Saltar ao contido

Ilíada

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «A Ilíada»)

Ilíada
Detalle dun vaso realizado coa técnica das figuras vermellas, que mostra a Aquiles vendando a Patroclo (500 a.C.).
Título orixinalἸλιάς
Autor/aHomero
OrixeGrecia Antiga
LinguaGrego homérico
Grego antigo
Xénero(s)Epopea
Seguido porOdisea
Primeira edición galega
TraduciónEvaristo de Sela
EditorialEdicións Castrelos
Data de pub.1977 (parcial)
1990 (completa)
Na rede
BNE: XX2548935
editar datos en Wikidata ]

A Ilíada (/iˈliaða/; en grego antigo: Ἰλιάς, romanizado: Iliás;[1] "[un poema] sobre Ilión (Troia)") é un dos dous principais poemas épicos da Grecia antiga, atribuídos a Homero, así coma unha das obras literarias máis antigas lidas aínda por audiencias modernas. Do mesmo xeito que na Odisea, o poema divídese en 24 cantos, foi escrito en hexámetro dactílico e contén, na súa versión máis amplamente aceptada, 15 693 versos. O poema, ambientado na guerra de Troia, relata eventos significativos das derradeiras semanas do asedio á cidade de Troia por unha coalición de estados gregos micénicos, que durou dez anos. En particular, describe unha fera disputa entre o rei Agamenón e o célebre guerreiro, Aquiles. A Ilíada adoita ser considerada coma a primeira obra substancial da literatura europea.

A Ilíada e a Odisea foron probabelmente escritas en grego homérico, unha mestura literaria de grego xónico e outros dialectos, ao redor da fin do século -VIII e principios do século -VII. A autoría de Homero foi rara vez dubidada na antigüidade, mais a erudición contemporánea predominantemente asume que a Ilíada e a Odisea foron compostas de maneira independente, e que as historias foron formándose como froito dunha longa tradición oral. O poema era interpretado por recitadores profesionais de Homero, coñecidos coma "rapsodos".

Temas críticos no poema inclúen o kleos (gloria), o orgullo, o destino e a ira. Malia ser predominantemente coñecido polos seus temas tráxicos e serios, o poema tamén contén instancias de comedia.[2] A Ilíada adoita ser descrita coma unha epopea masculina ou heroica, especialmente en comparación coa Odisea. Posúe descricións detalladas de instrumentos de guerra antigos e estrataxemas de batalla, con menos personaxes femininos. Os deuses olímpicos empeñan tamén un rol importante no poema, axudando aos seus guerreiros favorecidos no campo de batalla e intervindo en disputas persoais. A caracterización dos deuses no poema humanizábaos para o público da Grecia antiga, proporcionando unha sensación concreta da súa tradición cultural e relixiosa.

En 1977, publicouse en Vigo unha tradución parcial ao galego da Ilíada, por Evaristo Sela, na colección Pombal de Edicións Castrelos. Do mesmo tradutor é a versión completa de 1990, baixo o selo do Consello da Cultura Galega, os cales son responsábeis tamén da tradución da Odisea, de 1992.

O andacio e a xenreira

[editar | editar a fonte]

Crises, sacerdote de Apolo, pretende rescatar á súa filla Criseida, que está en poder de Agamenón, e prega ao deus que a vingue dos gregos. Apolo sementa a peste no campo dos gregos, minguando deste xeito os seus exércitos. O adiviño Calcas, explica as causas dos males que acosan aos aqueos; para calmar a iracundia de Apolo hai que restituír a Criseida. Irado Agamenón polas verbas do adiviño, esixe que Aquiles lle outorgue a súa escrava Briseida coma compensación, a cambio da que lle retornará a Crisis. Aquiles decide por este agravio non axudar aos gregos nin permitir que as súas tropas asistan á batalla. Demanda á súa nai, Tetis, que suba ao Olimpo e implore a Zeus que outorgue a vitoria aos troianos, por habelo ofendido Agamenón. Hera, ao coñecer que Zeus lle outorgou a Tetis tal don, encréspase co seu cónxuxe.

[editar | editar a fonte]

Zeus envía un soño falaz a Agamenón para que se aventure con tódolos seus exércitos na batalla, e o rei dos argivos comunícao aos seus caudillos. Como quere coñecer o pensamento dos aqueos, lles ordena na xunta que se dispoñan a retornar á patria, e se desbandan os soldados resoltos a preparar os seus navíos, cando Ulises e Néstor os conteñen con rogos e ameazas. Agamenón dispón as súas tropas a fin de que comece o combate, após haber sacrificado a Zeus, e festexado, un espléndido ágape cos reis do exército aqueo.

