Hécuba
Hécuba | |
---|---|
![]() | |
Tipo | personaxe da mitoloxía grega ![]() |
Obra | |
Representado por | Hecuba offers the peplum to Athena Pallas (en) ![]() ![]() |
Biografía | |
Sexo | muller ![]() |
Actividade | |
Ocupación | raíña ![]() |
Conflito | Guerra de Troia ![]() |
Familia | |
Nai | Telecleia (en) ![]() ![]() |
Pai | Dimante, Ciseo e Sangario ![]() |
Cónxuxe | Príamo ![]() |
Parella | Apolo ![]() |
Irmá/n | Asius (en) ![]() ![]() ![]() |
Fillo/a | Theano (en) ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Descrito pola fonte | |
Descrito pola fonte
| |
[ Wikidata ] |

Hécuba, ou Hécabe[1], foi a segunda esposa[2] do rei de Troia, Príamo. Rematada a Guerra de Troia coa morte do rei e o incendio da cidade, Hécuba foi entregada a Odiseo como botín de guerra, pasando de ser raíña a ser escrava[3].
Os diferentes mitógrafos discuten sobre os seus devanceiros: tradicionalmente é considerada filla de Dimante[4] (ou Dimas), rei de Frixia (máis ou menos, no centro de Anatolia), coa ninfa Eunoe, ou ben con Glaucipe (filla do deus-río Escamandro). Pero tamén se afirma que foi filla do deus-río Sangario e a ninfa Evágora[5]. O tráxico Eurípides, así como o poeta Virxilio considérana filla de Ciseo (ou Ciso), rei de Tracia, con Teleclea. E Apolodoro recolle todas estas versións[6][7].
Descendencia
[editar | editar a fonte]O detalle máis característico de Hécuba foi a súa fecundidade, pois deu entre 14 e 19 fillos a Príamo, segundo cifras achegadas polos diferentes autores, e que se suman ós fillos habidos polo rei con diferentes concubinas. Cando Príamo acode ante Aquiles para suplicarlle que lle devolva o cadáver do seu fillo Heitor dille que tivo cincuenta fillos, "dezanove naceron dun só ventre mentres que ós restantes paríronnos en palacio outras mulleres"[8].
A relación de fillos de Hécuba sería a seguinte: Heitor, Paris, Creúsa, Laódice, Políxena, Deífobo, Héleno, Casandra, Pamón, Polites, Antifo, Hipónoo e Polidoro[9]. Outro fillo sería Troilo, pero enxendrado con Apolo, de quen tamén se afirma que sería o verdadeiro pai de Heitor[10].
Hécuba, nai de Paris
[editar | editar a fonte]Próxima a dar a luz ó segundo fillo, Alexandre ou Paris, tivo un soño premonitorio[11]. Víase parindo unha tea acesa que poñía lume a toda a cidade de Troia (e ós bosques do arredor), ou ben un feixe de leña do que saían numerosas serpes de lume[12]. Tras consultar a distintos adiviños chegouse á conclusión de que o meniño que ía nacer terminaría provocando a ruína da cidade, polo que cumpría matalo ó nacer. Hécuba negouse, naturalmente, pero aceptou que fora exposto no monte Ida[13]. Fíxose así pero, como adoita ocorrer nestes casos, o meniño foi recollido e salvado, para ser criado como pastor ata que, chegado ó estado adulto, se deu a coñecer como príncipe da cidade[14]. Logo veu a viaxe a Esparta, o rapto de Helena e a destrución de Troia, cumpríndose a profecía de que provocaría a ruína da cidade.
Unha variante da lenda di que outro dos fillos de Príamo, o adiviño Ésaco[15] advertira ó rei que o causante da ruína de Troia sería un meniño que nacería no palacio no día en que Ésaco ten esta visión, e que debía matar tanto ó cativo como á nai. Pero ese día á mañá naceu Munipo, fillo de Cila e Timetes, e Príamo mandou matar a este Munipo e á súa nai Cila[16]. Á noite pareu Hécuba e Príamo perdonouna pero acatou o consello dos adiviños de expoñer ó meniño.
Mesmo hai outra variante máis. Héleno e Casandra, tamén fillos de Príamo e Hécuba, eran dous irmáns xemelgos con capacidade de adiviñar o futuro. Os meniños advirtiron ó pai que tiñan visións espantosas de Troia sendo destruída e consumida polo lume, cando vían o bebé. Príamo non lles prestou atención aínda cando a sacerdotisa de Apolo lle confirmara que podían ver o futuro.
