Serra da Groba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Panorámica dende o Alto da Groba. A continuación da masa boscosa esténdese o concello de Nigrán, coa primeira península, máis pequena, Monte Lourido primeiro e despois, de maior extensión, a península de Monteferro, separadas pola Praia América. Detrás sitúase a boca da Ría de Vigo, coas Illas Cíes ao fondo á esquerda. Á dereita da foto sitúase o concello de Gondomar, en terras do Val Miñor. Tamén á dereita, ao fondo, albíscase o Monte Galiñeiro.

A Serra da Groba é un sistema montañoso que atravesa os concellos pontevedreses de Baiona, Oia e O Rosal, en dirección norte - sur. A altura máxima acádaa no Alto da Groba, de 662 metros de altitude[1], en Belesar, Baiona. Outros picos importantes son Corroubelo, en Pedornes, Oia, de 599 m e Campo do Couto, no Rosal, que alcanza os 553 metros. Acolle a máis importante concentración de cabalos de raza galega en liberdade[2].

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Trátase dun macizo granítico duns 50 km², en contacto no leste coas rochas sedimentarias metamorfizadas que compoñen o Complexo Monteferro - O Rosal. O granito é alcalino, intruído na oroxenia hercínica, e presenta unha intensa foliación manifestada na disposición paralela das súas micas.

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

Cabalo na Serra da Groba

A masa arbórea autóctona da serra é a composta por carballos, castiñeiros, salgueiros, loureiros, acivros e sobreiras, maioritariamente. Porén, como noutras zonas de Galiza, predominan as especies de repoboación, basicamente piñeiro bravo e eucalipto azul. O mato componse de toxos e uces, aparecendo nos humedais a escasa e singular herba das malladas, Nardus stricta. Cómpre salientar a presenza do fento do cabeliño, fento arborescentes de nome científico Culcita macrocarpa, con ata tres metros de longo nas follas, e de plantas carnívoras do xénero Drosera, estas últimas en zonas de brañas e lugares húmidos de augas acedas sobre brións do xénero Sphagnum.

A fauna está dominada polo cabalo, o cal dá nome ao roteiro de sendeirismo Sendeiro das Greas que, en parte, transcorre por esta serra. Tamén abundan os raposos, os xabaríns e os coellos. O 90 % das especies de anfibios existentes en Galiza, o 60 % dos réptiles e o 35 % das aves están presentes na Serra da Groba. Seguindo o documento do Consello da Cultura Galega, as diferenzas de diversidade observables entre uns e outros grupos de fauna débese á articulación espacial complexa dun reducido número de sistemas simples[3]

Patrimonio[editar | editar a fonte]

A serra da Groba tras o mosteiro de Santa María de Oia.

A contorna da serra é rica en petróglifos. Presentan formas reticuladas e zoomórficas, círculos concéntricos, espirais, liñas e labirintos. Salientan os petróglifos da Valga, en Loureza, Oia e os da Laxe Cruzada, en Torroña, parroquia de Burgueira, que contén un dos cinco labirintos gravados que existen en Galiza. Tamén abundan os muíños naviculares, fochancas barquiformes practicadas nas rochas para moer o gran, así como as mámoas.

Nas parroquias oienses de Mougás e Burgueira podemos atopar restos de foxos de lobos, trampas para estes carnívoros deseñadas como unhas paredes converxentes rematadas a xeito de funil, coma o Foxo Pedriño, o maior dos coñecidos en Galiza.[4] Vellos camiños enlousados, hórreos (chamados canizos na zona), pontes e muíños de auga completan o patrimonio arquitectónico tradicional da serra.

A cantidade de cabalos ceibes que corren polos montes que compoñen a Serra da Groba fan que nos seus escasos cincuenta quilómetros cadrados teñan lugar ata tres curros: na Valga, e nas parroquias oienses de Burgueira (en Torroña) e de Mougás.

Lecer[editar | editar a fonte]

O sendeirismo é a actividade de lecer máis destacable que se pode practicar na serra. O sendeiro de grande percorrido GR 58, máis coñecido como Sendeiro das Greas e que consta de 247 quilómetros, transcorre en parte pola Groba no tramo que vai dende a Fraga de Oliveira, en Belesar, Baiona, ata o propio pobo de Baiona. No seu traxecto crúzase o río Groba e pódese gozar das vistas panorámicas das áreas recreativas do Cortelliño e da Chan da Lagoa, as dúas situadas no ascenso ao Alto da Groba.

A equitación e os baños nas pozas situadas nas parroquias de Loureza e Mougás son outros complementos turísticos da zona.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo o mapa do Instituto Geográfico Nacional (2000). Outras fontes dan unha altura de 652 m. (mapa de Galiza de Edicións do Cumio, 2006) ou de 663 m (Turgalicia)
  2. Segundo a citada páxina web de Turgalicia.
  3. Documento do Consello da Cultura Galega Entre estes sistemas cita os matos, os prados, as brañas, as fragas, os regatos e as pozas.
  4. Segundo o citado documento, consta duns 1.400 metros de paredes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • As montañas de Galiza. A Nosa Terra, 2006. ISBN-10: 84-8341-126-1
  • VV. AA. Serra da Groba (Pontevedra) (2008). En Rutas para caminar por Galicia. Montaña y senderismo. Ediciones Nobel. (en castelán)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]