Canto III

[editar | editar a fonte]

Xuramento e combate de Menelao

[editar | editar a fonte]

Cando os dous exércitos se dispoñen a pelear, Paris ofrécese para combatir co máis afoutado dos argivos. Menelao acepta o desafío e aprestase á contenda. Paris recúa ao velo, mais decídese ao escoitar os reproches de Heitor e convéñense as condicións da batalla, sancionadas por Príamo e Agamenón: si Paris mata a Menelao, ficarase con Helena e as súas riquezas, mentres que se Menelao mata a Paris, os troianos devolverán a Helena con tódalas riquezas que se levou do palacio de Menelao. Amais, os troianos pagarían aos aqueos os gastos da expedición.

Menelao está a piques de matar a Paris, cando Afrodita o envolve nunha nube e o leva a unha habitación do seu palacio, a onde tamén se levou a Helena, que reprocha a Paris a súa covardía e a Afrodita a súa perfidia.

Violación dos xuramentos

[editar | editar a fonte]

Como Paris fuxiu do combate, Agamenón esixe o cumprimento do xurado, e os deuses axúntanse no Olimpo para decidir o destino de Ilión. Zeus, coma sempre, deixase seducir polas verbas de Hera, que pretende perder aos teucros, e manda a Atenea ao campo de estos para que crebe o pactado. Induce Atenea a Pándaro para que lance unha frecha contra Menelao, feríndoo. Macaón lle cura a ferida e os teucros acometen aos gregos. Agamenón percorre as filas das súas tropas, arengando aos caudillos, e comeza o combate con inmensa carnizaría entre os gregos e os troianos.

Diomedes, fillo de Tideo

[editar | editar a fonte]

No encarnizamento da batalla destaca o denodo de Diomedes, amparado por Atenea. Acomete aos máis valentes dos teucros e non dubida en acometer tamén aos deuses que os protexen. Ataca a Afrodita, cando pretende sacar do combate ao seu fillo, Eneas, feríndoa nunha man. Lánzase logo contra Apolo, que quere protexer á deusa, e acométeo por tres voltas, até que o deus lle fala con acento horríbel. Como Ares combate ao lado dos teucros, Hera e Atenea póñense da banda dos gregos, protexendo a Diomedes, que fire ao deus da guerra, facendo que teña que arrincarse a frecha da man cun berro terríbel. No Olimpo, Zeus, após rifarlle, ordena que o cure Peón, médico dos celestiais.

Coloquio de Heitor e Andrómaca

[editar | editar a fonte]

Cando os deuses abandonan o campo de batalla, os gregos minguan as falanxes dos troianos, que, cheos de pánico, foxen espantados á procura de refuxio na cidade. Heitor, aconsellado polo adiviño Heleno, vai a Troia para que a súa nai, Hécuba, seguida das principais mulleres da cidade, acuda ao templo de Atenea, para implorarlle que afaste a Diomedes da batalla. Heitor retorna entón á batalla, após despedirse de Andrómaca e do seu fillo, coa compañía do seu irmán, Paris, ao que trata ao principio con asperidade.

Canto VII

[editar | editar a fonte]

Combate de Heitor e Áiax

[editar | editar a fonte]

Heitor enfrascase na loita, acompañado de Paris, e dá tales ánimos aos troianos co seu exemplo que fan estragos nas filas dos aqueos. Atenea teme pola súa sorte e descende de novo do Olimpo para axudarlles con máis empeño. Apolo a ve, e adiviña os seus propósitos; as dúas deidades resolven aprazar o combate por aquel día e persuadir a Heitor para que desafíe aos máis valerosos caudillos dos aqueos: Inspiran entón a Heleno, para que llo propoña a Heitor. Este adentrase nos exércitos, lanza o seu desafío e anuncia as condicións, mais como non ousa recollelo ningún dos gregos, ofrécese Menelao a contender con Heitor, porén, Agamenón llo impide, convencido de que sería vencido polo troiano, e fala de maneira que se ofrecen a combatir nove dos caudillos gregos. Néstor aconsella que se vote a sortes e a empresa recae sobre Áiax Telamonio, como querían os guerreiros. Os dous acométense con furor até que son separados polos arautos. Antenor propón que lles sean devoltas aos gregos Helena e as súas riquezas, mais Paris opónse. Os gregos erguen unha muralla inmensa para gorecer os seus navíos, que provoca a envexa de Poseidón.

