Eugenia Osterberger
Eugenia Osterberger dirixindo unha obra, nunha foto publicada na portada da partitura de Insinuante | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de decembro de 1852 Santiago de Compostela, España |
Morte | 8 de febreiro de 1932 (79 anos) Niza, Francia |
Actividade | |
Ocupación | compositora, pianista |
Membro de | |
Instrumento | Piano |
Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard, coñecida simplemente como Eugenia Osterberger,[a] nada en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1852 e finada en Niza o 8 de febreiro de 1932, foi unha compositora galega do romanticismo. Filla dunha coruñesa e un gravador e litógrafo alsaciano, Eugenia Osterberger pronto amosou interese pola música, aprendendo dende nena a tocar o piano. Anos despois do seu regreso de formarse en Francia casou co enxeñeiro francés Francisco Saunier e instalouse na cidade da Coruña. Na cidade herculina Osterberger mantivo relación non só con destacadas personalidades da música galega do seu tempo, senón tamén da literatura, como Emilia Pardo Bazán, integrándose na sociedade El Folk-Lore Gallego, que presidía a propia Emilia. Polas súas achegas no campo da música foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega cando esta se fundou en 1906. En 1908 trasladouse coa súa familia á cidade de Niza, onde residiu ata a súa morte.
A súa obra, en boa parte descoñecida, foi publicada pola editorial de Canuto Berea na Coruña (editando obras puramente instrumentais), F. Laurens en París e as editoriais de Benito Zozaya e Casa Dotesio en Madrid. As poucas obras coñecidas da compositora compostelá inclúen obras para piano só e cancións de salón para voz e piano. Ademais de destacar a súa produción musical, Eugenia Osterberger participou en diversas iniciativas de dignificación da cultura galega.[1]
Canto menos durante os anos que residiu na Coruña cómpre salientar tamén a súa actividade pedagóxica, contándose entre as súas alumnas Pilar Castillo, quen logo sería unha pianista recoñecida internacionalmente e que posiblemente ocupou a cátedra de piano en Madrid.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard naceu o 20 de decembro de 1852 en Santiago de Compostela, sendo bautizada ao día seguinte na capela de Santa María a Antiga da Corticela.[3][b] O seu pai, Jorge Osterberger, era un destacado gravador e litógrafo alsaciano que anos atrás se instalara na cidade da Coruña para traballar co prateiro, gravador e fotógrafo suízo Enrique Luard Falconier. Pouco despois de instalarse na cidade herculina, Jorge Osterberger casou con Emilia Luard Álvarez, filla do seu patrón e de Bernarda Álvarez Gondovia, nada en Monforte de Lemos. O matrimonio tivo dúas fillas: Elisa e Eugenia.[3]
Criada nun ambiente cosmopolita e de sensibilidade artística, tivo acceso a unha formación intelectual e artística máis completa do que era habitual na formación feminina na época.[5] Axiña Eugenia amosou a súa paixón pola música, se ben non se sabe moito da súa primeira formación musical, desenvolvida na súa cidade natal, e antes de cumprir os nove anos tivo o seu primeiro piano, que o seu tío Justo Luard adquirira na tenda do que sería o seu provedor de partituras dende aquela, Canuto Berea.[6][5] Na elección do instrumento participou o organista da Catedral de Santiago de Compostela Mariano Tafall, que posiblemente fose o mestre da nena.[5] Pola correspondencia entre Manuel Martí e Canuto Berea pode deducirse que Eugenia era alumna de Martí no momento en que a súa familia adquiriu o piano, e que nese momento estaba o suficientemente "adiantada" e tiña cualidades suficientes como para que a súa familia investise unha suma de cartos considerable en mercarlle un piano.[7][c]
Anos máis tarde, a preocupación por darlle unha educación coidada á súa filla levou a súa familia a mandala estudar á localidade francesa de Juilly (Seine-et-Marne), a uns 30 quilómetros de París, onde uns anos antes o Abade Bautain reabrira unha escola fundada en 1638 e creara o colexio feminino rexido por monxas da orde das Dames de Saint Louis. A súa formación francesa permitiríalle posteriormente gañar o seu sustento, dando clases de francés ou música, sen necesidade de casar.[9]
Profesora de francés e música
[editar | editar a fonte]Grazas á correspondencia mantida con Canuto Berea sábese que en 1874 regresara a Galicia, vivindo na casa dos seus pais na súa cidade natal e que mercaba partituras no almacén do músico e empresario coruñés. Ao seu regreso adicouse de xeito vocacional á música,[9] e deu clases de francés, como se pode ver nun anuncio publicado no El Diario de Santiago o 19 de outubro de 1875 no que di:[10]
