Minutemen (grupo musical)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Minutemen
Orixe San Pedro, California, Flag of the United States.svg
Período 1980 - 1985
Xénero(s) hardcore punk, punk rock, rock alternativo, post-punk
Selo(s) discográfico(s) SST, New Alliance
Membros D. Boon, Mike Watt, George Hurley, Frank Tonche

Minutemen foi unha banda formada en San Pedro, California (Estados Unidos) en 1980. Estaba composta por D. Boon (guitarra), Mike Watt (baixo) e George Hurley (batería). Chegaron a gravar catro discos e oito EPs até a inesperada morte de D. Boon en decembro de 1985.

Historia[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

A historia dos Minutemen comezou cando D. Boon e Mike Watt se coñeceron con 13 anos. Axiña comezaron a tocar xuntos, sobre todo versións daqueles grupos que lles gustaban e formaron xuntos en diversas bandas entre as que destacou The Reactionaries, xunto con George Hurley á batería e Martin Tamburovich coma cantante.

Ao se desfacer The Reactionaries é cando D.Boon e Mike Watt deciden formar Minutemen en xaneiro de 1980. O nome derivábase en parte das milicias de minutemen dos tempos coloniais e en parte como unha sátira do grupo reaccionario dos anos 60 coñecido con ese nome. Unha vez tiveron escritas as primeiras cancións comezaron a tocar co batería Frank Tonche, pois George Hurley, con quen querían tocar nun principio, estaba comprometido con outro grupo. Mais pouco despois, no mes de xuño, Tonche abandonaría a banda e Hurley tomaría o posto de batería. O primeiro concerto que deron foi como teloneiros de Black Flag.

Carreira[editar | editar a fonte]

Greg Ginn, líder de Black Flag e propietario do selo SST produciu o seu primeiro 7" Paranoid Time, que viña demostrar o estilo ecléctico da banda. O disco chegou a ter grande éxito dentro da escena hardcore da época. Co seu primeiro álbum, The Punch Line que saíu en 1981 encontraron o seu propio estilo e comezaron a facer xiras por todos os Estados Unidos. Editaron tamén neste ano un segundo EP, Bean-Spill', e convertéronse nunha das bandas máis populares do underground norteamericano.

Se nuns primeiros momentos o seu son rexeitaba elementos coma os solos de guitarra, os coros ou os fade-outs, que rexeitaban por seren, en certa maneira, "comerciais", no seu segundo álbum, What Makes a Man Start Fires?, introduciron moitos destes elementos mais mantendo o seu espírito transgresor, no formal e nos contido, así coma unha actitude punk. O disco foi todo un éxito que conseguiu atraer a atención de boa parte da prensa musical alternativa e underground. Ao mesmo tempo a banda continuou a xirar constantemente (incluídos dous concertos con Black Flag en Europa) converténdose nun dos grupos máis coñecidos da escena hardcore. Buzz or Howl Under the Influence of Heat convértese en 1983 no seu terceiro álbum.

Por fin en 1984 viu a luz o seu cuarto álbum de estudo, Double Nickels on the Dime. A pesar de ser moi pouco coñecido entre o grande público, o disco está considerada en moitos medios coma un dos máis innovadores e influentes da década de 1980. Nel dan mostra do seu eclecticismo e creatividade, ademais de co-escribir algúns dos seus temas con músicos coma Henry Rollins, Chuck Dukowski ou Joe Baiza. Xa en 1985 realizaron o disco cun son máis comercial da súa carreira, Project: Mersh. O disco non vendeu tanto coma o anterior, probabelmente como reacción ao son máis comercial por parte da súa audiencia underground. Logo de publicaren o seu último disco, 3-Way Tie (For Last), e debido á intensa actividade de concertos deciden tomarse un pequeno descanso, dando o seu último concerto en Charlotte (Carolina do Norte) o 13 de decembro de 1985 acompañados dunha banda daquela aínda emerxente chamada R.E.M..

A morte de D. Boon[editar | editar a fonte]

A finais de 1985 a banda miraba con optimismo o inminente 1986, coa preparación dun disco triplo metade ao vivo metade en estudio, co título provisional de 3 Dudes, 6 Sides, Half Studio, Half Live. Ademais, Richard Meltzer enviáralle a Watt letras para dez cancións para un álbum no cal el iría a colaborar. Porén a morte de D. Boon non permitiu materializar ningún destes proxectos.