Canto VIII

[editar | editar a fonte]

Batalla truncada

[editar | editar a fonte]

Zeus convoca a xunta dos deuses no Olimpo e ameázaos con castigos espantosos se ousan axudar aos gregos ou aos troianos. Dende o cume do monte Ida, ordena que os aqueos se retiren, perseguidos polos teucros. Hera e Atenea acoden na defensa dos gregos, mais son detidas por Iris, a quen envía Zeus con esta encarga. Pola noite, arenga Heitor aos seus guerreiros e mándalles prender abondosas fogueiras, co fin de que non deixen as armas.

A embaixada e as súplicas a Aquiles

[editar | editar a fonte]

Outra vez propón Agamenón a retirada dos seus exércitos, abatido pola derrota ao agruparse na xunta convocada por el. Opóñense Diomedes e Néstor. Envíase entón unha embaixada a Aquiles, formada por Ulises, Áiax de Telamón e dous arautos. Recíbeos afabelmente Aquiles, e escoita as súas verbas, mais responde logo de maneira inflexíbel, negándose a axudar a Agamenón contra os troianos. Os embaixadores retornan desencantados e refiren a Agamenón o acontecido na tenda de Aquiles. Diomedes afóutaos para o combate do seguinte día.

A morte de Dolón

[editar | editar a fonte]

Agamenón non puido durmir durante a noite, e en canto chega o abrente, comeza a visitar as tendas dos seus caudillos en compañía de Menelao. Acordan, nunha reunión improvisada ao carón do foso, enviar espías para pescudar o que acontece no campo dos teucros. Bríndanse para semellante empresa Diomedes, fillo de Tideo, e Ulises, poñéndose rapidamente en marcha. Apodéranse, nas terras de ninguén, de Dolón, que, de parte dos troianos, iba a espiar o campo dos aqueos. Danlle morte, após coñecer moitos segredos de el, sobre o exército dos troianos; avanzan ao campamento de Reso, rei de Tracia, recente chegado cos guerreiros de reforzo; matan ao rei e aos que dormen xunto a el e retornan ao campamento dos dánaos, levándose os seus magníficos cabalos.

Proezas de Agamenón

[editar | editar a fonte]

Tódolos gregos se arman, precedidos de Agamenón, e lánzanse á batalla. Zeus envía a Iris para que anuncie a Heitor, da súa parte, que se afaste da loita cando vexa a Agamenón consumar fazañas arriscadas e sementar de morte o campo dos troianos. Só cando Agamenón sexa ferido, poderá entón Heitor retornar ao combate. Ulises, arrodeado polos troianos, deféndese con denodo até que van a socorrelo Áiax e Menelao. Os principais heroes gregos son feridos: Agamenón, por Coón; Ulises, por Soco, e Diomedes, por unha frecha lanzada por Paris. Aquiles ve, dende o alto da súa nave, a Macaón, ferido por Paris, e, como non o recoñece, manda a Patroclo para que o investigue. Néstor aconsella a Patroclo que rogue a Aquiles para que acuda ao combate contra os teucros e, que se non lle pasou aínda a ira, deixe polo menos que acuda Patroclo coas súas armas e cos mirmidóns.

Canto XII

[editar | editar a fonte]

O combate na muralla

[editar | editar a fonte]

Os aqueos teñen que gorecerse trala muralla, perseguidos por Heitor. O fillo de Príamo tenta forzar as portas e atravesar o foso, para invadir así o recinto. Como non o acada, Polidamante lle aconsella entón atacar a cerca, e el, obedece. O exército dos teucros divídese en cinco falanxes, que acometen con furia por tódalas partes aos gregos. Unha aguia móstrase levando entre as súas farpas un espantoso dragón. Polidamante aconsella que o exército recúe, mais Heitor non o consente. Este, lanza unha pedra enorme contra unha das portas, crebándoa, e os troianos persiguen aos gregos até as súas propias naves.

Canto XIII

[editar | editar a fonte]

Ao pé dos navíos

[editar | editar a fonte]

Poseidón compadécese dos estragos que fan os troianos entre os gregos e revístese da figura de Calcas, para impor alentos no corazón dos dous Áiaxes. Movéndose entre as filas aqueas, consegue que lles fagan fronte aos inimigos. O combate encarnízase porque os deuses apoian aos combatentes dun e doutro lado. As fazañas dos guerreiros son inacabábeis: Idomeneo contende con Eneas; Menelao, contra Heleno, fillo de Príamo, e deste xeito, os gregos conteñen aos troianos na á esquerda, mentres Heitor avanza na dereita, contendendo contra os máis valentes xefes das tropas aqueas. Zeus envía unha aguia aos aqueos, para revelarlles as súas grazas, mais Heitor non se arreda.

