Ouvirmos é unha editorial e consultoría cultural con sede en Ourense que aposta pola creación de produtos innovadores en materia cultural e turística. A empresa naceu en 2003 co obxectivo de recuperar, dignificar e divulgar o patrimonio músico-cultural de Galiza. O seu director é Xosé Aldea.
Fotobiografías sonoras. Trátase dun soporte innovador que se presenta nun coidado formato de libro máis dous CDs, e no que se recolle un completo material fotográfico que ilustra a vida de cada un dos autores, así como gravacións coa súa propia voz, recitais e cancións relacionadas coa súa obra. Están publicadas as Fotobiografías sonoras de Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e Federico García Lorca, entre outros.
A Tiracolo. É unha colección de gravacións históricas que ten como obxectivo a recuperación, restauración sonora e dixitalización das grandes obras editadas da música galega con anterioridade ao ano 1954. A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra (gravacións de 1928-1958), Aires da terra (1904), Os Gaiteiros de Soutelo ou Os Montes de Lugo son algúns dos protagonistas da colección.
Itinerarios Histórico-Musicais. Serie de libros-CD que propoñen unha viaxe sonora polo patrimonio artístico e musical de diversas localidades galegas como Vigo, Rianxo, Mondoñedo ou Lugo.
Cociña infantil e familiar. Unha colección de libros de receitas que ensinan a preparar pratos fáciles e creativos, especificamente concibidos para experimentar en familia.
Entre os proxectos realizados por Ouvirmos como consultoría cultural, destacan as exposicións multimedia dedicadas aos escritores Celso Emilio Ferreiro e Lois Pereiro, o Mapa Sonoro de Vigo ou as masterclass de música tradicional.