Deseño gráfico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mentres que os lapis e rotuladores aínda se utilizan para bosquexar as ideas iniciais, hoxe en día as etapas de maquetación e documentación adoitan realizarse con computadoras.

O deseño gráfico é unha profesión cuxa actividade consiste en proxectar comunicacións visuais destinadas a transmitir mensaxes específicas a grupos sociais, con obxectivos determinados. Esta actividade axuda a optimizar as comunicacións gráficas. Tamén se coñece co nome de deseño en comunicación visual, deseño de comunicación visual ou deseño visual.

Por mor do crecemento masivo no intercambio de información, a demanda de deseñadores gráficos é maior que nunca, particularmente a causa do desenvolvemento de novas tecnoloxías e da necesidade de prestar atención ós factores humanos que escapan á competencia dos enxeñeiros que as desenvolven.[1]

Algunhas clasificacións difundidas do deseño gráfico son: deseño gráfico publicitario, deseño editorial, deseño de identidade corporativa, deseño web, deseño de envase, deseño tipográfico, cartelaría, señalética, entre outros.

Historia do deseño gráfico[editar | editar a fonte]

A definición da profesión do deseñador gráfico é máis ben recente, no que se refire á súa preparación, a súa actividade e os seus obxectivos. Aínda que non existe consenso acerca da data exacta na que naceu o deseño gráfico, algúns o datan durante o período de entre guerras. Outros entenden que comeza a identificarse como tal para finais do século XIX.

Pode argumentarse que comunicacións gráficas con propósitos específicos teñen a súa orixe nas pinturas rupestres do Paleolítico e no nacemento da linguaxe escrita no terceiro milenio a. C. Pero as diferenzas de métodos de traballo, ciencias auxiliares e formación requirida son tales que non é posible identificar con claridade ó deseñador gráfico actual co home da prehistoria, co xilógrafo do século XV ou co litógrafo de 1890.

A diversidade de opinións responde a que algúns consideran como produto do deseño gráfico calquera manifestación gráfica e outros soamente aquelas que xorden como resultado da aplicación dun modelo de produción industrial; é dicir, aquelas manifestacións visuais que foron "proxectadas" contemplando necesidades de diversos tipos: produtivas, simbólicas, ergonómicas ou contextuais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Frascara, Jorge (2000) p. 17.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]