Canto XIV

[editar | editar a fonte]

Engano de Zeus

[editar | editar a fonte]

Os troianos acadan desbaratar a muralla construída polos gregos para defender as súas naves. A consternación dos aqueos é tan grande que cando Ulises, Diomedes e Agamenón se achegan á batalla para saber o que acontece, lles anuncia Néstor que todo está por se perder. De novo, propón Agamenón a retirada, á que se opoñen Ulises e Diomedes. Hera engana ao seu cónxuxe e pai dos inmortais, vestindo as súas galas máis sedutoras e collendo emprestado o cinto dos encantos, das mans de Afrodita. Voa até Lemnos, á procura do deus dos soños, e rógalle que durma a Zeus e, mentres o deus do tronido dorme, Hera manda a Poseidón para que axude aos gregos.

Áiax lanza unha pedra contra Heitor, que o deixa medio morto, tendo que ser sacado do combate polos seus. Os troianos foxen acosados polos gregos, sendo estes últimos afoutados por Poseidón.

Novo ataque

[editar | editar a fonte]

Cando Zeus esperta do seu soño, ve que os troianos corren perseguidos polos aqueos. Como Poseidón marcha á fronte destes, comprende o engano de Hera e ameázaa con feros tormentos, aínda que a sagaz cónxuxe do omnipotente deus, o sosega. Mándaa ao Olimpo para que avise a Iris e a Apolo, e chega cando os deuses xa se achan reunidos. A perspicacia de Hera promove disputas entre os deuses. Zeus envía a Iris para que Poseidón abandone o combate, e a Apolo para que reanime aos troianos. Poseidón tenta igualarse con Zeus e non cumprir os seus mandatos, mais Iris consegue persuadilo. Os gregos refúxianse nas súas naves, mentres que os teucros, amparados por Apolo, tentan queimalas.

Canto XVI

[editar | editar a fonte]

Patroclo estremécese vendo o horror que os teucros orixinan aos aqueos, e roga a Aquiles que acuda a socorrelos. Só accede Aquiles, a que Patroclo vaia a loitar mandando aos mirmidóns, cando ve arder a nave que acaban de queimar os troianos. Portando as armas de Aquiles, lánzase Patroclo á batalla cos seus guerreiros, sementando o espanto entre os teucros e chegando até as murallas de Ilión, das que ten que rexeitalo o propio Apolo. Patroclo dá morte a Sarpedón, un dos fillos de Zeus que toman banda no combate. Á fin, desármao Apolo e morre ás mans de Heitor. Antes de expirar, profetiza a morte de Heitor.

Canto XVII

[editar | editar a fonte]

Proezas de Menelao

[editar | editar a fonte]

A loita encarnízase de modo singular pola posesión do corpo de Patroclo. Menelao defende o cadáver con heroísmo, dando morte a tódolos que se achegan a el. Recúa ao chegar Heitor, coas súas falanxes teucras, retornando decontado en compañía de Áiax, cando Heitor xa despoxara a Patroclo da súa armadura e arrastraba o corpo para aldraxalo. Heitor vístese entón coas armas que Aquiles lle prestara a Patroclo, e retorna ao combate. As alternativas da loita pola posesión do cadáver de Patroclo sucédense, vencendo unhas voltas os teucros, acaudillados por Eneas, e outras, os aqueos, dirixidos por Áiax. Apolo axuda aos troianos, mentres que Atenea, aos gregos. Menelao vai á procura de Antíloco, para que anuncie a Aquiles a morte de Patroclo. Ás últimas, consegue Menelao, acompañado por Meríones, levar o corpo ao campo dos gregos.

Canto XVIII

[editar | editar a fonte]

As armas de Aquiles

[editar | editar a fonte]
Tetis, na forxa de Hefesto, agardando para recibir as novas armas de Aquiles.

Unha inmensa dor se apropia do corazón de Aquiles cando coñece a morte de Patroclo. A súa nai, Tetis, consóao, prometéndolle demandar a Hefesto unha nova armadura para el. Hera aconsella a Aquiles que se achegue ao foso, para que o vexan os troianos, que foxen á desbandada só coa súa presenza. Os mirmidóns lavan o corpo de Patroclo, perfuman as súas feridas e comezan os choros. Tetis acude ao palacio de Hefesto, e o deus frágualle a armadura para Aquiles.