“ | Srta. Dª Eugenia Osterberger, profesora titulada en París, abre o 1º de novembro próximo, un CURSO DE FRANCÉS para Señoritas; Rúa Nova núm. 4. | ” |
— Tradución do orixinal. |
Na mesma páxina, a seguinte nota falaba das outras cualidades de Eugenia, entre as que salientaba ser unha "excelente profesora de piano":[10]
“ | A señorita dona Eugenia Osterberger abre de novo na súa casa Rúa Nova núm. 4, a ensinanza do idioma francés. No lugar correspondente verán os nosos lectores o anuncio, e non tememos pecar de oficiosos ao recomendar as especiais circunstancias que para a ensinanza reúne tan simpática como ilustrada señorita, que á par é unha excelente profesora de piano. |
” |
— Tradución do orixinal. |
Semella probable, polo tanto, que a súa intención non era unicamente dar clases de francés, senón que xa daba clases de piano, e que procuraba unha independencia económica.[11]
Na súa correspondencia dese ano con Canuto Berea fai alusión á súa delicada saúde. Nunha carta sen datar, pero posiblemente escrita no verán de 1875, sinala que ese ano non podería visitar A Coruña logo de pasar un mal inverno e atopándose moi feble, motivo polo cal os médicos lle recomendarían o aire do campo e se trasladaría a Betanzos. Nesa carta pode apreciarse a súa relación máis íntima coa música, que non era para ela un simple entretemento, xa que nela lle pide un piano de alugueiro e pídelle que de estar conforme co prezo llo envíe axiña, xa que sen el "fico e ficarei sempre un corpo sen alma, un espírito sen alento". Tamén na mesma carta fai referencia a tres obras que estaba a compoñer e que lle enviaría unha vez estivesen finalizadas: unha sonata, un impromptu e un terceto. Os problemas de saúde da compositora serían unha constante ao longo da súa vida. Hai máis alusións á súa delicada saúde na súa correspondencia, como nunha carta dirixida de novo a Canuto Berea tres anos máis tarde, en 1878, na que de novo lle pedía un piano de alugueiro para a súa estadía en Carballo, onde se dirixira para recibir un tratamento termal.[11] Posiblemente a súa situación económica ese ano fose precaria, xa que na carta lle explicaba a Berea que non dera clases ese curso. Aínda que se descoñece que tipo de doenza podía padecer, nunha segunda carta a Berea solicitándolle de novo un piano para a súa estadía en Carballo sinala:[12]
“ | ...estes días sen poder saír da casa por ter unha especie de tumor no lado esquerdo que non me deixa saír ao campo a gozar da liberdade. | ” |
— Tradución do orixinal. |
Casamento e traslado á Coruña
[editar | editar a fonte]O 20 de outubro de 1879, dous meses antes de cumprir os 27 anos e xa nun mellor estado de saúde, Eugenia Osterberger casou en Santiago de Compostela, na mesma igrexa na que fora bautizada, co enxeñeiro francés Francisco Saunier Goubard, que daquela traballaba na fábrica do gas compostelá situada nos Agros da Carreira.[13] Pouco despois, en 1880, a parella trasladouse á cidade da Coruña, onde fora nomeado director da fábrica do gas, instalándose inicialmente na rúa do Socorro.[14] O mesmo ano do seu traslado á Coruña naceu Jorge, o primeiro dos fillos do matrimonio. Nesa época os padróns atribuíronlle como profesión "a súa casa" ou "ningunha", como adoitaba pasar coas mulleres casadas, se ben determinados detalles apuntan a que seguiu a dar clases de música a algún alumno amais de aos seus fillos.[14]
Durante os anos que viviu na Coruña, Eugenia Osterberger ocupou un lugar de consideración na burguesía herculina, tanto pola posición económica e social do seu marido como polo prestixio da súa familia materna e a súa propia capacidade, inclinación artística e cultura. A compositora participou activamente na vida cultural e social da cidade e mantivo relación coas familias francófonas afincadas na cidade.[15] Na última década do século XIX o seu marido foi nomeado vicecónsul de Rusia, ampliándose o seu círculo de amizades, recibindo con frecuencia na súa casa aquelas persoas que formaban parte do corpo consular establecido na cidade.[16]
Na cidade herculina Osterberger e o seu marido participaron activamente en actividades solidarias mediante donativos económicos ou achegas de obxectos para poxas. A compositora compostelá participou especialmente e de xeito permanente en iniciativas de carácter progresista como as colonias escolares. Posiblemente esta tendencia progresista estea relacionada coa súa propia educación e coa liña do seu círculo familiar,[17] xa que o seu avó materno (Enrique Luard Falconier), o seu marido, e o irmán deste, eran ou foran masóns.[18] De feito, cando a cidade da Coruña decidiu formar un Padroado das Colonias Escolares en 1903, Eugenia Osterberger foi nomeada secretaria nunha directiva na que tamén se encontraban Evi Zacharías[d] como presidenta e Emilia Pardo Bazán como presidenta honoraria.[20]
