Lista de composicións de Eugenia Osterberger
A obra de Eugenia Osterberger, en boa parte descoñecida, foi publicada pola editorial de Canuto Berea na Coruña (editando obras puramente instrumentais), F. Laurens en París e as editoriais de Benito Zozaya e Casa Dotesio en Madrid. As poucas obras coñecidas da compositora compostelá inclúen obras para piano só e cancións de salón para voz e piano.[1][2] A seguinte lista presenta todas as composicións descubertas ata 2017 da compositora galega segundo o seu xénero.
Localización das partituras[editar | editar a fonte]
A obra de Eugenia Osterberger encóntrase distribuída en diversos arquivos e bibliotecas en España e Francia:[3]
- Fondo Cartelle da Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña (BMEL)
- Fondo Berea do Arquivo da Deputación da Coruña (ADC)
- Real Academia Galega de Belas Artes "Nosa Señora do Rosario" (RAGBANSR)
- Arquivo do Círculo das Artes de Lugo (CAL)
- Biblioteca Carlos Martínez Barbeito da Fundación Barrié (BFB)
- Real Conservatorio Superior de Música de Madrid (RCSMM)
- Biblioteca Nacional de España (BNE)
- Arquivo Histórico de Unión Musical Española (AHUME)
- Biblioteca de Castela e León (BCL)
- Biblioteca Nacional de Francia (BNF)
Lista de obras[editar | editar a fonte]
Obra para piano[editar | editar a fonte]
As súas obras para piano só escritas na súa etapa coruñesa están destinadas ao consumo doméstico, isto é, son obras abordables por intérpretes diletantes ou afeccionados, nas que se incluirían pezas líricas e danzas populares, así como pezas de carácter (nocturnos, baladas, impromptus, berceuses...).[4]
Osterberger compuxo canto menos tres valses: Lucia (valse de salón), Les Hirondelles (valse de salón) e Insinuante (valse lento). Os tres comezan cunha introdución lenta que dá paso ao valse, mais no primeiro a compositora opta por darlle variedade rítmica, en Les Hirondelles realza o aspecto melódico, mentres que con Insinuante se inclina por un valse-boston, o que demostra o coñecemento que tiña Eugenia Osterberger das modas.[5]
Na obra Le Rouet de Grand'maman (Fileuse) Op. 148, pode apreciarse a influencia de dúas obras moi populares no século XIX: o lied de Franz Schubert Gretchen am Spinnrade e a romanza sen palabras de Felix Mendelssohn La fileuse. Do mesmo xeito que nesas dúas pezas, na fileuse de Osterberger o acompañamento en corcheas da man esquerda representa o xiro e movemento continuo da roca, por outra banda, o ostinato da primeira nota grave sostida en cada compás convértese no pedal da roca e impulsor do movemento.[6] A influencia dos grandes compositores románticos tamén pode apreciarse na súa Méditation (Nocturne), na que Osterberger escolle un acompañamento homofónico para relsaltar a melodía, como fixera Frédéric Chopin.[7]
Hai contancia de que a súa Pavana Louis XIII, orixinal para piano só, foi arranxada para banda e que foi unha das súas obras máis interpretadas precisamente nesa versión, aínda que se descoñece se a orquestración para banda foi feita pola propia compositora ou por Ricardo Quiroga, director da Banda do Rexemento de Isabel a Católica, que interpretou a peza en público canto menos en dúas ocasións en 1907.[5]
Da súa etapa francesa só se recuperaron ata 2017 dúas composicións: Zingha-Bandi, danse hindoue pour piano e Mignardises e Danse Jacquelinette, se ben Mignardises foi escrita para clavicémbalo.[8][a]
Título | Xénero | Editorial | Lugar de/publicación | Publicación/ composición |
Páxinas | Copias | Lugar de composición |