Canto XIX

[editar | editar a fonte]

Aquiles retorna á batalla

[editar | editar a fonte]

As armas que Tetis lle leva ao seu fillo enchen de espanto aos mirmidóns. Aquiles teme que o corpo de Patroclo se corrompa mentres duren os combates, e Tetis promete evitalo. Aquiles xunta aos gregos, anuncia a fin da súa cólera e Agamenón outórgalle os obsequios que iñantes lle ofrecera. Briseida chora inconsolabelmente sobre o cadáver de Patroclo, mentres Aquiles monta no seu carro e se lanza á batalla, malia que un dos seus corceis, Xanto, dotado de voz sobrehumana, lle profetiza a súa achegada morte.

A batalla dos deuses

[editar | editar a fonte]

Cando os teucros e os aqueos se preparan con afán para o combate, Zeus ordena a Temis que convoque a xuntanza dos inmortais, e lles advirte que cada cal pode axudar aos guerreiros que se lles antolle. Os deuses lánzanse á loita divididos, uns xunto aos teucros, e outros ao carón dos aqueos. Mentres que os exércitos, animados polos deuses, se acometen con encarnizamento, estremécese o ceo con tronos horríbeis. Os guerreiros triunfan, sucumben ou esvaécense protexidos polos deuses, mentres Aquiles avanza pola chaira, que enche de mortos, obrigando aos troianos a procurar asilo na cidade.

Canto XXI

[editar | editar a fonte]

Combate á beira do río

[editar | editar a fonte]

Os teucros espállanse perseguidos por Aquiles; uns refúxianse na cidade e outros métense no río Xanthos. Hera agocha aos que foxen até a cidade, e Aquiles persegue aos que se meten no río, onde dá morte a moitos e, tamén, onde escolle a doce rapaces das principais familias de Troia para inmolalos na honra de Patroclo. O río Xanthos enfurécese de tanto horror, desbórdase e persegue a Aquiles coas súas augas encrespadas. Mais, o fillo de Peleo, invoca a Zeus; acuden á súa axuda Atenea e Poseidón, salvándose así da cólera das augas. Hefesto, vendo que as augas do río Xanthos se unen ás do Simois, queima a chaira, e os ríos, a piques de se secar, invocan a axuda de Hera. Apolo toma a figura de Axenor, a quen persegue Aquiles, e lévao correndo lonxe da cidade, mentres entran nela, sen ser abelloados, os teucros que fuxían pola chaira.

Canto XXII

[editar | editar a fonte]

A morte de Heitor

[editar | editar a fonte]

Apolo descóbrese por fin, e Aquiles, ao verse mofado, maldí ao deus e corre até Troia. Príamo, que ve ao seu fillo Heitor dende o alto da muralla, chámao para que entre sen delonga e non agarde por Aquiles. Hécuba quere tamén persuadilo con rogos e choros, mais Heitor, decide agardar ao fillo de Peleo. Tres voltas dan ao redor da muralla, Heitor, correndo diante de Aquiles, e este, perseguíndoo. Atenea engana a Heitor, facéndolle crer que é o seu irmán, Deífobo, e Heitor cobra alentos para agardar a Aquiles, quen lle dá morte cando os deuses o abandonan. Heitor predice entón a morte de Aquiles entre agonías, e o fillo de Peleo anoa o seu corpo ao carro e arrastra o cadáver pola chaira. Ante as olladas de Príamo, Hécuba e Andrómaca, o corpo de Heitor é arrastrado até as naves por Aquiles.

Canto XXIII

[editar | editar a fonte]

Xogos na honra de Patroclo

[editar | editar a fonte]

Os mirmidóns preparan minuciosamente os funerais de Patroclo. Aquiles asiste, por volta primeira, ao ágape que ofrece Agamenón. Mais, decontado, desexoso de chorar aínda máis por Patroclo, afastase até á beira do mar e durme por fin, porén, neses intres, aparéceselle a alma de Patroclo. Ao monte Ida acoden moitos guerreiros para cortar abondosa leña para a pira. O corpo, descansa nesta, cuberto dos cabelos que se cortaron os mirmidóns, en sinal de loito pola súa morte. Aquiles ceiba á fogueira dous dos seus mellores cabalos, dous cans, e moitas vítimas, após inmolar aos doce rapaces troianos prendidos no río Xanthos. Os ventos acoden para afoutar a pira, que arde até o día seguinte, até que a apagan con viño. Gárdanse, nunha urna, os osos de Patroclo, e eríxese un soberbio mausoleo.