A Coruña da época tiña unha intensa actividade musical, recibindo periodicamente compañías de ópera italianas, Pascual Veiga fundara El Orfeón Coruñés, Marcial del Adalid volvera a Lóngora, e na cidade tamén residían compositores como José Castro Chané, Francisco Pillado Villamil, ou o propio Canuto Berea, facían posible o desenvolvemento desta arte, popularizada tamén polos concertos ofrecidos polas bandas militares nos Xardíns de Méndez Núñez.[16] Este ambiente supuxo un estímulo para Osterberger, que nunca deixou de adicarse a tocar e a compoñer. Con todo, as convencións sociais da época en relación co punto ao que debían chegar as actividades propias que correspondían a unha muller da condición de Eugenia Osterberger impedían que as súas interpretacións musicais saísen do círculo familiar ou de amizades. Por outra banda, considerábase que os logros compositivos eran máis ben propios dun músico profesional que dunha señora, polo que publicar e estrear as súas obras non se consideraba unha práctica tan ortodoxa.[21]
Sábese que tanto Eugenia Osterberger como o seu home se implicaron de cheo na Liga Gallega, celebrándose en 1898 no seu chalé a entrega do título de socia honoraria da institución a Sofía Casanova, que ademais se aloxou alí xunto coa súa familia.[22] Días despois do acto a Revista Gallega recollía a crónica, na que sinala a participación activa de Eugenia Osterberger ao piano e cantando, salientando a interpretación dalgunha obra propia e o seu talento na interpretación:[23]
“ | ...Para que a visita resultase unha grata velada pregouse a Madame Eugènie O. de Saunier, que é unha excelente pianista, que executase algunha composición súa, e esta tocou unha inspirada Muiñeira e cantou acompañándose ao piano unha fermosa melodía titulada Adiós a Galicia, de cuxas composicións é autora. A esmerada execución de Mme. Saunier e o gusto co que emite a súa linda voz, valéronlle entusiastas e sinceros aplausos, non debidos á cortesía, senón ao indiscutible mérito de tan competente profesora, que máis dunha vez ten sido obxecto de espontáneas ovacións. |
” |
— Revista Gallega, 24 de abril de 1898, p. 4 (tradución do orixinal). |
Polos títulos das obras mencionadas pode apreciarse a preferencia da compositora pola melodía galega e a música tradicional.[23]
Ese mesmo ano, Sofía Casanova adicoulle o seu poema Al fondear en la Coruña la Escuadra francesa coas palabras:[24]
“ | A Mme. Eugènie Saunier, inspirada autora da melodía Adiós, Galicia. | ” |
Eugenia Osterberger continuou a súa actividade compositiva logo do cambio de século, difundíndose a súa obra por outros países como a Arxentina, onde en decembro de 1907 a revista Región Galaica de Buenos Aires agradecía o envío de 25 exemplares da súa obra "Cantigas y melodías gallegas", adicada ao Centro Gallego de Buenos Aires, así como outras obras compostas por ela, entre as cales cita unha "Muiñeira" e unha "Melodía Gallega".[20] Tamén seguiu desenvolvendo unha certa actividade concertística, sempre ligada a fins caritativas.[25] A súa actividade docente na época aparece reflectida na prensa da época, citando como alumna súa Pilar Castillo, que posteriormente sería unha destacada pianista e que en 1904 recibía clases de piano da compositora compostelá.[26]
Canto menos nos últimos anos que permaneceron na cidade, o matrimonio tiña costume de organizar reunións na súa casa nas que ademais de conversar, líase poesía e interpretábase música. Estas reunións foron noticia na prensa da época e a elas asistían destacadas personalidades como o tenor Ignacio Varela.[27]
O último documento de Eugenia Osterberger na Coruña data do 29 de febreiro de 1908. Trátase dunha carta escrita a Canuto Berea na que xa se pode percibir unha nova etapa na vida da compositora, se ben nela tamén queda patente que os seus problemas de saúde persistían. Logo de abandonar a cidade herculina, Francisco Saunier seguiu a ser director xerente de Aguas de La Coruña e tiña que seguir atendendo asuntos na cidade, aínda que non se ten constancia de que Eugenia regresase á cidade galega nos anos posteriores á redacción da carta. Finalmente a familia trasladouse a Francia, país no que estudaran e traballaban moitos dos seus fillos, que posuían nacionalidade francesa. O propio Francisco Saunier aceptara tamén un posto de traballo na Costa Azul, asumindo a dirección dos vellos Établissements Farge en Niza.[28]
Traslado a Niza e últimos anos
[editar | editar a fonte]En 1908, logo de residir durante 27 anos na cidade herculina, Eugenia Osterberger e Francisco Saunier abandonaron definitivamente A Coruña e trasladáronse á cidade francesa de Niza. Se ben non se atopan moitos datos das actividades que a compositora realizou na cidade francesa, sábese que o tipo de vida social que levaba en Niza non era moi distinto do que levaba na cidade herculina.[29]