Dun xeito ou outro, Paris foi criado por Axelao descoñecendo a súa orixe real (e descoñecendo Hécuba e Príamo a súa existencia). Príamo organizou uns xogos fúnebres en honor, precisamente, do seu fillo morto. Paris presentouse ós xogos e foi gañándoos un a un derrotando ós seus irmáns, ata que estes decidiron matalo. Paris refuxiouse baixo un altar e Axelao acudiu ante Príamo para confesar que se trataba do seu fillo perdido. Hécuba recoñeceu o axóuxere que Axelao lle mostraba, e que recollera das mans do meniño cando o atopou no monte. Así, Príamo recoñeceuno como príncipe de Troia e celebráronse sacrificios ós deuses. Pero os sacerdotes de Apolo insistiron na maldición que traía consigo e aconsellaron matalo, ó que Príamo se negou[17].
Hécuba durante a guerra
[editar | editar a fonte]Nun momento da guerra, Odiseo, disfrazado de mendigo e con cicatrices pintadas no rostro, realizou unha incursión de espionaxe na cidadela de Troia, disque co obxectivo de convencer a Helena de que traizoase ós troianos. Helena, que o recoñeceu axiña baixo o seu disfrace, non revelou a súa presenza ós gardas de palacio e permitiu que Odiseo marchara sen problema para regresar ó campamento grego[18]. Interesa agora engadir que tamén se asegura que Helena llo dixo a Hécuba e esta tampouco denunciou a presenza do inimigo no palacio, compadecida ante as bágoas e os discursos de Odiseo[19]. Segundo Eurípides, cando Odiseo vén onda Hécuba para reclamar a Políxena, coa intención de sacrificala sobre a tumba de Aquiles, Hécuba bótalle en cara que o seu silencio lle salvou a vida e agora decide matarlle a filla[20].
Noutro momento de dominio grego, Heitor vese obrigado a pedir á Hécuba que faga sacrificios a Atenea para pedir a súa axuda para os troianos. A nai ofrece viño a Heitor e pídelle que descanse en palacio ó que el se nega vehementemente. Hécuba colleu o peplo máis fermoso de cantos tiña nas súas arcas, foi ó templo da deusa e colocouno sobre os seus xeonllos, á vez que promete sacrificarlle doce becerras dun ano sen amansar. Pero a deusa negoulle a axuda que solicitaban[21].
Cando se produce a Guerra de Troia, Príamo era demasiado vello para loitar, pero aínda así no último momento quixo coller a espada para defender o palacio cando os gregos xa entraban nel. Hécuba, que se refuxiara xunto as fillas, tivo que impedirllo e levouno a un altar de Zeus no fondo do palacio, cuberto por un loureiro sagrado, para poñerse baixo a protección dos deuses e así sobrevivir ou morrer xuntos. Non lle serviu de nada porque Neoptólemo, despois de matar ante el a Polites (outro fillo de Príamo), chegou onda o rei, arrancouno do altar polos pelos e degolouno, deixando o seu corpo decapitado e insepulto, dise que sobre a tumba de Aquiles[22].
Hécuba desempeña na guerra un papel secundario pero enchido de maxestade, como un verdadeiro símbolo do infortunio. Resulta significativo ver como ten que asistir á morte dos seus fillos, un a un, ó longo da guerra, especialmente cando observa desde o alto das murallas como Aquiles mata a Heitor e logo arrastra o seu cadáver fronte á muralla atado ó seu carro. Mortos xa tódolos seus fillos varóns, aínda terá que presenciar como Agamenón leva cativa a súa filla Casandra e como Neoptólemo, fillo de Aquiles, sacrifica a Políxena, outra filla, sobre a tumba do pai, pola suposta esixencia do fantasma deste. E cómpre lembrar que tamén ten que contemplar como o mesmo Neoptólemo mata a Astianacte, fillo de Heitor e neto seu, precipitándoo ó chan desde o alto da muralla, por decisión de Odiseo, ou ben foi o propio Odiseo que o matou. Isto pode explicar que para ela, ser entregada a Odiseo era o peor destino posible.
[Hécuba] ¿E eu, de quen serei a criada, aínda que do terceiro pé do bastón teño xa necesidade na miña man anciá?
[Taltibio[23]] En Ítaca a Odiseo le coubo en sorte posuírte como escrava.