Outros |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Méditation | Nocturno | Edición propia | 5 e portada | CAL | A Coruña | Adicada a Eveline Walker. | ||
1ère Polonaise, Op. 78 | Polonesa | F. Laurens | París | 1897-98 | 4 e portada | BMEL, CAL, BNF | A Coruña | Adicada a Dolores González de Álvarez. |
Scherzo | Scherzo | Manuscrito | 6 | BMEL | A Coruña | Adicada ao seu fillo Georges (Jorge). | ||
Les Hirondelles | Valse de Salon | Edición propia | 5 e portada | ADC | A Coruña | Adicada a A. Gaitet. | ||
Pavana Louis XIII, Op. 93 | Pavana | Canuto Berea | A Coruña | ca. 1904 | 4 | ADC | A Coruña | Adicada a Dolores López Pardo Morillo. Localizáronse 33 exmplares no Fondo Berea da Deputación da Coruña. |
Insinuante | Valse lento | Canuto Berea | A Coruña | ca. 1904 | 6 e portada | ADC, RAGBANSR | A Coruña | Na súa portada pode verse a que posiblemente é a única fotografía da compositora coñecida ata a data. |
Le Rouet de Grand'Maman (Fileuse), Op. 148 | Fileuse[b] | Canuto Berea | A Coruña | ca. 1904 | 7 e portada | ADC | A Coruña | Adicada a Alice Granier. |
Lucía | Wals de salón | Edición propia | 8 e portada | ADC | A Coruña | Adicada a Lucía Rodríguez | ||
Danza morisca | Danza morisca | Edición propia | 4 e portada | RAGBANSR | A Coruña | A litografía da portada está asinada por J. Osterberger, o pai dacompositora. Na portada aparece escrito a man o nome dun dos propietarios, "L. Marchesi". | ||
Recuerdo (dolce Rimembranza) | Melodía | Manuscrito | 3 | RAGBANSR | A Coruña | O subtítulo da obra indica, en lingua francesa "melodía de Francisco Pillado arranxada e orquestrada por E. Saunier coa autorización do autor". | ||
Zingha-Bandi | Danza hindú | 1923 | 3 | BNF | Niza | |||
Mignardises ("Danse Jacquelinette") | Pièce | 1917-1923 | 2 | BNF, BMEL | Niza | Colección de pezas breves orixinal para clavicémbalo. |
Obra vocal[editar | editar a fonte]
Na produción vocal de Eugenia Osterberger, a compositora amosa a súa preferencia por unha poesía lírica e intimista, moi na liña do gusto das personalidades da literatura do Romanticismo.[9] Polo que respecta á estrutura destas composicións, adoitan alternar preludio-sección vocal- interludio-sección vocal- interludio-sección vocal-postludio.[10]
- Composicións italianas e francesas
A obra vocal de Eugenia Osterberger consta fundamentalmente de melodías galegas, se ben tamén hai dúas composicións italianas e cancións francesas. Na súa etapa coruñesa só hai dúas composicións vocais que non corresponden ao xénero da melodía galega, senón a composicións italianas: M'ami dicesti, Op. 158 e Ove sei? A primeira delas é unha aria na liña das arias operísticas do século XIX, mentres que a segunda non indica xénero, senón que segue a tradición da canción italiana derivada de autores como Paolo Tosti e que tamén se denominaría "canción de salón".[11]
As súas cancións francesas incúen Les Roses de Saadi (París, 1922), Solitude, mélodie romantique (París, 1923), Amour est mort! (París, 1922) e Simple Histoire (París, 1922).[12] En Les Roses de Saadi presenta unha linguaxe harmónica máis avanzada que a das súas composicións coruñesas.[10] Amour est mort! está inspirada nun poema de André Rastier, marido da súa filla Rosina, e salienta o feito de que cada vez que a voz di "Amour est mort!" faino cunha entoación distinta.[13] Simple Histoire está adicada á súa filla Rosina e está encadrada no xénero da mélodie, aínda que podería encadrarse no do romance polo seu marcado carácter narrativo como pola preponderancia do texto e o canto sobre o acompañamento.[13]
- Melodías galegas
- Véxase tamén: Melodía galega.