Osterberger seguiu compatibilizando o seu rol de esposa, nai e avoa co seu labor compositivo, escribindo novas obras e participando noutras de varios autores publicadas para pianistas. Posiblemente foi en Niza onde coñeceu o compositor de orixe ucraína Fedir Stepanovych Yakymenko,[e] quen lle adicou unha obra para piano titulada Chant printanier.[29] Outro músico da época co que tivo relación foi o italiano Gabriel Bonincontro, quen lle adicou a súa obra para piano Holé! Zagala. Le plus brillant paso doble e arranxou para quinteto de corda e piano e orquestrou Mignardises, que Osterberguer compuxera para clavicémbalo.[31]
Con todo, non todos os anos que a familia viviu na Costa Azul foron felices, xa que co estalido da primeira guerra mundial, e do mesmo xeito que boa parte das familias francesas, sufriron amarguras e viron partir á fronte os seus fillos e xenros. Pouco antes de finalizar a contenda, o 11 de setembro de 1918, finaba no seu domicilio de Niza aos 65 anos Francisco Saunier Goubard. Logo da morte do seu marido Eugenia Osterberger continuou vivindo na cidade francesa ata a súa morte o 8 de febreiro de 1932. Na súa acta de defunción consta como cidadá francesa, aínda que nada en Santiago de Compostela.[32]
Redescubrimento da súa figura
[editar | editar a fonte]A figura de Eugenia Osterberger permaneceu esquecida durante máis de cen anos ata que a investigadora Rosario Martínez atopou casualmente o nome da compositora nun artigo sobre Sofía Casanova. A partir dese momento comezou unha investigación que reconstruíu a vida da compositora e redescubriu 14 das súas obras, que serían estudadas e analizadas pola musicóloga Beatriz López Suevos.[33] Os primeiros traballos sobre Osterberger publicáronse en 2013.[34]
Este esquecemento posiblemente fora debido ao seu apelido e a estar casada cun francés, o que puido levar aos estudosos da música galega a pensar que non era galega senón unha estranxeira que vivira algunha vez en Galicia.[35] Para Rosario Martínez, outro factor do descoñecemento da figura de Eugenia Osterberger sería o propio feito de ser muller, xa que tivo que criar nove fillos,[f] e a profesión de compositora non se consideraba algo "decoroso" para unha muller do seu tempo, o que fixo que nunca se puidese adicar á música de xeito profesional, e sinala que na época:[34]
“ | Unha muller non tiña que pintar nin que tocar música máis que un pouquiño, para adornar o seu currículo e casar ben. | ” |
— Rosario Martínez Martínez |
O 22 de novembro de 2017 presentouse no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela o libro Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque nun acto no que a soprano Susana de Lorenzo interpretou algunhas obras da compositora compostelá.[36] O libro presenta ademais un CD cunha selección das obras recuperadas interpretadas pola propia Beatriz López Suevos ao piano e a soprano Susana de Lorenzo, nas que se incluíron as obras vocais compostas na Coruña e Le Rouet de Grand'maman (Fileuse) para piano só.[37]
Foi homenaxeada en xullo de 2018 no IKFEM.[38]
Obra
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lista de composicións de Eugenia Osterberger.
A súa obra, en boa parte descoñecida, foi publicada pola editorial de Canuto Berea na Coruña (editando obras puramente instrumentais), F. Laurens en París e as editoriais de Benito Zozaya e Casa Dotesio en Madrid. As poucas obras coñecidas da compositora compostelá inclúen obras para piano só e cancións de salón para voz e piano.[39][40] A obra de Eugenia Osterberger encóntrase distribuída en diversos arquivos e bibliotecas en España e Francia: o Fondo Cartelle da Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña, o Fondo Berea do Arquivo da Deputación da Coruña, na Real Academia Galega de Belas Artes, no Arquivo do Círculo das Artes de Lugo, na Biblioteca Carlos Martínez Barbeito da Fundación Barrié, no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, na Biblioteca Nacional de España, na Biblioteca de Castela e León, no Arquivo Histórico de Unión Musical Española, e na Biblioteca Nacional de Francia.[41] Con todo, descoñécese a dimensión real da súa obra, xa que logo do estudo realizado por Beatriz López-Suevos e Rosario Martínez apenas se coñecían unhas poucas ducias de composicións, unha das cales tiña o número de opus 158.[34]
