Glenn Branca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Glenn Branca
Glenn Branca.jpg
Naceu 6 de outubro de 1948 (65 anos)
Orixe Harrisburg, Pensilvania Flag of the United States.svg
Ocupación (s) músico, compositor
Instrumento(s) guitarra


Glenn Branca (nado o 6 de outubro de 1948 en Harrisburg, Pensilvania) é un influente compositor e guitarrista de vangarda. Branca utiliza habitualmente guitarras preparadas e é coñecido polo seu uso de fortes volumes, repeticións, droning e series harmónicas. No ano 2008 concedéuselle unha subvención sen restricións da Foundation for Contemporary Arts.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Branca comezou a tocar a guitarra aos 15 anos. Despois de ir ao York College entre os anos 1966 e 1967, creou a banda de versións The Crystal Ship con Al Whiteside e Dave Speece no verán de 1967. Branca estudou teatro no Emerson College en Boston a principios dos anos 70. En 1973 trasladouse de Boston a Londres coa súa entón moza Meg English. Cando regresou novamente a Boston en 1974 coñeceu a John Rehberger. Comezou a experimentar co son como fundador dun grupo de teatro experimental chamado Bastard Theater en 1975.

Glenn escribiu e produciu a peza teatral/musical "Anthropophagoi", a primeira obra da compañía. En 1976 apareceu a segunda produción de The Bastard Theater, "What Actually Happened". A pesares da natureza pouco convencional, os espectáculos recibiron interesantes críticas por parte dos xornais The Phoenix e The Boston Globe. Toda a música para as produción de The Bastard Theater eran composicións orixinais de Branca ou de Rehberger e foron interpretadas ao vivo polos actores/músicos.

Finais dos 70 e anos 80[editar | editar a fonte]

En 1976 mudouse a New York. O seu primeiro encontro coa escena musical da cidade foi con N. Dodo Band, xa que estivo moitas veces no seu lugar de ensaio. Así coñeceu a Jeffrey Lohn, que tocaba o violín eléctrico no grupo. Glenn entón formou dúas bandas a finais dos 70: Theoretical Girls en 1977 co compositor e guitarrista Jeffrey Lohn, e The Static. Tamén actuou no Guitar Trio de Rhys Chatham en 1977, unha experiencia de música noise moi importante no desenvolvemento da súa faceta de compositor.

A principios dos 80 realizou varias composicións para conxuntos de guitarras eléctricas, como The Ascension (1981) e Indeterminate Activity of Resultant Masses (1981). Pouco despois comezou a compoñer sinfonías para orquestras de guitarras eléctricas e percusión, que mesturaban cacofonía droning industrial e microtonalidade cunhas case místicas e avanzadas matemáticas. Comezando coa Sinfonía No. 3 ("Gloria") (1983), empezou a compoñer sistematicamente para as series harmónicas. Neste proxecto, Branca esto inicialmente influenciado polos escritos de Dane Rudhyar, Hermann von Helmholtz, e Harry Partch. Tamén construíu varios instrumentos amplificados electricamente da súa propia invención, expandindo o seu conxunto máis aló da guitarra. Un feixe deses instrumentos eran cítaras de tres pontes que bautizou como "mallet guitars" (guitarras de mazo), porque eran instrumentos de percusión tocados con baquetas, e cimbalóns eléctricos monotón cunha terceira ponte adicional en posicións resoantes. Entre os primeiros membros do seu grupo estaban Thurston Moore e Lee Ranaldo de Sonic Youth, Page Hamilton de Helmet e varios membros de Swans como Michael Gira e Dan Braun.

Dos 90 ata a actualidade[editar | editar a fonte]

A principios dos 90, David Baratier intentou documentar o estilo de ensinanza de Branca en They Walked in Line. En setembro de 1996, The Glenn Branca Ensemble tocou na cerimonia de apertura do Aarhus Festival en Dinamarca. A cerimonia tivo lugar na ópera Musikhuset, e entre a audiencia estaba a raíña de Dinamarca e o alcalde de Aarhus entre outras personalidades. Despois de recibir máis de 25 grandes encargos dende [1981]] a música de Branca comezou finalmente a ser recoñecida entre os académicos. Algúns estudosos, entre os que destaca Kyle Gann, considérano (xunto con Rhys Chatham) como membro da nova corrente do post-minimalismo, a escola totalista.

A partir da "Symphony No. 7", Branca comezou a compoñer para orquestra tradicional, a pesar de que nunca abandonou a guitarra eléctrica. Branca tamén fai duetos con guitarras excesivamente amplificadas coa súa muller, e dirixiu a súa 13th symphony para 100 guitarras eléctricas na base do World Trade Center en xuño do ano 2001. Dende entón, o seu conxunto de 100 guitarras actuou en 10 cidades dos Estados Unidos e Europa. Na actualidade está compoñendo a súa 14ª sinfonía, titulada "The Harmonic Series", que é interpretada por unha orquestra tradicional. O primeiro movemento desta sinfonía, chamado "2,000,000,000 Light Years From Home", estreouse en St. Louis interpretada pola the St. Louis Symphony Orchestra dirixida por David Robertson o 13 de novembro do ano 2008.