[Hécuba] Ai de min! Tocoume en sorte ser a escrava dun home abominable, doloso, inimigo da xustiza, besta á marxe da lei, que a todo lle dá a volta,... de lingua bífida... Alcancei o maior infortunio, fun caer no máis desventurado dos lotes.Eurípides: Las Troyanas, 278-291
Hécuba trala guerra
[editar | editar a fonte]
Tamén terá unha significación especial a morte do fillo máis pequeno, Polidoro. Este fora confiado por Príamo a Poliméstor, rei do Quersoneso e aliado seu en canto que estaba casado cunha filla de Príamo, Ilíone (ou Ilíona)[24], á vez que lle encargara o coidado dun valioso tesouro co que pretendía garantir o futuro do rapaz. Trala caída de Troia e a morte de Príamo, Poliméstor decide apropiarse deste tesouro e mata a Polidoro, cuxo corpo botou ó mar para que nunca fose atopado. Pero os deuses fan que o mar devolva o cadáver xusto no momento en que Hécuba ía ser embarcada como escrava cara Grecia. Hécuba recoñeceuno e tramou a súa vinganza: finxindo non saber nada, mandou vir a Poliméstor coa excusa de confiarlle un tesouro que os gregos non coñecían. Poliméstor acode axiña, avaricioso coma ninguén, e Hécuba aproveita que o ten a man para arrincarlle os ollos, á vez que ordena ás súas criadas que maten os dous fillos de Poliméstor, que o acompañaban, diante del. Os gregos castigaron este acto e lapidárona pero baixo as pedras só apareceu unha cadela de ollos de lume; tamén se di que foi transformada en cadela cando fuxía dos soldados tracios de Poliméstor, ou ben o foi xa a bordo do barco que a levaba a Grecia, botándose logo ó mar[25]. Na versión de que morreu lapidada polos gregos, atribúese precisamente a Odiseo o lanzamento da primeira pedra contra ela[26]; na versión tracia conta que estes ían lapidala pero nese momento ela transformouse en cadela, chamada Mera, correndo dun lado a outro, polo que os tracios, asustados, prefiriron retirarse[27].
Poida ser que este acto de vinganza contra os fillos de Poliméstor -inocentes en definitiva- fose a causa da súa metamorfose en cadela, como lle augura Poliméstor, xa cego (e, polo tanto, posuidor de propiedades adiviñatorias): "Chegarás a ser unha cadela de acendida mirada"[28]. Pero Ovidio fai constar que mesmo a deusa Hera declarara que Hécuba non merecera tal final.
"[Hécuba] Afunde os seus dedos naqueles ollos pérfidos e arrinca os ollos nas súas órbitas, e afunde as mans, embadurnada de sangue, e arrinca, non os ollos, que xa non hai, senón as concas dos ollos. Alporizado o pobo tracio pola morte do seu tirano, comezou a fustigar á troiana botándolle paus e pedras. Ela, con roucos gruñidos, persegue a dentadas unha das pedras que lle lanzan, e coa boca aberta para falar, ladra cando o intenta"Ovidio XIII 561 ss
Por esta transformación en cadela, Hécuba recibe a partir deste momento o nome de Mera, relacionada coa deusa da morte Hécate[29].
Hixino dános un final diferente. Poliméstor e Ilíone (lémbrese, filla de Príame e Hécuba) criaron a Polidoro como fillo propio, xunto ó seu fillo Deípilo. Cando os gregos tomaron Troia, ansiosos de acabar con toda a descendencia de Príamo, ofreceron a Poliméstor a man dunha filla de Agamenón e unha gran cantidade de ouro se mataba a Polidoro. Poliméstor aceptou pero matou, por erro, ó seu propio fillo Deípilo. Co tempo, Polidoro foi consultar no oráculo de Delfos polos seus pais, e recibiu como resposta que o seu pai morrera e a súa nai convertida en escrava. Cando regresou a Tracia e veu que nada diso era verdade, pois considerábase fillo de Poliméstor, pediu explicacións a Ilíone e esta lle contou a verdade: que eran irmáns, que os pais do que falaba o oráculo eran Príamo e Hécuba e que Poliméstor intentou matalo, por diñeiro. En vinganza, os dous irmáns cegaron e mataron a Poliméstor[30].