Eugenia Osterberger contribuíu á creación dunha música académica galega de raíz popular, cunha obra composta principalmente para piano solista e cancións ou melodías galegas para voz e piano.[34] Segundo Rosario Martínez, a obra de Osterberger "está á mesma altura que a dos compositores varóns do seu tempo, como Baldomir ou Chané",[33] situándoa mesmo nun nivel superior á música do propio Chané ou Xoán Montes, xa que nas propias palabras de Rosario Martínez "fixo música doutros estilos máis europeos que eles non fixeron".[35] A formulación da produción de Osterberger, do mesmo xeito que a deles, ten como punto de partida a reivindicación e recuperación da cultura propia en diálogo coas correntes europeas do seu tempo. En palabras de Martínez: "Recuperan o autóctono, o noso, mais nunha cultura que emana do Romanticismo".[33] A música de Osterberger está moi inspirada polos estilos que nese momento estaban máis de moda en Europa, se ben a compositora compostelá procurou nas letras das súas composicións vocais a raíz popular e tradicional da súa Galicia natal.[34]
Obras para piano só
[editar | editar a fonte]As súas obras para piano só escritas na súa etapa coruñesa están destinadas ao consumo doméstico, isto é, son obras abordables por intérpretes diletantes ou afeccionados, nas que se incluirían pezas líricas e danzas populares, así como pezas de carácter (nocturnos, baladas, impromptus, berceuses...).[42]
Osterberger compuxo canto menos tres valses: Lucia (valse de salón), Les Hirondelles (valse de salón) e Insinuante (valse lento). Os tres comezan cunha introdución lenta que dá paso ao valse, mais no primeiro a compositora opta por darlle variedade rítmica, en Les Hirondelles realza o aspecto melódico, mentres que con Insinuante inclínase por un valse-boston, o que demostra o coñecemento que tiña Eugenia Osterberger das modas.[43]
Na obra Le Rouet de Grand'maman (Fileuse) Op. 148, pode apreciarse a influencia de dúas obras moi populares no século XIX: o lied de Franz Schubert Gretchen am Spinnrade e a romanza sen palabras de Felix Mendelssohn La fileuse. Do mesmo xeito que nesas dúas pezas, na fileuse de Osterberger o acompañamento en corcheas da man esquerda representa o xiro e movemento continuo da roca, por outra banda, o ostinato da primeira nota grave sostida en cada compás convértese no pedal da roca e impulsor do movemento.[44] A influencia dos grandes compositores románticos tamén pode apreciarse na súa Méditation (Nocturne), na que Osterberger escolle un acompañamento homofónico para resaltar a melodía, como fixera Frédéric Chopin.[45]
Hai constancia de que a súa Pavana Louis XIII, orixinal para piano só, foi arranxada para banda e que foi unha das súas obras máis interpretadas precisamente nesa versión, aínda que se descoñece se a orquestración para banda foi feita pola propia compositora ou por Ricardo Quiroga, director da Banda do Rexemento de Isabel a Católica, que interpretou a peza en público canto menos en dúas ocasións en 1907.[43]
Da súa etapa francesa só se recuperaron ata 2017 dúas composicións: Zingha-Bandi, danse hindoue pour piano e Mignardises e Danse Jacquelinette, se ben Mignardises foi escrita para clavicémbalo.[46][g]
Obra vocal
[editar | editar a fonte]Na produción vocal de Eugenia Osterberger, a compositora amosa a súa preferencia por unha poesía lírica e intimista, moi na liña do gusto das personalidades da literatura do Romanticismo.[31] Polo que respecta á estrutura destas composicións, adoitan alternar preludio-sección vocal- interludio-sección vocal- interludio-sección vocal-posludio.[47]
Composicións italianas e francesas
[editar | editar a fonte]A obra vocal de Eugenia Osterberger consta fundamentalmente de melodías galegas, se ben tamén hai dúas composicións italianas e cancións francesas. Na súa etapa coruñesa só hai dúas composicións vocais que non corresponden ao xénero da melodía galega, senón a composicións italianas: M'ami dicesti, Op. 158 e Ove sei? A primeira delas é unha aria na liña das arias operísticas do século XIX, mentres que a segunda non indica xénero, senón que segue a tradición da canción italiana derivada de autores como Paolo Tosti e que tamén se denominaría "canción de salón".[48]
As súas cancións francesas inclúen Les Roses de Saadi (París, 1922), Solitude, mélodie romantique (París, 1923), Amour est mort! (París, 1922) e Simple Histoire (París, 1922).[49] En Les Roses de Saadi presenta unha linguaxe harmónica máis avanzada que a das súas composicións coruñesas.[47] Amour est mort! está inspirada nun poema de André Rastier, marido da súa filla Rosina, e salienta o feito de que cada vez que a voz di "Amour est mort!" faino cunha entoación distinta.[50] Simple Histoire está adicada á súa filla Rosina e está encadrada no xénero da mélodie, aínda que podería encadrarse no do romance polo seu marcado carácter narrativo como pola preponderancia do texto e o canto sobre o acompañamento.[50]
Melodías galegas
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Melodía galega.
