Saltar ao contido

Dólar de prata do quinto centenario de Cristovo Colón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do quinto centenario
de Cristovo Colón
A/: Cristovo Colón de corpo enteiro, con estandarte e pergamiño nas mans; un globo terráqueo e ao fondo tres barcos de vela. Data e marcas de ceca e de gravador (JM).

Lendas: LIBERTY / COLUMBUS QUINCENTENARY / IN GOD WE TRUST

R/: A nao Santa María navegando cara á dereita e o transbordador espacial Discovery combinados, coa Terra e unha estrela ao fondo. Marca de gravador (TDR).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / ONE DOLLAR / E PLURIBUS UNUM / 1492 - 1992

O dólar de prata do quinto centenario de Cristovo Colón é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1992 e cuñada polas Casas da Moeda de Filadelfia e de Denver.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 102-281, do 13 de maio de 1992,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas en homenaxe a Cristovo Colón, en conmemoración do seu 500 aniversario da descuberta de América.[2]

Xunto coa moeda dun dólar de prata, as moedas que completan a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei son a de cinco dólares de ouro e a de medio dólar, de cobre revestido con níquel.[1][3][4]

No anverso da moeda, deseñado e gravado polo gravador da US Mint John M. Mercanti, represéntase un retrato de corpo enteiro de Cristovo Colón, cun estandarte na man dereita e un pergamiño na esquerda, xunto a un globo terráqueo situado nun pedestal á súa esquerda; ao fondo, tres barcos de vela. A lenda alusiva ao feito conmemorado é COLUMBUS QUINCENTENARY, completada cos lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), característicos das moedas estadounidenses, e a data de emisión da moeda.[2][4]

Pola súa banda, o reverso, obra de Thomas D. Rogers, reproduce unha composición da nao Santa María e o transbordador espacial Discovery, coa Terra e unha estrela ao fondo. Este motivo do reverso está rodeado polas lendas alusiva ao nome do país e ao valor facial da moeda, así como o lema E PLURIBUS UNUM. A dobre data 1492 - 1992 alude ao mesmo tempo ao quinto centenario conmemorado e ao ano de emisión da moeda.[2][4]

Produción e comercialización

[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de catro millóns de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Denver na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de Filadelfia se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[2][4] A moeda foi presentada e posta ao dispor do público o día 28 de agosto de 1992.[2]

A súa produción foi de 106.949 moedas na súa condición estándar e 385.241 en versión proof, o que fai un total de 492.190 exemplares.[3][4]

A moeda comercializouse aos prezos de 28 dólares en condición estándar e 31 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou esta emisión, os beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados á Christopher Columbus Fellowship Foundation, para o fomento da investigación, o estudo e o traballo dedicado á consecución de novos descubrimentos en beneficio da humanidade.[2][4]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]