O 22 de decembro Boon morría nun accidente de tráfico cando ía na súa furgoneta, o incidente puxo punto final á historia de Minutemen. Watt caeu nunha forte depresión da que só foi saíndo grazas á música e a axuda dos seus amigos, coma os membros de Sonic Youth que o animaron convidándoo a tocar con eles.

[editar | editar a fonte]

Nun primeiro momento Watt e Hurley pretendían abandonar completamente a música, mais os folgos que lles deu o fan de Minutemen Ed Crawford convencéronos de formar unha nova banda. Así naceu fIREHOSE en 1987. Así mesmo, tanto watt coma Hurley desenvolveron diferentes proxectos musicais en solitario ou en grupo.

Watt publlicou tres álbums en solitario bastante aplaudidos pola crítica e outros tres coa banda Banyan (completada por Stephen Perkins de Jane's Addiction, Nels Cline de Wilco e Money Mark Nishita dos Beastie Boys). Contribuiu nos clásicos de Sonic Youth Daydream Nation e EVOL, fixo unha xira eventualmente con Porno for Pyros en 1996 e con J Mascis and the Fog en 2000 e 2001. Ademais converteuse no baixista dos The Stooges en 2003. Ademais de continuar o seu traballo con Hurley en fIREHOSE até a súa separación en 1994 embarcouse noutros proxectos máis underground coma Dos.

Estilo musical[editar | editar a fonte]

O seu estilo estaba influenciado por bandas coma Wire, The Pop Group ou The Urinals. As súas canción caracterízanse pola brevidade, cunha duración que moitas veces non sobrepasaba o minuto, e estruturas pouco habituais. Aínda pertencendo á escena hardcore punk e estar influídos pola velocidade, brevidade e intensidade do estilo, a súa música era ben diferente da maioría das bandas coas que se relacionaban, ao mesturar o son propio do punk e o hardcore con outros moitos estilos (jazz, funk, acid rock ou R&B)

Probabelmente sexa o seu disco Double Nickels On The Dime o que mellor demostre as súas eclécticas influencias coas técnicas á guitarra de D. Boon, o habilidoso baixo de Mike Watt e a batería perfectamente axustada de Huerley.

Boon e Watt compartiron as tarefas de escribir as letras das cancións e Hurley tamén fixo algunha contribución a pesar de que fose Boon o que normalmente cantase. As letras de Boon eran habitualmente máis directas e cada vez adquiriron un ton máis politizado, mentres que as de Watt adoitaban ser máis abstractas. O sentido do humor tamén estaba presente en moitas cancións.

Os Minutemen era fans de Captain Beefheart o cal pode distinguirse sobre todo nos seus inicios coa ausencia do tradicional patrón de frase-retrouso-frase, apostando poe unha maior experimentación na estrutura. Nos seus discos máis tardíos obsérvase unha maior presenza de elementos máis tradicionais. tamén fixeron algunhas versións de bandas de rock clásico coma Creedence Clearwater Revival, Steely Dan e Blue Öyster Cult.

Legado[editar | editar a fonte]

Desde 1999 até a súa cancelación, unha versión instrumental do seu tema "Corona" (do Double Nickels) foi o tema do programa da MTV Jackass.

No ano 2000, Watt, como administrador legal das publicación da banda permitiu a Volvo usar a canción "Love Dance" (from Double Nickels...) nun anuncio de coche. Os motivos foron que os beneficios dos pagos por dereitos foron a parar ao pai de Boon que sufría un enfisema.

Desde 2001 Watt e Hurley deron concertos ocasionais na área dos Ánxeles e en Inglaterra tocando vellos temas de Minutemen a dúo sen guitarra. Nos últimos anos tamén se meteron en grupos de improvisacións coñecidos coma Unknown Instructors, con membros de Saccharine Trust e Pere Ubu.

A carreira do grupo aparece contada no libro Our Band Could Be Your Life, entre o repaso doutras importantes bandas do underground norteamericano.

O filme documental We Jam Econo repasa a historia da banda a través de entrevistas con Boon, Watt, Hurley, Henry Rollins, Flea dos Red Hot Chili Peppers, e outros contemporáneos do punk californiano. O filme foi estreado en febreiro de 2005 na cidade que viu nacer a Minutemen, San Pedro.