O xénero da melodía galega, cuxos precedentes serían o lied alemán e a mélodie francesa,[51] chegou a ter tanta repercusión e prestixio que os contemporáneos de Eugenia Osterberger deben boa parte da súa fama a este xénero.[52] Eugenia Osterberger non foi unha excepción e compuxo un número significativo de pezas neste xénero, aínda que se ben Canuto Berea era o principal editor destas composicións nunca chegou a editar ningunha melodía galega da compositora compostelá.[53] En 2017 recuperáranse un total de catro melodías galegas máis outras catro recollidas nas súas Cántigas y Melodías Gallegas xunto con outras catro coplas populares ás que poría música nese caderno.[54][55]
En xeral, as melodías galegas de Osterberger presentan un acompañamento sinxelo, que no caso de Ausencia. Melodía gallega por exemplo, actúa a modo de bordón.[56] É frecuente o emprego do compás de 6/8, presente por exemplo en Ausencia. Melodía gallega, en ¡Adiós Galicia! ou en Neve. Unha estrutura rítmica recorrente é o acompañamento co típico ritmo galego de corchea con punto-semicorchea-corchea, que pode verse tanto en ¡Adiós Galicia! (se ben a parte central cambia a 3/4) como en Neve.[55] En Cántigas y Melodías Gallegas preséntase sempre un preludio pianístico no que a compositora procura unha sonoridade asociada á música galega como roncóns de gaita, pequenos aturuxos ou xiros melódicos tradicionais.[55] Esta idea do preludio pianístico pode verse tamén en Neve, neste caso a modo de cantilena, que nos traslada a austeridade da peza.[57]
Como mostra da importancia deste xénero cabe salientar que o 14 de novembro de 1899 o xornal El País informou da publicación de ¡Adiós Galicia!:[58]
“ | "Adiós a Galicia".- A inspirada compositora Dna E. Saunier, acaba de publicar unha melodía titulada "Adiós Galicia". Os que coñecen a nova produción da notable artista fan grandes eloxios dela, o cal non é de estrañar tratándose da Sra. Saunier tan vantaxosamente coñecida en España. A obra está editada con luxo pola casa Zozaya. |
” |
— Tradución do orixinal. |
A melodía galega ¡Adiós Galicia!, con letra do médico e poeta masidao Manuel Lois Vázquez, é hoxe o himno do concello ourensán de Maside.[58]
T'amo, unha composición bilingüe
[editar | editar a fonte]T'amo é unha obra para piano e voz na que a compositora tomou un texto en castelán, neste caso de José Zorrilla. O texto está extraído da obra Gnomos y Mujeres do escritor valisoletano, obra que na segunda parte (Mujeres) iníciase cunha extensa alegación en verso a favor da dignidade da muller e que continúa cunha serie de poemas adicados a diferentes mulleres, entre eles "Yo te amo".[59] Nesta obra Eugenia Osterberger adapta e traduce ao francés o texto en castelán, posiblemente como agasallo á dedicataria da obra, Mme. de Servoules, a muller de M. Louis Richaud de Servoules, vicecónsul destinado na Coruña en outubro de 1885.[60]
Pola portada da partitura pode supoñerse que a obra foi publicada na Coruña o 15 de abril de 1886,[h] e chama a atención o curto lapso de tempo entre a publicación de Gnomos y Mujeres e a desta composición, publicada en Madrid ese mesmo ano.[60][61] A partitura foi localizada na Biblioteca de Castela e León.[60]
Na obra, denominada "Romance", predomina a estrutura narrativa con interludios pianísticos entre as tres seccións. Cada unha destas tres seccións nas que interveñen o piano e a voz presentan dúas estrofas, en castelán e francés, para ser interpretadas en cada caso, ou o texto en francés repetindo o texto en castelán.[60]
Obra camerística
[editar | editar a fonte]En 2017 tan só se localizara unha obra camerística de Eugenia Osterberger, a Mélodie Espagnole (Sentimentale), escrita para violonchelo e piano. Con todo, é probable que a súa produción camerística sexa maior, xa que na súa correspondencia con Canuto Berea dende Betanzos hai alusións a outras obras que serían enviadas para que o compositor e empresario dese a súa opinión:[62]
“ | En canto estean listas unha Sonata, un impromptu e un terceto, da miña composición, penso mandar a V. unha proba de manuscrito contando sobre a súa indulxencia, e desexando o seu parecer. | ” |
— Tradución do orixinal. |
Porén, ningunha destas tres composicións foi encontrada.[62]
Polo que respecta á Mélodie Espagnole (Sentimentale), trátase dunha composición breve (catro páxinas a parte de piano e unha a de violonchelo) escrita na cidade da Coruña en 1890[i] e que posiblemente foi editada pola propia compositora, xa que nela non figura ningunha editorial. Está adicada a M. Tondu,[62] posiblemente un editor francés que iniciara a súa actividade en 1854,[63] e que en 1853 escribira un método de transposición que Eugenia puido coñecer durante os seus anos de formación en Francia.[62]
Eugenia Osterberger e a intelectualidade galega do seu tempo
