Pilar Castillo Sánchez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pilar Castillo Sánchez
Nacemento1895
 A Coruña
Galicia Galicia
Falecemento1942
NacionalidadeEspaña
Instrumento(s)Piano
Composicións destacadasDurme
Maruxiña
editar datos en Wikidata ]

Pilar Castillo Sánchez, nada na Coruña en 1895 e finada en 1942, foi unha pianista e compositora galega de comezos do século XX. Foi profesora de piano e posiblemente ocupou a cátedra de piano en Madrid.

A pianista vasca María Luisa Ozaita sinalou que o mesmo Arthur Rubinstein interesouse por ela e deulle consellos e apoio na súa carreira.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pilar Castillo Sánchez naceu na Coruña en 1895 e estudou con Canuto Berea e de Pilar F. de la Mora, adicándose dende moi nova á actividade concertística, acompañando en 1911 ao violonchelista Charles van Isterdael aos 16 anos. Ao ano seguinte actuou en París, no Ateneo de Madrid (no que interpretou oito obras de Franz Liszt, algunhas moi dificultosas) e en Niza. A prensa fíxose eco do talento da pianista coruñesa, sinalando o crítico musicla de Le Monde logo do concerto que Pilar Castillo ofreceu en París:[1][2]

Acabamos de escoitar a unha moza de talento pianístico extraordinario: o de mademoiselle Pilar Castillo, unha española de dezasete anos. Son raras a esa idade tal forza, virtuosismo, técnica e musicalidade [...] Cando se escoita non se ten a impresión dun prodixio, xa que o seu xeito de tocar é fondo e razoado.

Posteriormente tense constancia doutros concertos como os organizados pola Sociedade Filharmónica de Bilbao, nos que xunto á soprano francesa Jenny Dufau os días 29 e 31 de xaneiro de 1919, no que alternou lieder con complexas obras para piano só de Claude Debussy e Liszt.[1]

Aínda que non se ten certeza ao respecto, é posible que no seu labor docente ocupara a cátedra de piano en Madrid, xa que segundo Antonio Buxán (1990:[1]

Pilar Cruz, catedrática de Historia da Música e de Estética até a morte de Pilar Castillo, data en que pasou ocupar a cátedra de piano.

O propio Buxán tiña en alta estima á pianista coruñesa, afirmando dela que:[1]

Foi unha grande, extraordinaria pianista, é máis que posible, probable que fose a mellor pianista de Europa do seu tempo.

Faleceu en 1942, aínda que non se teñen datos do lugar. Da súa produción musical tan só se ten constancia de dúas obras, ambas para voz e piano: un canto de berce titulado Durme, e unha muiñeira titulada Maruxiña na que pon música ao poema homónimo de Eduardo Pondal.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Santos Castroviejo, Nanina (2007). "Pilar Castillo Sánchez. Pianista de sona nos comezos do século XX.". Álbum de mulleres. Consello da Cultura Galega. Consultado o 21 de xaneiro de 2018. 
  2. "Pilar Castillo Sánchez". Andaina. Consultado o 21 de xaneiro de 2018.