Canto XXIV

[editar | editar a fonte]

O cadáver de Heitor

[editar | editar a fonte]

Aquiles arrastra, tódolos días, o cadáver de Heitor ao redor da tumba de Patroclo. Apolo protesta na xuntanza dos deuses, e Zeus manda a Tetis para que convenza ao seu fillo de que debe entregar aos troianos o corpo de Heitor. Tamén envía a Iris, para lle dicir a Príamo que vaia a pedirllo a Aquiles, levándolle abondosos agasallos para calmar así a súa ira. Príamo acode á tenda de Aquiles co seu carro cheo de obsequios, e sen máis compañía ca de un dos seus arautos. Hermes, que o guía pola chaira, dorme aos sentinelas e lévao até a tenda de Aquiles, sen que ninguén o vexa. O vello lánzase aos seus pés, rogándolle que lle entregue o corpo do seu fillo e, Aquiles, llo outorga. Pola mañá, Hermes anuncia a Príamo que é preciso marcharse, e o ancián, chega por fin a Troia co cadáver de Heitor no seu carro. Hécuba, Andrómaca e Helena choran diante do corpo, disposto no patio principal do palacio.

Datación

[editar | editar a fonte]

Continúase debatendo se os poemas se deben datar en torno ó século IX, VIII o incluso VII ou VI antes de Cristo; hoxe acéptase coma probable a segunda metade do século VIII. Constitúen os documentos literarios máis antigos da lingua grega, se prescindimos das taboíñas do lineal B coas que se escribía grego a finais da Idade de Bronce, é dicir, na Grecia micénica; a diferenza substancial reside no tipo de escritura utilizada: mentres que a Ilíada foi escrita na recentemente introducida en Grecia escritura alfabética, os textos das taboíñas están escritos nunha escritura silábica.

Tanto a Ilíada como a Odisea están compostas no período propio do xénero épos, é dicir, en hexámetros dactílicos catalécticos. A Ilíada contén aproximadamente unhas 16.000 liñas. Máis tarde foi dividida en 24 libros ou rapsodias (unidades de recitación), e esta convención permanece sen cambiar ata o día de hoxe.

A Ilíada tematiza 51 días do décimo e derradeiro ano da guerra de Troia, concentrándose na xenreira (mênis) do mirmidón Aquiles. Comeza coa disputa entre Aquiles e Agamenón, e acaba cos funerais de Heitor. Nin os antecedentes nin os primeiros anos da guerra (o secuestro de Helena desposada con Menelao, por Paris) nin a fin (a morte de Aquiles e o cabalo de Troia) se narran efectivamente na Ilíada, aínda que se fan presentes mediante diversas técnicas narrativas. Os materiais da Ilíada e da Odisea pertencen a un ciclo lendario que se xestaría ó longo dos chamados séculos escuros, chegando ata Homero. Só sobreviven pequenos treitos deses outros poemas.

As análises do estilo da Ilíada destacan principalmente dúas cousas: o carácter específico de fala de xénero (o carácter de ser unha "Kunstsprache"), que serve como base argumental para reconstruír historia da chamada "poesía oral improvisada" que, procendendo talvez da época micénica, culminaría na Ilíada e na Odisea; o seu modo específico de secuencia sintáctica e semántica, marcada pola xustaposición, parataxe de elementos, e autonomía das partes. As análises narratolóxicas enfróntanse á súa vez coa tarefa de describir o tipo de narrador, modos da focalización, linguaxe das figuras, caracterización, historias secundarias etc.

Figuras do relato

[editar | editar a fonte]
Helena de Troia segundo Evelyn de Morgan, 1898.

Os humanos

[editar | editar a fonte]

Como poema épico aparecen nel un número elevadísimo de personaxes. A segunda metade do segundo libro (coñecido como "O catálogo das naves") está dedicado enteiramente a listar os xefes e comandantes dos aqueos. Entre os importantes están Aquiles, o maior heroe grego, o gran guerreiro e o protagonista. O comandante xefe da expedición é Agamenón, rei de Micenas, irmán de Menelao, o esposo ofendido que parte a Troia para recuperar a Helena.

Héitor, príncipe de Troia, é o principal guerreiro do exército troiano. Esposo de Andrómaca e pai de Anstiánax, Héitor representa os vínculos, a familia, a cidade enteira. Cando el morre, é coma se o lume devorase Troia.

Patroclo é o amigo máis próximo a Aquiles, o seu compañeiro de armas. É unha desas figuras silentes que apenas aparece na primeira parte da acción, pero en torno da cal xógase a catástrofe que virará o enteiro acontecer: cando, conmovido pola situación dos aqueos, suplica a Aquiles que lle empreste as súas armas e lle permita loitar e apartar os troiáns das naves, parte ó encontro da súa propia morte: Apolo golpéalle as armas e, espido, é morto por Heitor (canto 16). Unha vez que Aquiles escoita, cheo de presentimentos, a noticia da morte de Patroclo, cae ó chan "cuberto nunha nube escura", e, sumido na dor, retorna a batalla coa única fin de vingar a Patroclo e, así, camiñar dereito cara á propia morte. É entón cando o destino de Troia queda decidido: Heitor morre, pero tampouco así Aquiles acada repouso algún.