[editar | editar a fonte]Osterberger mantivo relación non só con destacadas personalidades da música galega do seu tempo, senón tamén da literatura, como Emilia Pardo Bazán. Na Coruña de finais do século XIX residía unha importante elite cultural preocupada pola salvagarda da lingua e a tradición propias de Galicia. Eugenia Osterberger non foi allea a esta inquedanza, compoñendo obras inspiradas en poemas de personalidades participantes nesta corrente e que empregaron a lingua galega.[64] Osterberger chegaría a integrarse na sociedade El Folk-Lore Gallego, que presidía a propia Emilia Pardo Bazán.[39] Polas súas achegas no campo da música foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega cando esta se fundou en 1906.[65][66]
Cómpre salientar a súa relación coa escritora e xornalista Sofía Casanova, quen lle adicou o seu poema Al fondear en la Coruña la Escuadra francesa e coa que mantivo correspondencia. Ademais Sofía Casanova posiblemente levou con ela as partituras desas obras de Eugenia Osterberger e outras doutros músicos galegos para difundir a súa obra en Polonia tocándoas o seu cuñado Josef Lutosławski, pai do que sería o famoso compositor e director polonés Witold Lutosławski. A relación de amizade entre a compositora e a escritora ponse de manifesto nunha carta publicada en La Voz de Galicia o 9 de setembro de 1898 na que Sofía Casanova se laiaba polo desastre de 1898 e na que se aprecia o seu mutuo afecto.[24]
Posiblemente tamén tivese relación coa escritora ourensá Filomena Dato, xa que esta era moi amiga de Sofía Casanova e residía nas proximidades da cidade herculina. Ademais Osterberger puido inspirarse nun poema seu para a súa melodía galega Neve.[17]
Pola súa participación na Liga Gallega, Osterberger tamén mantivo contacto con figuras notables do Rexurdimento como Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Andrés Martínez Salazar, que asistirían á despedida de Sofía Casanova celebrada na casa de Eugenia Osterberger, na que lle ofreceran á escritora e xornalista coruñesa un artístico pergameo.[22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A causa do seu matrimonio con Francisco Saunier Goubard en 1879 e o seu traslado a Francia, posteriormente foi coñecida como Eugène Saunier ou Madame Saunier.
- ↑ Esta igrexa pertence á catedral de Santiago de Compostela, e desde 1527 cumpre a función de parroquia de estranxeiros para as persoas que non eran orixinarias do país ou que estaban de paso.[4]
- ↑ Nunha carta datada o 7 de marzo de 1861 do pai de Eugenia (que asina como Georges Osterberger) a Canuto Berea apunta o importe de 6.300 reais.[8]
- ↑ Evi Zacharías von der Medem era a muller de Ricardo Rodríguez Pastor, curmán de Pedro Barrié Pastor, que en 1889 xa entrara a formar parte da Sociedade Sobrinos de José Pastor, que en 1925 pasaría a coñecerse como Banco Pastor.[19]
- ↑ Yakymenko fora o primeiro profesor de composición de Igor Stravinskii.[30]
- ↑ Eugenia Osterberger tivo sete fillos con Francisco Saunier, quen xa tiña outros dous do seu matrimonio anterior.[34]
- ↑ O clavicémbalo experimentara un rexurdimento dende a presentación de novos modelos na Exposición Internacional de París de 1889 que ofrecían maiores posibilidades sonoras que os clavicémbalos barrocos e que posibilitaron que intérpretes como a polonesa Wanda Landowska o convertesen nun instrumento de concerto.[46]
- ↑ A portada indica "La Corogne, 15 Avril, 1886".
- ↑ Na primeira páxina indícase "La Corogne, 1890".[62]
- Referencias
- ↑ "Eugenia Osterberger". Xunta de Galicia. Consultado o 2 de xaneiro de 2018.
- ↑ Santos Castroviejo, Nanina (2007). "Pilar Castillo Sánchez. Pianista de sona nos comezos do século XX.". Álbum de mulleres. Consello da Cultura Galega. Consultado o 20 de febreiro de 2018.
- ↑ 3,0 3,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 13.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 98.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 15.
- ↑ Bugallal, Isabel (3 de abril de 2017). "Osterberger, una compositora gallega". La Opinión (en castelán). Consultado o 12 de febreiro de 2018.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 16.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 16-17.
- ↑ 9,0 9,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 18-20.
- ↑ 10,0 10,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 22.
- ↑ 11,0 11,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 23-25.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 26.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 31.
- ↑ 14,0 14,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 32.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 33.
- ↑ 16,0 16,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 34.
- ↑ 17,0 17,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 43-44.
- ↑ Valín Fernández, Alberto (1990). Galicia y la masonería en el S. XIX (en castelán). Sada: Ediciós do Castro. pp. 45, 457, 602 e 619. ISBN 84-7492-493-6.