O xénero da melodía galega, cuxos precedentes serían o lied alemán e a mélodie francesa,[14] chegou a ter tanta repercusión e prestixio que os contemporáneos de Eugenia Osterberger deben boa parte da súa fama a este xénero.[15] Eugenia Osterberger non foi unha excepción e compuxo un número significativo de pezas neste xénero, aínda que se ben Canuto Berea era o principal editor destas composicións nunca chegou a editar ningunha melodía galega da compositora compostelá.[16] En 2017 recuperáranse un total de catro melodías galegas máis outras catro recollidas nas súas Cántigas y Melodías Gallegas xunto con outras catro coplas populares ás que poría música nese caderno.[17][18]
En xeral, as melodías galegas de Osterberger presentan un acompañamento sinxelo, que no caso de Ausencia. Melodía gallega por exemplo, actúa a modo de bordón.[19] É frecuente o emprego do compás de 6/8, presente por exemplo en Ausencia. Melodía gallega, en ¡Adiós Galicia! ou en Neve. Unha estrutura rítmica recorrente é o acompañamento co típico ritmo galego de corchea con punto-semicorchea-corchea, que pode verse tanto en ¡Adiós Galicia! (se ben a parte central cambia a 3/4) como en Neve.[18] En Cántigas y Melodías Gallegas preséntase sempre un preludio pianístico no que a compositora procura unha sonoridade asociada á música galega como roncóns de gaita, pequenos aturuxos ou xiros melódicos tradicionais.[18] Esta idea do preludio pianístico pode verse tamén en Neve, neste caso a modo de cantinela, que nos traslada a austeridade da peza.[20]
Como mostra da importancia deste xénero cabe salientar que o 14 de novembro de 1899 o xornal El País informou da publicación de ¡Adiós Galicia!:[21]
“ | "Adiós a Galicia".- A inspirada compositora Dna E. Saunier, acaba de publicar unha melodía titulada "Adiós Galicia". Os que coñecen a nova produción da notable artista fan grandes eloxios dela, o cal non é de estrañar tratándose da Sra. Saunier tan vantaxosamente coñecida en España. A obra está editada con luxo pola casa Zozaya. |
” |
— Tradución do orixinal. |
A melodía galega ¡Adiós Galicia!, con letra do médico e poeta masidao Manuel Lois Vázquez, é hoxe o himno do concello ourensán de Maside.[21]
Título | Texto | Xénero | Editorial | Lugar de publicación |
Publicación/ composición |
Páxinas | Copias | Lugar de composición |
Outros |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ausencia | Carlos Vaamonde | Melodía galega | Manuscrito | 2 | RAG | A Coruña | |||
¡Adiós a Galicia! | Lois Vázquez | Melodía galega | Casa Zozaya | Madrid[22] | 1899/antes de 1896 | 6 e portada | Colección privada | A Coruña | Esta obra foi adoptada como himno de Maside, Ourense. |
Falas de nai | Marqués de Figueroa | Melodía galega | Casa Dotesio | Madrid[23] | 1913 | 3 e portada | AHUME, BNE, RCSMM | A Coruña | Adicada a Dora Castillo.[c] |
Ove sei? | Giosué carducci | Non se indica[d] | Edición propia | 6 e portada | CAL | A Coruña | Adicada a Elisa Ray. | ||
M'ami Dicesti, Op. 158 | Achille de Lauzières | Aria | Manuscrito | 4 | RAGBANSR | A Coruña | Na primeira páxina do manuscrito figura a sinatura do propietario, Carlos Martínez Barbeito. | ||
Cántigas e Melodías galegas | Populares[e] | 4 cántigas 4 melodías galegas |
Sen editorial | A Coruña[f] | 1907 | 14 e portada | BMEL, BFB | A Coruña | As cántigas son:
As melodías galegas son:
|
Neve | Filomena Dato | Melodía galega | Manuscrito | Probablemente despois de 1891.[g] | 3 | ADC | A Coruña | ||
T'Amo | José Zorrilla | Romance | Edición propia | 15 de abril de 1886 | 6 e portada | BCL | A Coruña | Adicada a Mme. de Servoules. | |
Les Roses de Saadi | Marceline Desbordes-Valmore | Mélodie | Imprimerie française de musique | París | 1922 | 4 | BNF | Niza | Adicada á súa filla Rosine |
La Solitude | Alfred de Musset | Mélodie | París | 1923 | 3 | BNF | Niza | ||
Amour est mort! | André Rastier | Mélodie | Imprimerie française de musique | París | 1922 | 4 | BNF | Niza | |
Simple Histoire | André Rastier | Mélodie | Imprimerie française de musique | París | 1922 | 4 | BNF | Niza | Adicada á súa filla Rosina, xa Mme Rastier. |
Obra camerística[editar | editar a fonte]
En 2017 tan só se localizara unha obra camerística de Eugenia Osterberger, a Mélodie Espagnole (Sentimentale), escrita para violonchelo e piano. Con todo, é probable que a súa produción camerística sexa maior, xa que na súa correspondencia con Canuto Berea dende Betanzos hai alusións a outras obras que serían enviadas para que o compositor e empresario dese a súa opinión:[24]