Paris, príncipe de Troia e irmán de Heitor, é o namorado e raptor de Helena. É a contrafigura de Héitor, é dicir, o contrario ó ideal guerreiro que este encarna.

Diomedes, Néstor, Odiseo ou Áiax son os herois gregos máis relevantes.

Os deuses

[editar | editar a fonte]

O nivel narrativo da extratemporalidade dos deuses cumpre certas funcións no desenvolvemento e disposición da trama. No canto primeiro, o problema da ofensa de Aquiles é levado ante o máximo representante do divino, Zeus, mediante a Nereide Tetis, nai de Aquiles, deusa secundaria é, quizais por iso mesmo, posuidora dunha forza especial. Zeus, a pesar da resistencia de Hera e Atena, haberá de dar soporte á petición de retribución de Aquiles, é dicir, haberá de reflectir que pasa cando os aqueos prescinden de Aquiles. Neste sentido, a cólera supón problemas nas relacións no Olimpo tal e como están normalmente teñen lugar. As inimizades e resistencias con Hera, Atena e Poseidón dan lugar a intrigas e desvíos, se ben reflicten á vez en que consiste a primacía de Zeus respecto ós demais deuses.

O propio Platón fala da teoloxía da Ilíada, dándolle unhas características que se poden resumir en[3]:

  • Introduce uns deuses que se consideran infelices, que se laian, quéixanse, arrepíntense, pelexan entre si e se deixan levar pola carraxe.
  • Di que os deuses se deixan vencer polas pregarias e sacrificios que se lles ofrecen.
  • Asegura que Deus é a causa de todos os males e por esa razón pon dous cubos cheos aos dous lados do seu trono, un de males e outro de bens.
  • Fai que os deuses se lle aparezan aos homes baixo unha forma visible e, por consecuencia, falsa, posto que esta forma non é deus.
  • En fin, representa a Zeus enviando a Agamenón un soño enganoso, e mandándolle dicir unha mentira, o que é indigno dun deus, que é a suma verdade.

Resumo dos Cantos

[editar | editar a fonte]
Primeiros versos da Ilíada: Canta, musa, a cólera do pélida Aquiles; negra cólera que causou infindos males aos aqueos e precipitou ao Hades moitas vidas valorosas de heroes, os que, por vontade de Zeus, fixo présa de cans e pasto de aves. Des que se separaron disputando o Atrida rei de homes e o divino Aquiles.
A xenreira canta, ouh deusa, de Akhileus, o fillo de Peleus,

tan funesta, que sin conta prós Akhaiós doores trouxo,
e por diante moitas valentes almas pró Aides levóu
de héroes, e deles mesmos despoxos facía prós cans
e prás aves de rapiña todas; i é que de Zeus estábase a cumprir o designio seu;
dende alí cando por primeira vés se separóu ún do outro a teimar,
o fillo de Atreus, señor de homes, e o divino Akhileus.

(Primeiros versos da Ilíada na tradución ao galego de Evaristo de Sela, 1977)


  • Canto I: É o décimo ano da guerra de Troia. Aquiles e Agamenón se desentenden debido a disputa sobre unha xove cativa.
  • Canto II: Odiseo impide unha revolta e os gregos se preparan para un ataque a Troia.
  • Canto III: Paris desafía a Menelao para un duelo, propondo decidir o destino da guerra. Menelao vence, mais Paris sobrevive, agás por Afrodita.
  • Canto IV: O pacto é quebrado polos troianos e a guerra recomeza.
  • Canto V: Diomedes, axudado por Palas Atenea, realiza grandes prodixios, ferindo Afrodita e Ares.
  • Canto VI: Heitor retorna a Troia para pedir que se tente acalmar Palas Atenea. Encóntrase con esposa e fillo e retorna á batalla xunto de seu irmán Paris.
  • Canto VII: Heitor duela con Aiax. A loita empata, interrompida pola noite.
  • Canto VIII: Os deuses retíranse da batalla.
  • Canto IX: Agamenón tenta se reconciliar con Aquiles, mais este recusa.
  • Canto X: Diomedes e Odiseo saen en misión de espionaxe e atacan o campamento troiano.
  • Canto XI: Paris fere Diomedes, e Patroclo fica sabendo da desastrosa situación grega.
  • Canto XII: Retirada grega até as naos.
  • Canto XIII: Poseidón apiádase dos gregos e motívaos.
  • Canto XIV: Hera adormece a Zeus, permitindo a reacción grega.
  • Canto XV: Zeus acorda e impide que Poseidón continúe interferindo. Os troianos retoman a vantaxe no combate.
  • Canto XVI: Patroclo pide a armadura a Aquiles e permiso para entrar na loita. Aquiles concede, porén Patroclo é morto por Heitor.
  • Canto XVII: Hai unha disputa polo corpo e armadura de Patroclo. Heitor fica coa armadura e Aiax co corpo.
  • Canto XVIII: Aquiles fica sabendo da morte de Patroclo, e súa nai lle providencia unha nova armadura.
  • Canto XIX: Aquiles, de armadura nova e reconciliado con Agamenón, se xunta á guerra.
  • Canto XX: Batalla furiosa, da cal participan libremente os deuses.
  • Canto XXI: Aquiles chega aos portóns de Troia.
  • Canto XXII: Aquiles duela con Heitor e o mata. A seguir, deshonra o seu cadáver, arrastrándoo ao campamento grego.
  • Canto XXIII: Patroclo é velado adecuadamente.
  • Canto XXIV: Príamo pide o cadáver do fillo a Aquiles que, conmovido, cede. Heitor é debidamente velado en Troia.