Outra tradición recolle que Hécuba puido deixar Troia con Héleno, Casandra e Andrómaca. Resulta que Héleno informara ós gregos das condicións que se debían cumprir para obter a vitoria sobre Troia e, ademais, tratara de disuadir a Paris da súa intención de raptar a Helena e impediu que os troianos botasen o cadáver de Aquiles ós cans e ás aves de rapina[31]. E por estes servizos, os gregos perdonáronlle a vida e concedéronlle a liberdade[32], concedéndolle como premio a nai, a irmá e a cuñada. O grupo foi establecerse a Tracia, onde Hécuba sofre esa transformación e morre[33].
Pero a versión máis popular di que foi entregada a Odiseo como botín de guerra[34] e que este pretendía que servira como escrava para a súa esposa Penélope[35], non con intención de convertela na súa concubina. Pero, no comezo da longa viaxe de regreso a Ítaca, recalan en Tracia e alí morrerá ela. Unha variante di que Hécuba soltaba tales improperios contra Odiseo e outros gregos que non houbo máis remedio que matala[36].
Pausanias fala da Fócida no libro X da súa Descrición de Grecia. Cando fala de Delfos describe con todo detalle as pinturas murais dunha casa, obra de Polignoto sobre a caída de Troia e a partida dos gregos. Unha das figuras que menciona é a de Príamo, e nesa pasaxe aproveita para engadir de Hécuba que "Estesícoro na súa "Iliupersis" di que foi levada a Licia por Apolo"[37].
Hécuba nas artes
[editar | editar a fonte]
Cómpre destacar o papel protagonista de Hécuba nas traxedias Hécuba e As troianas, de Eurípides, onde actúa como representante das mulleres cativas de Troia, repartidas como botín de guerra entre os gregos e sen esperanza ningunha, fronte a Taltibio, heraldo de Agamenón, que actúa como representante dos comandantes gregos.
A imaxe de Hécuba será amplamente representada na cerámica grega nos distintos episodios da súa vida. Aparecerá en escenas familiares (con Paris ou con Heitor [38]) pero habitualmente nas relacionadas coa morte do seu home Príamo, dos seus fillos (sobre todo, de Heitor) ou do seu neto Astianacte[39]. O episodio de Hécuba sacándolle os ollos a Poliméstor foi escasamente representada, pese ó seu dramatismo (Leonaert Bramer: A dor de Hécuba, c.1630; Giuseppe Maria Crespi: A vinganza de Hécuba, c. 1700 [40]).
-
Príamo e Hécuba (e Andrómaca, á esquerda), sobre a muralla de Troia, observan a Aquiles arrastrando o cadáver de Heitor (finais do s. II, Museo Arqueolóxico Nacional de Calabria)
-
A raíña Hécuba (miniatura na colección De mulieribus claris, de Boccaccio, s. XV-XVI, Biblioteca Nacional de Francia)
-
O soño de Hécuba (Giulio Romano, s. XVI, Palacio Ducal de Mantua)
-
Hécuba cega a Poliméstor (Giuseppe Maria Crespi, primeira metade do s. XVIII, Museo de Belas Artes de Bruxelas, Bélxica)
-
Morte de Príamo (Tadeusz Kuntze, 1756, Castelo de Wawel, Cracovia)
-
Morte de Príamo, con Hécuba, abatida, á esquerda (Antonio Canova, 1787, Museo de Canova, Possagno, Italia)
-
Hécuba descobre o cadáver do seu fillo Polidoro (André-Joseph Allar, 1871, Museo Granet, Aix-en-Provence, Francia)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Segundo Robert Graves (px. 677), Hécabe sería o nome grego, mentres que Hécuba o sería para os latinos.
- ↑ Príamo estivera casado anteriormente con Arisbe, filla de Mérope (rei de Percote, unha cidade da Tróade), coa que tivo un fillo, Ésaco
- ↑ Como sexa que a Ilíada remata antes de caer Troia, Homero non menciona este final.
- ↑ Ilíada XVI, 718.
- ↑ Grimal, s. v. Hécuba.
- ↑ "Tomou como segunda esposa a Hécuba, filla de Dimante ou, segundo afirman algúns, de Ciso, ou do río Sangario e Mérope, como din outros" (Apolodoro III, 12.5).
- ↑ Tamén Graves recolle a complexa xenealoxía: "Era filla de Dimante e da ninfa Eunoe, ou de Cisco e Teleclea, ou do río Sangario e Metope, ou de Glaucipe, filla de Xanto" (Graves, px. 677). O río Xanto é o río Escamandro.
