Batalla de San Marcial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de San Marcial
Parte de Guerra da independencia española, dentro das guerras napoleónicas
Data 31 de agosto de 1813
Lugar Preto de Irún (España)
Resultado Vitoria española
Belixerantes
Bandeira de Francia. I Imperio Francés Reino de España
Líderes
Mariscal Soult Xeneral Freire
Forzas en combate
18.000–55.000[1] 16.000 hombres
Baixas
4000 mortos ou feridos[2] 2500 mortos ou feridos[2]

A batalla de San Marcial tivo lugar o 31 de agosto de 1813. O exército español de Galicia, baixo mando do xeneral Freire, fixo retroceder as tropas do mariscal Soult, que emprendera a maior ofensiva contra o exército aliado que conducía o duque de Wellington.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Wellington achegouse a Donostia logo da campaña de Vitoria e puxo sitio á cidade no mes de xullo de 1813, buscando render esa importante praza forte, entanto o exército francés se retiraba cara ao leste, e tentaba recuperarse e cuidar os feridos habidos en Vitoria. San Sebastián xunto con Pamplona situábanse aos flancos das forzas de Wellington, gardando as proximidades da fronteira francesa e listas para ser aproveitadas polos franceses antes de que os aliados tentasen operar dentro do seu país. Porén o asalto contra San Sebastián mostrou que Wellington xulgara mal a determinación da gornición francesa e a do seu comandante, o xeneral Rey, así que os asaltos británicos foron rexeitados con graves perdas, como os 600 mortos contabilizados no ataque do día 21 de xullo [3]. Antes de que Wellington puidese replantear as súas accións, tivo noticias de que Soult recuperara as súas forzas e reaparecía desde o Leste, bastante antes do que Wellesley crera posíbel; de modo que parte do exército aliado levantou o asedio de San Sebastián para enfrontarse ao mariscal francés.

Mentres Wellington encaraba a Soult na campaña dos Pireneos, o xeneral Graham mantiña o bloqueo de San Sebastián e preparábase para asumir o Segundo Asedio de San Sebastián (1813) o 26 de agosto. Foi levantada unha liña de fortificacións lixeiras para resgardarse contra os asaltos de Soult, mentres un forte cordón se fixou nas beiras río Bidasoa. Acrecentouse a forza das divisións anglo-portuguesas en Vera, Lesaka e máis Irún, coa inclusión de forzas españolas das divisións españolas 3ª, 5ª e 7ª sobre as alturas de San Marcial, así como dúas brigadas da 4ª división en reserva (que formaban parte do Cuarto exército español dirixido polo xeneral Freire, ou Exército de Galiza). En efecto, logo de catro semanas de recuperación, Soult preparara unha ofensiva cara San Sebastián, concentrando as súas nove divisións en Ainoa, para un ataque sobre os arredores de San Marcial. Nin as forzas francesas, nin as españolas tiñan a moral en perfecto estado de combate; os franceses estaban desmoralizados polas retiradas recentes; en tanto as enrabiadas tropas de Freire, abandonadas pola súa loxística, non gozaran das súas racións en varios días[4] Detrás deles, os exércitos aliados estaban enfrascados nos terríbeis combates por San Sebastián, que lles custarían 2376 mortos ou feridos só no día do 31 de agosto[5]

Batalla[editar | editar a fonte]

Enfuscadas pola néboa matinal, sete divisións francesas marcharon cara ao Bidasoa no 31 agosto, vadeando o río cubertas polo fogo da súa artillaría. As posicións aliadas en Vera e Irún víronse sorprendidas e superadas, mais non sen alertaren antes a Freire, que dirixiu as súas tropas formando unha liña nas alturas. As columnas imperiais perderon a súa orde cando gabearon sobre o dificultoso terreo, alcanzando as liñas de Freire como unha masa confusa[6] Os españois recibíronos con fogo e, avanzando contra eles con baioneta calada, arrasaron os homes de Soult, empuxándoos ladeiras embaixo.

Soult recompuxo as unidades a medianoite e preparou tropas de refresco para un segundo asalto sobre os outeiros, mais os españois a baioneta calada mantivéronse firmes fronte este asalto final, batendo novamente nos franceses. Impotente ante as sucesivas retiradas dos seus homes no río Bidasoa, Soult ordenou a retirada para Irún, sen ter chegado a ver unha casaca vermella británica. Cando Freire reclamou reforzos para a súa liña, foi replicado con magnanimidade por Wellington: Como xa obtivo esta vitoria, debe gardar a honra dela tan só para os seus paisanos ("As he has already won his victory, he should keep the honour of it for his countrymen alone.")[2] Donostia caeu logo dunha amedrentadora batalla máis tarde e Soult retirouse para solo francés.

Combate de Vera[editar | editar a fonte]

Durante a madrugada do día 1 de setembro, logo dun forte trebón, un destacamento de Green-Jackets defendeu durante horas o paso da pequena ponte de Vera, fronte unha columna que dirixía o xeneral Vandermaesen. Finalmente os franceses arrasaron os británicos, non sen que o comandante francés perdese tamén a súa vida.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

A batalla de San Marcial marcou a fin da única forza temíbel de Soult, que "xa nunca combatería coa acostumada habilidade e celo."[7] A vitoria de San Marcial figura entre os triunfos máis brillantes do exército español na guerra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gates, p.523
  2. 2,0 2,1 2,2 Gates, p.428
  3. Gates, p.395
  4. Glover, p.263
  5. Glover, p.262
  6. Gates, p.427
  7. Gates, p.429

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gates, David. The Spanish Ulcer: A History of the Peninsular War. Da Capo Press 2001. ISBN 0-306-81083-2
  • Glover, Michael. The Peninsular War 1807-1814. Penguin Books 2003. ISBN 0-14-139041-7