A guerra de Troia como bastidor da Ilíada

[editar | editar a fonte]
Os troianos levan o corpo de Heitor á cidade.

Homero, pertencente á esfera dos aedos que xestaran e transmitiran poemas orais ó longo dos séculos escuros, foi o primeiro que, coa axuda da escritura alfabética reacabada de introducir en Grecia (aproximadamente no 800 a.C.), puxo por escrito gran parte dos materiais da arte dos aedos para compoñer un poema de grande extensión e cunha planificación unitaria. Con el empeza a chamada "textualidade occidental".

O que segue son algúns dos antecedentes e desenvolvementos histórico-mitolóxicos da guerra de Troia, coñecido por autores posteriores. Tanto Zeus como Poseidón desexaban a ninfa Tetis como esposa (cfr. Ístmica VIII de Píndaro) pero a profecía feita por Prometeo ou Themis aseguraba que o fillo de Tetis sería máis forte có seu pai. Debido a isto, Tetis foi entregada a un mortal: Peleo, da casta dos Eácidas, que, por non ter nada que perder, puido enfrontarse ó perigo de casar con Tetis. O froito deste obrigado matrimonio foi Aquiles, o mellor dos heroes. Segundo algunhas versións posteriores á Ilíada, Tetis, para protexelo, cando era neno, mergullouno no río Styx, converténdoo en invencible excepto polo calcañar (o lendario calcañar de Aquiles) co que o agarrou. Aquiles medrou deste xeito para chegar a ser o máis grande dos guerreiros mortais.

A muller máis fermosa do mundo era Helena, filla de Leda ou Némesis e máis Zeus. Todo o mundo procuraba a súa man. O seu pai, dubidando de a quen escoller por temor a facer inimigos entre os que non fosen elixidos, resolveu o problema facéndolles xurar a todos os pretendentes que protexerían a Helena e o seu futuro marido. Entre eles estaban Agamenón, Áiax, Diomedes, Odiseo, Néstor, Idomeneo e Filóctetes. Helena casou con Menelao de Esparta e a súa irmá Clitemnestra co irmán de Menelao, Agamenón de Tebas. Nunha misión diplomática a Esparta, Paris namórase de Helena, que fora á súa vez prometida a Paris por Afrodita [sc. xuízo de Paris] e é raptada e levada a Troia por aquel. Furioso porque ou ben Helena o abandonara ou fora raptada, Menelao fai que todos os que fixeran o xuramento unan as súas forzas e se dirixan a Troia para rescatar a princesa e castigar os raptores. Desembarcados en Troia, asedian a cidade durante dez anos.

  1. AFI: [iːliás].
  2. Bell, Robert H (2007). Homer's humor: laughter in the Iliad. 
  3. Segundo versión de Ignacio García Malo, na súa tradución do ano 1788, imprenta de Pantaleón Aznar, Madrid pax. XXXVI

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Homero, La Iliada, Editorial Gredos: Madrid, 2000. ISBN 84-249-2460-6.
  • Munro, D. V., Allen, T. W., Homeri Opera, recognoverunt brevique adnotatione critica instruxerunt, Oxford classical Texts, 1920.
  • Latacz, J., Homer. Der erste Dichter des Abendlands, Düsseldorf-Zürich, 1997.
  • Schadewaldt, W., Der Aufbau der Ilias, Frankfurt a. Main, 1975.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]