- ↑ Ilíada XXIV, 496.
- ↑ Apolodoro III, 12, 5. Hixino dá unha nómina de 54 fillos de Príamo, pero mestura os fillos habidos con Hécuba cos fillos que tivo coas concubinas (Hixino 90).
- ↑ Graves, px. 677-678.
- ↑ Apolodoro III, 12.5; Graves, px. 683.
- ↑ Detalle este que só describe Hixino (Fábulas 91.1).
- ↑ Trátase do costume de abandonar os fillos non desexados no monte, para que morresen ou foran recollidos por alguén.
- ↑ Mesmo se di que foi a propia Hécuba a que subornou ós criados para que non mataran á criatura, e que o ocultaran a Príamo.
- ↑ Grimal, s. v. Ésaco. Esta variante parece contradicir a orde de nacemento dos fillos de Príamo, pois a tradición di que tralo primoxénito, Heitor, naceu Paris, pero sucede que Ésaco sería fillo de Príamo con Arisbe, unha concubina.
- ↑ Graves, px. 683.
- ↑ Graves, px. 687.
- ↑ Odisea IV, 244.
- ↑ Grimal, s. v. Helena, s. v. Ulises.
- ↑ Eurípides: Hécuba 239-250.
- ↑ Ilíada VI, 286-311.
- ↑ Grimal, s. v. Príamo; Graves, px. 755; Pseudo-Apolodoro: Epítome V. 21.
- ↑ Taltibio actúa nesta traxedia como o representante dos gregos ante as prisioneiras e escravas troianas.
- ↑ Grimal, s. v. Poliméstor.
- ↑ Grimal, s. v. Hécuba; Hixino 111. Hixino engade que se botou ó mar Helesponto, hoxe o estreito dos Dardanelos, e que por esta razón recibiu o nome de mar Cineo.
- ↑ Grimal, s. v. Hécuba.
- ↑ Graves, 762.
- ↑ Eurípides: Hécuba 1265.
- ↑ Graves, px. 289.
- ↑ Hixino 109; Graves, px. 761.
- ↑ Como adoitaba facerse cos inimigos para que non puidesen chegar ó inframundo.
- ↑ Todo o cal contradí a tradición máis popular de que Héleno se converte no botín de guerra de Neoptólemo, fillo de Aquiles, e marcha con el á súa terra.
- ↑ "Hai quen di que a esta [a Hécuba] a recibe Héleno que, logo de pasar o Quersoneso con ela dálle sepultura, unha vez convertida en cadela, no lugar que hoxe se chama 'tumba da cadela'" (Apolodoro: Epítome V, 23).
- ↑ Apolodoro:Epítome V, 23.
- ↑ "E ti, cando o fillo de Laertes [é dicir, Odiseo] queira levarche ségueme. Vas ser a criada dunha muller prudente" (Eurípides: Las Troyanas, 421.
- ↑ Graves, px. 762.
- ↑ Pausanias X, 27.2.
- ↑ Esteban Santos, fig. 6 e 7.
- ↑ Esteban Santos, fig. 8 a 11.
- ↑ Elvira Barba, px. 481.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hécuba |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Elvira Barba, Miguel Ángel (2008 (3ª ed 2017)). Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex. ISBN 9788477378464. (en castelán)
- Esteban Santos, Alicia: "De princesas a esclavas en Troya (Heroínas de la mitología griega III)", en Cuadernos de Filología Clásica nº 17 (2007), 45-75.
- Eurípides (2021 (11ª ed)). Tragedias I (Alcestis. Medea. Los Heráclidas. Hipólito. Andrómaca. Hécuba). Cátedra. ISBN 9788437605456. (en castelán)
- Eurípides (2021 (11ª ed)). Tragedias II (Las suplicantes. Electra. Heracles. Las troyanas. Ifigenia entre los Tauros. Ión). Cátedra. ISBN 9788437617411. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán)
- Homero (trad. Óscar Martínez García) (2010, 1ª ed; 2013, 3ª reimpr.). Ilíada. Alianza Editorial. ISBN 9788420678344. (en castelán)
- Homero (trad. Carlos García Gual) (2005, 1ª ed; 2019, 5ª reimpr). Odisea. Alianza Editorial. ISBN 9788420674629. (en castelán)
- Pausanias (2002). Descripción de Grecia (libros VII-X). Gredos. ISBN 8424926595. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016 (3ª ed)). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)