“ | En canto estean listas unha Sonata, un impromptu e un terceto, da miña composición, penso mandar a V. unha proba de manuscrito contando sobre a súa indulxencia, e desexando o seu parecer. | ” |
— Tradución do orixinal. |
Porén, ningunha destas tres composicións foi encontrada.[24]
Polo que respecta á Mélodie Espagnole (Sentimentale), trátase dunha composición breve (catro páxinas a parte de piano e unha a de violonchelo) escrita na cidade da Coruña en 1890[h] e que posiblemente foi editada pola propia compositora, xa que nela non figura ningunha editorial. Está adicada a M. Tondu,[24] posiblemente un editor francés que iniciara a súa actividade en 1854,[25] e que en 1853 escribira un método de transposición que Eugenia puido coñecer durante os seus anos de formación en Francia.[24]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ O clavicémbalo experimentara un rexurdimento dende a presentación de novos modelos na Exposición Internacional de París de 1889 que ofrecían maiores posibilidades sonoras que os clavicémbalos barrocos e que posibilitaron que intérpretes como a polonesa Wanda Landowska o converteran nun instrumento de concerto.[8]
- ↑ Peza característica para piano.
- ↑ Irmá da célebre pianista coruñesa Pilar Castillo.
- ↑ Aínda que esta composición non indica xénero, segue a tradición dacanción italiana , tamén denominada canción de salón, da Belle Époque.
- ↑ Recompiladas por José Pérez Ballesteros.
- ↑ A litografía foi realizada por M. Roel na Coruña.
- ↑ O poemario Follatos de Filomena Dato, onde se inclúe o poema, foi publicado en 1891, polo que a publicación da obra sería posterior á publicación, con todo, era unha práctica habitual que as personalidades da poesía deran a coñecer os seus poemas en revistas ou xornais antes de publicalos en libros, polo que a concepción da obra podería ser anterior.
- ↑ Na primeira páxina indícase "La Corogne, 1890".[24]
- Referencias
- ↑ Andrade Malde, Julio (24 de abril de 2014). "Eugenia Osterberger: recuperar la memoria histórica" (en castelán). mundoclasico.com. Consultado o 2 de xaneiro de 2018.
- ↑ Ramón G. Balado (17 de xuño de 2014). "Eugenia Osterberger". El Ideal Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2018. Consultado o 2 de xaneiro de 2018.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 55.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 58-59.
- ↑ 5,0 5,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 61.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 64.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 66.
- ↑ 8,0 8,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 93.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 88.
- ↑ 10,0 10,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 89.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 71.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 94.
- ↑ 13,0 13,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 91.
- ↑ Alén, María Pilar (2008). "El tema de la emigración en loscompositores gallegos (ca. 1880-1920)" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (31): 377.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 72.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 73.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 57.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 78.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 76.
- ↑ López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 80.
- ↑ 21,0 21,1 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 77.
- ↑ "Zozaya, Benito (1844-1904)" (en castelán). Biblioteca Nacional de España. Consultado o 27 de fereiro de 2018.
- ↑ "CASA DOTESIO, SOCIEDAD ANÓNIMA" (en castelán). ERESBIL. Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2018. Consultado o 27 de febreiro de 2018.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 López-Suevos Hernández & Martínez Martínez 2017, p. 67-68.
- ↑ Devriès, Anik; Lesure, François (1988). Dictionnaire des éditeurs de musique français: De 1820 a 1914 (en francés) 2. Xenebra: Éditions Minkoff. p. 413. ISBN 9782826604532.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- López-Suevos Hernández, Beatriz; Martínez Martínez, María del Rosario (2017). Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932). Ourense: Ouvirmos. ISBN 978-84-944008-6-5.