En 2003 Watt publicou un libro, Spiels of a Minuteman no que ofrecía a súa propia versión da historia dos Minutemen. Nel incluía todas as cancións escritas por el para a banda, un diario escrito por el sobre a súa xir acon Black Flag por Europa, así coma textos escritos polo co-propietario de SST Joe Carducci, Thurston Moore (Sonic Youth) e Richard Meltzer (Blue Öyster Cult). Tamén se recollían ilustracións de Raymond Pettibon qeu foran utilizadas nos discos de Minutemen.

Aínda en 2003 a revista Rolling Stone seleccionou a Boon coma o guitarrista número 89 na súa lista dos 100 Mellores Guitarristas de Todos os Tempos[1] e "Double Nickels on the Dime" coma o álbum 411 da súa lista dos 500 Mellores Álbums de Todos os Tempos.

Versións e tributos[editar | editar a fonte]

Watt adicou todos os discos de fIREHOSE e en solitario á memoria de Boon [2][3][4][5][6][7] a canción "Disciples of the 3-Way" do último disco en estudio de fIREHOSE, Mr. Machinery Operator vai sobre Minutemen.[8]

A banda Sublime (cuxo cantante tamén morreu prematuramente) sampleou a Boon dicindo "Punk rock changed our lives" na canción "History Lesson Part II" do Double Nickels na súa canción "Waiting For My Ruca" do álbume de 1992 40 Oz. to Freedom. Na última canción dese disco menciónase aos tres membros de Minutemen.

A canción dos Unknown Instructors "Punk Is Whatever We Make It To Be" do seu primeiro álbum The Way Things Work contén fragmentos de varias letras do Double Nickels on the Dime.[9]

En 1994, Little Brother Records realizou un álbum de tributo a Minutemen en CD e LP, Our Band Could Be Your Life. A versión en CD incluía 33 cortes de artistas versionando cancións de Minutemen, máis un corte cunha entrevista a Boon e unha versión ao vivo de Badges. A versión en LP tiña 23 cortess, incluída a entrevista.

A banda Karate versionou "The Only Minority," "Bob Dylan Wrote Propaganda Songs," "This Ain't No Picnic," e "Colors" no seu álbum ao vivo de 2005, In the Fishtank 12.

A banda de pop-punk de New Jersey, The Ergs! escribiu e gravou unha canción tributo a Minutemen titulada "Under The Influence of Minutemen (Dork Rock Changed Our Lives)." A banda de Ska-punk de New York The Fad tamén realizou unha canción tributo titulada "Our Band Could Be Your Life", a cal fai referencia ás cancións "Vietnam" e "History Lesson Pt. 2".

O grupo Bargain Music versiona "#1 Hit Song' no seu disco 77 003.

A banda de grindcore oriunda de New York Brutal Truth versiona "Bob Dylan Wrote Propaganda Songs" no seu disco de 2009 "Evolution Through Revolution".

Uncle Tupelo ten unha canción titulada D. Boon no álbum Still Feel Gone.

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

EPs[editar | editar a fonte]

Recompilatorios[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 100 Greatest Guitarists of All Time
  2. Mike Watt, notas interiores do Ragin' Full-On, SST Records, 1986
  3. Mike Watt, notas interiores do if'n, SST Records, 1987
  4. Mike Watt, notas interiores do fROMOHIO, SST Records, 1989
  5. Mike Watt, notas interiores do Flyin' The Flannel, Columbia Records, 1991
  6. Mike Watt, notas interiores do Live Totem Pole EP, Columbia Records, 1992
  7. Mike Watt, notas interiores do Mr. Machinery Operator, Columbia Records, 1993
  8. Tamén "The Boilerman", do segundo álbum en solitario de Watt, Contemplating The Engine Room vai sobre Boon. Erro no código da cita: A etiqueta <ref> definida en <references> non ten nome de atributo.

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Leituras[editar | editar a fonte]

    Video[editar | editar a fonte]

    • We Jam Econo - Documental de 2005 sobre os Minutemen.
    • American Hardcore (Paul Rachman, 2006). Documental sobre o hardcore no que aparece Mike Watt.

    Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

    • Mike Watt's Hoot Page (con información en inglés sobre Minutemen e outros proxectos de Mike Watt)
    • Corndogs.org (Páxina fan sobre Mike Watt con material raro para descargar)]