- ↑ González Catoyra, Alfonso (1990). Biografías coruñesas (en castelán). A Coruña: Fundación Caixa Galicia. pp. 575–77. ISBN 978-84-922901-0-9.
- ↑ 20,0 20,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 45.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 35.
- ↑ 22,0 22,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 39.
- ↑ 23,0 23,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 41.
- ↑ 24,0 24,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 42.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 46.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 48.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 49-50.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 50-52.
- ↑ 29,0 29,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 87.
- ↑ Wright, David. "THEODORE AKIMENKO" (PDF) (en inglés). www.wrightmusic.net. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de marzo de 2016. Consultado o 18 de febreiro de 2018.
- ↑ 31,0 31,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 88.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 95.
- ↑ 33,0 33,1 33,2 Fraga, Xesús (12 de xuño de 2014). "Galicia redescubre a su olvidada gran compositora del siglo XIX". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 13 de febreiro de 2018.
- ↑ 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 34,5 Pérez Pena, Marcos (6 de xuño de 2017). ""Unha muller non podía tocar música. Só un pouquiño para adornar o seu currículo e casar ben"". Praza Pública. Consultado o 19 de febreiro de 2018.
- ↑ 35,0 35,1 ""Eugenia Osterberger ten moita importancia para a historia da música galega"". Sermos Galiza. 6 de marzo de 2017. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2018. Consultado o 14 de febreiro de 2018.
- ↑ "Reivindicando a la compostelana Eugenia Osterberger". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 2017. Consultado o 13 de febreiro de 2018.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 117.
- ↑ "Tui e Valença homenaxean as mulleres na nova edición do Ikfem". Cultura Galega. 13 de xullo de 2018. Consultado o 31 de xullo de 2018.
- ↑ 39,0 39,1 Andrade Malde, Julio (24 de abril de 2014). "Eugenia Osterberger: recuperar la memoria histórica" (en castelán). mundoclasico.com. Consultado o 2 de xaneiro de 2018.
- ↑ Ramón G. Balado (17 de xuño de 2014). "Eugenia Osterberger". El Ideal Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2018. Consultado o 2 de xaneiro de 2018.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 55.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 58-59.
- ↑ 43,0 43,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 61.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 64.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 66.
- ↑ 46,0 46,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 93.
- ↑ 47,0 47,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 89.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 71.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 94.
- ↑ 50,0 50,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 91.
- ↑ Alén, María Pilar (2008). "El tema de la emigración en loscompositores gallegos (ca. 1880-1920)" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (31): 377. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de marzo de 2016. Consultado o 22 de febreiro de 2018.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 72.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 73.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 57.
- ↑ 55,0 55,1 55,2 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 78.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 76.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 80.
- ↑ 58,0 58,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 77.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 81.
- ↑ 60,0 60,1 60,2 60,3 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 82-83.
- ↑ "Gnomos y mujeres (1886) - Zorrilla, José, 1817-1893" (en castelán). Biblioteca Digital de Castilla y León. Consultado o 21 de febreiro de 2018.
- ↑ 62,0 62,1 62,2 62,3 62,4 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 67-68.
- ↑ Devriès, Anik; Lesure, François (1988). Dictionnaire des éditeurs de musique français: De 1820 a 1914 (en francés) 2. Xenebra: Éditions Minkoff. p. 413. ISBN 9782826604532.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 38.
- ↑ Real Academia Galega (ed.). "'Ausencia. Melodía gallega', de Eugenia Osterberger". Consultado o 2 de xaneiro de 2018.
- ↑ s.n. (1 marzo 1907). "La Real Academia Gallega". Galicia : revista quincenal ilustrada: (Madrid) (15): 12. Consultado o 1 marzo 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eugenia Osterberger |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- López-Suevos Hernández, Beatriz; Martínez Martínez, María del Rosario (2013). "Eugenia Osterberger (Mme. Saunier). Una aportación femenina a la creación musical gallega". Nalgures (en castelán) (Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia) (9): 151–232. ISSN 1885-6349.
- López-Suevos Hernández, Beatriz; Martínez Martínez, María del Rosario (2017). Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932). Ourense: Ouvirmos. ISBN 978-84-944008-6-5.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Reportaxe sobre Eugenia Osterberger" (en castelán). Radio Nacional de España. 3 de setembro de 2014.
- "Susana de Lorenzo, soprano, e Rosario Martínez, historiadora". Zigzag Diario. Televisión de Galicia. 2 de outubro de 2017.
- Concerto presentación do libro Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932) YouTube.
- Falas de nai, Adiós, Galicia, Neve, Ausencia, Cántigas e Ma mi dicesti, interpretadas por Susana de Lorenzo (soprano) e Beatriz López-Suevos (piano)
- Falas de nai, partitura dixitalizada pola BNE