactivo)

A Fuga dos Condes (en irlandés Imeacht na nlarlaí, en inglés: the Flight of the Earls) tamén coñecida como a Fuxida dos Condes ou o Voo dos Condes, refírese á marcha de Irlanda de Hugh O'Neill, conde de Tyrone e Rory O'Donnell, o 14 de setembro de 1607.[1][2] Este momento marcou a fin da era medieval de Irlanda e do seu sistema de clans ancestrais, xa que a través da colonización de zonas importantes da illa de Irlanda se introduciu un elemento cultural inglés. Na idade media clans irlandeses adoitaban manter conflitos con ingleses, viquingos ou entre si, con terras lindeiras na illa, algúns dos patriarcas mantiñan prisioneiros por longo tempo,[3] e variaban a hexemonía entre os diversos clans.[4]

Preludio do exilio[editar | editar a fonte]

Despois da derrota na batalla de Kinsale e do final da Guerra dos Nove Anos irlandesa, Hugh O'Neill e Red Hugh O'Donnell, Lord de Tyrconnell e irmán máis vello de Rory O'Donnell e o seu predecesor, estaban nun situación difícil. Tentando atopar apoio para comezar unha nova revolta, Red Hugh O'Donnell partiu para a corte de Filipe III en España, onde morreu. Pola súa banda, Hugh O'Neill, que fora derrotado e capturado por Lord Mountjoy e Rory O'Donnell, tivo que comparecer ante o rei Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra en Londres. O rei era católico e estaba por establecer relacións coa monarquía filipina dos Habsburgo (desde 1613 o seu embaixador foi Diego Sarmiento, o Conde de Gondomar).

Ambos os rebeldes recibiron un trato moi honroso de parte do rei, quen os confirmou nas súas posesións e concedeu a Rory o título de conde de Tyrconnell.

Como rei de Escocia, Xacobe entendía ben os beneficios de colaborar cos xefes locais. Porén, como acontecera noutras partes de Irlanda, a paz de 1603 deu lugar á aplicación da lei de cesión e reoutorgamento, segundo a cal, os nobres gaélicos entregaban as súas terras á coroa, que as devolvía aos propietarios, sempre que xurasen lealdade ao rei e aceptasen as súas regras.[5] Estas terras rexiríanse segundo as disposicións da lei inglesa e non segundo as leis tradicionais do gaélico brehon. Esta política aplicaríase sistematicamente durante todo o proceso coñecido como a reconquista Tudor de Irlanda.

Mapa das terras deixadas polos condes

Tras o falecemento de Hugh O'Donnell o 10 de setembro de 1602, o seu irmán Rory sucedeuno como vixésimo quinto xefe do clan O'Donnell. O 4 de decembro de 1603 o rei Xacobe concedeulle o título de conde de Tyrconnell e o 10 de febreiro de 1604 devolveulle as terras confiscadas, aínda que con certos recortes.

A partir de 1605 o novo Lord Tenente de Irlanda, Arthur Chichester, iniciou unha política de presión cara a O'Neill, O'Donnell e os seus aliados Maguire, desposuíndoos de terras que entregaba aos O'Catháin, clan moito máis disposto a colaborar co goberno inglés. Alén disto, o descubrimento da conspiración da pólvora ese mesmo ano fixo, reduciu aínda máis a credibilidade dos católicos ante a coroa inglesa. Ante as repetidas queixas de O'Neill acerca da xestión de Chichester, foi convidado por Xacobe I a formular o seu caso ao Consello Privado en Londres, cousa que nunca fixo.

Cara a 1607, a situación dos aliados de O'Neill comezou a ser insostible ante os repetidos recortes nas súas posesións. Consideraron a posibilidade de iniciar unha nova revolta. Antes da batalla de Xibraltar decidiron viaxar á Península Ibérica para buscar apoio. Non está claro se O'Neill partillaba as súas intencións, pero sabía que unha vez que a administración londiniense coñecese os movementos de O'Donnell e Maguire, tamén o considerarían un traidor, polo que optou por unirse á fuga.

A posición da monarquía ibérica cambiara moito desde os tempos da anterior revolta. Tras o final da guerra anglo-española, Filipe III non tiña ningún interese en buscar un novo conflito coa Inglaterra dos Estuardo; ademais, a frota hispánica fora derrotada pola holandesa após a batalla de Xibraltar en 1607, polo que se dirixiron a Italia, onde O'Neill faleceu en 1616.

O fin da orde gaélica[editar | editar a fonte]

Estatua conmemorativa do voo dos condes en Rathmullan, Irlanda.

Os condes e algúns seguidores partiron da cidade de Rathmullan, nas beiras do lago Swilly nun barco de bandeira francesa. Os fuxidos eran descendentes dalgunhas das familias gaélicas máis antigas e poderosas, que gobernaran o Ulster durante séculos. O voo dos condes marca un punto de inflexión na historia de Irlanda. A pesar da súa adhesión ao sistema gaélico, os antepasados dos condes recibiran os seus títulos da coroa inglesa, e aceptaron a política de cesión e reasignación. Algúns historiadores argumentan que a fuga foi unha resposta á presión do goberno inglés durante a chamada reconquista Tudor de Irlanda; outros que foi un erro estratéxico que abriu o camiño para a colonización do Ulster. Isto provocou a rebelión de O'Doherty en 1608, sufocada rapidamente pola coroa.

Legado en Galiza[editar | editar a fonte]

Eses movementos levaron á saída de exiliados e a construción de colexios irlandeses na Península Ibérica. Santiago de Compostela converteuse, segundo o bispo Thomas Strong (tío de Thomas White, fundador do Colexio dos Irlandeses de Compostela) na "verdadeira capital do pobo irlandés no exilio".[6]

Aínda que houbera contactos constantes entre galegos e irlandeses en toda a Idade Media,[7] foi a partir dese tempo, no século XVII, cando propagaron en Galiza as lendas dos milesianos (recollidas no Lebor Gabála Érenn e o libro de Leinster, á súa vez baseadas en parte na obra do galaico-romano Paulo Orosio). Dous séculos despois, esa tradición deu lugar ao celtismo e á influencia do Rexurdimento celta no Rexurdimento galego, á consideración de mito fundacional por diversos intelectuais galegos (Vicetto, Murguía etc.) e á inclusión da mesma no himno de Os Pinos de Pascual Veiga e Pondal.

O irlandés Bill Whelan compuxo varias pezas musicais sobre este feito, entre elas o concerto «Corazón celta: de Irlanda a Galicia».[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Adams (1994), páx.180
  2. Larousse (1972), Volumen VI, páx.573
  3. Hull, Eleanor. "The Flight of the Earls and the end of mediaeval Ireland". Library Ireland (en inglés). Consultado o 8 de novembro de 2012. 
  4. "Irlanda medieval: un país en guerra permanente". La Vanguardia (en castelán). 2020-08-19. Consultado o 2022-02-18. 
  5. "“Surrender and regrant” Agreement of 1541" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 2 de novembro de 2012. 
  6. "Thomas White | Real Academia de la Historia". dbe.rah.es. Consultado o 2022-02-18. 
  7. "Las peregrinaciones irlandesas a Santiago de Compostela". studylib.es (en castelán). Consultado o 2022-02-18. 
  8. "The Road To La Coruna". Consultado o 2023-03-12. 
  9. "El compositor Bill Whelan exporta a Galicia su fusión con la cultura irlandesa". abc (en castelán). 2005-01-04. Consultado o 2023-03-12. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]